A muller na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A leiteira por Ramón Conde, Ourense.
O home dirixe a arada.

A seguir recóllese a pegada da muller na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Cómpre advertir que a literatura oral, tanto a galega como a universal, está impregnada dunha clara misoxinia que reflicte o sentir popular das épocas nas que aquela foi xurdindo. Debe interpretarse, xa que logo, cunha perspectiva histórica sen translación a valores actuais.

Contexto[editar | editar a fonte]

Na repartición de traballo que segundo idade e xénero se fai na Galicia tradicional, a muller ademais das tarefas que ten asignadas fóra da casa, ten ao seu cargo as relativas á preparación da comida, aos labores domésticos e ao coidado dos que non se poden valer. Cando á noitiña se volve para a casa, aínda queda para a muller moito por facer: acomodar aos animais, muxir as vacas e preparar a cea. Como sociedade patriarcal que é, na Galiza tradicional o lecer das mulleres está sempre asociado a tarefas colectivas exclusivamente femininas como as do liño ou lavar a roupa, mentres que os mozos e os homes tiñan a taberna e os xogos de adultos, como a chave ou os birlos, para o seu tempo de descanso.

Así, a actividade habitual do home comprendía aqueles traballos que parecían requirir máis forza ou aqueles que precisaban de desprazamentos ou estancias máis ou menos prolongadas fóra da casa. Por exemplo, na Galiza litoral eran eles os que saían ao mar desde ben noviños, mentres as mulleres quedaban a cargo do marisqueo, da descarga das redes e da venda dos produtos obtidos na pesca, á parte claro está, de horta, gando e casa; ou no caso da actividade agrogandeira, eran os homes os que na malla do centeo manexaban o mallo sendo elas as que erguían o gran.

Todo isto como norma xeral que conta con moitas excepcións. Non resulta inhabitual atopar refráns, contos ou cantigas nas que son as mulleres as que realizan traballos supostamente reservados aos home. Xa aos romanos, sociedade tamén patriarcal e cunha clara división dos traballo por xénero, chamáballes a atención que as galegas realizaran tarefas que eles consideraban reservadas ós homes:

[Os homes] rexeitan calquera outro labor e déixano para as mulleres. Aínda repugna ó marido botar o gran nos sucos abertos e non se considera na obriga de romper a dura terra co penetrante e corvo arado. Para a muller non hai punto de acougo, nin molestia nin incesante fatiga que non lle incumba. Todo canto non sexa a lide e o exercicio de Marte, todo é penosa obriga da muller do galaico

Descricións como estas contribuíron á creación dunha imaxe errónea de matriarcado na sociedade tradicional galega.

A muller adúltera, na fachada das Praterías da Catedral de Santiago.[2]

Por suposto que a situación de control e sometemento da muller ao home vese lexitimada e reforzada pola imaxe que a relixión transmite da muller como obxecto de tentación para o home e fonte do pecado. Desde Eva, na tríade das tentacións do home, mundo, demo e carne, a muller representaba a terceira:

Se os homes visen o que hai baixo a pel das mulleres, daríalles náuseas. E se non podemos tocar coa punta dos dedos un esputo ou a bosta ¿como imos desexar abrazar ese saco de excrementos? (Odón, abade de Cluny)[3]

As distintas fases na vida da muller[editar | editar a fonte]

Coa menstruación[editar | editar a fonte]

A menstruación é un dos tabús máis estendidos e xerou un amplísimo léxico eufemístico:

  • cousas de mulleres [4]
  • andar/ estar mal ou mala
  • estar indisposta
  • andar/ estar de mes, estar co mes

Pero en moitas ocasións este léxico tínguese de matices humorísticos:

  • andar de arrieiro
  • andar coa tía María, vir a tía María
  • andar co señorito, vir Pepito Corchea [5]
  • andar o San Xoán, chegar o San Xoán
  • andar de ringo rango [6]
  • ter a bandeira roxa [7]
  • ter os pintores na casa
  • estar o campo mollado
  • estar o porto cerrado

Críase que a menstruación consistía na expulsión de principios tóxicos ou enfermos da muller. Plinio o Vello afirmaba que o sangue menstrual era tan velenoso que abondaba co seu vapor ou o seu contacto para agria-lo viño novo, de modo que as mulleres coa regra non poden entrar nunha adega porque se estragaría o viño todo. Outras consecuencias poden ser esteriliza-las sementes, mata-los enxertos etc. Pola contra, a presenza nun barco dunha muller coa regra evitaba e protexía das treboadas (RODRÍGUEZ LÓPEZ).

O home é quen mata o porco, a muller recolle o sangue.

Na mata do porco, a tradición esixe que a muller que recolle o sangue non podía te-la regra, porque en tal caso estragaríase o sangue con seguridade. Mesmo hai lugares nos que as mozas, en xeral, non podían axudar a face-los chourizos, estremando a precaución, pois podían estragalos a causa do seu sangue menstrual; nin sequera podían come-las filloas (Mandianes Castro).

As mulleres coa regra poden botar mal de aire. Para recoñece-la causa, na Pobra do Caramiñal cobren o meniño enfermo con follas de aro e colocan por riba unha toalla de damasco durante 24 horas, sen poder cambialo. Pasado este tempo, a mesma persoa que fixo a operación descobre o rapaz e marcha con todo ó muíño máis próximo. Alí bota as follas por riba do cubo do muíño quedándose coa toalla, na que aparecerán as manchas do menstruo, se foi unha muller a causante da enfermidade, ou os pelos da gata, se foi este animal (Lis Quibén). No dicionario de Marcial Valladares, ó falar da herba do aire, di que hai que coce-las follas, picadas a modo de tabaco, e que con ese cocemento se lava o meniño durante nove noites seguidas, de abaixo arriba, quedando nesa auga as probas da orixe do meigallo: plumas se foi unha galiña, pelos se foi un gato ou unha muller (Lis Quibén).

Outra forma de bota-lo meigallo é dar a beber viño ou a comer doces ou froitas -especialmente mazás, en lembranza da tentación de Eva-, que foran tocadas ou picadas cunha agulla ou alfinete mollados co sangue menstrual, fluxo branco ou ouriños da muller (Lis Quibén[8]).

Disque os lagartos arnaus se botan ou perseguen ás mulleres que teñen a regra (Adela Leiro).

Para cura-lo torzón das bestas (cólicos) hai que darlles a bebe-la auga na que se lavara unha camisa de muller coa regra (Vicente Risco).

A virxindade[editar | editar a fonte]

As relacións sexuais, a maiores doutros aspectos persoais e sociais, teñen como finalidade o reforzamento da relación de parella co obxectivo último de constituír e manter unha familia, unidade social e económica. Nunha sociedade agraria, como a tradicional galega, a propiedade da terra e a súa transmisión ós fillos é fundamental, o que leva implícito o cumprimento de certas regras de fidelidade, centradas especialmente na muller, antes e durante o matrimonio.

Se ben a perda da virxindade non se xulga con excesivo rigor e non representa ningunha dificultade grave á hora de casar, nin sequera o feito de chegar con fillos ó matrimonio, o certo é que as nais vixían os xogos e relacións das súas fillas cos mozos e as educan para que non cedan ós requirimentos destes. Canto menos ata conseguir promesa firme de casamento. A literatura popular galega está chea de exemplos disto:

Miña rosa colorada
criada nun estripeiro,
non te deixes abalar
que podes perde-lo cheiro.

Existe unha asociación mental e lingüística entre a virxindade, como virtude, e a situación posterior á primeira relación sexual, como unha perda e como algo negativo, onde Emilio Montero ve un ascendente bíblico ou relixioso. Así, no primeiro caso, dise que a moza está enteira, e no segundo que está probada, está amozcada [9], desflorada ou mesmo deshonrada.

Agora que a puxeches
coa barriga redonda,
ou has de casar con ela
ou haslle de volve-la honra.

Outra observación relacionada co anterior é o uso na medicina popular dos excrementos ou ouriños de muller virxe e, por extensión, doutras substancias non usadas, como a cera ou o xabón virxes (Eladio Rodríguez).

Concepción e xestación[editar | editar a fonte]

Na praia da Lanzada, as mulleres buscan toma-lo baño das nove ondas

Asóciase a muller coa fecundidade [10], e por iso existen numerosos rituais para quedar embarazada, no caso de non logralo no seu tempo. Podíase recorrer á intercesión da Virxe ou certos santos. Xa Sarmiento recolleu que a solución era face-lo amor na ermida de San Guillerme de Fisterra: a santidade do lugar combatía os espíritos que impedían fecundar a muller (Mariño Ferro) [11].

Favorece a concepción bañarse núas na praia da Lanzada (Sanxenxo), onda a ermida do mesmo nome, durante a noite de San Xoán, xusto ó dar as doce da noite, segundo uns, ou xusto antes de saí-lo sol, segundo outros. Noutras ocasións repítese este baño o último domingo de agosto. O ritual, con algunhas variacións segundo as fontes, consiste en recibir nove ondas do mar, seguidas. Baños similares e coa mesma intención practícanse na Concheira de Baiona, en Praceres (Marín) ou en Santo André de Teixido. Mariño Ferro ve nisto unha cópula simbólica [12].

En Vilariño (Cambados) hai un cruceiro chamado do culebrón no que as mulleres que queren preñar deixan en ofrenda tarteiras de cociña, quizais porque o que piden é chegar a ser nais de familia e amas de casa.

Esta asociación da muller coa fecundidade, coa abundancia, explica o costume de que as mulleres ouriñen sobre as redes antes de que o seu home saia a pescar, acto que asegurará unha boa pesca.

Durante o embarazo, a muller non debe comer lebre nin coello, para que o meniño que naza non durma cos ollos abertos ou teña o labio partido (labio leporino) coma acontece con estes animais (Antón Fraguas). Tampouco é bo que coma polbo, amorodos, percebes, lamprea, troita, raia etc., porque se supón que, se o fai, o meniño nacerá cunha mancha na pel (Mariño Ferro). Hai quen ve nesta actitude compracente de cumprirlle os antollos unha medida profiláctica que asegurase completa-la dieta da muller embarazada (Emilio Montero).

Para mante-la xestación e non sufrir abortos, recórrese ó bautismo anticipado, mediante o cal se bautiza ó futuro meniño no ventre da nai, sobre certas pontes máxicas e ás 12 da noite.

Agora xa foi e foi,
nena non teñas pesare.
Agora xa foi e foi,
Diolo ha de remediare
.

Canto ó léxico empregado para referirse a esta situación, obsérvase un abandono de formas consideradas vulgares, como preñar ou estar preñada, a favor de estar embarazada, estar, caer en estado ou quedar, estar, caer encinta. Por veces matízanse máis estas fórmulas: estado interesante, estado de boa esperanza [13]. Na iconografía relixiosa católica podemos ver representada a Virxe embarazada, esperando expectante o momento do parto, baixo o nome da Nosa Señora da Expectación ou da Esperanza (tamén como a Nosa Señora do O), que se celebra o 18 de decembro.

Pero tamén se poden atopar outras moitas formas máis coloquiais:

  • estar de ganancia, estar de proveito, estar de medras [14]
  • estar desa maneira, estar daquela maneira
  • estar ocupada
  • agardar a cegoña
  • mercar un irmao
  • facer barriga, estar coa barriga, ter barriga
  • engordar, engordar con carne allea
  • andar, estar, poñer pra diante
  • andar, estar co bombo
  • andar aniñando
  • estar embarrilada
  • levar un pendullo
  • amañar, encargar, prender

Para adiviña-lo sexo do futuro meniño existen numerosas prácticas [15]. Por exemplo, colocar na palma da man da muller unha agulla con fío: se a agulla se move recta, será home; se xira en círculo, unha nena. Tamén, pedirlle que nos mostre as mans: se o fai coas palmas cara a arriba, terá unha nena; se pon as mans cara a abaixo, un neno [16]. Outros interpretan que será neno se o sente no costado dereito da barriga, ou se sae da casa co pé dereito. Ou crer que os nenos concibidos con lúa crecente serán homes e se foi en lúa minguante, femias.

No parto e no puerperio[editar | editar a fonte]

O momento do parto resulta especialmente transcendente: é o transo, a boa hora. O termo parir tense por vulgarismo e substitúese por dar a luz e outras moitas formas eufemísticas:

  • alumbrar
  • librar
  • botar ó mundo, botar a este mundo
  • ter un neno, ter familia, aumentar a familia
  • caer na cama
  • estar cos dolores
Muller de parto (1513)

As mulleres prefiren dar a luz o sábado por se-lo día da Virxe, intercesora de tódalas parturientes que, se morren, lévaas ó ceo (Antón Fraguas).

Ata mediados do século pasado era habitual parir na casa. Mesmo, se a casa era pequena e non había outra forma de facelo na intimidade, ían parir na corte sobre un leito de palla limpa. Parían de xeonllos, facendo forza contra os pés da cama, ou sentadas nunhas cadeiras especiais (paridoiras), sobre dúas cadeiras ou sentadas nas coxas abertas do seu home. Parían axudadas pola nai ou unha veciña entendida e só cando o parto se complicaba chamaban polo médico.

As dores do parto cóutanse poñendo debaixo da cama da muller parida unhas tesoiras abertas, en cruz; unha chave baixo a almofada [17] ou dando a beber á muller auga na que se coceron plumas de perdiz (LIS QUIBÉN). Tamén, para facilita-lo parto e reduci-las dores, colgaban no peito da muller un dente de porco ou dábanlle a beber auga na que coceran un óso dun defunto (Eladio Rodríguez, Jesús Rodríguez López).

No concello de Rois era costume que a muller que ía dar a luz atase unha peza de roupa no fuste do cruceiro de capela que se levanta no lugar de Sóñora (parroquia de Augasantas). Esa peza non se retiraba ata que rematase o parto felizmente.

Para favorece-la expulsión das secundinas dábase a beber á parturiente caldo de pel de cobra (Jesús Rodríguez López).

Para combate-las hemorraxias do parto hai que poñerlle dous sapos vivos nunha bolsa atada no pescozo sen que ela se decate (Antón Fraguas). Estas metrorraxias tamén se cortan aplicando na vulva o fume producido ó queimar plumas de perdiz (Jesús Rodríguez López).

Nalgúns lugares atan o embigo das meniñas máis longo có dos meniños para previr que, cando sexan maiores e estean embarazadas, poidan padecer quebraduras durante o embarazo (Lis Quibén).

Eladio Rodríguez recolle a prohibición en Santiago de Compostela, en 1841, de facer toca-las campás da parroquia cando unha muller ía dar a luz, co que se pretendía que os veciños rezasen unha oración por ela pedindo unha hora curta. Engade que este costume aún persevera en algunas pocas comarcas rurales[18]. En busca da axuda divina, rezábase á Virxe, como nai que pariu sen dor, e sobre todo á Virxe do O ou á Virxe do Leite.

Tralo parto adoita visitarse á muller con agasallos diversos. Dáselle de comer chocolate e caldo de galiña para que recupere antes as forzas (O caldo das paridas, non lle fai mal ás preñadas); e tamén viño [19]. O caldo de galiña é mellor se se fai cunha galiña negra (Jesús Rodríguez López).

Dálle á parida bos caldos
de galiña e de perdiz
as sopiñas de pan branco
e o viño do país.

A muller parida queda aberta e crese que o mal, os espíritos do mal, adoitan entrar facilmente polas aberturas naturais. Por iso, e para protexela neste delicado momento, colocábanlle o sombreiro do seu home ou vestíana cun chaleco deste.

O aborto[editar | editar a fonte]

Se, como se dixo, quedar embarazada era como unha bendición de Deus, unha ganancia, un aborto interprétase como unha desgraza, unha perda:

  • botar/botarse de perda
  • dar/darse de perda
  • ter unha perda
  • danarse, derramar(se), malograr(se), desandar

Cando o aborto é voluntario, dise que botou o fillo abaixo ou que non o deixou cumprir.

Literatura oral[editar | editar a fonte]

Vocabulario derivado[editar | editar a fonte]

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Muller da rúa, muller da vida, muller de boa vida, muller perdida: muller promiscua, prostituta [22].
  • Muller da rúa: a que non para en casa e que anda sempre cotilleando na rúa [23].
  • Muller da súa casa: muller que ten disposición para gobernar e organiza-la casa [23].
  • Muller de goberno, muller goberneira: muller que dirixe e organiza a casa, así como a criada que se encarga da xestión económica da casa (ama de chaves) [22].
  • Muller de mar: peixeira.
  • Muller fácil: muller que cede facilmente ás proposicións sexuais dos homes.
  • Muller fillada: nai solteira.
  • Coma a vaca parideira: empreñar logo unha muller.
  • Con máis antollos que unha preñada: dise de calquera persoa moi caprichosa.
  • Coser pra fóra: ser unha muller promiscua [24].
  • Empreñar polas orellas: crer algo imposible ou moi improbable [24].
  • Estar (unha muller) en días de parir: estar unha muller próxima ó parto ou fóra de contas.
  • Estar fóra de contas: cumpri-los nove meses e chega-lo momento de dar a luz.
  • Estar chegada, estar para caer na cama, estar coa barriga á boca: dise da muller a piques de parir.
  • Flores brancas: o fluxo branco das mulleres, tecnicamente leucorrea [25].
  • Ir de donas, ir de muller: montar a cabalo coas dúas pernas dun lado, coma as mulleres.
  • Rancho de mulleres: reunión de mulleres para fiar e laretar.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Refraneiro galego da muller.
  • A boa muller, a casa sábea encher.
  • A boa muller sin fama, nin boa nin mala.
  • A máis non poder, déitate coa túa muller.
  • A que é doncela sábeo Dios e mais ela.
  • O home muller é.
  • O home, nin muller é.
  • O que ten unha muller boa e a perde non sabe o que gana.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cantigueiro galego da muller.
O mar tamén é casado,
o mar tamén ten muller,
é casadiño coa area,
dálle bicos cando quer.
  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
  • A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.
  • A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.
  • A miña muller é vella,/ heina de mandar matar/ e poñela de cancela/ na entrada do lugar.
  • A miña muller morreume,/ por ela non hei chorar;/ chorarei polo diñeiro/ que o crego me ha de levar.
  • A muller ía no prado/ a vaca facía o xantar,/ a cadela varre a casa/ e a vasoira vai lavar.

Toponimia[editar | editar a fonte]

En lingua galega, só coñecemos dous topónimos derivados da palabra muller:

E estoutros relacionados coa palabra dona:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Citado por Xesús Alonso Montero: Galicia vista por los no gallegos. Ed. Jucar, Madrid 1974, p. 264.
  2. Moralejo, Serafín: "ADÚLTERA, A", na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  3. Tomado de Faro de Vigo, 13.03.2010.
  4. E tamén en castelán: cosas de mujeres; italiano: le sue cose, i suoi dolore; francés: avoir seus affaires.
  5. En italiano: Pippo, Pomponio, Giorgio; en portugués: andar com o senhor don Miguel.
  6. Eu pedinllo a unha nena,/ ela díxome chorando:/ Esta semana non podo/ que ando de ringo rango (Cancioneiro de Muros).
  7. Portugués: bandeira vermelha; francés: drapeau rouge, fièvre rouge, sauce tomate. No español de México: andar con la bandera comunista.
  8. Recólleo en Ponte Caldelas (Pontevedra). O mesmo autor copia a seguinte cita de J. Regnault (El magnetismo y magicismo en el amor, Barcelona 1913): "Los anamitas comparten también la creencia, muy extendida en el sur de Francia y particularmente en Gascuña y Provenza, de que, para atraer al marido o al amante, basta hacerle absorber con un manjar cualquiera, tres gotas se sangre recogidas en condiciones especiales en cierta época del mes". Pese ó eufemístico da descrición queda claro a que sangue se refire.
  9. Eladio Rodríguez define amozcar como Cortar o arrancar un trozo de alguna cosa. Por ejemplo, de una manzana a la que se haya dado un mordisco se dice que "está amozcada", e engade que tamén se di para expresar irónicamente que una mujer soltera ha perdido la virginidad. Tamén existe o uso de amozcar co significado de escarmentar.
  10. Exemplo da culpabilidade que pode chegar a senti-la muller por non traer fillos a casa é esta cantiga: Miña Virxe do Corpiño,/ meu glorioso San Ramón,/ dádelle un fillo ó meu home,/ tede de min compasión.
  11. A Ermida de San Guillerme (Fisterra), en V Televisión (23.10.2011).
  12. O mar móvese na praia como un macho no momento da fecundación e deixa sobre a area a escuma que lembra o seme (Mariño Ferro, 342).
  13. Tamén noutras linguas: in stato interessante, état interessant, estado de buena esperanza, andar de esperança.
  14. Quizais relacionado coa crenza de que os meniños veñen cun pan debaixo do brazo.
  15. Mariño Ferro asegura que algunhas delas eran utilizadas xa polos médicos da escola hipocrática.
  16. Taboada Chivite explicaba isto pola similitude da liña recta ou curva, respectivamente, cos órganos sexuais masculinos e femininos; no segundo caso, pola posición da muller cara arriba durante o acto sexual, e do home cara abaixo.
  17. Queda claro o simbolismo da chave para axudar a abrir a muller, propiedade que aumentaba se se trataba da chave da igrexa parroquial.
  18. Lémbrese que Eladio Rodríguez escribiu o seu dicionario enciclopédico na primeira metade do século XX.
  19. Estas mesmas prácticas trasladáronse ós coidados tralo parto das vacas, ás que tamén lles daban viño e chocolate.
  20. Ríos Panisse (1977).
  21. Ríos Panisse (1983).
  22. 22,0 22,1 ERG, muller.
  23. 23,0 23,1 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  24. 24,0 24,1 Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  25. Diccionario da Real Academia Galega 1913, s. v. branco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CERVIÑO FERRÍN, Mª Victoria: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • FERRO RUIBAL, Xesús et al: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Universidade de Santiago de Compostela, 1985.
  • LEIRO LOIS, Adela: Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid, 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • MANDIANES CASTRO, Manuel: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Galaxia, Vigo 1984.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo 2000.
  • MONTERO, Emilio: El eufemismo en Galicia (su comparación con otras áreas romances). Verba Anexo 17, Universidade de Santiago de Compostela 1981.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • RISCO, Vicente: "Folklore de Coaledro (Ourense)" en Nós 127-138, 1935, 108-111.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • María do Carmo Ríos Panisse: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Verba anexo 19, Universidade de Santiago 1983.
  • RIVAS QUINTAS, Eligio: Frampas II. Contribución al Diccionario Gallego. Alvarellos, Lugo 1988.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • SARMIENTO, Fr. Martín: Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega (1754). Edición y estudio por J.L. Pensado, Universidad de Salamanca 1973.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.

Outros artigos[editar | editar a fonte]