Saltar ao contido

A figueira na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entre os moitos nomes do ouriolo (na fotografía, nunha figueira), están os de figo marelo e papafigo

A figueira é unha árbore con ampla presenza no campo galego, dado que non é en absoluto esixente coas características do chan onde medra, polo que non precisa de coidados. Aprovéitase polos seus froitos (figos e bréveras) pero a madeira é de mala calidade e pouco apreciada.

Na literatura oral (refráns, cantigas, contos e adiviñas) está moi presente, e tamén deixou ampla pegada na toponimia de Galicia.[1]

Na medicina

[editar | editar a fonte]

Un remedio da medicina popular galega contra o mal do torrón (que designa unha enfermidade do bazo non identificada) consiste en levar ó meniño enfermo, de noite, a un prado onde medre unha figueira e poñelo de pé sobra unha planta de chantaxe. Logo córtase un terrón ó redor dos pés e ponse, xa de regreso en casa, sobre o bazo do enfermo. Este curará segundo seca o terrón.[2]

O leite dos figos e béveras disque é bo para curar as espullas.[3]

  • Figo de/do río: planta acuática, tamén chamada tapadeira (Nymphaea alba).[4]
  • Figo marelo: vichelocrego (Oriolus oriolus). Tamén figo maduro ou figo rodrigo[5] ou figo loureiro[6]
  • Figo santiaguiño: dise do figo que madura no mes de xuño.
  • Figo vindimiño: dise do figo que madura na época da vindima, é dicir, na segunda quincena de setembro.[4]
  • Figueira do demo: rícino (Ricinus communis).
  • Figueira do demo, figueira do inferno, figueira tola: estramonio (Datura stramonium).
  • Figueiras: papilomatose no ubre dunha vaca.[7]
  • Papafigo: vichelocrego.

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • Caer como un figo maduro: Eladio Rodríguez aplícao a quen se dorme rápida e profundamente, por estar moi canso, así como á muller que accede facilmente ós requirimentos sexuais dun home, pero cabe supoñer que tamén se aplique a calquera asunto no que se estea traballando cando, por fin, se consegue.[4]
  • De figos a brevas: dise de algo que só acontece de tarde en tarde.[4]
  • Estar como unha breva: dise de calquera froita mazada e podre, e tamén se aplica a unha persoa chea de achaques.[8]
  • Mirrado coma un figo: estar avellentado, coa cara chea de engurras.<refEladio Rodríguez, s. v. mirrado.</ref>
  • Non dárselle un figo a un: non importar nada algunha cousa.[4]
  • Seco coma un figo: mirrado [9].
  • Ser como un figo: ser moi delicado e mostrarse ofendido por nada.[10]

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
Folla na figueira, muxe na ribeira
  • A branca, con frío, non vale un figo; a negra, nin figo nin breva. [11]
  • A leña da figueira, recia de fume e fraca de madeira. [12]
  • A negra co frío non vale un figo; a branca coa xiada, nin figo nin nada.[13][14]
  • A unha vella enriba dun muro, tembláballe o cu coma un figo maduro.[15]
  • Ano de brevas, nunca acá veñas.[16]
  • Ano de brevas, nunca o vexas.[16]
  • Auga bebas con figos e brevas. [17]
  • Auga ó figo; e á pera viño.[17]
  • Auga ó figo e para a pera viño.[18]
  • Cando a figueira ten folla, ten boa comida a solla.[19]
  • Cando a figueira ten folla, val ouro a solla.[20]
  • Cando a gaivota busca unha figueira, anuncia tempestades desa maneira.
  • Cando hai uvas e figos, amaña os teus vestidos.[21]
  • Con brevas e con figos non aproveitan os viños.[22]
  • Con brevas, viño bebas.[8]
  • Con brevas, viño bebas, e con figos, auga e viño.[8][23]
  • Con caracoles, figos e brevas, auga non bebas,/ pero o pan e o viño sexa tanto que todo o que comas ande nadando.[23]
  • Con figos, bebe auga ou viño.[4]
  • Con figos e brevas auga bebas.[4]
  • Con figos e brevas viño non bebas.[24]
  • Deben nadar en viño os caracoles, as brevas e os figos.[25][26]
  • Digo e redigo que a breva nunca foi figo.[27]
  • Digo que a figueira non é figo, e así o digo.[27]
  • É millor pan duro que figo maduro.[28]
  • En tempo de figos non hai amigos.[29]
  • Enriba de brevas, auga non bebas.[8]
  • Enriba de brevas, nunca bebas.[8]
  • Figos á figueira, vellos á fogueira.[30]
  • Figos á figueira, vellos á golfeira.[31]
  • Folla na figueira, muxe na ribeira.[32]
  • Millor é un pouco pan duro que un figo enteiro maduro.
  • Nin morcilla sin figos nin voda sin pantrigo.[33]
  • No tempo dos figos, non hai amigos.[4]
  • O figo na figueira, a froita na oraza e a moza no mesón, tres cousas son que maduran sin sazón.[34]
  • O que digo, digo, que a breva non é figo.[4]
  • Ós figos, se son verdes, hai que darlle viño.[4]
  • Por Santa Técola acábanse as queixas.[35][36]
  • Primeiro a ameixa, despois a cereixa, despois o figo e o carrapichote meu amigo.[37]
  • Santa Técola que vindima as uvas e os figos leva.[35]
  • Santiago trae as béveras e os figos leva santa Tecra.[35]

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • A miña muller é vella,/ de vella non me ten fillos,/ heina de mandar colgar/ nunha figueira de figos.[38]
  • Canta a rula, canta a rula,/ por riba dunha figueira;/ a rula canta i eu choro/ por no’atopar quen me queira.[39]
  • Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo.[40]
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero pra as ameixas/ teño boas mañas.[41]
  • Fun ós figos á pereira,/ no’atopei senón cireixas,/ veu o dono das mazás:/ Deixa queda-las ameixas.[42]
  • No alto dunha figueira/ estaba un home atutando;/ afaite sola, meniña,/ que eu xa te vou olvidando.[43]
  • O rei mandou unha carta/ dentro dun figo maduro:/ que as mulleres beban viño/ e os homes mexo de burro.[44]
  • Quen fora reichiño ruibo/ pra cantar na túa figueira,/ pra non saír do teu horto/ e aniñar na túa silveira! [45]
  • Teño unha figueira grande/ que moitos figos me dá;/ teño unha nena bonita,/ xa non quero traballar.[46]
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos, viño e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós.[47]
  • Unha vella enriba dun muro/ témblalle o cu como un figo maduro,/ unha vella nunha eira/ témblalle o cu como unha peneira.[48]

Adiviñas

[editar | editar a fonte]
  • Adiviña, adiviñador, ¿que frutal carga sin a súa frol? [A figueira][49]
  • Altas nais capeludas,/ mais fillos zaramboles./ Adiviña ti, si podes [A figueira e os figos][50]
  • Cen e cen fillos ten/ e todos a leite os mantén [A figueira][50]
    • Variantes: e a todos con leite mantén / os mantén
  1. Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 268-274. ISBN 84-95892-53-7.
  2. Víctor Lis Quibén: La medicina popular en Galicia 1949 [ed. facsímile de Akal, Madrid 1980], 267.
  3. Lis Quibén, 294.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Eladio Rodríguez, s. v. figo.
  5. Elixio Rivas Quintas (2001), s. v. figo.
  6. Elixio Rivas (1988), s. v. figo.
  7. Elixio Rivas Quintas (2001), s. v. figueira.
  8. 1 2 3 4 5 Eladio Rodríguez, s. v. breva.
  9. Vicente Risco, en Nós nº 27, 15.03.1926.
  10. Elixio Rivas Quintas (1878), s. v. figo.
  11. Eladio Rodríguez, s. v. branco.
  12. Eladio Rodríguez, s. v. leña. A leña da figueira ten sona de ser de mala calidade, producir pouca calor e moito fume.
  13. Eladio Rodríguez, s. v. negro.
  14. La Voz de Galicia 8.10.1988.
  15. Maciñeira 219; recólleo como cantiga. No orixinal: de un.
  16. 1 2 Eladio Rodríguez, s. v. ano.
  17. 1 2 Eladio Rodríguez, s. v. auga.
  18. Adela Leiro Leis, 44.
  19. Clodio González Pérez, 145.
  20. Álvarez Giménez, 36.
  21. Refraneiro do viño, 47.
  22. Nicanor Rielo Carballo, 220.
  23. 1 2 Refraneiro do viño, 26.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández (1983), 29.
  25. Eladio Rodríguez, s. v. viño.
  26. Refraneiro do viño, 27.
  27. 1 2 Eladio Rodríguez, s. v. decir.
  28. Eladio Rodríguez, s. v. pan.
  29. Álvarez Giménez, 15. No orixinal: n'hay amigos.
  30. Moreiras Santiso (1977), 102). Cabe pensar nunha confusión por folgueira (lugar con moitos fentos) ou golfeira (praia onde se acumulan as algas), pero Moreiras tamén recolle a locución Un vello é un trasfogueiro.
  31. Eladio Rodríguez, s. v. golfeira. O colector define golfeira como lugar agradable, onde se sente a calor natural e non molesta, pero tamén pode significar unha praia onde se acumulan as algas.
  32. Lino Lema Bouzas, 5.
  33. Darío Xan Cabana, 45.
  34. Moreiras Santiso (1978), 70.
  35. 1 2 3 Xesús Ferro Ruibal, s. v. Tegra.
  36. Santa Tegra (Técola), 23 de setembro.
  37. Adela Leiro, 44. Non atopamos significado para carrapichote agás o de "clase de seta" que recolleu Rivas Quintas en Samos, pero o refrán é de Cambados. Certamente, os figos veñen no outono, así como os cogomelos.
  38. Maciñeira 107.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 57. No orixinal: no-atopar, quén.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
  41. Cantigueiro do viño, 32.
  42. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 86. No orixinal: no-atopei, quedalas.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 108.
  44. Pérez Ballesteros II, 63.
  45. Manuel Leiras Pulpeiro: Cantares gallegos
  46. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 152.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández (1973), 161.
  48. Fermín Bouza Brey 1929, 197. No orixinal: de un, cú, n-unha.
  49. Adela Leiro, 45. Realmente, a figueira si que ten flores, pero estas medran ocultas no interior dunha estrutura piriforme chamada ostiolo, cunha pequena abertura na parte superior. Cada unha das numerosas flores produce o seu froito, carnoso, pero quedan pechados dentro do sicono, un falso froito que é o que se coñece como figo.
  50. 1 2 Gárfer, José Luís, 278.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]