O carballo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O carballo é a árbore símbolo de Galicia, e tamén a máis sagrada de todas, o mesmo que ocorre noutras culturas atlánticas e celtas. Arredor de toda Europa occidental o carballo considérase árbore sagrada: é a árbore por excelencia de Inglaterra, de Alemaña e do País Vasco. Ademais, as carballeiras tiñan unha importante función social, nelas reuníase a xente, celebrábanse festas, feiras e magostos. (Ver artigo: carballo (simbolismo).

Carballo en Sarria

Símbolo de forza e pureza, de sombra proveitosa, libran de doenzas contaxiosas (por exemplo rañándose contra del para sandar a sarna ou raña) a quen as padece e posúen numerosas propiedades salutíferas; teñen pois a capacidade de sandar os doentes, especialmente aos cativos, aos que se lles fai pasar a través dunha fenda que as carballas vellas, despois de perder a cerna poden ter no tronco, xa que no seu interior agochan as "pedras do raio", xa que os carballos agochan o raio no seu seo. Outra opción é que o doente pase por entre dúas gallas que fagan forquita ou por dúas partes dunha póla que se fende adrede e se ata despois para ver se liga ou non, que será sinal de que cure ou non cure. Na Bretaña, de xeito semellante á tradición galega dicíase que carballos e aciñeiras tiñan a propiedade de sandar as persoas faltas de saúde que deixaban as roupas penduradas das pólas.

Os carballos, en xeral, curan ademais os meigallos e o arangaño.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Ser mozo coma un carballo: robusto, vigoroso, fuerte.[1].

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A bo porco, boa landra [2].
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano [3].
  • Ano de landras, ano de graxas [3][4].
  • Cando a carballeira zoa, sabe ben a broa.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • O máis ruín porco topa unha boa landra [2].
  • O pior porco come a millor landra [2].
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.
  • Sempre un porco ruín atopou unha belota boa [5].

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Carballeira en Lalín
  • A carballeira do Outeiro/ heina de mandar cortar,/ que cando vou prá ribeira/ quita a vista do lugar [6].
  • A Carballeira do San Xusto,/ ten ó lado unha xesteira/ onde hei de botar a noite/ cunha mociña solteira.
  • A Santa Virxe do Viso/ tan alta se foi a pór,/ entre toxos e carqueixas,/ carballiños darredor [7].
  • Adiós, Outeiro querido,/ contento da miña vida;/ cantos paseios eu dei/ pola carballeira arriba [8].
  • Antoniño, se te fores,/ déixame unha relembranza:/ en cada carballo verde/ un ramiño de esperanza [9].
  • Boteiche unha, boteiche outra/ por riba dun carballiño,/ que tu non has de negar/ que es filla dun paxariño [10].
  • Bugallos nun castiñeiro/ foi cousa que nunca vin;/ gabácheste que te quixen/ i eu nunca te pretendín [11].
  • Cando o río for pra riba/ i os carballos deren uvas/ han de ser homes de ben/ os homes das barbas rubias [12].
  • Cando o río fose enriba/ e os carballos deren uvas/ han de ser homes de ben/ os homes de barbas rubias.
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira derramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla [13].
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira enramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla [14]
  • Carballeira de San Xusto/ moitos arrodeos ten,/ se non fora polos Santos/ alá non iba ninguén.
  • Carballeira do San Xusto,/ Carballeira do San Xusto,/ naquela carballeiriña/ hei de beilar ó meu gusto.
  • Carballeira do San Xusto,/ carballeiriña famosa,/ naquela carballeiriña/ perdín eu a miña rosa.
  • Carballeira de San Xusto,/ naquela carballeiriña/ hei de bailar ó meu gusto.
  • Carballo verde na serra/ auga fría non consente;/ o que me ha pó-la mau/ hama de pór para xempre [15].
  • Corre, Maruxiña,/ corre Maruxeira,/ que aí vén teu pai/ pola carballeira [16][17].
  • Das bugallas fago contas/ e coelas rezo ás escuras;/ oh, morte, que tanto tardas!/ oh, vida, que tanto duras! [18].
  • Do outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro;/ pensa que lle tira ás rolas/ e tíralle aos carballeiros [19].
  • Indo prá feira da Ponte/ atopei un carballiño,/ atopei demos te leven/ metidos nun buratiño [20].
  • Manoel, ¿qué estás facendo/ debaixo da carballeira?/ -Estoulle facendo o amor/ a unha rapaza solteira.
  • María berrou con Chuco/ na carballeira de abaixo,/ porque lle picaba un toxo/ que levaba no refaixo.
  • Meniña, peina o cabelo,/ que peinado parez ben,/ se non hai tranzas na feira,/ os carballos vergas ten [21].
  • Miña Virxe da Peneda/ que tan alta se foi pór,/ entre toxos e penedos,/ carballiños darredor [22].
  • Miña Virxe da Subreira/ é amiga da goteira;/ póñenlle o carballo á porta,/ heille planta-la videira [23].
  • Nunca vin carballo torto/ bota-la rama direito;/ nunca vin home casado/ trague-la barba ben feita [24].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas, as de agora,/ todas andan ao castizo [25].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas de Gaiás/ todas ten o tortorizo [26].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ ás mociñas que hai agora/ todas lles dá o tortorizo [25].
  • Ó carballo caille a folla/ i ourizo non a ten;/ as mociñas que hai agora/ moi pouca vergoña ten [25].
  • O carballo cando nace/ nas follas ten mil enredos;/ o galán pra namorar/ nunca ten os ollos quedos [27].
  • O carballo da Chaínza,/ ten tres carros de madeira:/ un é meu, o outro é teu/ o outro de quen o queira [28].
  • O carballo da Chaínza,/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha mañán de xiada [29].
  • Ó carballo da Portela/ pónselle a folla vermella: foi que veu por riba dil/ o demo dunha centella [30].
  • O carballo da Portela/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha mañá de xiada [25][31].
  • O carballo da Portela,/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento,/ unha noite de xeada.
  • O carballo da Portela/ ten tres carros de madeira,/ un é meu e outro é teu,/ outro é de quen o queira [32].
  • O carballo da Portela/ xa non ten folla ningunha/ porque llas levou o vento/ seica todas, unha a unha [25].
  • O carballo ten a folla/ i a nogueira non a ten;/ agora xa eu coñezo/ a muller de “Val quen ten” [25].
  • O crego cando vai fóra/ leva a Marica na mula,/ na primeira carballeira/ parécelle a albarda dura.
  • O crego de Escravitude/ leva a criada na burra,/ na primeira carballeira/ dalle unha sacudidura [33].
  • O río cando vai cheo/ leva carballos e follas,/ tamén debía levar/ as lingoas mormuradoras [34].
  • O río cando vai cheo/ leva carballos e follas;/ tamén podía levar/ as lengoas marmuradoras [35].
  • O río cando vai louro/ leva cascas de carballo/ pra lle lava-la camisa/ ao meu amante Cesáreo [35].
  • Os mociños, os de agora,/ todos son escopeteiros;/ pensan que tiran aos coellos/ e tíranlle aos carballeiros [36].
  • Se ti viras o que eu vin,/ indo pola carballeira,/ vinte e cinco xastres xuntos/ cosendo nunha monteira.
  • Sei que casou Xan de Fiz/ con unha boa rapaza,/ ás veces un porco ruín/ atopa unha boa landra [37].
  • Señor San Benito novo,/ amigo da goteiriña,/ ten os carballos á porta,/ mandou pór a videiriña [38].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. mozo.
  2. 2,0 2,1 2,2 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  3. 3,0 3,1 Eladio Rodríguez González, s. v. landra.
  4. Real Academia Galega 1913, s. v. ano.
  5. Porque a peor xente é a que máis sorte ten. Elixio Rivas Quintas (1978).
  6. Xaquín Lorenzo Fernández, 29. Outeiro é un topónimo moi frecuente, imposible de identificar.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 46. Ademais da Virxe do Viso, en Redondela, hai moitos outros lugares con este nome. As cantigas que recolle Xaquín Lorenzo na Limia Baixa refírense á ermida de Nosa Señora do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 31.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 42.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: botéiche, de un, és.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 54.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 56. O refraneiro recolle moitos exemplos da consideración negativa dos "homes de barbas rubias", como tal: "Líbrate Deus de home de bigote loiro, de can rabeno e de home pequeno", ou "Home de barba rubia, unha che di, outra che cuida".
  13. A carballeira de San Xusto atópase na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade).
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 257.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: póla.
  16. Fermín Bouza Brey 1929, 174. No orixinal: ahí ven, pol-a.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 66. No orixinal: curre, alá ven.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 66.
  19. Rolas ou rulas. Xaquín Lorenzo Fernández, 72.
  20. A feira da Ponte celebrábase o 22 de cada mes no lugar da Ponte Liñares (tamén chamada A Feira Nova), na parroquia de Santiago de Güín, no concello de Bande. Xaquín Lorenzo Fernández, 90.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 96. Xanquín Lorenzo explica que as tranzas son as fitas e cordóns que se vendían nas feiras para atar o pelo.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 103. Refírese ó Santuario portugués de Nosa Señora da Peneda, en Arcos de Valdevez, moi próximo á fronteira con España.
  23. Nosa Señora da Sobreira é padroeira de Ferreiros, lugar da parroquia e concello de Entrimo. Xaquín Lorenzo Fernández, 103. No orixinal: plantala.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 114. No orixinal: botala, traguela.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 Xaquín Lorenzo Fernández, 116.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. Tortorizo é mareo por andar dando voltas, pero pode facer alusión a unha enfermidade das ovellas, chamada teo, caracterizada por movementos circulares continuos.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 118.
  28. A Chaínza é lugar da parroquia do Obre, do concello de Noia. Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 216. No orixinal: Chainza, tén, e teu.
  29. Álvaro das Casas, Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: Chainza, mañan.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: de íl, de unha. Non é posible saber a que Portela se refire, pero hai un carballo excepcional chamado "Carballo do Campo", no lugar da Portela, parroquia de Sabaxáns, no concello de Mondariz, incluído dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza desde 2011. A árbore ten unha altura de 35,80 m e un diámetro do fuste de 3,75 m (a 1.30 m de altura [1].
  31. Fermín Bouza Brey 1929, 162. No texto: mañán.
  32. Fermín Bouza Brey 1929, 162. Recollida en Vilagarcía, onde o Nomenclátor non recolle ningún lugar con ese nome.
  33. Fermín Bouza-Brey 1929, 195. No orixinal: Esclavitude.
  34. Fermín Bouza-Brey 1929, 192. No orixinal: língoas.
  35. 35,0 35,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 123.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 125.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 143.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 145.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]