O cuco na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eladio Rodríguez [1] asegura que en Galicia se di que a femia do cuco pon os seus ovos nos niños alleos porque ela non pode chocalos, debido a que o seu peito non transmite a calor necesaria. Este feito fai que se considere esta ave como o símbolo do egoísmo, e representación da infidelidade conxugal.

Dise tamén que o cuco sabe enganar ás outras aves e que a súa chegada é o anuncio da primavera. Se, cando vén, faino voando sobre os montes, augura boa colleita, pero se o fai sobre terras sementadas, a colleita será mala [2].

Outra crenza relacionada co cuco é que quen escoita o seu canto en xenún terá moita sorte e vivirá moitos anos; pero que se o canto do cuco lle colle estando aínda na cama, terá preguiza durante todo o verán. Cando os rapaces van ós niños coidan de non falar nada de nada para que o cuco non o descubra e coma os ovos; igualmente, se logo falan do niño entre si non mencionan os ovos polo seu nome, senón baixo o nome de seixos, co mesmo obxectivo de que o cuco non saiba deles.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Cuco: arneiro, arneste [3].
  • Cuco: lapa [4] [3].
  • Cuco: peixe, escacho (Trigla cuculus, agora Chelidonichthys cuculus). O peixe emite un lixeiro ronquido que lembra ó canto do cuco; nótese que o nome científico inclúe o cualificativo cuculus [3].
  • Cuco: que de todo saca proveito [5].
  • Cuco rei: un dos múltiples nomes que recibe a xoaniña (Coccinella septempunctata). As mozas que queren casar colocan este insecto na palma da man e din: "cuco-rei, cuco-rei, ¿por onde amores terei?", e segundo a dirección que tome cando arranque a voar, cren de por alí virá o noivo esperado. Tamén lle preguntan os rapaces polos anos que van cumprir: colócanlle na palma da man e pregúntanlle: "cuco-rei, cuco-rei, ¿cántos anos vivirei?", e axiña comezan a contar apresuradamente, de forma que cren que o número ó que chegaran cando a xoaniña arranca a voar, serán os anos que vivirán [1].
  • Cucar: axexar, espreitar [2].
  • Cucar: fest. morrer [6].
  • Cucar, cucarse: levantarse unha montura das mans dianteiras e tirar ó xinete ó chan.
  • Cucar: cativar, atraer, agradar (aquela muller xa non cuca a ninguén) [7].
  • Cucar: terminar ou dar por rematada unha amizade (dispóis do que me fixo, pra min cucou) [7].
  • Cucar: campar ou presumir.
  • Barbas de cuco: pequena planta que nace ó bordo dos camiños [6].
  • Calzas de cuco: pequena planta de flores brancas en forma de campá. Coa descrición da fonte resulta imposible identificala [6].
  • Flor do cuco, herba do cuco: planta (Lychnis flos-cuculi) [8].
  • Mazán de cuco: bugallo do carballo [2].
  • Mel de cuco: planta cuxa flor chuchan os rapaces por acumular un líquido doce coma o mel. Tamén, o zume que deitan os troncos dalgunhas árbores froiteiras e que seca sobra a casca [9].
  • Ovo de cuco: cogomelo, peido de lobo (Lycoperdon perlatum) [10].
  • Pan de cuco: planta chamada aleluia (Oxalis acetosella)[8].
  • Pan de cuco, pan do cuco: herba leguminosa (Vicia hirsuta, Vicia sativa) [8].

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Estar contento coma un cuco
  • Máis contento que un cuco
  • Onde canta o cuco: dise despectivamente dunha leira que está moi lonxe do lugar [11].
  • Ouviu cantar máis de catro cucos: dise dunha persoa entrada en idade [1].
  • Por mala parte véuche o cuco: dise ante unha noticia que non merece creto [11].
  • Ser coma un cuco: ser listo, espelido.
  • Ser máis listo ca un cuco: ser moi habilidoso e espelido.
  • Ser moi cuco: ser habilidoso e espelido.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Cando canta o cuco logo vèn o grau ó suco [1].
  • Coa chegada do cuco vén o pan ó suco [1].
  • Dendes que vén o cuco, fóra o pulpo [1].
  • Des que chega o cuco, logo vén o pan ó suco.
  • Desde que vén o cuco, fóra o pulpo [12].
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.
  • Entre marzo e abril, o cuco, ou a fin.
  • Entre marzo e abril o cuco quere vir.
  • Entre marzo e abril o cuco ten que vir, e se o cuco faltara a fin do mundo volvera.
  • Entre marzo e abril, ou ha vir o cuco, ou a fin.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, que coa neve non quer vir [13] [14].
  • Entre marzo e abril sai o cuco do cubil, pois coa neve non quer vir [1].
  • Entre marzo e abril, se non vén o cuco quer vir a fin [15].
  • Entre marzo e abril, se non vén o cuco, quer vir a fin [16] [17].
  • Entre marzo e abril, se non veu o cuco quer vir a fin [1].
  • Mentres canta o cuco, non comas raia nin pulpo [18].
  • No abril, di o cuco vivo; e no maio: revivo [19].
  • No abril sai o cuco do cobil [1].
  • No abril sai o cuco do cubil [20].
  • No mes de marzo e abril o cuco ha de saír, se ós tres meses non volveu é porque morreu.
  • No tempo do cuco, á mañán me mollo e á tarde me enxugo [1].
  • O cuco e o predicador, canto máis altos, millor [1].
  • O cuco no abril vive, e no maio revive [1].
  • O cuco no abril xa sai do cobil [1].
  • Ó cuco non lle cuques, e ó ladrón non lle furtes [1].
  • Ó cuco, san Xoán dálle a fala e san Pedro sácalla.
  • O dez de san Xoán recolle a cuquela e o trinta se vai.
  • O día de san Benito sae o cuco do seu sitio [21].
  • Ós comenzos de abril o cuco ten que vir; e se non volveu, ou prendérono ou morreu [1].
  • Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela, e a ruliña non rulea, mala cosecha se espera.
  • Se en marzo ou abril o cuco non vén, quer vir a fin [22].
  • Se, entre Marzo e Abril, o cuco non vén, é que o cuco é morto ou a fin quere vir [2].
  • Se entre marzo e abril o cuco non veu é sinal que morreu ou é sinal do fin.
  • Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ó cuco lle pasou [1].
  • Se non sal o cuco antes do trece de abril, ou morreu o cuco ou virá a fin.
  • Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco, ou quer vir a fin [23].
  • Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir a fin [24].
  • Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir ó fin.
  • ¿Van os cregos ó concello? Tren o cuco no capelo.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Cantigueiro
  • Á túa porta, meniña,/ hai un pé de sabugueiro;/ cada vez que vén o cuco/ elí ten o paradeiro [25].
  • Agora que ven o cuco/ tamén ha vir a bubela;/ Déixame dormir un sono/ na tua cama de pedra [26].
  • As neniñas de Rianxo/ pagan as rendas ó cuco,/ eu como son rianxeira/ ¡tócalle o pito, Farruco! [27].
  • Canta cuco, canta cuco,/ na casiña da bubela;/ coitadiña da meniña/ que lle chove na capela [28].
  • Canta cuco, canta cuco,/ na rabela do arado;/ as mulleres antre os homes/ é un gando mal gardado [29].
  • Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ canta cuco, canta cuco,/ que o tempo vaiche acabado [30].
  • Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ que as mulleres de Gaiás/ ten a cara de borrallo [31].
  • Canta cuco, canta cuco,/ que xa cantou a bubela;/ cantan os bechiños todos/ no tempo da primaveira [32].
  • Canta o cuco, canta o cuco,/ pois non ten máis que faguer;/ pra tu disputar conmigo/ tes que volver a nacer [33].
  • Canta o cuco e maila lebre,/ o reiseñor e maila ran,/ canta ti, miña primiña,/ canta ti co meu irmán [34].
  • Canta o cuco e maila ran,/ o reiseñor maila lebre,/ canta rapaciña, canta,/ canta que ben che convenche [35].
  • Catro aves escollidas / son as que pasan o mar: / o cuco e a andoriña, / a rula e o paspallás.
  • Catro aves voadoras / son as que pasan o mar: / a anduriña e mailo cuco, / a rula i o paspallás.
  • En Queguas canta o cuco,/ en Vilar a cabra vella,/ en Véncias cantan os anxos/ que é a flor da nosa terra [36].
  • Eu ben vin esta-lo cuco/ na cima dun castiñeiro,/ cunha subela na mau,/ aprendendo a zapateiro.
  • Eu ben vin esta-lo cuco,/ por debaixo dun loureiro,/ eu non me caso contigo,/ demonio de lacaceiro [37].
  • Eu ben vin estar o cuco/ enriba dun castiñeiro/ cunha subela na man/ deprendendo a zapateiro.
  • Eu ben vin estar o cuco/ na póla dun castiñeiro/ cunha subela na mau/ aprendendo a zapateiro [38].
  • Quen ouviu cantar o cuco/ tamén ouviu a bubela;/ xa te podías calar/ ouvidos de parouvela [39].
  • Teño unha galiña chòca/ e ham'a de come-l-o cuco./ Pèga tres vòltas n'o aire./ Tòcall'o pito, Farruco [40].
  • Tres avechuchos/ pasan o mar:/ o cuco, a rula/ i o paspallás [41].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. cuco.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Elixio Rivas Quintas 1978.
  3. 3,0 3,1 3,2 M. Carme Ríos Panisse 1977.
  4. Juan Manuel Pintos Villar, s. v. cuco.
  5. Juan Manuel Pintos Villar.
  6. 6,0 6,1 6,2 Constantino García González.
  7. 7,0 7,1 Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. cucar.
  8. 8,0 8,1 8,2 E. Losada, J. Castro e E. Niño: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  9. Aníbal Otero Álvarez: Piquín.
  10. Aníbal Otero Álvarez: Hipótesis.
  11. 11,0 11,1 José María Pereda Álvarez: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral (1953).
  12. O cuco chega a España entre marzo e abril. Lino Lema Bouzas, 4.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo. No orixinal: sai.
  14. Real Academia Gallega 1913, s. v. abril. No orixinal: sal, co’a.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  17. Real Academia Gallega 1913, s. v. abril. No texto: ven, o fin.
  18. Eladio Rodríguez González, s. v. cuco. No orixinal: mentras.
  19. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No texto: .
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  21. San Bieito, 11 de xullo.
  22. Crese que se non vén o cuco nestes meses haberá grandes desgracias. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: víchelo.
  24. Eladio Rodríguez González, s. v. cuco. No orixinal: víchelo.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 51. No orixinal: ven.
  26. Real Academia Galega 1913, s. v. bubela. No orixinal: a vir.
  27. Fermín Bouza Brey 1929, 177. No orixinal: ô cuco.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 57.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 216.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 57.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 57. Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou no concello de Lobeira.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 57. No orixinal: cantóu.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 58.
  34. Fermín Bouza Brey 1929, 167. No orixinal: mail-a, rán.
  35. Fermín Bouza Brey 1929, 167. No orixinal: mail-a, rán.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 74. No orixinal: Rueguas. Xaquín Lorenzo di que a forma oficial é Venceás, aínda que os veciños digan Véncias, pero no Nomenclátor atopamos Venceáns (San Tomé), parroquia do concello de Entrimo. Na parroquia só hai os tres lugares ós que fai mención a cantiga: Queguas, Vilar e Venceáns.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: estalo, de un.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 229. No orixinal: pola, de un. Recollido en Fontefría, que Xaquín Lorenzo non identifica pero que probablemente sexa a parroquia do concello de Amoeiro.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 138. No orixinal: ouvíu. O cuco e a bubela volven a Galicia nas súas migracións na mesma época, por iso quen escoita un, escoita a outra. Parouvela non se recolle nos dicionarios.
  40. Marcial Valladares Núñez.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 218.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]