O millo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Millo en Oroso

O millo (Zea mays), malia ser orixinario das Américas, é unha gramínea fundamental na cultura galega pois xogou un papel fundamental na alimentación do pobo nos últimos séculos. O principal pan do país facíase con millo, a paisaxe enchouse de leiras de millo, os hórreos foron agrandados e mellorados, e en xeral a poboación de Galicia aumentou coa chegada deste cereal. A primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. Refraneiros e cántigas deixan pegada da súa importancia.

O nome[editar | editar a fonte]

O millo tamén recibe en Galicia os nomes de maínzo e de milleiro segundo a zona. O nome de millo vén da denominación que recibía outra especie anterior á chegada do cereal do Novo Mundo: o millo miúdo ou paínzo, outra gramínea, orixinaria de Oriente (Setaria italica), de talo máis groso ca o trigo e grans redondos de cor amarela, que era común na Europa antiga e medieval. O millo actual susbtituiu o paínzo. Etimoloxicamente a verba galega millo (antiga denominación do millo miúdo) vén do latín: milĭum. O termo maínzo, ao igual que o termo castelán maíz ou o francés maïs, virían das linguas amerindias, exactamente do taíno: mahís.

No agro galego tamén se distinguen as variedades a seguir:

  • Millo miúdo.
  • Millo da revoltiza: millo que constitúe a colleita de outono. O millo da revoltiza dáselle ao gando.
  • Millo pego, millo que se dá en mazarocas con algúns grans doutras cores.
  • Millo rei, millo que se dá en mazarocas de cor entre a do viño e a encarnada.

Etnografía[editar | editar a fonte]

A seguir recóllese a pegada do millo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Campo de millo no Porto do Son
Millo plantado en fileira
CornShocksForestvilleMinnesota2006.JPG

Na literatura[editar | editar a fonte]

A importancia que rapidamente adquiriu o seu cultivo e uso alimentario levárono a un espallamento social só comparable ao da pataca. Un síntoma da súa omnipresenza é o famoso poema Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro, onde se laia da paisaxe que vai deixar atrás por ir á emigración, paisaxe onde aparece o millo:

Adiós, ríos; adiós fontes:
adiós regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei.

Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento.

Muíño dos castañares,
noites claras de luar,
campaniñas timbradoiras
da igrexiña do lugar.

Amoriñas das silveiras
que eu lle daba o meu amor,
caminiños entre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós, gloria! ¡adiós, contento!
¡Deixo á casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo,
por um mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo á veiga polo mar,
deixo em fin, canto ben quero...
¡Qué pudera non o deixar!...

(Fragmento de "Adiós ríos, adiós fontes",
de Rosalía de Castro)

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A mazorca, no muíño; e no bolso, o diñeiriño.
  • Á porta do rezador, non botes o millo ó sol.
  • Alá vai serodio con temporao, mais non na palla nin no grao [1].
  • Ala vai, vela alá vai, a raposa polo millo: ela comer non o come, pero vaino destruíndo.
  • As escrouchiñas do millo non fan porveito a ninguén. Mandei a muller a elas; adormeceu e non vén.
  • Ata a folliña do millo sabe tamén picardía. Garda o orballo da noite para beber polo día.
  • Cando as gaivotas bailan a muiñeira, hai que garda-lo millo na eira [2].
  • Cando o ano entrare en domingo vende os boiciños e merca milliño.
  • Díxolle o millo á liñaza: Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada. E a liñaza respondeulle: Seica coma tí, borrón, que tardas sete semanas en salires do torrón.
  • Díxolle o millo á terra: decrúame tarde, arréndame cedo, e pagareiche o que che debo.
  • En maio, millo sementado, cal enxoito, cal mollado [3].
  • ¡Erte, dormiñón, que pasas un mes sen saír a ve-lo sol!, díxolle a liñaza ó millo. ¡Cala trigudilla: pola mañán sementada e pola noite nascida!, díxolle o millo á liñaza [4].
  • Lavada: ¡ós tres días nada!, díxolle o millo a liñaza; i ela respondeu: nugallón, un mes debaixo do terrón, e inda se vou ou non!
  • ¡Lavada, aos tres días nada!, díxolle o millo á liñaza. ¡Nugallán –díxolle ela-, un mes baixo o torrón e aínda se vou non vou! [5].
  • Millo ralo na leira e non no carro.
  • Nin millo engrolado, nin millo queimado [6].
  • O millo de san Bartolomeu nin é meu nin é teu [7]
  • O millo mesto, no cesto; o millo raro, na leira e non no carro.
  • O millo polo San Marcos nin nado, nin no saco [8].
  • O millo rascado enche a cesta e o ferrado.
  • O pantrigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
  • O primeiro millo é prós paxaros.
  • O temperán, ou en palla ou en gran.
  • Quen ós paxaros recea, millo miudo non semea.
  • Se o millo fose pouco, mudalo dun saco noutro, dixo a galiña cando falou.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A vella perdeu o vello/ por entre a palla do millo;/ a vella queda chorando/ polo seu agarimiño [9].
  • Cando as gaivotas bailan a muiñeira, hai que garda-lo millo na eira [10].
  • Este ano hai moito millo,/ tamén hai moitos carozos./ As rapazas de Palmeira/ arrabean polos mozos [11].
  • Hoxe teño que ir a Barro/ pola colleita de millo,/ hoxe teño que ir a Barro,/ de Barro non me despido [12].
  • Sementei millo miúdo/ e non me quixo nacer;/ cálate, millo miúdo,/ inda me has de conocer [13].
  • Todo se me dá na man/ se non a sacha do millo/ e mais a sega do pan [14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, 3, maio 1943, 24-25.
  2. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 3.
  3. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. maio.
  4. Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, 3, maio 1943, 24-25.
  5. Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, 3, maio 1943, 24-25.
  6. Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, 3, maio 1943, 24-25.
  7. Mª Rosario Soto Arias: “Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos”, en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
  8. 25 de abril.
  9. Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, 4, xullo 1943, 28.
  10. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 3.
  11. No texto: pol-os. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 178.
  12. Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: oxe, pol-a.
  13. No texto: miudo, no-me, m'as.
  14. Fermín Bouza-Brey (colector): "Novas cántigas e triadas da parroquia de Paradela, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 96, 15.12.1931, 236. No texto: mán, senón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]