O viño na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parras de albariño en Corvillón (Cambados).
Fileira de tractores coa colleita de uvas.
Estatua do deus Baco en Cambados feita por Francisco Leiro.
Artigo principal: Viño.

A seguir recóllese a pegada que deixou o viño na cultura popular galega, na fraseoloxía e na literatura de tradición oral. Inclúense tamén as referencias á viña, á vendima, ó lagar, ás adegas, tabernas e taberneiras, e ó consumo -normal ou en exceso- do viño.

A vendima[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vendima.

A vendima é a acción de recoller a uva para colleitala coma alimento ou materia prima para o viño, así coma a época do ano na que se realiza. A época da vendima coincide co final do verán, habitualmente no mes de setembro, pero non é igual en tódalas rexións. Nos vales interiores de Galicia (Ribeira Sacra, Valdeorras) a colleita faise máis cedo (finais de agosto) debido a que o maior calor estival do interior continental permítelle ás uvas madurecer antes. A época xeral tamén depende do clima dese ano, pois un verán de calor pode adiantar a vendima mentres que un verán chuvioso ou frío pode estragar a colleita.

Certas tradicións tamén teñen en conta a situación da Lúa para decidir a data da vendima e doutras operacións na produción do viño. Así, é común non podar as viñas en xaneiro porque a lúa propia deste mes, chamada lúa morta, deixaríaas aterecidas [1]. Por Cambados non se pode embotellar o viño na lúa de forza porque se botaría a perder [2].

Fóra de Galicia existe unha variedade de viño chamada viño de xeo que se colleita de noite, cando as uvas aínda están conxeladas ou moi frías do orballo, o cal modifica a súa maduración e gradación alcólica.

Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]

En Beariz (Ourense), para curar o mal de aire baten sobre o enfermo un hisopo de fiúncho mollado en viño tinto. En Forcarei golpean suavemente a parte enferma con tres poliñas de fiúncho molladas en viño de Ribeiro [3].

Os mariñeiros da Guarda, ó rematar de tecer unha rede, intentaban asegurar a boa sorte botando por riba un pouco de viño e, despois, unha muller deitábase sobre a rede (Alonso Rivas, 131).

Para o catarro danlle ó enfermo viño quente con pingo de porco, mestura que tamén serve para curar a dor de moas [4].

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Auga de cepas: o viño.[5].
  • Bautizar o viño: botarlle auga para aumentar os beneficios.
  • Bourar en alguen coma nunha cuba: golpear a alguén con forza. A locución fai referencia ó ruido que se fai ó golpear nunha cuba baleira [6].
  • Ir ás vergonzas: ir ó rebusco, para aproveitar as uvas que poidan quedar nas viñas despois de rematada a a vendima [7].
  • Ser como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga: dise dos que queren aforrar demasiado, ser un forrón [8][9].
  • Ser coma unha cuba de ameneiro: dise da persoa ou cousa que non son como aparentan ou como se esperaba delas [10].
  • Ser unha viña: dise de algo que resulta moi lucrativo, de gran proveito [11].
  • Toma-la mañán, toma-la parva, toma-lo alboroque: beber unha ou máis copas de augardente, antes de almorzar (ou en lugar do almorzo), en xexún, costume que se daba entre xornaleiros, obreiros, mariñeiros, etc. Conta Eladio Rodríguez que nalgúns portos galegos era costume asignar a cada tripulante un extra de 20 céntimos para que poidan toma-la mañán [12][13].
  • Xarope de cepa: viño.

Para as locucións referidas ós borrachos ou a emborracharse, véxase a borracheira na cultura popular galega.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o viño.
  • O que non bima, non vindima.
  • O que non ten casa nin viña, en calquera parte se aveciña.
  • O viño alegra o ollo e quenta o corpo.
  • O viño branco e a muller ao primeiro mercader.
  • O viño chispeiro non necesita pregoeiro.
  • O viño das cepas vellas quenta as orellas.
  • O viño de abril non vai ó funil.
  • O viño do Avia, ten forza, esprito e labia.
  • O viño do Ribeiro fai andar ó mozo lixeiro.
  • Onde allos ha, viño haberá.
  • Quen co demo cava a viña, co demo a vindima.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Antoniño, gaxo de uvas, vámoste depinicar...'
  • Á fonte vouche por auga,/ á taberna vou por viño/ i á túa casa a buscar/ todo inteiro o teu cariño [14].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [15][16].
  • A miña muller i a túa/ foron a unha romaría;/ a túa veuche borracha,/ a miña xa se non tiña [17].
  • A miña sogra morreu/ i enterreina na bodega/ i ainda despois de morta/ colleu a gran borracheira [16].
  • A túa nai e maila miña/ xuntas van na romería/ miña nai viña borracha/ e a túa xa non se tiña [18].
  • Acabáronse as vendimas,/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
  • Adios, meniña querida,/ garrafiña de augardente;/ xa te non volverei ver,/ adios, adios para xempre! [19].
  • Anque che son de entre tojos,/ criada nas carrasqueiras,/ tamén sei beber o viño/ como as mozas das ribeiras [20].
  • Anque somos da montaña/ criados na carrasqueira,/ sabemos bebe-lo viño/ como os guapos da ribeira.
  • Anque somos da montaña/ criados na carrasqueira,/ sabemos beber o viño/ como os mozos da ribeira [21].
  • Anque son daló d’arriba,/ anque son da Carrasqueira,/ tamén sei beber o viño/ como os guapos da ribeira.
  • Antoniño, gaxo de uvas,/ vámoste depinicar,/ eres amigo das mozas,/ túa nai vaite matar.
  • Apartalo, apartalo,/ o viño tinto do blanco;/ tamén me a min apartaron/ de quen me quería tanto [22].
  • Aquela vella/ porque era vella/ quer que lle fagan/ a cama de pedra/ i á cabeceira/ un can polo rabo/ pra cando esperte/ que bote un trago [23].
  • Aquile que anda no baille,/ aquile que entrou agora,/ vaille a besta na ribeira/ busca-lo viño prá voda! [24].
  • Arsenia, cachiño de uvas,/ vámoste depenicar,/ é-lo engano dos mozos,/ Arsenia, voute matar [25].
  • As mozas de Vilanova/ dicen que non beben viño/ e debaixo do mantelo/ levan o xarro escondido [26].
  • Bota viño, bota viño,/ dame viño, bota máis,/ que me quero pór borracho/ que me morreron meus pais [27].
  • Bota viño, taberneira,/ bota viño a fartare,/ que me morreu miña sogra/ e quérome emborrachare [28].
  • Bota viño, taberneira,/ que me quero emborrachar,/ que me morreu miña sogra/ i a morte vou celebrar [28].
  • Campiniño, Campiniño,/ ben te podes alabar,/ tes tres tabernas ó lado/ e bailes na sociedá [29].
  • Cando o río for pra riba/ i os carballos deren uvas/ han de ser homes de ben/ os homes das barbas rubias [30].
  • Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [31].
  • Cantar, quixera cantar,/ mais hoxe non teño folgo,/ rapaza, se me dás viño/ cantarei despois do golo [32].
  • Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
  • Cun anaco de pitillo,/ unha copa de augardente/ i o brazo dunha nena/ xa marcha un home contente [33].
  • Daime viño, daime viño/ que auga non podo beber:/ caeu un becho na fonte/ teño medo de morrer [34].
  • Dame un traguiño de viño/ para molla-la garganta,/ cantareiche como a rula,/ verás como a rula canta [35].
  • Dame un traguiño de viño/ pra molla-la miña gorxa,/ cantareiche unha cantiga,/ miña cariña de rosa [35].
  • Dame viño, dame viño;/ auga non cha podo ver./ Sonche desta condicion/ e con ela hei de morrer [36].
  • Dame viño, dame viño,/ auga non podo beber,/ sonche desta condición/ e coela che hei de morrer [37].
  • Debaixo do teu balcón/ hai unha parra con uvas,/ con licencia do teu pai/ viñen ver si están maduras’' [38].
  • Dame viño, dame viño,/ auga non podo beber,/ sonche desta condición/ e coela che hei de morrer [39].
  • De ise outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá peras no San Xoán,/ uvas blancas no xaneiro [40].
  • Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [41].
  • Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [42].
  • Directorio, Directorio,/ ti que demos ves faguer,/ que o viño que ten don Xoán/ xa se non pode beber [43].
  • Do poleiro, unha galiña,/ do fumeiro, un salchichón,/ viño verde, viño verde,/ veña acá un trambullón [44].
  • E se bebín, se bebín polo xerro,/ e se bebín, se bebín figuen ben; e se bebín, se bebín polo xerro/ era de noite, non me viu ninguén [45].
  • Estou rouco, estou rouco,/ estou rouco que o sinto,/ que me fixo enrouquecer/ un vaso de viño tinto [46].
  • Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime/ e non me puiden desemborrachar;/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar [47].
  • Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar,/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ e non me puiden desemborrachar [48].
  • Eu hei de irme ó Xurés/ con estas miñas amigas;/ habemos botar un neto/ i habemos mercar sardiñas [49].
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero pra as ameixas/ teño boas mañas.
  • Eu subín por unha viña/ e baixei por un chantón./ Quen che ha de querer a ti/ cara de gato ladrón [50].
  • Heiche de dar viño tinto,/ sopas de pan balorento,/ moza que falas comigo,/ mira que pérde-lo tempo [51].
  • Lévame no carro, leva,/ carreteiriño das uvas,/ lévame no carro, leva,/ comerei das máis maduras [52].
  • Lévame no carro, leva,/ carreteiriño das uvas,/ lévame no carro, leva,/ comereiche as máis maduras [53].
  • Lubeiriña ten a fama/ do bon viño i augardente,/ de las rapazas bonitas/ y de los hombres valientes [54].
  • Manoeliño, cacho de uvas,/ ímoste depenicar,/ tu es amigo das mozas,/ túa nai vaite matar [55].
  • Manoeliño foi por viño/ e quebrou o cantariño;/ mal polo xerro, mal polo viño,/ mal polo cu de Manoeliño [56].
  • Maruxa, monda o teu liño,/ non te vaias á taberna:/ pasei onte por alí,/ non sei si é liño si é herba [57].
  • Miña meniña pequena,/ quen che vai dar de mamar?/ Túa nai vai na vendima,/ o teu pai saíu ao mar [58].
  • Miña nai mandoume á herba/ ¡váiase á merda o fouciño!/ Ben me podía mandar/ furar a pipa do viño [59].
  • Miña Virxe da Subreira/ é amiga da goteira;/ póñenlle o carballo á porta,/ heille planta-la videira [60].
  • Moito me doi a cabeza/ que me quer cair ó chan;/ daime unha pinga de viño/ que ela me irá tendo man.
  • Montañesa, vén conmigo/ que nos imos prá ribeira/ onde se colleitan uvas,/ melocotós e mais peras [61].
  • Naquela banda do río,/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no outono/ uvas no mes de xaneiro.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
  • No alto de aquela serra/ ten meu pai unha tapada/ que dá uvas no xaneiro/ e llas non queima a xiada [62].
  • O crego que che casou/ debía de estar borracho/ porque non che preguntou/ se eras femia ou eras macho [63].
  • O paxaro de María/ foime ás uvas ó bacelo,/ tod’os paxaros ten pruma,/ o de María ten pelo [64].
  • O primeiro amor que eu teña/ ha de ser o dun arrieiro/ que non ten bota sen viño/ nin a bulsa sen diñeiro [65].
  • O Ribeiro é moi alegre/ polo tempo da vendima,/ que o veñen facer alegre/ as nenas de aló d’arriba.
  • O viño tinto emborracha,/ o blanco fai carrasqueira;/ máis quero tinto na boca/ que na man da taberneira [66].
  • Os amores que tu tes/ son os que xa eu deixei:/ andas apañando os bagos/ da viña que eu vendimei [67].
  • Os curas e os taberneiros/ teñen moito parecido,/ os curas bautizan nenos/ e os taberneiros o viño [68].
  • Os mociños que hai agora/ todos sentados nun banco,/ non daba por todos iles/ un vaso de viño branco [69].
  • Para pantrigo, Castilla,/ para buen vino, el Ribeiro,/ para rapazas bonitas/ viva Facós, que es mi pueblo [70].
  • Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [71].
  • Pensei coa risa toupar/ na festa de Vileriño/ ao ver aquelas mociñas/ todas borrachas de viño [72].
  • Quítate desa ventana,/ garrafón de malo viño,/ tódolos mozos que tes/ métochos eu nun bolsillo [73].
  • Quítate desa ventana,/ non seas tan ventaneira;/ taberna donde hai bo viño/ non necesita bandeira [73].
  • Saariño ten a sona/ de viños e de augardentes/ 'y de las muchachas guapas/ y de los hombres valientes' [74].
  • San Benitiño do ollo redondo,/ hei de ir alá, miña nai, se non morro,/ hei de levar unha bota de viño/ pra emborrachar ó San Benitiño [75].
  • Santiaguiño foi ó viño,/ moito tarda que non vén:/ ou quebrou a cantariña/ ou se namorou de alguén [76].
  • Señor San Benito novo,/ amigo da goteiriña,/ ten os carballos á porta,/ mandou pór a videiriña [77].
  • Señora María,/ Señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.
  • Si o río de Te/ fora de coñá/ máis de catro mozos/ irían alá [78].
  • Somos do canle de Cures,/ da raíz da carroucheira,/ sabemos bebe-lo viño/ como os guapos da ribeira [79].
  • Teño plantado un piñeiro/ por riba do meu tellado;/ cando o piñeiro der uvas/ estarei ó teu mandado [80].
  • Teño un amor na montaña,/ en Forcadas teño sete;/ a ti heicho da-lo si/ cando non veñas peneque [81].
  • Tiroliro, miña gaita,/ tiroliro, que che falta,/ te-lo viño na bodega/ i o pantriguiño na arca [82].
  • Tráigoche a cabeza rota/ cosida con fío negro;/ mira, Maruxiña, mira como veño,/ borracho de viño que xa me non teño [83].
  • Tráigoche unha borracheira/ de viño que me non teño;/ mira, Maruxiña, mira como veño,/ borracho de viño que xa me non teño [84].
  • Unha noite emborracheime,/ deille un bico á miña moza;/ dende aquela a coitadiña/ mórreseme coa vergoña [85].
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ por debaixo dunha viña/ si non a queres de galo/ comerala de galiña [86].
  • Vendimai, vendimadeiras,/ na vendima do meu pai;/ vendimai e comei uvas,/ que outra cousa non a hai [87].
  • Veña logo unha copiña,/ que a noite está de xiada;/ escorrentémo-lo frío/ i en honor do Neno vaia [88].
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos viño e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós [87].
  • Viva O Maño, viva O Maño,/ que é terra de moito pan,/ o forno da miña sogra/ bota uvas polo vran [89].
  • Vosté que matou o porco/ festexe ó Fillo de Dios/ dándonos algunha cousa,/ tragos de viño e lacós [90].
  • Xa non queiro home/ que me vaia ó mar;/ váiseme á taberna,/ vaise emborrachar [91].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. lúa.
  2. Adela Leiro, 39.
  3. Mariño Ferro (1985), 129.
  4. Mariño Ferro (1985), 217.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  6. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. ir.
  8. José Santiago Crespo Pozo, s. v. económico.
  9. José María Pereda Álvarez (1953), s. v. auga. No orixinal: É com'os burros da Limia, qu'apañan o viño e beben auga.
  10. Eladio Rodríguez González, s. v. cuba.
  11. Marcial Valladares Núñez (1884).
  12. Real Academia Galega 1913.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. mañán.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 32.
  15. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: éch’unha.
  16. 16,0 16,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 37.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: tua.
  18. Fermín Bouza Brey 1929, 186. No texto: mail-a, e a miña nai
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 30.
  20. Real Academia Galega.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 41. Carrasqueira, lugar poboado de carrascas ou queirogas (Erica sp).
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 42. No orixinal: quén.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 44.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 44. No orixinal: buscalo, boda.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 46. No orixinal: élo.
  26. Fermín Bouza-Brey 1929, 177.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  28. 28,0 28,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 53. No orixinal: morréu.
  29. Recollida en Palmeira (Ribeira), aínda que este lugar do Campiño pertenza á parroquia estremeira do Santa María do Xobre, do concello da Pobra. Fermín Bouza-Brey 1929, 202. No orixinal: ven, tés, ô lado.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 56. O refraneiro recolle moitos exemplos da consideración negativa dos “homes de barbas rubias” ("Líbrate Deus de home de bigote loiro, de can rabeno e de home pequeno", "Home de barba rubia, unha che di, outra che cuida").
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 58. Golo, sinónimo de grolo.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 66. ¿Erro por abrazo?
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 66.
  35. 35,0 35,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 66. No orixinal: mollala, cantareiche.
  36. Marcial Valladares Núñez.
  37. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: coéla, ch’hei.
  38. Álvaro das Casas, 216. No orixinal: liceneia [sic].
  39. No texto: dáme.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 68.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos. Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro son chourizos e castañas.
  42. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 71. Directorio era a chata dun home de Calvos de Randín, dedicado ó transporte de mercadorías na súa camioneta, alá no 1928.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 72. O único significado de trambullón é o de golpe forte que alguén se dá ó caer.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 76.
  46. Fermín Bouza-Brey 1929, 171.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 80.
  48. Fermín Bouza Brey 1929, 177.
  49. Xaquín Lorenzo Fernández, 81. A Nosa Señora do Xurés, a cuxa romaría alude esta cantiga, levántase no lugar de Vilameá, parroquia de Rio Caldo, concello de Lobios.
  50. Chantón é o pé de pedra que levanta a viña. Fermín Bouza-Brey 1929, 188. No orixinal: .
  51. Fermín Bouza-Brey 1929, 181. No orixinal: valorento, perdel-o.
  52. Saudade nº 4, xullo 1943, 28.
  53. Fermín Bouza-Brey 1929, 193. No orixinal: mais.
  54. Xaquín Lorenzo Fernández, 91'). Refírese ás terras do concello de Lobeira.
  55. Xaquín Lorenzo Fernández, 92. No orixinal: és, tua. Cacho é o mesmo que acio de uvas.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 92. No orixinal: .
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 235. No orixinal: paséi, erba. Xaquín Lorenzo localízara en Reigosa, pero non identifica este lugar.
  58. Xaquín Lorenzo Fernández, 98. No orixinal: tua.
  59. Fermín Bouza-Brey 1929, 188. No orixinal: â herba, â m... (por eufemismo).
  60. Xaquín Lorenzo Fernández, 103. No orixinal: plantala. Nosa Señora da Sobreira é padroeira de [[Ferreiros, Entrimo, Entrimo Na Galipedia, a Wikipedia en galego.|Ferreiros]], lugar da parroquia e concello de Entrimo.
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 104. No orixinal: ven, e máis.
  62. Xaquín Lorenzo Fernández, 108.
  63. Fermín Bouza Brey 1929, 186.
  64. Fermín Bouza-Brey 1929, 197. No orixinal: âs uvas, ô bacelo, todo-os, tên pruma (pero ten pelo).
  65. Gran Enciclopedia Galega: s.v. arrieiro.
  66. Xaquín Lorenzo Fernández, 127.
  67. Xaquín Lorenzo Fernández, 124. No orixinal: tú, deixéi, vagos.
  68. Álvaro das Casas, 193.
  69. Xaquín Lorenzo Fernández, 125.
  70. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. Cantiga castelá recollida na Limia, na que a única tradución foi a introdución de topónimos locais.
  71. Fermín Bouza Brey 1929, 172. No texto: Noya, Són.
  72. Xaquín Lorenzo Fernández, 133. San Xes de Vilariño é parroquia do concello de Lobeira.
  73. 73,0 73,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 139. No orixinal: de esa.
  74. Refírese a San Estevo de Saiar, unha parroquia de Caldas. Fermín Bouza-Brey 1929, 172.
  75. Xaquín Lorenzo Fernández, 141. Xaquín Lorenzo non localiza este San Benitiño. San Bieito celébrase, maioritariamente, o 11 de xullo, aínda que o 21 de marzo é o San Bieito de inverno.
  76. Xaquín Lorenzo Fernández, 141. No orixinal: ven.
  77. Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
  78. O río Te (ou río da Torre) atravesa a parroquia de Taragoña, en Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 187.
  79. A carroucheira, tamén chamada carpaza, urce ou uz, é unha planta arbustiva das Ericáceas. Refírese a Cures, unha parroquia de Boiro. Fermín Bouza-Brey 1929, 172.
  80. Xaquín Lorenzo Fernández, 150. No orixinal: dér.
  81. Xaquín Lorenzo Fernández, 151. No orixinal: dalo, sí. As Forcadas é lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, no concello de Bande. Peneque é borracho.
  82. Xaquín Lorenzo Fernández, 155. No orixinal: telo.
  83. Xaquín Lorenzo Fernández, 156)
  84. Xaquín Lorenzo Fernández, 156.
  85. Xaquín Lorenzo Fernández, 159.
  86. Fermín Bouza-Brey 1929, 182. No orixinal: â m... (por eufemismo), de unha, non-a.
  87. 87,0 87,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 161.
  88. Xaquín Lorenzo Fernández, 161. No orixinal: escorrentemolo, neno.
  89. O Maño (ou O Xobre) é parroquia da Pobra do Caramiñal. Fermín Bouza-Brey 1929, 195. No orixinal: pol-o.
  90. Xaquín Lorenzo Fernández, 163.
  91. Xaquín Lorenzo Fernández, 164.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALONSO RIVAS, Alicia María, e ALONSO, Eliseo: "Atadeiras de A Guardia", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 10. Museo do Pobo Galego 1988, 129-132.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.
  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • Ramón Anxo Martíns Seixo: "'Perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe'. Unha aproximación aos campos semánticos da comida e da bebida na fraseoloxía galega", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 463-486.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.

Outros artigos[editar | editar a fonte]