O morcego na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Morcego común

Os morcegos, aínda que de hábitos nocturnos e moi esquivos, non deixaron de estar presentes na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Un dos xogos de rapaces de hai anos era cazar morcegos. Para iso lanzábase ó aire unha pucha na liña de voo dun morcego, de xeito que este entrara na pucha e caera ó chan; tamén abonda con lanzar un farrapo ou cerello calquera. Unha vez apreixado era vítima de falcatruadas tales coma obrigalo a fumar meténdolle un cigarro na boca ou mesmo crucificalo nunha porta.

En Ardán (Marín) intentan collelos mediante un pau untado con touciño, mentres din: Morceguiño, date a pau, que ten sebiño (RIVAS QUINTAS).

En Melide crese que se se ata un morcego á man dereita dun home, este non durmirá en toda a noite. Aínda máis: se se lle dá a beber sangue de morcego, non durmirá nunca máis (Terra de Melide:452) [1].

Sobre os efectos de beber sangue de morcego hai discrepancias: mentres unhas fontes aseguran que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea (CURT); outros etnógrafos recollen o seu uso como soado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos (RISCO).

Crese que os morcegos beben o aceite das lámpadas das igrexas e que é moi mal agoiro que entren na casa. En realidade, o seu único interese son os insectos que voan ó redor das luces.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Nomes populares do morcego son os seguintes: busabello, espertello, moncego, monicego, morcexo, moricego, morricego, morxego, municego, muracego, murcego, muricego, murocego, murucego, musabello.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Tes un corpo medio torto/ i unha cara de morcego;/ pensaches que che quería,/ sabe que negras non quero.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Estudiante de Santiago/ que estudás na estudaría:/ ¿cal é a ave do ar/ que con leite seus fillos cría?
  • Estudiante que estudias/ por de noite e por de día,/ dime: ¿que ave é aquela/ que ten peitos e cría?
  • Estudiante que estudias/ por de noite e por de día,/ dime: ¿cal é aquela/ que ten peitos e cría?
  • Veña acá señor doutor/ que aprende na doutoría,/ ¿cal é o paxaro no ar/ que dá leite cando cría?

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Trátase dun exemplo de maxia simpática: o morcego é un animal nocturno, que pasa a noite esperto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]