As verzas na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Verza.

A seguir recóllese a pegada das verzas na cultura popular galega, recollida de textos etnográficos, dicionarios e enciclopedias.

Para cura-la tose das vacas, dáselles unto de porco envolto nunha folla de verza e crese que cura decontado.

Para as frieiras e as queimaduras da xente utilizábanse couselos fritidos en aceite, envoltos logo nunha folla de verza que se mete na borralla para que quente, e despois, ben quentes, póñense sobre as frieiras.

Aníbal Otero recolle a crenza de que se se refregan as espullas cunha verza encontrada de fertuna no camiño, curan axiña. Cómpre, logo, botar con ela nun lugar onde nunca máis se pase.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Estar nas verzas: estar distraído, non decatarse de nada.
  • Ser [algo ou alguén] como o unto ás verzas: dise dunha cousa ou dunha persoa que veñen moi ben para conseguir un obxectivo.
  • Vello coma o caldo de verzas: moi vello (persoa ou cousa) [1].

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán [2].
  • As verzas por xaneiro saben a carneiro [3].
  • As verzas quéroas untadas e as patacas fariñentas, e para compango, do porco quero costelas salpresas [4].
  • Bica quente con touciño éche o caldo das mulleres, e vén o home da arada e roe as verzas, se as quere.
  • Cal de verzas, cal de papas ataquémo-las barazas [5].
  • Cando non é por verzas, é por fío negro.
  • Canto máis unto, millores verzas.
    Canto máis unto, millores verzas
  • Dálle verzas en agosto se queres ver ó teu home morto.
  • En xaneiro, a verza é carneiro.
  • En xaneiro, verza vella val carneiro [6].
  • Foise o boi ás verzas e non deixou verdes nin secas.
  • Hai máis que verzas na ola, que hai ulido de cazola.
  • O can de hortelán non come as verzas nin deixa collelas pra comelas [7].
  • Por que te non coces verza? Porque non teño quen me remexa [8].
  • Pote sen verzas, sen unto nin sal, pódeselle ó gato dar'.
  • Se perguntades por verzas, meu pai ten un patacal.
  • Se queres ó teu marido matar, dálle verzas por san Xoán.
  • Unto e boas verzas xa fan bo caldo.
  • Verza moita e pouca troita [9].
  • Verza, ¿por que non cociches? -Porque antes non me metiches [10].
  • Verza, ¿por que non cociches? -Porque non me remexiches.
  • Verzas e nabos, pra nun entrambos.
  • Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
  • Verzas que non has comer, déixaas cocer.
  • Vezouse o burro ás verzas e non deixou verdes nin secas.
  • Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Ai, miña nai, que caldo me ten./ Ai, miña filla, sábeche ben;/ verciñas poucas, fabiñas catro,/ carniña tanta coma a lengoa dun gato [11].
  • Aquela vella do diaño/ seica a tentou o pecado,/ botou as verzas no pote/ remexeunas co forcado.
  • Ben sei o mal que padeces/ e as pedras en que tropezas;/ para praticar comigo/ eres moi férvelle as verzas.
  • Bote o caldo, miña nai./ Non cho boto, non, Xoquín,/ que inda están as verzas crúas,/ non me seas galopín [12].
  • Miña nai ten unto vello/ do cocho que ha de matar,/ e na horta ten as verzas/ das coles que ha de prantar.
  • Miña nai ten unto vello/ dun cocho que ha de matar/ tamén ten berzas na horta/ das coles que ha de prantar.
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite [13].
  • Para boas mozas, Sada,/ para repolos, Osedo,/ para coles castellanas/ o campo de Samoedo [14].

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • É tan grande como unha pulga/ e ten orellas maiores cás dunha burra [15]
  • Éche de verzas,/ sábeche ben,/ fabiñas poucas,/ patacas catro,/ e, do unto,/ como a lingüiña/ dun gato [16].
  • Limpé de catro pés/ quixo comer a limpé dun pé/ e limpé de dous pés/ tornou a limpé de catro pés/ para que limpé de catro pés/ non comera a limpé dun pé [17].
  • ¿O que é, que é,/ do tamaño dunha pulga,/ e deita unhas orellas/ coma as dunha mula?

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vicente Risco, Nós 27, 15.03.1926.
  2. Fontán é lugar da parroquia e concello de Sada. San Sebastián é o 20 de xaneiro.
  3. As verzas apáñanse dende moi axiña, aínda que o seu maior rendemento sexa polo inverno, porque as xeadas de xaneiro fannas mellorar segundo se van cortando, fannas máis saborosas. No orixinal: berzas.
  4. No orixinal: berzas.
  5. Baraza é unha atadura de corda delgada, cinta etc., coa que se ata calquera cousa. Ataca-las barazas vén sendo desface-lo nó que pecha un saco.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No texto: berza.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. can. No orixinal: berzas.
  8. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: berza.
  9. Aplícase para significar que unha comida foi frouxa.
  10. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: berza, porque non cociches?.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 33. No orixinal: berciñas, de un gato.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: berzase [sic].
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 111. No orixinal: berzas.
  14. Osedo, parroquia de Sada próxima á capital; Samoedo, lugar da parroquia e concello de Sada.
  15. Solución: a semente da verza e a planta xa crecida, de grandes follas.
  16. Solución: o caldo galego.
  17. Solución: a cabra (limpé de catro pés), o cañoto da verza (limpé dun pé) e o home (limpé de dous pés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid 1984.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • RISCO, Vicente: "Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós nº 27, 15.03.1926, 19-21.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.