Saltar ao contido

Peto de ánimas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peto de ánimas en Santa María de Cenlle

Os petos de ánimas son unha construción normalmente en pedra na que se representan as ánimas dos defuntos, no purgatorio, co obxectivo de provocar unha oración e recadar esmolas para aliviar os seus sufrimentos e abreviar o tempo de castigo antes de poderen acceder ó ceo. Son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas, e poden verse distribuídos por toda a xeografía galega e en Portugal[1], onde reciben o nome de alminhas. Algunhas veces están vencellados ós cruceiros.

Tódolos construídos con anterioridade a 1901 están catalogados como bens de interese cultural.[2]

Tamén comprenden eses pequenos petos de man, feitos en madeira, que se utilizan nas igrexas para pedir esmolas ós fieles, tamén chamados boetas[3] e esmoleiros.

O nome obedece á combinación dos termos peto (onde se deixan as esmolas) e ánimas (almas no purgatorio esculpidas ou pintadas no retablo).

Poden ser propiedade da igrexa parroquial, comunais ou particulares. Neste último caso, o dono entrega ó crego todo o que se recaude.

Significado

[editar | editar a fonte]
Peto de ánimas en Aguasantas

Coa introdución da idea do purgatorio a partir do século XII e a súa formulación definitiva como dogma de fe no Concilio de Trento (1545-1563),[4] esténdese a doutrina de que a persoa que morre en pecado venial debe sufrir un castigo, variable segundo a gravidade dos seus pecados, nun lugar denominado purgatorio. Os familiares, amigos, veciños, etc poden reducir o tempo que a súa alma ha de ser castigada ou o sufrimiento inflixido por este castigo mediante oracións, misas e esmolas. E para centralizar estes actos piadosos constrúense os petos de ánimas, ante os que se reza[5] ou nos que se deposita esa esmola, nunha caixa ó efecto. Tamén foi moi común a entrega de esmolas en especie (pan, espigas de millo, etc[6]), que o crego da parroquia se encargaba de administrar ou facer unha poxa, do mesmo xeito que con ese diñeiro celebra misas polos defuntos. Unha vez liberadas as almas, intercederán desde o ceo por quen fixo a ofrenda, de xeito que a acción pretende tanto procurar a salvación das almas dos mortos como tamén de se asegurar a propia.

Era tradicional reservar con este fin aquelas espigas de millo que se forman unidas pola base, de xeito que toman unha forma piramidal na que a espiga principal parece levar consigo as espigas secundarias. Coñécense como espigas das ánimas.

Eladio Rodríguez define os petos como monumentos de piedade campesiña, que obedecen á devoción e ao respecto que inspiran no noso país as almas dos antepasados.[7]

Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou, colectivamente, polos veciños dun lugar, como adoito se fai constar nas inscricións que se fan a carón do peto, sempre en castelán. O máis común son as peticións directas: "Hermanos, acuérdense de las ánimas" ou "Pasajero que vas andando, socorre las almas que están penando". Tamén existen advertencias como, por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) no que se le: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Noutros casos tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E lémbrase que as oracións ou esmolas recibidas terán a súa recompensa: "Rogad por nos, Señor, y socorrednos con vuestros sufragios que nós pidiremos por vós". Non se ten constancia da autoría en ningún caso se ben resulta posible atribuír a un mesmo artista dous ou máis petos próximos entre si.

Segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.[8]. Segundo Mariño Ferro a maioría dos petos construíronse nos séculos XVIII e XIX, e algúns no XX.[9] En Ourense, os exemplares máis antigos dos que consta a data de construción son un peto do Pereiro de Aguiar (de 1736) e outro de Lobios (de 1743).[10]

Localización, estrutura e iconografía

[editar | editar a fonte]
Peto de ánimas en Bora

Poden estar colocados en calquera lugar: igrexas, camiños, rúas, fontes, etc, aínda que adoitan estar nos lugares máis transitados polos veciños (prazas públicas, entrada ou saída do lugar, próximos á igrexa parroquial) para incitar a caridade dos transeuntes. Ás veces están unidos a un cruceiro[11], outras veces acaroados a un muro e tamén illados doutras estruturas, como elementos exentos, independentes. Tamén as súas dimensións son moi variadas, desde os máis simples (unha cruz gravada na pedra, simplemente, ou a imaxe dun santo ou dunha alma) ata os máis historiados e de gran tamaño.

Peto de ánimas en Cesantes

A estrutura tamén é variada, se ben adoitan ter un corpo central formado por unha fornela ocupado por un retablo no que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto debaixo para botar as esmolas. Este corpo central apóiase sobre unha base rectangular a modo de repisa (na que se abre a caixa para as esmolas, pechada cunha portiña de ferro cunha rañura para poder introducir as moedas[12]) e adoita estar protexido por unha cuberta a dúas augas a modo de frontón triangular ou semicircular, rematado cunha cruz central, e estar pechado por unha reixa de ferro que pretende evitar vandalismos. Pode haber, naturalmente, elementos decorativos, como columnas, pilastras, cornixas, etc. Como no caso dos cruceiros, os petos tamén estaban policromados con cores rechamantes, que se conservan mellor que naqueles ao ser repintados periodicamente por algún veciño, e polo simple feito de estar resgardados dos rigores da chuvia e a erosión.

A iconografía adoita consistir na representación, en dous rexistros diferenciados, das ánimas do purgatorio, en número variable e distribuídas en unha ou dúas ringleiras, entre as lapas que representan o castigo ó que están sometidas; preséntanse sempre de pé, núas, coas mans unidas rezando ou abertas como clamando perdón. Adoitan estar cubertas ata a cintura polas lapas pero tamén se poden reducire a simples cabezas; a diferenza de sexos exprésase pola lonxitude do cabelo e non polos trazos anatómicos propios. Entre estas ánimas non faltan figuras das clases sociais máis favorecidas (reis, bispos, cregos) que se identifican facilmente por estar coroados pola mitra, tiara ou a coroa, ou mostrar a tonsura dos eclesiásticos; así quérese reflictir a igualdade de todos, nobles e plebeos, ante a xustiza divina. En ocasións pode existir un rexistro inferior que representa o inferno, con demos, grellas, etc, pero son casos excepcionais. Tamén é excepcional representar as ánimas dentro dun caldeiro entre chamas, que fai lembrar o caldeiro de Pedro Botero, é dicir, o inferno, nunha transposición figurativa equivocada.[13]

Sobre as figuras das ánimas móstrase nun rexistro superior o ceo, desde o que a Virxe do Carme e San Francisco de Asís, ou ben Santo Antón. A Virxe recolle as almas co seu escapulario e San Francisco ou Santo Antón coa corda que usaban os franciscanos a modo de cinto. Non son infrecuentes os petos nos que só aparece a Virxe ou San Francisco, así como os casos nos que se esculpen outras figuras -substituíndo ou acompañando ás anteriores-, como Xesucristo[14], o San Miguel Arcanxo[15], a Trindade ou anxos. O Papa Xoán II declarou en 1322 que a Virxe se lle apareceu e lle prometeu descender ao purgatorio os sábados para salvar almas, e no século XV xa aparece na pintura asociada ao purgatorio; en Galicia crese que os que morren en sábado van directamente ao ceo.

O culto aos petos de ánimas

[editar | editar a fonte]

Resulta- ou resultaba- habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles reza para agradecer algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores e candeas no seu recordo.

Conservación e protección

[editar | editar a fonte]

Nin a devoción popular nin a catalogación como patrimonio artístico impediu que moitos petos terminaran arruinados, vítimas de roubos e abandonados ós efectos da súa situación á intemperie.

A escritora Emilia Pardo Bazán, veraneante asidua do balneario de Mondariz calificaba en 1887 estas construcións de espantajos e fetiches de tribu neo-zelandesa, instando á súa demolición; tamén rexeitaba as pinturas de vivas cores e pedía que, se non se demolían coa piqueta, cando menos repicar a superficie e devolver á pedra a súa cor propia. Chegou a denunciar os petos ante o bispado de Tui por consideralos motivo de perversión estética y religiosa. Mesmo fai chiste da distribución das figuras de cregos, enriba, e de mulleres, debaixo. O concello de Mondariz tomou boa nota e, cando ao ano seguinte a condesa volveu ao balneario, puido engadir unha nota ao pé do seu artigo decindo que "tuve el gusto de ver que los retablos de ánimas han desaparecido".[16]

Todo o contrario que Fermín Bouza-Brey quen, en 1925, escribía "Do arte popular e de unha das suas manifestazóns", onde defendía a necesidade do estudo desta expresión da arte popular (ademais de criticar a actitude da condesa).

Moitos outros autores veñen insistindo nesta mesma preocupación:

"Tanto os cruceiros como os petos de ánimas con obras moi vulnerables pola súa configuración formal e pola súa situación exenta e eminentemente rural, estando frecuentemente ameazados polas intensas obras de infraestrutura que moitas veces se acometen sen o debido control e respecto por estas construcións e por outras similares. Todo iso reflíctese no proceso de degradación e incluso desaparición que están a sufrir estes monumentos ao longo do territorio galego"
(Juan José Burgoa Fernández, px. 85)
  1. Especialmente no sur de Galicia e norte de Portugal.
  2. Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, artigo 92: Hórreos, cruceiros e petos de ánimas [1]

    1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

    […]

    2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico. — Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

  3. "Caixa na que se recollen as esmolas nas igrexas ou noutros lugares. 'Na igrexa había unha boeta para cada santo e outra para as ánimas'" (DRAG, consultado o 20.07.2024).
  4. Que veu pechar as fortes controversias sobre o tema que se documentan, como mínimo, desde o Concilio de Lión de 1274.
  5. A esta acción de rezar con este obxectivo coñécese como sacar ánimas (Eladio Rodríguez, s. v. ánima).
  6. Na Misa de Defuntos era tradición ofrecer ás ánimas diferentes produtos agrícolas, como centeo, millo, patacas, castañas. Yolanda Barriocanal testemula a pervivencia deste costume na Xironda (Cualedro) e en San Pedro da Mezquita (A Merca).
  7. Diccionario enciclopédio gallego-castellano, s. v. peto.
  8. Yolanda Barriocanal, px. 23.
  9. Mariño Ferro, s. v. peto de ánimas.
  10. Yolanda Barriocanal, px. 24.
  11. De modo que a representación do purgatorio está na base do varal ou o peto está arrimado ó cruceiro.
  12. Na sección "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza" do número 25 da revista Nós recóllese a seguinte crenza: "O que mete a uña no peto de ánimas andará despois de morto, vagando de noite polo sitio no que cometeu o pecado buscando algún famiuliar ou amigo que queira trocar en ben o mal que fixo, pois mentres no restitúa o que roubou ou non arranxe o que desfixo, non terá repouso na morte" (citado por Yolanda Barriocanal, px. 34).
  13. Por exemplo, e Muros ou en San Munio de Veiga (A Bola).
  14. Como no peto da Xesteira, en Castrelo, Cambados; ou en Bora (Pontevedra), onde as figuras de dúas acompañan a Cristo.
  15. No seu papel de xulgador das obras boas e malas no Xuízo Final mediante a pesaxe das almas (psicostasis).
  16. Emilia Pardo Bazán: "El país de las benditas ánimas", en De mi tierra, Mondariz, 1887, 266ss. Información citada de Yolanda Barriocanal López (px. 16) e Castelao (px. 137).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Rodríguez Puentes, E.; Abad Gallego, J. C. (1990). Cruceiros, cruces e petos de ánimas no concello de Vigo. Concellería de Cultura. ISBN 84-505-9318-2. 
  • Barriocanal López, Yolanda: "Arte popular. Los petos de ánimas", en Boletín Avriense anexo 3, Museo Arqueolóxico Provincial, Ourense 1985.
  • Bas, Begoña,en Gran enciclopedia galega, s. v. peto de ánimas.
  • Burgoa Fernández, Juan José: Cruces, cruceiros e petos do Camiño Portugués en Galicia, Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, Vigo, 2005.
  • Castelao: As cruces de pedra na Galiza, Akal 1990, 131-137.
  • Fernández de la Cigoña Núñez, E. (1998). Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Ir Indo. 
  • Mariño Ferro, Xosé Ramón e González Reboredo, Xosé Manuel: Dicionario de Etnografía e Antropoloxía de Galicia, Nigratrea, Vigo 2010.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]