Xaneiro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro, refrán popular galego.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de xaneiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Divisións[editar | editar a fonte]

As sortes son os primeiros doce días do mes de xaneiro e prognostican o que vai acontecer durante cada mes do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ó prognóstico que anunciaron as sortes. Hai quen di[quen?] que hai que fiarse máis do que din as resortes.

Ramón Piñeiro recolleu en Láncara o costume de colocar, o primeiro día de xaneiro, doce areas de sal sobre unha pedra e prognosticar, segundo a humidade que desprenda cada unha delas, a chuvia que caerá durante o mes correspondente.

Os pechos son os días 25 a 28 de xaneiro, e anuncian do mesmo xeito o tempo das estacións (primavera, verán, outono e inverno, respectivamente)

A lúa de xaneiro, chamada lúa morta, é a mellor para mata-lo porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa. Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño se aluaría.

Do mesmo xeito, durante a lúa morta de xaneiro non se deben poda-las viñas.

Santo Amaro, o 15 de xaneiro, é avogoso contra a reuma. En Castro Caldelas é en tal ocasión cando se proban os chourizos novos.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A auga de xaneiro mata ó usureiro.
  • A ferreña de xaneiro non vai ao palleiro.
  • A ferreña de xaneiro non vai ao poleiro.
  • A galiña nada no xaneiro pon o ovo no colmeiro.
  • A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
  • A madeira da túa casa, en xaneiro has de cortala.
  • A perdiz no xaneiro caga pró escopeteiro.
  • A pescada en xaneiro val por carneiro [1].
  • A raia en xaneiro sabe a carneiro.
  • A verdura en xaneiro sabe a carneiro.
  • As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
  • As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán [2].
  • As verzas por xaneiro saben a carneiro.
  • Cando as ras cantan no xaneiro, sinal de fame en todo o eido.
  • Cantos días pasen de xaneiro, tantos allos perde o alleiro [3].
  • Coa lúa de xaneiro, vese a formiga no carreiro.
  • Dazasete de xaneiro, San Antonio verdadeiro; día trece de San Xoán, San Antonio mentirán [4].
  • Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro.
  • De xaneiro a xaneiro, come carneiro.
  • Día de Santa Inés chuvia unha soa vez.[5]
  • En abril, augas mil, e en xaneiro come carneiro.
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.[6]
  • En xaneiro a faneca sabe a carneiro [7].
  • En xaneiro, a lebre co cu no lameiro.
  • En xaneiro a raia val carneiro [8].
  • En xaneiro, a vella saca as madeixas ó turreiro.
  • En xaneiro, a verza é carneiro.
  • En xaneiro, abrígate con dúas capas e un sombreiro.
  • En xaneiro bota ó obreiro, antes na sebe ca na parede, non polo día senón pola pedra que está fría.
  • En xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
  • En xaneiro, camiseiro.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • En xaneiro, mete obreiro, antes na sebe que na parede.
  • En xaneiro, mete obreiro [9].
  • En xaneiro, namoreime, en febreiro, caseime ... e amoleime.
  • En xaneiro, nin galgo leboreiro nin falcón perdigueiro.
  • En xaneiro, pon o alleiro [10].
  • En xaneiro sabe o polbo a carneiro [11] [12]
  • En xaneiro, sete lobos no carreiro.
  • En xaneiro, sete lobos polo carreiro.
  • En xaneiro, trompos ó fumeiro.
  • En xaneiro, vaite ó outeiro: se ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar.
  • En xaneiro, verza vella val carneiro [13].
  • En xaneiro visita o outeiro: si ves verdegar ponte a chorar, si ves terrexar, ponte a cantar.
  • En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.
  • En xaneiro, xéase a auga no caldeiro.
  • Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
  • Eu son o pito do Cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
  • Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
  • Inda non veu xaneiro pra poñe-lo pé diante do compañeiro.
  • Lúa, a de xaneiro, amor, o primeiro.
  • Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro.
  • Nadal, mollado; e Xaneiro, ben xiado [14].
  • No menguante de xaneiro corta o teu madeiro.
  • No mes de xaneiro rube ao outeiro, si ves verdexar ponte a chorar, si ves negrexar; ponte a beilar [15].
  • No mes de xaneiro sobe ó outeiro. Se ves verdear ponte a chorar, se ves estercar ponte a cantar.
  • No mes de xaneiro, súbete ao outeiro; se ves os teus campos verdexar, ponte a chorar; se terrexar, ponte a cantar [16] [17].
  • No xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
  • No xaneiro pon o sombreiro.
  • Non hai amor coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
  • Non hai amor firme coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
  • Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro, senón a de agosto, que lle dá no rostro.
  • Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro.
  • O año de xaneiro é o millor carneiro.
  • O besugo en xaneiro viste coma un cabaleiro.
  • O boi e o leitón, en xaneiro crían riñón.
  • O día de san Sebastián ceiba as moscas Satanás.
  • O madeiro pra túa casa, córtao no xaneiro.
  • O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
  • O polo de xaneiro polo san Xoán está comedeiro.
  • O polo de xaneiro vale carneiro.
  • O polo de xaneiro, polo San Xoán está comedeiro.
  • O que en xaneiro non cava os terróns, en agosto queima os collóns.
  • O que queira comer morriña, coma carneiro en xaneiro e en maio galiña.
  • O que queira comer morriña, coma en xaneiro carneiro i en maio galiña.
  • O que sexa meu amigo verdadeiro, véñame ver o vinte de xaneiro.
  • O santo Antón verdadeiro, o dazasete de xaneiro.
  • O sol de xaneiro non ten compañeiro.
  • O vinte e un de xaneiro, unha hora por enteiro.
  • Obreiro en xaneiro, pan che comerá e obra non fará.
  • Ollomol de xaneiro vale un carneiro [18].
  • Os amores de xaneiro son os que enfrían primeiro.
  • Para a túa casa o madeiro córtao no xaneiro.
  • Picoreiro súbete ó picouto, e se no mes de xaneiro veres verdegar, bótate a chorar, e se os ves queimados, ponte a bailar.
  • Pito de xaneiro non vai coa sua nai ó poleiro.
  • Pito de xaneiro, vai coa súa nai ó poleiro [19].
  • Poda en xaneiro, vendima no sombreiro.
  • Polo río abaixo vai un pexegueiro que bota pexegos no mes de xaneiro.
  • Polo santo Amaro andan os trompos polo tellado.[20]
  • Polo santo Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo santo Amaro, trompos ó tellado.
  • Polo san Sebastián coida o teu fabal.
  • Polo san Sebastián coñez o día o pailán.[21]
  • Polo san Sebastián laranxiñas na man.
  • Polo san Sebastián medra o día o paso dun can.
  • Polo san Vicente perde o inverno un dente [22].
  • Polo san Vicente ten o día unha hora máis, metá pola mañán, metá polo serán.
  • Polo San Vicente perde o inverno un dente.
  • Polo San Vicente toda a auga é semente.
  • Por santo Amaro, trompos ó faiado.
  • Por santo Amaro, trompos ó tellado.
  • Por santo Antón, a galiña pon.
  • Por Santo Antón, trompos ó caixón.
  • Por san Sebaschán, a laranxa na man.
  • Por san Sebastián algueira o pailán.
  • Por san Vicente da Roda medra o día unha hora.
  • Por san Vicente pon os nabos da semente.
  • Por san Vicente, unha hora de creciente.
  • Por san Xulián medra o día un pasiño de can.[23]
  • Por san Xullán adianta o día o paso dun can.
  • Prá túa casa, o madeiro cortado sempre no xaneiro.
  • Pra túa casa, o madeiro córtao no xaneiro.
  • Queimemo-lo loureiro no mes de xaneiro.
  • Quen colle a aceitona antes de xaneiro, deixa o aceite no oliveiro.
  • Quen labra no xaneiro labra para o ano enteiro.
  • Quen ora en xaneiro, ora para o ano enteiro.
  • Raia en xaneiro sabe como o carneiro [24].
  • Raia pescada en xaneiro sabe a carneiro.
  • San Antonio de xaneiro, se fai sol, bota as pipas ó canteiro, e se chove bótaas ó fumeiro [25].
  • San Sebastián, vinte de xaneiro, cando ceiba a mosca do demo.
  • San Vicente do inverno bota unha brasa ós regueiros.
  • San Vicente pequeniño é un santo chirifeiro, que nos dá a nosa festa o vinte e dous de xaneiro.
  • San Xulián garda o viño e garda o pan.[26]
  • San Xullán, garda viño e pan.
  • Se chove día de Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, i si está claro, pipas ó canteiro.
  • Se chove en Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, se non, pipas ó canteiro.
  • Se chove no día de santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro; e se está claro, pipas ó canteiro.
  • Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
  • Se queres ter bo alleiro, pon o allo no xaneiro.
  • Se se soubera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro.
  • Se trona en xaneiro, sobe as cubas ó fumeiro.
  • Seco xaneiro, abundancia no graneiro.
  • Sol de xaneiro, porco ó bulleiro.[27]
  • Tanto dirán “Heilas, heilas”, que veñan nas quendas xaneiras.
  • Tódolos días que pasan de xaneiro son allos que perde de da-lo alleiro.
  • Un bo día de xaneiro é un lobo no quinteiro.
  • Un día bo en xaneiro, mao no eido.
  • Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
  • Xaneiro, alleiro.
  • Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro [28].
  • Xaneiro arde verdadeiro.
  • Xaneiro é oveiro.
  • Xaneiro frío ou templado, pásao arroupado.
  • Xaneiro piardeiro [29].
  • Xaneiro quente trae o demo no ventre.
  • Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
  • Xaneiro, xeadeiro, febreiro, grileiro.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estes meses cas súas mulas co seu carro.
  • Xaneiro, xiadeiro.
  • Xaneiro xiado e abril mollado enchen o faiado.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Chamáchesme pita choca / porque nacín en xaneiro; / inda tú no-élo galo / que canta no meu poleiro.
  • Chamáchesme pito louco / alá no mes de xaneiro; / se me a raposa non come / hei cantar no teu poleiro.
  • Chamáchesme pitocairo / porque nacín en xaneiro; / tú non has de selo galo / que cante no meu poleiro.
  • Chamásteme pito cairo / porque nascín en Xaneiro; / se no me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
  • Meu divino san Vicente, / olliños de lagarteiro, / moito me alegras, meu santo, / o vintedous de xaneiro.
  • Naquela banda do río, / ten meu pai un castiñeiro, / bota castañas no outono / uvas no mes de xaneiro.
  • San Vicente de Marantes / é un santo moi galanteiro / quere que lle fagan a festa / o vintedous de xaneiro [30].
  • ¡Vállame dios! o arado / cal si labra dianteiro, / tanto ten no mes de maio, / como no mes de xaneiro.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Andar á xaneira: esta-la gata en celo. Por extensión, dise dos mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas, como os gatos en celo
  • Andar ás celeiras coma as gatas xaneiras.
  • Andar como os gatos en xaneiro.
  • Andar de xaneira/ xaneiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2.
  2. Fontán é lugar de Sada. San Sebastián é o 20 de xaneiro.
  3. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro.
  4. Eligio Rivas Quintas: Frampas, contribución al diccionario gallego, 1978.
  5. É dicir, choverá todo o día. Santa Inés é 21 de xaneiro.
  6. Son as fases da vida do lobo.
  7. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 4.
  8. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 4.
  9. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro.
  10. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro.
  11. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 4.
  12. Clodio González Pérez: "O refraneiro do mar", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 142.
  13. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro. No texto: berza.
  14. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Nadal.
  15. Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 3, maio 1943, 24-25.
  16. Xosé Luís Franco Grande: Diccionario galego-castelán, 2ª ed. 1972.
  17. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro. No texto: ó outeiro, velos
  18. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7.
  19. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro.
  20. Santo Amaro, 15 de xaneiro.
  21. Alude ó crecemento dos días que a esas alturas a o nota calquera.
  22. San Vicente, 22 de xaneiro.
  23. San Xián ou Xulián, 9 de xaneiro.
  24. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 8.
  25. Elixio Rivas Quintas: Frampas, contribución al diccionario gallego, 1978.
  26. Porque aínda queda moito inverno por diante.
  27. Bulleiro é terra chea de lama.
  28. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. xaneiro.
  29. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 9.
  30. San Vicente de Marantes é unha parroquia do concello de Santiago de Compostela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]