Saltar ao contido

O piollo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Muller espulgando ao fillo

A seguir recóllese a pegada dos piollos na cultura popular galega. Por seren uns parasitos comúns no medio rural non cabe sorprenderse de que terminaran sendo citados con frecuencia na literatura popular.

Tradicionalmente, os piollos combatíanse buscándoos directamente entre os pelos e esmagándoos entre as uñas: catar ou cachear os piollos. De aí vén o nome popular de matapiollos para o dedo polgar, coas variantes cachapiollos, escachapiollos, escochapiollos, escutapiollos, matapollos ou trincapiollos.[1]

Este é o [dedo] miudiño,
este é o seu sobriño,
este é o maior de todos,
este é o furabolos
e este é o matapiollos.[2]

Segundo Rivas Quintas, chámase piollo ó xermolo da castaña ou da landra. Cando un rapaz está a comer castañas, os adultos dinlle que lle saque o piollo porque, se non, lle nacerán na cabeza.[3]

[editar | editar a fonte]

A tricia (ictericia) curábase con piollos fritidos con ovos. No Concello de Cotobade dábanlle ó enfermo durante nove días e en xaxún, un vaso de viño con nove piollos. En Verín dábanlle os nove piollos en leite ou chocolate.

A anemia curábase comendo, tamén en xaxún, varios piollos que antes picaran a alguén.

Para curar as belidas (cataratas) introducen no pelo do enfermo un piollo vivo, coa intención de que lle zugase os malos humores.[4]

Para matar os piollos hai que botar na cabeza coca moída (po dos cocos ou bugallos do carballo) ou sementes de herba dos lazarosos (que non puidemos identificar).[5]

Locucións

[editar | editar a fonte]

Cachear nos piollos: buscalos entre o pelo para logo esmagalos entre as uñas.

  • Coma piollo en costura: estar todos xuntos, apertados, amontoados, incómodos.
  • Correr como o piollo pola cinza: ser lento en facer as cousas, non ser dilixente.
  • Medrar como o pollo na cinza.[6]
  • Meterse como piollo por costura: ser quen de meterse nun sitio estreito, de onde vai resultar difícil removelo.[7][8]
  • Ruín coma os piollos: ser moi ruín, molesto.
  • Verse un coma un piollo en camisa lavada: ser fachendoso, orgulloso, altivo.[9]

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • Cando a semana está de piollos, no vale mudar a camisa.[10]
  • Cando a semana está de piollos, no val nin mudar a camisa.[11]
  • Cando o ano é de piollos, non vale mudar camisa.
  • Cando os piollos saltan, ¿qué farán as pulgas?[8]
  • Cando se pon a pardela a espiollar non tarda un día o vendaval.[12]
  • Cando se pon a pardela a espiollar venta o vendaval.[12]
  • Díxolle o peite ó tiñoso: tírate alá, piolloso.[13]
  • O piollo, desque se ve na camisa lavada, corre que rabea.
  • O piollo en camisa lavada corre que rabea.
  • Piollo resucitado e enfachendado, morre coma un condanado.[8]
  • Algús homes, as morenas/ dín que non lles enchen os ollos;/ non saben que as roxas sempre/ andan cheas de piollos.[14]
  • Caséime cunha señora/ coidando que tiña don:/ tiña piollos de a libra/ e pulgas de a cuarterón.[15]
  • Haber, heiche mandar unha,/ por detrás dun pau de toxo/ ¡e non me has de negar/ que es filla dun piolloso! [16][17]
  • Miña sogra morreu onte,/ Diola leva ó ceo dos lobos;/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos.[18]
  • Na camisa teño pulgas/ no xibón teño piollos,/ ¡e téñenme moita invidia!/ ¡inda lles caian os ollos![19]
  • O piollo e maila pulga/ andan no monte a rozar;/ alá vai o carrapato/ derreado co xantar.[20]
  • O piollo estaba malo,/ a pulga estaba parida;/ o ladrón do escarrapacho/ tiña a espenilla caída.[21]
  • Pola falda da camisa/ vinche subir un piollo,/ era de Sierra Morena,/ levaba un parche nun ollo.[22]
  • Polo cuello da camisa/ ben che se ve un piollo,/ vénche de Sierra Morena/ e trai un parche nun ollo.[23]
  • Polo cuello da camisa/ ben che vexo ir un piollo,/ venche da sega da Ambroa/ trai un fachico nun ollo.[24]
  • Rapaciña, non te quero,/ porque tes moitos piollos/ e fai falta máis dun ano/ para chos catare todos.[25]
  • Tírate desa ventana,/ garrafina de piollos:/ se vén unha onda de aire/ gáfasnos de iles a todos.[26]
  • Vaia que traes fachenda/ con esas catro guedellas/ todo cheo de piollos/ que che furan as orellas.[27]
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dun pau de toxo/ que anda decindo a xente/ que eres fillo dun piolloso.[28]

Adiviñas

[editar | editar a fonte]
  • Ando nas altas montañas,/ miña nai xa é falecida,/ dez me procuran/ e dous me tiran a vida. [o piollo][29]
  • Dez cazadores na mata,/ só dous que matan a caza. [os dedos das mans catando piollos][30]
  • Moura por cima do ceo,/ nunha mata escondida,/ son dez os que me procuran/ e dous os que me tiran a vida. [o piollo][31]
  • No monte nace,/ no monte se cría/ e baixa o gado/ do coto da guía. [o peite das lendias][32]
  • O meu pai vai de caza;/ o que caza déixao aló/ e o que non caza traino pra acó. [o peite das lendias][33]
  • ¿Que será unha cousiña cousa/ que sobe á serra e baixa o gado? [o peite das lendias][34]
  • Un conventiño con moitas monxas,/ a maestra está vestida de colorado/ e as rapazas de branco;/ máis arriba dúas ventanas,/ máis arriba dous luceiros,/ máis arriba a alameda/ onde pasean os cabaleiros. [o conventiño é a boca; as monxas, os dentes; a mestra, a lingua; as ventás, o nariz; os luceiros, os ollos; a alameda, o pelo; e os cabaleiros, os piollos][35]
  1. Constantino García, s. v. matapiollos.
  2. Mariño Ferro (1985): Cultura popular, 87.
  3. Elixio Rivas (1988), s. v. piollo.
  4. Lis Quibén, 305.
  5. Lis Quibén, 396.
  6. Francisco Lanza, 46.
  7. Zamora Mosquera, 136.
  8. 1 2 3 Eladio Rodríguez, s. v. piollo.
  9. Elixio Rivas (1988), s. v. piollo.
  10. Eladio Rodríguez, s. v. semana.
  11. Zamora Mosquera, 53.
  12. 1 2 Clodio González Pérez (1988), 61.
  13. Eladio Rodríguez, s. v. decir.
  14. Xaquín Lorenzo, 36.
  15. Pérez Ballesteros II, 79.
  16. Xaquín Lorenzo, 86. No orixinal: de un, és.
  17. Pérez Ballesteros II, 59.
  18. Xaquín Lorenzo, 101. No orixinal: Diola leva.
  19. Pérez Ballesteros II, 193.
  20. Xaquín Lorenzo, 122.
  21. Pérez Ballesteros II, 32.
  22. Álvaro das Casas, 216. No texto: pol-a.
  23. Pérez Ballesteros II, 258.
  24. Pérez Ballesteros II, 258. Refírese a San Tirso de Ambroa, unha parroquia do condello de Irixoa.
  25. Xaquín Lorenzo, 139. No orixinal: de un.
  26. Xaquín Lorenzo, 154. No orixinal: de esa, ven. Gafar co significado de contaxiar.
  27. Pérez Ballesteros II, 105.
  28. Fermín Bouza-Brey, 182. No orixinal: â m... (por eufemismo), de un.
  29. Gárfer, 95.
  30. Gárfer, 154.
  31. Gárfer, 102.
  32. Gárfer, 120.
  33. Gárfer, 255.
  34. Gárfer, 126.
  35. Gárfer, 160.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]