Novembro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de novembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Acontecementos[editar | editar a fonte]

Os acontecementos máis característicos deste mes son a mata do porco e o magosto, que se celebran a partir do 11 de novembro, san Martiño, ata o punto de que este santo dá nome ó propio mes: Mes de San Martiño.

Outro elemento significativo é o día de defuntos, 1º de novembro. Por este feito outros nomes do mes de novembro son os de mes dos mortos ou, simplemente, mes morto. Así, en Tui tiñan o costume de botar un gran leño ó lume para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen quentarse, e en Cambados dise que non se debe ir ó mar neste día para non coller mortos ou os seus restos nas redes.

O día 2, día de Tódolos Santos, tamén serve para darlle nome: mes de Santos.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A cada porco chégalle o seu san Martiño.[1].
  • A horta de san Martiño mantén o dono a mais do veciño.
  • A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.
  • A todo porco lle chega o seu san Martiño.
  • A tódolos porcos lles chega o seu San Martiño.
  • Andar barquiñas, andar axiña, non vos colla o cordonazo de santa Catalina [2].
  • Antes de san Martiño, pan e viño; despois de san Martiño, fame e frío [3].
  • Ata o san Martiño, inda pinga o ramalliño; despois de san Martiño, fame e frío.
  • Ata san Martiño, pan e viño. De san Martiño adiante, fame e frío.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, fame e frío bastante.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, pan e frío bastante [4].
  • Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés [5].
  • Bendito mes que empeza con Santos, media con san Uxío, e remata con san Andrés [6]
  • Bieito mes que entra con Santos, meia con San Uxío e remata con San Andrés[7].
  • Cada porco ten o seu Sanmartiño.
  • Cada porco ten o seu san Martiño.
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza [8].
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • De san Martín en diante, frío e fame.
  • De san Martiño para adiante fame e frío.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá é inverno de verdá [9].
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá.
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • De Santos ó Nadal é o inverno natural.
  • Dende Santos a Nadal é inverno natural [10].
  • Desde Santos a Natal é inverno caroal.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Despois de San Martiño, deixa a agua e bebe viño.
  • Día de san Martiño, proba o teu viño [11].
  • Dispois de San Martiño deixa a iauga e bebe o viño [12].
  • Ditoso mes que empeza con Santos e remata con San Andrés.
  • Do novo viño bota un traguiño polo san Martiño.
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En novembre, cavar non che se lembre; i a aixada de cavar, emprégaa en aburatar [13].
  • En san Martiño remonta cada día un ferradiño.
  • En san Martiño, pan e viño.
  • En Santos, nevan os campos.
Día de san Martiño, proba o teu viño.
  • Entre Santos e Nadal fai inverno carnal [14].
  • Entre Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal, que perderás o caudal.
  • Hastra o San Martiño inda pinga o ramalliño; dispois do San Martiño, fame e frío [15].
  • Hastra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame.
  • Horta de san Martiño mantén ao dono e mais o veciño. (Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 3, maio 1943, 24-25.</ref>.
  • Horta de San Martiño manteu ó seu dono i o seu veciño [16].
  • Horta de San Martiño, mata ó seu dono e mais ó veciño.
  • No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar [17].
  • No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.
  • No mes dos mortos mata os teus porcos.
  • No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.
  • No san Martiño, porco e viño.
  • No san Martiño remonta cada día un ferradiño [18]
  • No san Martiño xa se coñece o bo viño.
  • Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu sanmartín.
  • Ó chegar o San Martiño, mátase o porco e próbase o viño [19].
  • O que cava en novembre, o tempo perde.
  • O que queira bo alliño, que o bote no san Martiño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • O vrán de san Martiño pode ser grande ou pequeniño.
  • O vran de San Martiño son tres días e un pouquiño.
  • O vranciño de san Martiño, tanto grande como pequeniño.
  • O vrau de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.
  • Planta a horta en San Martiño e plantarás para ti e o veciño.
  • Polo san Andres agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.
  • Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.
  • Polo san Andrés mata o teu porco coma o tes/ como é.
  • Polo San Andrés, o mosto viño é.
  • Polo San Andrés, o viño novo vello é.
  • Polo San Clemente bota a túa semente.[20]
  • Polo San Clemente, doble semente.
  • Polo san Martiño, andan as noces a roliño [21].
  • Polo San Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo San Martiño deixa a auga e bebe o viño.
  • Polo San Martiño, fabóns ó liño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño.
  • Polo San Martiño mata o teu porquiño e bebe o teu viño [22].
  • Polo San Martiño péchase o camiño.
  • Polo San Martiño, proba o teu viño.
  • Polo san Martiño todo o mosto é viño [23].
  • Polo San Martiño, trompos ó camiño.
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo san Amaro, trompos ó tellado.[24]
  • Polo San Martiño vende o teu viño, antes ó pipeiro que ó taberneiro.
  • Polo San Martiño, zapa o teu viño [25].
  • Polo san Simón proba o viño e o porco polo san Martiño.
  • Por san Andrés, quen non ten porco, mata á muller.
  • Por San Andrés, toma o porco polo pé.[26]
  • Por San Andrés, trompos outra vez.
  • Por san Martiño, atesta o viño.
  • Por san Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
  • Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
  • Por san Martiño cata o teu viño.
  • Por San Martiño di o inverno:¡alá vou eu! [27].
  • Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas [28].
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto [29].
  • Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.
  • Por San Martiño, nin faba, nin liño.
  • Por san Martiño, nin fabas nin viño.
  • Por San Martiño, non sementes fabas nin liño [30].
  • Por San Martiño, xa se conoce o bo viño [31].
  • Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla [32].
  • Por Santa Erea, toma os bois e semea; por San Martiño, nin fabas nin liño.[33]
  • Por Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Por Santos inda hai campos verdes e xa hai montes brancos [34].
  • Por Santos nevan os campos.
  • Por Santos, sacha a horta e capa o rancho [35].
  • Pranta a horta no San Martiño e prantarás pra ti e pró veciño.
  • Quen cava no mes de Santos perde o tempo e o traballo.
  • Quen queira ter allo fino, que o poña polo san Martiño.
  • San Andrés trae a vela e san Xoán a leva [36].
  • San Martiño sempre quer o seu grauciño, anque sea pequeniño [37].
  • San Martiño, trompos ó camiño.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán e san Andrés, fai Dios que non sexan cada mes.
  • San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.
  • San Xoán trae o inferno e san Andrés o inverno.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.
  • Santos e Natal, inverno carnal.
  • Santos e Nadal, inverno caroal [38].
  • Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.
  • Se queres ter allo fino, plántao no San Martiño.
  • Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla [39].
  • Vaites co mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés.
  • Zapa o viño polo San Martiño [40]

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Andar enganado coma un porco no mes de santos: dise de quen non se decata de que o están enganando e buscando a ruína, a pesar de que se faga con boas palabras.

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Sanmartín ou martiño peixeiro (Alcedo athis), paxaro que vive nas beiras dos ríos.
  • Sanmartín: ave mariña, tamén chamada pardela pichoneta (Puffinus puffinus). A etimoloxía do nome parece relacionada coa época do ano no que a ave está presente en Galicia, no outono, perseguindo os bancos de sardiña.
  • Sanmartiño é o nome dun peixe acantopterixio (Zeus faber), tamén chamado samartiño, martiño, martuxo, galo do mar e peixe galo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño. En sentido figurado, significa que ó final todo o mundo ten o seu merecido.
  2. Santa Catarina celébrase o 25 de novembro. Cordonazo é o temporal de borrascas, tiempo aturbonado y revuelto que en el equinocio de otoño suele presentarse en las costas de España, Francia e Inglaterra, atravesando a veces el océano Atlántico, y que se conoce comúnmente por cordonazo de San Francisco (Eladio Rodríguez González).
  3. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  4. Probable erro por fame e frío.
  5. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  6. Día de Tódolos Santos, 1º de novembro; San Uxío, 15 de novembro; San Andrés, 30 de novembro. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  7. Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 3, maio 1943, 24-25.
  8. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  9. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  10. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  11. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  12. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño. No orixinal: i-auga.
  13. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. novembre.
  14. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  15. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  16. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  17. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  18. Este refrán adianta o crecemento dos días un mes antes dos refráns paralelos, que sitúan este momento ó redor de Santa Lucía, 13 de decembro. Fonte: Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  19. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  20. San Clemente, 23 de novembro.
  21. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  22. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  23. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  24. San Amaro, 15 de xaneiro.
  25. Zapar é pechar o bocoi coa zapa. Zapa é o tapón co que se pecha o burato por onde se enchen o bocoi, e tamén o burato mesmo.
  26. San Andrés, 30 de novembro.
  27. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño. No orixinal: .
  28. San Xudas, 28 de outubro.
  29. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  30. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  31. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  32. San Uxío, 15 de novembro; Santa Baia debe ser o 10 de decembro (Santa Baia de Mérida), aínda que podería ser o 12 de febreiro (Santa Baia de Barcelona).
  33. Santa Irea ou Erea, 18 de setembro; San Martiño, 11 de novembro.
  34. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  35. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  36. Por san Andrés (novembro) cómpre alumarse cunha candea, que xa non será necesaria cando chegue san Xoán (xuño).
  37. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Martiño.
  38. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. Santos.
  39. San Román de Antioquía, 18 de novembro; santa Baia de Mérida, 10 de decembro.
  40. Ver nota a Polo San Martiño, zapa o teu viño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra 1904.
  • FERRO RUIBAL, X. (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.

Outros artigos[editar | editar a fonte]