O lobo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lobo gris Canis lupus signatus.
O lobo pode chegar a ser tan agarimoso coma un can.

A seguir recóllese a pegada do lobo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Eladio Rodríguez descríbeo así [1]:

O lobo é abondoso nas serras de Galicia, sendo considerado a besta máis temible do noso país; e malia o medo que vulgarmente infunde xamais víuselle atacar ao home, senón ao verse moi acosado e famento. Soporta moi ben as fatigas e pode permanecer varios días sen tomar alimento; aproveita a noite para adicarse á caza, retirándose antes do amencer para gañar as dificultades do lugar onde ten a súa lobeira; ataca toda clase de gando, empregando a sagacidade necesaria para non errar o golpe, e con moita cautela lánzase sobre a presa, arrástraa cara sí e foxe con ela sen soltala, aínda que o persigan os cans, ou os pastores berren ou disparen as súas escopetas. Afirman os nosos labradores que adoita elixir unha ovella fraca para escapar mellor, botándoa ás costas co obxecto de correr máis libremente. Cando acomete a unha egua todas as bestas forman círculo coas ancas, deixando as crías no centro, e nesta disposición recíbeno a couces, co cal mátano ou fano fuxir. Se logra botarse ás ancas dalgunha, as demais foxen espantadas dando rinchos mentres o lobo come á que caeu nas súas poutas. Nos invernos rigorosos non é raro velo pola aldea levándose en pleno día pitas, años e ata algún neno abandonado, como sucedeu xa, sen que o balbordo das xentes lle fixera soltar a presa. Aseguran algúns dos nosos aldeáns que se se atopa de noite un lobo e sácanse faíscas co pedernal lógrase espantalo. Tamén hai quen afirma que deixando a faixa solta para que arrastre, o lobo vai detrás desta unha ou máis leguas sen atreverse a atacar e dar o golpe, xa que a teme; isto mesmo acontece indo a persoa a pé ou da cabalo. Algúns lobos chegaron a tomar tanto afecto ao home coma o can máis agarimoso. Para exterminarlo empleáronse ao longo dos tempos varios medios; as trampas ou garamelos, as batidas, as estacadas, as monteirías, os velenos e outros

Existiu unha especie de imposto ou recompensa que, baixo o nome de carneiro do lobo, pagaban os labregos que tiñan ovellas ós cazadores, para que estes mataran o lobo. Se alguén non tiña carneiro ou non quería perder o animal, podía facer o pago en diñeiro. Eladio Rodríguez afirma que estaba documentado desde 1631 como de tempo inmemorial, en forma de pago do vasalo ó seu señor [2].

O lobishome[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lobishome.
Graffiti de Lobishome en Pontevedra.

O lobishome na cultura popular galega é unha figura recorrente tanto na literatura oral coma na escrita. En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacera femia ningunha polo medio, o derradeiro quedará marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, fuxindo para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.

Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.

Na literatura galega o tema aparece recollido na obra O lobo da xente, do escritor ourensán Vicente Risco baseada na lenda popular galega do lobishome. Este texto publicouse no ano 1923, trátase dunha narración breve, con certos trazos de carácter etnográfico e ambiéntase na comarca ourensá de Trives.

O lobo na toponimia galega[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Foxo de lobo.
Foxo do lobo en Corredoira, Cerdedo-Cotobade.

Esta figura mítica deixou unha fonda pegada na toponimia ao longo do territorio galego. Existen no país nomes que vencellan o animal a un lugar, coma Castiñeiro do Lobo (Ames), Fonte do Lobo (Becerreá), Forca do Lobo (Ponteceso), Covas de Lobos (Cambados); topónimos que directamente fan referencia ao corpo do animal, coma Pouta do Lobo e Rabo de Lobo, outros que se centran no seu hábitat, coma o topónimo Lobeira; e aínda existen os que fan referencia directa á súa morte ou caza: Lobomorto, Matalobos ou Foxo do Lobo. Para alén dos múltiples e máis obvios, débese pensar que tamén fan referencia a este animal, empregando o termo xermánico, os nomes de lugar rematados en ulfe: Gondulfes (Verín), Trasulfe (Rodeiro) ou Randulfe (Antas de Ulla e Paradela) lembran tamén estes espazos.

Outros nomes que quedaron na lingua galega, desta volta empregados para se referir ao animal sen o mentar directamente (para evitar chamalo) son algúns coma “o aquel”, “o outro”, “o becho”, “ o da boca rachada”, “o fillo do demo”, “o compadre” ou “o tío Pedro” entre moitos outros.[3]

Locucións[editar | editar a fonte]

Ter unha loba: Ter preguiza
  • Alá irás, lobos que te coman: ameaza ó que nesta vida non procede ben e se lle desexa que na outra vida atope o seu merecido.
  • Atanazar coma un lobo.
  • Aula-lo vento coma un lobo.
  • Coma a ovella na boca do lobo: plenamente derrotado, vencido de vez. Tamén significa que dura pouco.
  • Comer coma un lobo: devorar, tragar con ansia, comer con voracidade.
  • Como a cabra que paríu para o lobo: dise daquela persoa que ampara ó que lle fai dano.
  • Como lobo no inverno e como cobra no verán: irritado e agresivo. Nesas épocas é cando máis irritados e agresivos están estes animais.
  • Entre can e lobo: entre lusco e fusco.
  • Esfameado como un lobo.
  • Fero como un lobo.
  • Fuxir coma un can perdigueiro cando ventea ó lobo.
  • ¡Lobos te coman!: maldición contra alguén
  • Lobos da mesma camada: persoas perversas que teñen intereses comúns, e, polo tanto, nunca se farán dano unhas ás outras.
  • ¡O fillo do lobo ten o bico pardo!
  • Como boca de lobo: moi escura, noite pecha.
  • Saír ó camiño do lobo, como o curcio tolo: realizar un acto manifestamente temerario. (O curcio é a cría da cabra).
Verlle as orellas ao lobo:
Estar ás portas dun perigo
  • Saírlle o lobo ó camiño como ó parrulo do Carballiño: atoparse de súpeto nun grave perigo.
  • Seica víchelo lobo!: para indicar que un está rouco.
  • Te-los ollos á par coma os lobos.
  • Ter peito coma un lobo: ser moi valente [4].
  • Ter un peito coma un lobo.
  • Ter unha boca coma un lobo.
  • Ter unha loba: ter pouca gana de traballar, ter preguiza.
  • Traballar coma un lobo: non traballar.
  • Ver o lobo: asustarse, sorprenderse
  • Verlle as orellas ao lobo: ver a tempo un perigo próximo, estar ás portas dun grave perigo.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o lobo.
O lobo non come da carne que quer, senón da que houber
  • Avisade ó lobo e deixade o gando soilo.
  • Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
  • Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe.
  • Da conta que saca o pegureiro, o lobo sábelle sabe o erro [5].
  • En terra de lobos ouvear coma todos.
  • Non soilo o lobo come carne crúa.
  • Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.
  • Vaca de moitos, cómena os lobos.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Lobos que andais polo monte,/ aguzai ben o sentido,/ buscai por ises encontros/ que anda un becerro perdido [6].
  • Miña nai habilidosa/ mandoume d'ir coas ovellas/ o lobo levoume catro/ eiquí lle traio as orellas.
  • Miña sogra morreu onte,/ Diola leve ó ceo dos lobos;/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos [7].
  • Nesta terra de Lubeira/ andan os lobos por ela;/ vámonos deiquí, meus ollos,/ meus ollos, vámonos dela [8].
  • O lobo i a muller/ trataron de cocer:/ a leña no monte,/ a fariña por moer [9].
  • O lugarciño da Canle/ non é lugar nin aldeia:/ é o toco da raposa/ onde se o lobo paseia [10].
  • O que tes de bravo/ é de pretendiente/ homes non son lobos/ que coman a xente.
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño [11].
  • Traballo che ha de custar/ pra me atrapares a min:/ quíxome comer o lobo/ i eu máis ca ile corrín [12].

Adiviñas[editar | editar a fonte]

...o lobo
  • A miña comadriña largona/ ten os dentes como os dunha loba.
  • Campo grande,/ semente miúda,/ mociña bonita/ loba guedelluda.
  • É tan largo como unha soga/ e ten os dentes como unha loba.
  • En abril/ cátanos no cubil/ en maio/ xa son bo gallo/ en san Xoán/ xalle dou a carreira ó can/ en santa Mariña/ xa vou pola cabritiña/ en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro/ en Santos/ xa mato os bois noscampos/ e en xaneiro/ xa podo co carneiro.
  • Era pinguín que pingaba/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba.
  • Estaba funguín que fungaba/ debaixo de pinguín que pingaba/ vén rapín que rapaba/ e levou a funguín que fungaba.
  • Longa, longa como a corda/ e ten dentes como a loba.
  • Longa, longa como unha corda/ e ten dentes coma unha loba.
  • Que é unha cousiña, cousa/ longa, longa como unha soga/ e ten dentes coma unha loba.
  • Tamaña como unha soga/ e ten dentes como unha loba.
  • Ten dentes como unha loba/ e pasa o río e non se molla.
  • Ti que estás en alto coche/ ¿viche pasar por aquí/ a pés miúdos e andaroche?/ Tarde vas; o que vés buscar/ na vila che vai entrar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo tomo II (1960)
  2. Eladio Rodríguez González, s. v. carneiro.
  3. A pegada cultural do lobo
  4. Castelao escribiu unha marabillosa Cousa que titulou Peito de lobo.
  5. O lobo e mailas escabrosidades do chan galego fan difícil a custodia do gando, por iso tamén corre como que ...o monte sábelle sabe o erro.
  6. Xaquín Lorenzo Fernández, 91.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 101. No orixinal: Diola leva.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 107.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. Outras cantigas, con máis sentido, falan do crego e a muller.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 119. A Canle é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
  11. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 184.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 156.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]