A andoriña na cultura popular galega

Antigamente a andoriña consagrábase aos deuses penates (protectores dos fogares), tal como menciona Claudio Eliano, e xa daquela ninguén as mataba. Considerábanse o heraldo da primavera e en Rodas tiñan un cántico para celebrar a chegada das andoriñas nas súas migracións anuais [1].
En Galicia é popular a lenda que conta que as andoriñas arrincaron as espiñas da coroa que levaba Xesús Cristo, e que do sangue deste vén a mancha vermella que amosan no seu pescozo [2]. Desta crenza procede a consideración das andoriñas como protectoras das casas nas que aniña. Por esta razón son aves que ninguén molesta nin se lle vai ós niños [3]. Mesmo se cre que matar unha andoriña ou destruí-lo seu niño é un pecado e que quen o faga sufrirá axiña unha desgraza na súa casa (Risco, Rodríguez López [4])
Considéranse agoiros do tempo que vai facer: cando as andoriñas voan baixo é que vai cambia-lo tempo.
A Virxe de Padrón leva unha andoriña na coroa e por iso corre un cantar no que se di que O Señor bendiga â ave que leva nosa Señora (Rodríguez López).
Sinonimia e léxico derivado[editar | editar a fonte]
Outros nomes que recibe a andoriña son os seguintes: andolía, colandrilla. No galego-asturiano: andolía e golondría [5]
Tamén existe a herba andoriña ou herba da andoriña, máis coñecida cos nomes de celidonia e ceruda (Chelidonium majus) [6], que antigamente se cría boa para as enfermidades dos ollos. Este uso medicinal, que tamén se chegou a aplicar ás propias andoriñas [7], vén da antiga crenza de que os polos de andoriña nacían cegos pero a nai curábaos ó refregarlles os ollos cun anaco desta herba [8].
Cos nomes de andoriña ou anduriña desígnanse tamén os seguintes animais:
- un molusco, a zamburiña, antes Pectunculus hirundo e hoxe Chlamys varia.
- un peixe (Trigla hirundo, hoxe Chelidonichthys lucerna), máis coñecido como escacho.
- Baixo a forma andoriña do mar designa dúas aves mariñas [9]:
- o carrán común (Sterna hirundo)
- o paíño común, paíño europeo (Hydrobates pelagicus), respectivamente.
Tamén designa a ovella que guía o rabaño.
Anduriño é tamén nome dun peixe que o Padre Sobreira describe como Pez pequeño; de forma y color de trucha, y de igual o mejor gusto, con manchas doradas: carne blanca. Vienen por Marzo; en Abril son raros: en años secos son más abundantes. Parecen ser los escalos de Ponte Aréas, y son los reos del Avia.
Tamén di Sobreira que co adxectivo anduriño se designa en Ribadavia a persoa que anda lixeira e que aguanta moito. Eladio Rodríguez González aumenta o significado a quen é rápido ó camiñar, traballar, decidirse e mesmo que fala rapidamente.
Refraneiro[editar | editar a fonte]
- Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
- Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
- Andoriña que alta voa non teme que chova [3].
- Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta [10].
- Andoriñas a rente da auga, chuvia por palla.
- Andoriñas a rentes da auga, chuvia na praia [10].
- Anduriña a rentes da auga, chuvia na praia [11].
- Anduriñas arrentes da auga, chuvia na praia [12].
- Caga máis un boi que cen andoriñas [3].
- Día de san Xosé, primeira andoriña se ve.
- Máis caga un boi que cen anduriñas [13] [14].
- Máis come un boi que cen anduriñas [13] [15].
- Nin un dedo fai man, nin unha andoriña fai vran.
- Por san Reimundo a andoriña vén do outro mundo [16].
- San Raimundo, a andoriña trai do outro mundo.
- San Reimundo tira a andoriña do outro mundo e san Cebrián vólvea a levar [17].
- Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
- Unha andoriña non fai vrau [1].
- Unha anduriña soila non fai verau [3].
- Vale máis unha cagada de vaca que cen de andoriña.
Cantigueiro[editar | editar a fonte]
- ¡Ai, quen anduriña fora, / anduriña da outra banda, / que ao meu amor un suspiro / no piquiño lle levara! [18].
- Catro aves escollidas/ son as que pasan o mar:/ o cuco e a andoriña,/ a rula e o paspallás.
- Catro aves escollidas/ son as que pasan o mar:/ o cuco e maila anduriña,/ a rula i o paspallás [19].
- Catro aves voadoras/ son as que pasan o mar:/ a anduriña e mailo cuco;/ a rula i o paspallás [20]([21].
- Quixera ser dos paxaros / que anduriña se lle chama / para facer o meu niño / ó pé da túa ventana.
Adiviñas[editar | editar a fonte]
- Cen golondrinas/ e un golondrón,/ un mete e saca/ e un quita e pon.[22].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Marcial Valladares Núñez (1884).
- ↑ Lenda semellante corre respecto ó paporroibo.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Eladio Rodríguez González, s. v. anduriña.
- ↑ Aínda así, este último afirma que este pájaro es de los más dañinos para la agricultura, pues se alimenta con preferencia de abejas.
- ↑ Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández: Vocabulario del bable de occidente, Madrid, 1932. Citado polo Diccionario de Diccionarios.
- ↑ E. Losada, J. Castro e E. Niño: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega (1992).
- ↑ "Comidas as andoriñas aguzan moito a vista, para o cal tamén serve a cinza das andoriñas" (Dioscórides).
- ↑ Xosé Ramón Mariño Ferro recolle así as teorías expostas por Aristóteles: "Polo que atinxe ós polos da andoriña, se, cando son aínda novos, lles pica un os ollos, os referidos polos despois sandan e ven" e Plinio o Vello: "A andoriña amosóuno-lo poder curativo para a vista da celidonia ó tratar con esta planta a inflamación dos ollos dos seus pequenos".
- ↑ A denominación está motivada pola semellanza coa andoriña común. Ríos Panisse (1983).
- ↑ 10,0 10,1 Eladio Rodríguez González, s. v. anduriña. No orixinal: arrentes.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 2.
- ↑ Clodio González Pérez, Refraneiro do mar.
- ↑ 13,0 13,1 Eladio Rodríguez González, s. v. boi.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. cagar.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. comer.
- ↑ San Reimundo celébrase o 7 de xaneiro, pero estes refráns deben referirse a san Reimundo Fitero, o 15 de marzo.
- ↑ San Cibrao, 16 de setembro.
- ↑ Real Academia Galega1913.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ave.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 218. No orixinal: máilo, pazpallar.
- ↑ Solución: as patacas no pote.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones. Madrid 1984.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: “O refraneiro do mar”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 137-147.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: "Os animais na medicina máxica tradicional", en González Reboredo, Xosé Manuel (Coord.): Medicina Popular e Antropoloxía da Saúde, Santiago de Compostela 1997.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RÍOS PANISSE, María do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Verba anexo 19, Universidade de Santiago 1983.
- RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza Tomo I (Dirixido por Ramón OTERO PEDRAYO). Ed. Nós, Bos Aires 1962 (reed. Akal, Madrid 1979).
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.