Decembro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de decembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Características[editar | editar a fonte]

A festividade popular máis destacada do mes de decembro é o Nadal, conxunto de celebracións que comezan coa Noiteboa, na noite do 24 de decembro, e rematan cos Reis, o 6 de xaneiro. Esta festa dálle nome ó propio mes de decembro, tamén coñecido como Nadal ou Natal.

Na cea de Noiteboa servíase un prato máis para que os familiares mortos puidesen compartir coa familia esta celebración. Tamén deixábase a mesa sen recoller para que comesen as ánimas dos ausentes, para os que tamén se deixaba a lareira acesa. Deste xeito, podían gozar de calor e comida na casa á que pertencían.

Outro costume destas datas era deixar na lareira un gran leño, denominado Tizón de Nadal, que había permanecer encendido desde a Noiteboa ata Aninovo, conservándose logo o resto do ano para protexe-la casa das treboadas.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
  • A castaña no nadal, sabe ben e parte mal.
  • A Concepción sempre trai a sua arribazón. [1]
  • A un tempo non pode ser o gastar e mailo ter, nin que luza o sol na eira sin que chova no Nadal.
  • Aceitona, unha por san Xoán e un cento por Navidá.
  • Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sin apañar.
  • Allo, ¿por que non fuches bo? Porque Nadal posto non me atopou.
  • As festas do ano por onde quixeres, as Navidades, coas túas mulleres.
  • Ata as Navidás nin fame nin frío; das Navidás pra diante fame e frío bastante.
  • Cando Nadal nada, sinal de boa anada.
  • Castañas no Nadal, saben ben e pártense mal.
  • Chovendo o día de santa Viviana, chove un mes ou sete semanas. [2]
  • Chuvia por Santa Lucía, tolle a sardiña.
  • De san Tomé a san Matías poden as noites cós días.[3]
  • De San Xoán prás Navidás, os días van pra atrás.
  • De san Xoán, Santiago e agosto, mulleres, non son voso; dende Nadal a marzo, estarei ó voso lado.
  • De santo Tomé a san Matías máis poden as trebas cós días.
  • De santo Tomé a san Matías son máis longas as noites cós días.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá.
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • De Santos ó Nadal é o inverno natural.
Desde Santa Lucía crece o día como a pisada dunha pita.
  • Desde Santa Lucía crece o día como a pisada dunha pita. [4]
  • Desde Santos a Natal é inverno caroal.
  • Despois de Nadal os días medran, dun para outro, o pé dunha pita.
  • Día de San Nicolás está a neve de pao en pao, e se non no chao. [5]
  • Día de santa Lucía, énchete d’auga ou de sardiña.
  • Día de santa Lucía, o salto dunha pulga ó día [6].
  • Día de santo Tomé ó porco polo pé.
  • Día de santo Tomé, colle o porco polo pé.
  • Dios nacido, días crecidos.
  • Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal, que perderás o caudal.
  • Entre Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
  • Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
  • Nadal mollado e xaneiro ben xeado.
  • Nadal sen porco non veñan moitos.
  • Navidade en venres, sementa onde puideres, navidade en domingo, vende os bois e bótao en trigo.
  • Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar.
  • No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar.
  • No mes de Nadal gárdate a carón do lar.
  • No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
  • No Nadal hai veces que se come ó pardal.
  • No Nadal inverno a fartar.
  • No santo Tomé, agarra o porco polo pé.
  • Non gabes nin desgabes hastra que pasen sete navidades.
  • O bo nabal comeza por Santiago e acaba con Nadal.
  • O coello, por san Xoán, e a perdiz por Navidá.
  • O día de San Nicolau anda o sol de pau en pau.
  • O día de santa Lucía medra o día a pasadiña dunha galiña.
  • O día de santa Lucía mengua a noite e medra o día.
  • O que queira bo allar que o bote no natal.
Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
  • Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
  • Os allos en Navidá, nin crecidos nin sen sembrar.
  • Os días medran o batacú do piollo cada día dende o Nadal.
  • Pola santa Lucía, a pata dunha galiña.
  • Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día.
  • Pola santa Lucía xa medra un palmo o día.
  • Pola santa Lucía xa o caldo alumía.
  • Pola santa Lucía, mascatos na badía.
  • Pola santa Lucía, neve na pía, polo san Nicolau neve no pau.
  • Polas vendimas vende as túas galiñas, pola Navidade vólveas mercar.
  • Polo Nadal, frío cordial.
  • Polo san Andrés agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.
  • Polo san Nicolau neva en cada pau, e se non é ese día é o terceiro que é día da Virxe María.
  • Polo san Tomé colle o porco polo pé.
  • Polo san Tomé dálle ó porco polo pé.
  • Pon, poliña, pon, pola Conceición.
  • Por Nadal, cada ovella ó seu corral.
  • Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla. [7]
  • Por Santa Eulalia, trompos á borralla. [8]
  • Por santa Lucía mascatos pola badía.
  • Por santa Lucía medra o día unha pisada dunha galiña.
  • Por Santa Lucía non cae a noite como o día.
  • Por santa Lucía saca da noite e mete no día.
  • Por Santa Lucía, o allo quer ve-lo día.
  • ¡San Silvestre, meigas fóra! [9]
  • Santa Lucía anda co porco á porfía.
  • Santa Lucía, auga ou sardiña.
  • Santa Lucía quítalle á noite e ponlle ó día.
  • Santa Lucía saca da noite e mete no día.
  • Santa Vivián, mociñas no liño e vellas na lan. [10]
  • Santo Tomé, agarra o cocho polo pé.
  • Santos e Natal, inverno carnal.
  • Se a noite de Navidá for de luar, labra ben pra sementar; se a noite de Navidá fose de escuro, sementa no terrón duro.
  • Se chove o día de Santa Viviana, chove cuarenta días e unha semana.
  • Se o Nadal nada, sinal de boa anada.
  • Se para Santa Lucía non hai neve na Pía, haina para o outro día.
  • Se polo Nadal neva, todo se aleda.
  • Se treboa por santo Tomás, inda o inverno está por marchar.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla.
  • Tantos días de sol en nadal como de auga en San Xoán.
  • Un mes antes, e outro dispois de Navidá, é inverno de verdá.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Déano-lo aguinaldo/ anque sea pouco/ un bo bacalao/ e mais metá doutro,/ de postres compota/ e tamén castañas/ boenas e bien grandes/ un molete enteiro/ e un queixo de Flandes./ Diolo pague, Señora,/ Dios queira que d'hoxe un ano/ me dea usté el aguinaldo/ con sus queridiñas manos.
  • O dous de Nadal/ con vento do alto/ morréuselle a cabra/ a don Jose Pardo.
  • Señor Xués non me prenda/ que eu lle direi a verdá,/ que lle estuven cunha nena/ a noite de Navidá.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Cepo do nadal: dise do home gordecho e pequeneiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Concepción de María celébrase o 8 de decembro.
  2. Santa Viviana, 2 de decembro.
  3. San Tomé, 21 de decembro; San Matías celebrábase o 24 de febreiro, se ben actualmente trasladouse ó 14 de maio.
  4. Santa Lucñia, 13 de decembro.
  5. San Nicolao, 6 de decembro.
  6. Comezan a medrar os días, aínda que moi lentamente.
  7. Santa Baia, 140 de decembro.
  8. Santa Eulalia é unha forma culta por santa Baia, de introdución recente por cadrar co castelán.
  9. San Silvestre, 31 de decembro.
  10. Santa Vivián, 2 de decembro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra 1904.
  • FERRO RUIBAL, X. (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña. 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.