Os cregos na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Sacerdote.

Os cregos, curas ou abades, na cultura popular galega, deron pé a abundante fraseoloxía impregnada, en boa parte dos casos, de certa retranca crítica e burlona en relación co seu comportamento sexual e a súa afección á boa mesa. En moitos casos, esa literatura popular nace dun mal disimulado anticlericalismo.

Así, Risco conta que a xente da aldea lles critica moito o seu suposto apego ó diñeiro, do que xorden comentarios como estes: "De que achegan o bico ó cáliz, xa non teñen quebradeiros de cabeza", ou que "o purgatorio fixérono os curas, para sacaren cartos con misas e responsos". Por esta causa foron un obxectivo preferente para as cuadrillas de ladróns que daban por suposto que agochaban unha fortuna nas súas casas.

Entre os mariñeiros era de mal agoiro falar a bordo de curas ou de raposas. Críase que con só mencionalos se aseguraba a falta de pesca ou mesmo un accidente; Eliseo Alonso aumenta a lista de temas vedados a cobras, zapateiros ou xastres. Asegúrase que ningún armador ou patrón levaría nunca un cura a bordo da súa barca, incluso cando non fosen a pescar [1].

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

Léxico[editar | editar a fonte]

Cadela de frade (Forficula auricularia)
  • Bispo: estómago do porco [2].
  • Crego: peixe (Eutrigla gurnardus), semellante ó escacho (Trigla spp), do que se diferenza por ser de cor gris ou parda no lombo, no cando da cor vermella típica dos escachos, e abrancazada no ventre [3].
  • Crego: escarapote (Scorpaena scrofa) [4].
  • Crego: paxaro máis coñecido como lavandeira (Anibal Otero).
  • Crego amarelo, crego marelo: ouriolo ou vichelocrego [5].
    • Bicho do crego: a mesma ave [5].
  • Crego: flor do gamón ou abrótega (Asphodelus albus).
  • Cregop: pedra grande cravada verticalmente, máis com,unmente chamada chantón [6].

O termo curato designa o cargo do cura párroco e mailo territorio baixo o seu goberno espiritual.

Locucións[editar | editar a fonte]

Locucións substantivas
  • Ama de crego: a criada que atende ó párroco, prior ou en casas de relixiosos. En ocasións faise equivaler a amiga ou amante do crego.
  • Cadela de abade, cadela de frade: insecto, tamén chamado forcadela (Forticula auricularia).
  • Cara de abade: aplícase á cara gordecha e colorada, porque se supón que así a teñen os abades, que nunca pasaban fame [7].
  • Cura de todos: o dedo corazón [8].
  • Herba do crego: herba leguminosa (Vicia hirsuta, Vicia sativa).
  • Mesa de abade: mesa ben provista, na que non falta de nada, abundante, chea dos pratos máis saborosos [7].
  • Orella de abade, orella de frade: couselo, planta que medra nos valados e tellados (Umbilicus rupestris) [9].
    • Gorro de bispo: a mesma planta [6].
  • Sopa de abade: tipo de sopa definida como "de agua, refrito y huevo" (en Ramirás)
  • Uva do cura: variedade de uva de mesa (en Marín).
Locucións verbais
  • Levar carneiro: suspender no exame da doutrina cristiá que os cregos facían en tempos de coresma.
  • Ser moi burro pra abade: dise do que non ten luces, que non é quen de consegui-lo máis fácil.
  • Ter [alguén] boca de frade: ser un pedichón.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A cura novo, sancristán vello [10].
  • A facenda do crego dáa Deos e lévaa o demo [11].
  • A facenda do crego, dalla Deus e cómenlla os herdeiros [12].
  • A mal abade, mal sancristán [7].
  • A ruín abade, ruín monaguillo [7].
  • Abade de aldea, moito canta e pouco medra [7].
  • Abade de bamba, o que non pode comer daio pola súa alma [7][13].
  • Abade de moita bamba, que di que non come e ben que se farta [7].
  • Abade que comeu da ola, inda ás veces quer da cazola [7].
Abade que foi monaguillo, ben sabe quen bebe o viño.
  • Abade que foi monaguillo, ben sabe quen bebe o viño [7][14].
  • Cando a lebre diga misa e o coello seia abade, deixarei o meu querer por coller a túa amistade [15].
  • Cando a lebre diga misa, o coello sea abade e o raposo sea frade, deixarei a miña casa e perderei a míña amizade.
  • Cando é moita a cera na igrexa, está o abade de festa [16].
  • Cando o crego dá a ovella, collela, pois, se o crego recorda, non dá a ovella nin dará a corda.
  • Cando ó crego lle dan a ovella, colle-la corda e ir por ela.
  • Como canta o abade, respóndelle o sancristán [17][17].
  • Con abades non rifedes nin vos metades [7].
  • Con abades, nunca preitos teñades [7].
  • Crego moi predicadeiro, non é o máis esmoleiro [12].
  • Crego viaxeiro, nin mísere, nin miseiro [12].
  • Cregos e frades e mouros, quen viu un viunos todos [12].
  • Cregos, frades, curuxas e choias, dou ó diaño esas catro xoias [12].
  • Cregos, frades, pegas e choias, dou ó demo istas catro xoias [12][18].
  • Cregos, frades, picazas é choias, dou ó demo as catro xoias [19].
  • De crego a frade non hai máis que votos [12].
  • Dispois que os cregos xantan, culleres sobran [12].
  • En cas do abade, comer e levare [20].
  • Na casa do abade, comede e levade [7][21][22].
  • Na casa do cura, cando non chove barruza [23][24].
  • Na casa do cura sempre hai fartura [10].
  • Na casa do señor abade, comede, bebede, e levade [24][25].
  • Na casa do señor cura, cando non chove barruza [10].
  • Non se acorda o señor cura de cando foi sancristán [10].
  • O abade de aldea, se ben xanta millor cea [7].
  • O abade do que canta, xanta [7].
  • O abade e o veciño moen nun mesmo muíño [26]
  • Ó abade i ó xudío, dálles un ovo e pedirancho fritido [7].
  • Ó abade moi falangueiro, gústalle andar polo rueiro [7].
  • O abade, onde canta é onde xanta [7].
  • Ó abade roupa nova e por limpar [7].
  • Ó abade vello, polos e coello[7].
  • O crego e mais o raposo, se perden a mañá, perden o día todo [12].
  • O crego onde canta, xanta [27].
  • O cura nunca fai veciño [6].
  • O cura, o sancristan, o barbeiro e o veciño, todos moen nun muíño [28].
  • O demo farto de carne, meteuse frade [29].
  • Ó médico, ó confesor e ó abogado, falarlle craro [30].
  • O que é bo abade, fai bo do mal sancristán [7].
  • O que o cura ten de delgado, teno de gordo o beneficiado [10].
  • Ó teu abade dille sempre a verdade [7].
  • Onde canta un crego e ornea un burro, alí nunca falta un peso duro [12].
  • Onde canta un crego, moe un muíño e ornea un burro, nunca faltará un duro.
  • Onde hai un crego enriba de albarda, sempre hai hora millorada [12].
  • Onde o crego canta, alí xanta [12][31].
  • Os bes do sancristán, por onde veñen van [17].
  • Os cartos do sancristán, cantando se veñen e cantando se van [17].
  • Quen che mandou tocar, meu frade, quen che mandou tocar que che pague [32].
  • Sancristán que vende cera e non ten colmea, que o digan as velas da eirexa [17].
  • Se ben canta o abade, nono fai mal o monaguillo [7].
  • Se che pica un alacrán busca viño, busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán [33].
  • Se queres un día bo, aféitate; un mes bo, mata porco; un ano bo, cásate; un sempre bo, faite crego[34].
  • Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, que mañán te enterrarán [35].
  • Se te pica un alacrán, chama crego e sancristán [36].
  • Se te roe un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán [37].
  • Se te roi un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán [36].
  • Tal o abade, tal ás veces o sancristán [7].

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

O crego cando vai fóra/ déixalle dito á criada:/ Veña tarde, veña cedo,/ déitate na miña cama
  • Á ama do cura/ figuéronlle un dengue;/ tanto remendo/ ninguén o entende [38].
  • A canteira está ben dura/ e témola de arrombar,/ iá ama do señor cura/ 'la tenemos que matar' [39].
  • A miña muller morreume/ i enterreina nun palleiro;/ os cregos a recramala/ i eu a toca-lo pandeiro [40].
  • Á porta do cura/ pisáchesme o pé,/ piscáchesme un ollo/ non sei pra que é [41].
  • Ai, miña probe Francisca, / ¿qué lle fixeches ó cura / que cando che bautizou / púxoche o nome da burra?.
  • Ai, pimpín, saralelo,/ ai lelelo,/ a criada do cura/ ten un neno,/ ten un neno/ pequeniño/ que de nome lle chaman/ Manoeliño [42].
  • Andas abaixo i arriba,/ pensas que ninguén cho sabe;/ sábecho Dios, todo o mundo/ e tamén o can do abade [43].
  • Andas de abaixo pra arriba,/ coidas que ninguén cho sabe;/ sábeo Dios e todo o mundo/ e a cadela do abade [44].
  • Ao caravel cando nace/ chámanlle caraveliño,/ os fillos do señor cura/ chámanlle ao pai señor tío [45].
  • Cando a lebre diga misa/ e o coello seia abade,/ deixarei o meu querer/ por coller a túa amistade [15].
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón pola eira!/ Cantas fillas de María/ ten o cura de Palmeira [46].
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón polo chan!/ Cantas fillas de María/ ten o noso capellán [47].
  • Conta feita i axustada,/ dixo o crego da Golada:/ tres porcos son seis touciños./ doce pés e tres fuciños [48].
  • Deume un bico unha morena,/ deixoume tanta dozura/ que hoxe mesmo sen falta/ penso de ir falar co cura [49].
  • Dónde vés, Carmiña?/ Veño da verdura./ Mentes, mentirosa,/ que vés dónda o cura [50].
  • Dúas cousas hai no mundo/ que non as podo entender:/ ser crego e ir ao inferno,/ ser ceruxano e morrer [51].
  • Dúas cousas hai no mundo/ que non podio comprender:/ Que un cregho vaia ó inferno/ e un ciruxano morrer [5].
  • Eu ben vin estar o crego/ no poleiro das galiñas,/ e pensei, por vida miña,/ que era un pare de sardiñas [52].
  • Eu ben vin estar o crego/ tendendo nos cueiriños,/ dixen para Dios e min:/ Este crego ten meniños.
  • Eu non vou, non vou,/ eu non vou alá,/ á casa do cura,/ que me quererá?/ Que me quererá?/ Que me ha de querer?/ Morreulle a criada,/ quérema vender [53].
  • Eu non vou, non vou,/ eu non vou alá,/ á casa do cura,/ que me quererá?/ Que me quererá?/ Que me ha de querer?/ Morreulle unha vaca,/ quérema vender [53].
  • Haste de casar, meu fillo,/ senón vístete de flaire;/ salíchesme algún demonio/ destes que voan no aire [54].
  • Iste meniño/ que no rulo estae/ cando sea grande/ pra cura ha estudeare [55].
  • Iste pandeiro que toco/ é da pelica dun can/ que me morreu de morriña/ á porta dun sancristán [56].
  • Miña sogra morreu onte/ i enterreina no camiño;/ os cregos a requear/ i eu a alumiarches cun guizo [57].
  • Miña sogra morreu onte/ i enterreina no palleiro;/ os cregos a responsala/ i eu a toca-lo pandeiro [58].
  • No ceo manda Dios/ e na xustiza o alcalde,/ o cura manda na igrexa/ i os mozos mandan na calle [59].
  • No convento de Acibeiro/ había un frade galiñeiro/ que así que se puña o sol:/ ¡churras, churras, ó poleiro!'' [60].
  • O abade de Lubeira/ ten a cabeza pelada/ que lla pelaron os mozos/ do lugar de Santa Baia [61].
  • O crego cando vai fóra/ déixalle dito á criada:/ Veña tarde, veña cedo,/ déitate na miña cama [62].
  • O crego chamoume Rosa/ i eu tamén lle respondín:/ Destas rosas, señor cura,/ non as hai no seu xardín [63].
  • O crego da miña aldea/ ten as cirolas rachadas/ que llas rachou a silveira/ por correr tras das criadas [64].
  • O crego de Escravitude/ leva a criada na burra,/ na primeira carballeira/ dalle unha sacudidura [65].
  • O crego e maila criada/ botaron o pan no forno,/ e os pequenos lles dicían/ nanai, teta, papai, bolo [66].
  • O crego e mais a criada/ foron sachar ós melós,/ a a criada canlle as sayas,/ a o crego canlle os calzós [11].
  • O crego e mais a criada/ ordenaron de cocer;/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [67].
  • O crego e mais o raposo, se perden a mañá, perden o día todo [12].
  • O crego foi ó muíño/ co cenico na cabeza,/ escorréronlle as chinelas,/ alá vai de cu na presa [68].
  • O crego foi ó muíño/ e caeu da ponte en baixo;/ acodir ó crego, nenas,/ que vai polo río abaixo.
  • O crego foi ó muíño,/ meteu a cabeza dentro;/ sacou fariña na croa/ para face-lo formento [69].
  • O crego foi ó muíño/ meteu a cabeza dentro,/ trouxo fariña na croa/ para facer o formento [70].
  • O crego que che casou/ debía de estar borracho/ porque non che preguntou/ se eras femia ou eras macho [71].
  • O crego vendeu a besta/ por lle non da-la cebada/ i agora vai ós enterros/ dacabalo da criada [72].
  • O creguiño de Sueiro/ mui pequeño se quedou/ que naceu no mes de agosto/ e coa seca non medrou.
  • O cura chamoume Rosa/ eu tamén lle respondín:/ destas rosas, señor cura,/ non as hai no seu xardín [73].
  • O cura chamoume Rosa,/ eu tamén lle respondín:/ Estas rosas, señor cura,/ non as hai no seu xardín [74].
  • Ó cura de Baños,/ olliños de perdigón,/ cando vai deci-la misa/ xempre lle cai o calzón [75].
  • O cura de Lubeira/ non ten capa nin mantelo;/ viva o cura de San Xes/ que o ten de terciopelo [76].
  • O cura de San Martiño/ éche moi bo confesor,/ que confesou á criada/ debaixo do cobertor [77].
  • O cura desta parroquia/ deixa dito á criada:/ nena, se non veño logo,/ déitate na miña cama [78].
  • O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ a leña estaba no monte,/ a fariña por moer [79].
  • O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [80].
  • O cura que me casou/ moito me ten que velar:/ unha moa que me doía,/ xa me quero descasar [81].
  • O cura que me casou,/ nunca il acorde outras vodas;/ por causa dunha meniña/ esquecín as outras todas [82].
  • O día que me eu casar/ queira Dios non apareza/ nin crego nin sancristán/ nin as chaves da igrexa [83].
  • O melro canta na viña,/ o reiseñol no loureiro,/ os cregos cantan na igrexa/ serven a Dios por diñeiro <refXaquín Lorenzo Fernández, 120.</ref>.
  • O meu pai foi sancristán/ e fixo moitas diabruras,/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba o Cristo ás escuras [84].
  • O señor cura de Boiro/ ten a camisa rachada./ Viva o noso de Cespón/ que ten nove na colada [85].
  • O señor cura non baila/ porque di que ten coroa,/ baile, señor cura, baile,/ que Dios eso llo perdona [86].
  • O señor cura non bailla/ porque di que ten coroa:/ baille, señor cura, baille,/ que Dios todo llo perdoa [87].
  • Os curas e os taberneiros/ teñen moito parecido,/ os curas bautizan nenos/ e os taberneiros o viño [88].
  • Pedinlle un bico a María/ i ela non mo quixo dare;/ o cura da súa parroquia/ non deixa aos homes bicare [89].
  • Por un bico nin por dous/ non dá penitencia o cura,/ pero se chega a tres/ a penitencia é segura' [90].
  • Se hai alguén atrevido/ que na rúa se atravese/ xa pode traguer consigo/ o cura pra que o confese [91].
  • Se o crego vai no muíño/ e leva un fol e trai outro/ ¿qué ten que ver coa criada/ nin se ela pareu hai pouco?
  • Se ti viras o que eu vin/ alá riba en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo [92].
  • Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ o abade de Lubeira/ dacabalo dun raposo [93].
  • Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ sete frades dun convento/ dacabalo dun raposo [93].
  • Señor cura, señor cura,/ inda se lle tolla,/ inda se lle pudra;/ eu teño entendido/ a botonadura/ do seu calzoncillo [94].
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de laranxo/ quen che mandou dar pintura/ foi o cura de Rianxo [95].
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño [96].
  • Se ti viras o que eu vin/ alá riba en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo [97].

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Atóupoo pola mañá/ todo vestido de mouro,/ nin é cura nin é frade,/ é o que che digo primeiro (a toupa).
  • Nin é frade/ nin é crego/ e sempre/ viste de negro (a toupa).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arturo Romaní, 99. Eliseo Alonso, 125.
  2. Constantino García González, s. v. bispo; localízao en Pantón.
  3. Eladio Rodríguez González (s. v. crego), que o toma de Cornide, di que se lle chama crego porque as espiñas que ten na cabeza lembran o bonete dun cura (símil que toma do dicionario de Francisco Javier Rodríguez, de 1863) e porque, cando o pescador o saca da auga, emite uns gruñidos que lembran os cregos cando cantan ou rezan. Ríos Panisse identifícao co Trigla gurnardus.
  4. Ríos Panisse 1977. A orixe do nome podería estar na cor vermella e na suposta similitude das espiñas da cabeza coa tiara dun bispo.
  5. 5,0 5,1 5,2 Elixio Rivas Quintas, 1978.
  6. 6,0 6,1 6,2 Elixio Rivas Quintas, 1988.
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 7,15 7,16 7,17 7,18 7,19 7,20 7,21 7,22 Eladio Rodríguez González, s. v. abade.
  8. Constantino García González: Glosario de voces...
  9. Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Eladio Rodríguez González, s. v. cura.
  11. 11,0 11,1 Anónimo, 1845: Vozes gallegas, ed. de J. Leite de Vasconcellos.
  12. 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 12,10 12,11 12,12 Eladio Rodríguez González, s. v. crego.
  13. Ter (moita) bamba é vivir con ostentación, máis aparente que real.
  14. Refraneiro do viño, 11.
  15. 15,0 15,1 Saudade nº 4, xullo 1943, 27.
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. cera.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Eladio Rodríguez González, s. v. sancristán.
  18. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal, gregos, que se considera erro por cregos por ser así noutros paralelos. Ademais, o refrán está alfabetizado no C.
  19. Francisco Porto Rey (1900): Diccionario gallego-castellano, ed. de María Xesús Bugarín e Begoña González Rei, A Coruña, Real Academia Galega, 2000. O colector explica que o refrán se refire ós décimos e outros trabucos que pesaban noutrora sobre os labregos e que contribuían á mala sona que tiñan os cregos, xa que eran estes os que os cobraban. Engade que o refrán xa consta no repertorio fraseolóxico do Comendador Hernán Núñez, de 1555, na forma "Cregos, frades, pegas e choyas, do a demo tas quatro joyas".
  20. Sobreira: Papeletas.
  21. Real Academia Galega 1913, s. v. abade.
  22. O refrán critica a abundancia na que vivían os cregos e abades.
  23. Barruzar é caer unha chuvia miúda pero constante.
  24. 24,0 24,1 Eladio Rodríguez González, s. v. casa.
  25. Refraneiro do viño, 27.
  26. Eladio Rodríguez González, s. v. moer. No orixinal: i o veciño, muiño.
  27. Elixio Rivas Quintas, 1978. Expresa que, alí onde se traballa, hai dereito a que dean de comer.
  28. Eladio Rodríguez González, s. v. moer. No orixinal: i o veciño, muiño.
  29. Eladio Rodríguez González, s. v. demo, s. v. lobo.
  30. Eladio Rodríguez González, s. v. falar.
  31. Sobreira: Papeletas. No orixinal: donde, janta.
  32. Corme, 505.
  33. Gran Enciclopedia Galega, s. v. alacrán.
  34. O libro do porco, 41.
  35. Refraneiro do viño, 20.
  36. 36,0 36,1 Eladio Rodríguez González, s. v. alacrán.
  37. Refraneiro do viño, 20. No orixinal: e máis.
  38. O dengue é unha "Peza do traxe tradicional feminino semellante a unha esclavina de pano adornado con veludo e abelorios, con puntas longas que se cruzan sobre o peito e se abrochan por detrás" (Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dengue. Consultado o 24 de febreiro de 2017.). O autor engade que o metro esixe un i epentético (A ialma do cura). Fonte: Xaquín Lorenzo Fernández, 29. No orixinal: ningueno.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 29.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: tocalo
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 43.
  42. Fermín Bouza Brey, 195.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: cán.
  44. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: d’abaixo’ pr’arriba, ch’o.
  45. Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 216.
  46. Fermín Bouza-Brey 1929, 175. No orixinal: pol-a.
  47. Fermín Bouza-Brey, 1929, 175. No orixinal: pol-a, chán.
  48. O libro do porco, 45.
  49. Xaquín Lorenzo Fernández, 70.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández, 71. No orixinal: ves.
  51. Xaquín Lorenzo Fernández, 72. No orixinal: nonas.
  52. Anónimo (1845), en Vozes gallegas, ed. de J. Leite de Vasconcellos. Cabe supoñer que hai un erro de pare por paxe, cesta de vimbio que se empregaba, precisamente, para transportar sardiñas.
  53. 53,0 53,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 82.
  54. Corme, 466.
  55. Xaquín Lorenzo Fernández, 90.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: de un, sacritán
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 102. Requear é entoar o Requiem.
  58. Xaquín Lorenzo Fernández, 102. No orixinal: tocalo.
  59. Xaquín Lorenzo Fernández, 108. Xaquín Lorenzo aponlle unha orixe castelá.
  60. Marcial Valladares Núñez (1884), s. v. poleiro. No orixinal: N'o convento d'Acibeiro/ habia un frade galiñeiro/ qu'asi que se puña o sòl/ churras, churras, ò poleiro.
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 114. Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira.
  62. Fermín Bouza Brey, 1929, 194. No texto: fora, â criada.
  63. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: de estas, nonas.
  64. Fermín Bouza-Brey, 1929, 196.
  65. Fermín Bouza-Brey, 1929, 195. No orixinal: Esclavitude.
  66. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: mail-a, nanái, papái.
  67. J. Leite de Vasconcellos: Vozes gallegas (1845).
  68. O cenico é un saco pequeno, un saquete ou bolsa grande, segundo Rivas Quintas. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: ao moíño, escorréronll’as.
  69. Fermín Bouza-Brey, 1929, 195. No texto: No texto: ô muiño.
  70. Fermín Bouza-Brey, 1929, 195. No orixinal: ô muiño.
  71. Fermín Bouza-Brey, 1929, 186.
  72. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: dala.
  73. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: chamóume, señór (sic).
  74. Corme, 489.
  75. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: Baño). Refírese á parroquioa de San Xoán dos Baños, no concello de Bande.
  76. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. Refírese á parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
  77. Fermín Bouza-Brey, 1929, 194. No orixinal: , â criada.
  78. Anónimo (1845): Vozes gallegas, ed. de J. Leite de Vasconcellos.
  79. Corme, 486.
  80. Fermín Bouza-Brey, 1929, 189). No texto: mail-a.
  81. Xaquín Lorenzo Fernández, 116.
  82. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: bodas, de unha.
  83. Xaquín Lorenzo Fernández, 117. No orixinal: sacritán.
  84. Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 216. No orixinal: âs escuras.
  85. Cespón é parroquia de Boiro. Fermín Bouza-Brey, 1929, 195.
  86. Saudade, nº 4, xullo 1943, 29. No texto: ll’o.
  87. Xaquín Lorenzo Fernández, 124.
  88. Álvaro das Casas, Nós 94, 15.10.1931, 193.
  89. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  90. Xaquín Lorenzo Fernández, 135.
  91. Xaquín Lorenzo Fernández, 143. No orixinal: rua
  92. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No orixinal: qu’eu, d’a cabalo.
  93. 93,0 93,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: vín, de un.
  94. Fermín Bouza Brey, 1929, 194.
  95. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Fermín Bouza-Brey, 1929, 184.
  96. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo. Fermín Bouza Brey, 1929, 184.
  97. No orixinal: qu’eu, d’a cabalo. Saudade nº 4, xullo 1943, 27.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALONSO, Eliseo: “Mariñeiros das gamelas”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 9. Museo do Pobo Galego 1988, 115-128.
  • ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María: O libro do porco. Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008. O refraneiro está contido no nº 3, maio 1943, 24-25.
  • ANÓNIMO: Refraneiro do viño. 505 sentenzas recollidas do pobo, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1968.
  • BROUZA BREY, Fermín: “Cantigas populares da Arousa”, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • Gran Enciclopedia Galega, Ed. Silverio Cañada, Lugo 2003.
  • OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba anexo 7, Universidade de Santiago, 1977.
  • RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espiritual", en "Historia de Galiza", dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Ed. Nós, Bos Aires 1962, tomo I.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ROMANÍ, Arturo: “Xeito”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 7. Museo do Pobo Galego 1988, 93-105.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.