Boca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Boca
Illu01 head neck.jpg
Cabeza e pescozo.
Mouth.jpg
Unha boca humana, fechada.
Latín cavitas oris
Sistema Dixestivo
MeSH Oral+cavity

A boca (Gl-boca.ogg pronunciación ), tamén coñecida como cavidade bucal ou cavidade oral, é a abertura a través da cal os animais inxiren os seus alimentos. Xeralmente está situada na cabeza e constitúe a primeira parte do tubo dixestivo. A boca ábrese a un espazo previo á farinxe chamado cavidade oral ou cavidade bucal.

A boca humana está cuberta por un beizo superior e inferior e desempeña funcións importantes en diversas actividades coma a linguaxe e en expresións faciais, coma o sorriso.

A boca é un gran indicador da saúde do individuo. A mucosa, por exemplo, pode verse máis clara, pálida ou con manchas brancas, indicador de proliferacións epiteliais.

Na boca pódense distinguir tres tipos de mucosa:

  • Simple de revestimento: presenta submucosa.
  • Masticatoria: con probable ausencia de submucosa, queratinizada ou paraqueratinizada e en contacto directo co tecido óseo.
  • Especializada: preséntase en certas rexións da lingua. Refírese á mucosa relacionada aos receptores de gusto.

Funcións da boca[editar | editar a fonte]

  • Mastigar: grazas ós movementos da mandíbula e á presión dos dentes prodúcese este tratamento mecánico que esmiuza os alimentos.
  • Salivar: grazas á desembocadura dos condutos das glándulas salivais, prodúcese o primeiro mollo dixestivo (saliva), que realiza unha degradación química dos alimentos. No caso dos carbohidratos faino a través da amilase salival, que se encarga de destruír os enlaces alfa-1,4 que están presentes nos polisacáridos, e despois seguirían degradándose a nivel intestinal.
  • Sentido do gusto: na boca atópanse os receptores sensoriais do gusto, sobre todo na lingua, chamadas papilas gustativas.
  • Fala: na boca atópanse gran parte das estruturas que modifican o son larínxeo e producen a voz articulada grazas ás súas cavidades especiais.
  • Deglución: divídese en dúas fases:
    • Fase voluntaria: a lingua elévase cara o teito da cavidade bucal, impulsando o bolo alimenticio para que entre na farinxe
    • Fase involuntaria: a epiglote vai cara atrás e pecha o orificio superior da larinxe. Por causa deste reflexo, a farinxe queda convertida só nunha vía dixestiva transitoria, impedindo así o ingreso de anacos á vía aérea (á traquea).

Estrutura da boca nos humanos[editar | editar a fonte]

Esquema de nariz, boca, farinxe e larinxe.

A cavidade oral está situada na parte inferior da cara, entre as foxas nasais e a rexión suprahioidea. Ten forma de óvalo con diámetro maior anteroposterior. Os arcos alveolodentarios dividen a boca en dúas partes: unha parte anterior e lateral, situada fóra destes arcos, que é o vestíbulo da boca e outra parte situada cara a dentro destes arcos que é a boca propiamente dita. A boca propiamente dita e o vestíbulo bucal comunícanse entre si por numerosos intersticios que separan os dentes uns doutros (espazos interdentarios), e tamén por un espazo máis ancho situado entre os últimos molares e a rama ascendente da mandíbula (espazo retrodentario ou trígono retromolar).

Cando a boca está pechada, é dicir, cando ambas as mandíbulas están aproximadas e non existe alimentos ou corpos estraños no seu interior, a cavidade oral é unha cavidade virtual. A boca convértese nunha cavidade real e adquire unhas dimensións considerables debido a:

  1. A separación das fazulas, agrandando o vestíbulo bucal transversalmente, por exemplo cando se sopra.
  2. A proxección dos beizos cara adiante, ampliando o vestíbulo en sentido anteroposterior.
  3. A separación da mandíbula do maxilar superior, aumentando o diámetro vertical da cavidade.

Partes da cavidade oral[editar | editar a fonte]

A boca pode considerarse unha estancia con seis paredes:

  • Parede anterior: formada polos beizos.
  • Paredes laterais: formadas polas fazulas.
  • Parede inferior: formada no seu maior parte pola lingua e por baixo desta unha rexión chamada chan da boca.
  • Parede superior: formada pola bóveda palatina ou padal.
  • Parede posterior: é realmente un orificio irregular chamado istmo das fauces que comunica a boca coa farinxe.

Os anexos da boca son os dentes, as enxivas e as amígdalas.

Enfermidades da cavidade oral[editar | editar a fonte]

Por razón das terminacións nerviosas sensitivas da mucosa oral, case todas as enfermidades que afectan á cavidade bucal non relacionada cos dentes preséntanse con dor. As alteracións que afectan á mucosa presentan ulceración, vesículas e cambios de cor.

  • Ulceracións: son frecuentes en alerxias, infeccións, traumatismos e algunhas neoplasias
  • Vesículas: características de algunhas infeccións (herpesvirus), patoloxías inmunitarias (pénfigo vulgar, eritema multiforme)
  • Masas: poden ser sólidas ou quísticas en calquera parte da boca.

Patoloxías[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Boca