O raposo na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada do raposo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]
Disque a raposa, para librarse das pulgas, mergúllase na auga cun pau na boca deixando só o pau asomando por riba da auga. As pulgas, para non afogar, soben polo corpo ata o pau e cando están todas alí a raposa solta o pau e sae da auga.
Ver un raposo, macho, estando en xexún, é sinal de bo agoiro, pero se o que se ve é unha femia, é mal agoiro. Tamén anuncia a morte dun veciño escoita-lo seu oubeo pola noite.
Para escorrentar o raposo emprégase a seguinte fórmula:
- ¡Arrapa, raposa,
- i avanta no toxo!
- e deixa a galiña
- da miña veciña,
- que ten dous pitiños
- que quedan orfiños.
- ¡Arrapa i arrapa,
- que a dona te atrapa
- e bótache os cás
- correndo detrás [1].
Outra fórmula para que fuxa o raposo é berrarlle a grandes voces ¡Ah, Perico! [2].
Santo Antón de Padua ten o poder de salvar ovellas e galiñas das fauces do lobo ou do raposo, para o que existen varios responsos [3].
Entre os mariñeiros existe a cautela de evitar certos comportamentos a bordo para garantir unha boa pesca. Así, a bordo, nunca se debía falar de curas, de cobras nin de raposos; por veces, tampouco de xastres nin zapateiros [4].
Léxico[editar | editar a fonte]
- Barbas de raposo: Cuscuta epithymum, herba parasita do toxo e doutras plantas [5]. Outros nomes desta planta son cerro da raposa, liño de raposa, liño do raposo, pelos de raposo, sirgo da raposa e sirgo de raposo.
- Cereixa de raposo, zreixa de raposo: froito da enredadeira. Mazá do raposo é outro froito, máis grande, doutra variedade de enredadeira.
- Chícharo de raposo: froito da xesta. Probablemente, a denominación faba do zorro designe o mesmo froito.
- Fillo do raposo, fillo zorro: fillo de solteira [6].
- Ovo de raposa: cogomelo do tipo dos peidos de lobo.
- Pan da zorra ou Pan de raposo: cogomelo que algúns indentifican coa Amanita phaloides.
- Pega raposeira: pega rabilonga (Pica pica).
- Pouta de zorro: espárrago silvestre, denominado tecnicamente orobanche.
- Rabo de raposo: pequena planta gramínea coñecida como leiburiña, de espiga longa e sedosa (Alopecurus pratensis) [6].
- Rabo de raposo: planta, Agrostis durieui [7].
- Raposa ou zorra: palleiro formado polos mollos na mesma leira.
- Raposa: borracheira.
- Sopas de raposo canso: pan mesturado con viño tinto e azucre, tamén chamadas sopas de forza.
- Uva de raposo: froitos dos chuchameles (Lonicera spp).
- Uvas de raposa: planta, Sedum album, tamén chamada uva de lagarto (en castelán, uva de gato).
- Zorra: plataforma máis ou menos simple, formada por unha forca que se arrastra polo chan, para transportar grandes pedras. Por veces, as gallas da forca únense con táboas ou paus transversais.
- Zorra: zapato vello, inservible.
- Zorro: húmido, referido ós cereais.
- Zorromeco: figura lendaria que cumpre o papel de coco para os meniños (Eí vén o zorromeco, Eí ven o zorro, eí vén o meco).
Refraneiro[editar | editar a fonte]
- A muller e o raposo, se perden a mañán, perden o día todo [8].
- Ala vai, vela alá vai, a raposa polo millo: ela comer non o come, pero vaino destruíndo.
- Ao raposo dormente non lle canta a galiña no dente.
- Auga en marzo, canto o raposo molle o rabo.
- Ben se aleda o lobo do que come o zorro [9].
- Cando a lebre diga misa, o coello sea abade e o raposo sea frade, deixarei a miña casa e perderei a míña amizade.
- Cando a raposa vai vella, ata as galiñas apoléiranselle no pescozo.
- Día de santa Cruz de maio, o lobo e o corvo, nados e o raposo medio criado [10].
- En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo galo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
- En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
- En maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo ben empolado.
- En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; por santa Mariña, xa como a galiña; por agosto, xa son bo raposo.
- En marzo, nazo; en abril estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoán xa fuxo ó can; en Santa Mariña xa pillo a galiña, i en agosto xa son bo raposo [11][12].
- En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
- En San Xoan xa fuxe o raposo ó can [13].
- Eu son o pito cairés, que naceu polo xaneiro; se o raposo me non come, hei de cantar no poleiro [14].
- Eu son o pito do cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
- Fai o raposo o sábado, con que o domingo non vaia a misa [15].
- Galiñas serán, dixo o zorro, máis chéiranme a can [16]
- Mal lle vai ao raposo cando anda aos grilos.
- Mal lle vai ó raposo cando lambe os cangrexos [17][18].
- Míralle a cara, verás que leite pode dar, dixéronlle ó que ía muxi-la raposa [19].
- Non sabe a raposa das galiñas que dormen fóra [16]'
- O crego e mais o raposo, se perden a mañá, perden o día todo [20].
- O que dá mala xeira á raposa, non a leva el boa [21].
- Ó raposo dormente, non lle rincha o año no dente.
- O raposo sabe moito por raposo pero sabe máis por vello.
- Pola Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
- ¡Probiñas!, ábrenvos tarde e non comedes, dixo o raposo ás galiñas [16][22].
- Quen a raposa ha de enganar, cómprelle madrugar.
- Raposa arteira, farta de papas e andar cabaleira.
- Reunión de raposas, perdición de galiñas [23].
- Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
- Tantas oe a raposa pola semana, que o domingo non pode ir a misa.
Cantigueiro[editar | editar a fonte]
- Arriba raposo,/que estás tras do toxo,/non comas o año/a Pedro Castaño/que vai na ribeira/catar a manteiga/pra a vella parida/que está na silveira/con feixe de estelas/queimando as canelas.
- Chamáchesme pito louco / alá no mes de xaneiro; / se me a raposa non come / hei cantar no teu poleiro.
- Chamásteme pito cairo / porque nascín en Xaneiro; / se no me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
- Durme, meu meniño,/ que vén o raposo/ e vaite levar/ se te pós fastidioso [24].
- Entrén pola casa adentro/ e todo me escurecía/ e solo me deu a man/ a zorra da túa tía [25].
- Meu siñor San Adrián/ é un santo milagroso/ pedínlle un mozo bonito/ doume un barbas de raposo.
- Miña nai de pequeniña/ mandoume coas ovellas,/ o volpe comeume un año/ aquí lle traigo as orellas [26].
- Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ corenta e cinco estudiantes/ a cabalo dun raposo [27].
- Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ vinte cinco escríbanos/ da cabalo dun raposo.
- O home, cando pretende/ faise doce e garimoso;/ non fagas caso, meniña,/ sonche as mañas do raposo [28].
- O lugarciño da Canle/ non é lugar nin aldeia:/ é o toco da raposa/ onde se o lobo paseia [29].
- Santo San Xoán de Arruxo/ déalle salú ó raposo/ os gatos de Maldonado/ rabuñáronlle o pescozo [30].
- Se ti viras o que eu vin/ alá riba en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo [31].
- Se ti viras o que eu vin/ na feira de Monterroso,/ vinte e cinco estudiantes/ a cabalo dun raposo.
- Se ti viras o que eu vin / na feira de Monterroso: / vinte cinco xastres xuntos / da cabalo dun raposo.
- Se ti viras o que eu vin/ no monte de Monterroso,/ máis de sesenta mil corvos/ da cabalo dun raposo.
- Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ o abade de Lubeira/ dacabalo dun raposo [32].
- Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ sete frades dun convento/ dacabalo dun raposo' [32].
- Señor San Roque de Lobios,/ santiño moi milagroso,/ pedinlle un rapaz bonito,/ deume un cara de raposo [33].
- Tes mañas de zorro vello,/ pero eu téñoas de ardilla;/ son lista, pois non te quero/ e has de criar polilla [34].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Eladio Rodríguez González: s. v. arrapa.
- ↑ Eladio Rodríguez González: s. v. ¡Ah!.
- ↑ Vicente Risco (1962), 340.
- ↑ Arturo Romaní, 99; Eliseo Alonso, 125.
- ↑ Tamén en castelán barbas de zorro ou cabellos de Venus.
- ↑ 6,0 6,1 Constantino García González.
- ↑ Losada, Castro e Niño (1992).
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
- ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
- ↑ A Santa Cruz de maio celébrase o día 3.
- ↑ Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. marzo.
- ↑ Real Academia Gallega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano, s. v. agosto. No texto: mayo, ja sayo, San Juan, ja fuxo ao can, ja pillo, ja son, bon.
- ↑ Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Xoan.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. pito.
- ↑ Terra de Melide, 172.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
- ↑ Clodio González Pérez, 142.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 5.
- ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: o que ía muxie-a raposa.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. crego.
- ↑ José Santiago Crespo Pozo, s. v. carrera
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884), No orixinal: ¡Pòbriñas! Abrenvos tarde e non comedes, diĵo o raposo às galiñas.
- ↑ Describe resignadamente a un grupo de persoas das que se espera que calquera cousa que decidan será en prexuízo dos de abaixo. Miguel Rubinos Conde 2013.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: ven.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 75.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 29.
- ↑ No texto: vín, de un. Fermín Bouza-Brey 1929, 189.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 119. A Canle é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ José Pérez Ballesteros I:199,23.
- ↑ No texto: qu’eu, d’a cabalo. Saudade nº 4, xullo 1943, 27.
- ↑ 32,0 32,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: vín, de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 145. No orixinal: Lovios, pedínlle.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 154. Xaquín Lorenzo supón que se trata dunha cantiga importada.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- ALONSO, Eliseo: “Mariñeiros das gamelas”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 9. Museo do Pobo Galego 1988, 115-128.
- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
- GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
- PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
- RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
- RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
- ROMANÍ, Arturo “Xeito”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 7. Museo do Pobo Galego 1988, 93-105.
- RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.