O coello na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A seguir recóllese a pegada do coello na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Coello común

En Cambados, para cura-la decipla (erisipela), untan a parte enferma con sangue de coello. Tamén se cre que se unha muller embarazada come carne de lebre ou de coello, o meniño dormirá despois cos ollos abertos.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Coello: borracheira, en Verín (Constantino García González).
  • Conexo de mar: denominación común de certo molusco gasterópodo coñecido como borrachas (Aplysia punctata); outras denominacións populares son as de limacha do mar, meiga do mar, porco do mar, teta do mar e, en castelán, liebre de mar [1].

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Coello de dous tobares: dise de quen sempre ten recursos, solucións ou saídas [2].
  • Parir como unha coella: dise da muller que ten moitos fillos, e moi seguidos [3].

Refraneiro[editar | editar a fonte]

O coello, por san Xoán, e a perdís por Navidá.
  • A abellariza e o coello, no monte vello.
  • Cada coello no seu tobo arránxase de calquera modo.
  • Can alcuceiro, nunca bo coenlleiro [4].
  • Coello de dispensa, cazador e labrador, fame no comedor.
  • Des que fuxiu o coello, viu o consello.
  • Do tempo dos coellos non hai couselos [5]
  • ¡Inda o demo ten cara de coello! [6]
  • Labrador cazador, coellos na despensa, e fame no comedor.
  • Labrego cazador, coellos na cociña e fame no comedor.
  • Labrego cazador, coellos na lacena e fame no comedor.
  • Labrego e cazador, coello na cociña e fame no comedor.
  • No tempo dos coellos non hai consellos.
  • O coello, por san Xoán, e a perdís por Navidá.
  • Ó abade vello, polos e coello.
  • Ó axexo, un coello; á lusada, carallada.
  • Ó coello e ó vilán, mételle man.
  • Ó coello fuxido, consello vido.
  • O demo ten cara de coello.
  • Polo San Miguel xa o coenllo se ve ben [7].
  • Polo Santiago esconde o coello o rabo, e por san Miguel vólveselle a ver.
  • Por Santiago esconde o coello o rabo; e por San Miguel, vólveselle ver [8].
  • Probe do coello que non ten máis que un tobo.
  • Se os coellos morreran con palabras, cantos matabas.
  • ¡Vaia, que o demo ten cara de coello!

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Cando a lebre diga misa/ e o coello seia abade,/ deixarei o meu querer/ por coller a túa amistade [9].
  • Catalán de Cataluña,/ barbas de coenllo manso,/ non lle quites ó galego/ dúas horas de descanso.
  • Catalán de Cataluña,/ barbas de conexo manso,/ ¿por que non dás ó galego/ unha hora de descanso? [10].
  • Ollos blancos, ollos negros,/ tenos a miña cadela/ para ir corre-los coellos/ nos montes de Paradela [11].
  • Os mociños, os de agora,/ todos son escopeteiros;/ pensan que tiran aos coellos/ e tíranlle aos carballeiros [12].

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Redondo como un queixo/ e chirla coma un coello.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carmen Ríos Panisse (1977).
  2. Miguel Rubinos Conde 2013.
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. parir. No orixinal: cuenlla.
  4. Chámase alcuceiro ó home que lle gusta estar metido na cociña; a alcuza é a aceiteira. Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  5. Posible erro por consellos.
  6. Risco, que recolle esta peculiar descrición do demo, engade que "Non sabemos ben o que se quer decir" (Vicente Risco, 437).
  7. San Miguel, 28 de setembro. Eladio Rodríguez González, s. v. San Miguel.
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. Santiago.
  9. Saudade nº 4, xullo 1943, 27.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 218. Recollida en Muros.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. No orixinal: correlos. Refírese a San Xoán de Paradela de Abeleda, parroquia do concello de Porqueira, na comarca da Limia.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 125.
  13. Solución: a roldana do pozo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]