O Nadal na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación do nacemento de Xesús nun baldaquino de San Salvador de Meis.

As festas do Nadal en Galicia comparten rituais coa mesma festividade de Nadal noutros lugares, aínda que se poden destacar algunhas peculiaridades. Comprenden diferentes celebracións entre os días 24 de decembro e o 6 de xaneiro e teñen como eixo a conmemoración do nacemento de Xesús, malia que os etnógrafos concordan en que as verdadeiras raíces son moi anteriores e están relacionadas co solsticio de inverno sobre as que houbo unha superposición relixiosa [1].

Noiteboa[editar | editar a fonte]

A mesma escena noutro baldaquino de San Breixo de Arcos de Furco (Cuntis).
Artigo principal: Noiteboa.

Na noite do 24 de decembro celébrase o nacemento. Por tal motivo serve para reforza-la unión da familia, normalmente na casa paterna. Nesta unidade familiar inclúense as ánimas dos familiares falecidos, que se cre que veñen participar na cea. Así, na cea de Noiteboa era costume servir un prato máis na mesa para que os familiares mortos puidesen compartir coa familia esta celebración, ou ben deixábase a mesa sen recoller para que comesen as ánimas dos ausentes, para os que tamén se deixaba a lareira acesa. En Verín deixábaselles cera e leite; Risco sinalaba que en Xinzo de Limia debía quedarse na casa o cabeza de familia para recibi-las ánimas. Deste xeito, os membros da familia no alén podían gozar de calor e comida na casa á que pertencían. Risco tamén relaciona este acto de reservar un sitio e cubertos na mesa como símbolo da pousada que se lle dá á Virxe, pousada que se lle negara en Belén.

Ata tempos recentes era día de abstinencia[2], polo que non se servían carnes. Isto explica o costume galego de cear bacallau con coliflor nesta ocasión; noutros lugares ceábase polbo, verza ou grelos. Entre as sobremesas máis típicas pódense cita-la sopa de améndoas (en Verín) ou a compota de pera en viño tinto (Lugo).

Taboada Chivite di que nalgures tamén se lle daba ás vacas unha sobrecea na Noiteboa, coma se o gando tamén fose da familia e tivese dereito a celebra-la festa. Outros costumes que cita son botar unha présa de sal no pozo ou deixar en auga unhas flores de malva que se recolleran na noite de San Xoán, coa crenza de que, aínda estando loxicamente murchas, aparecerán á mañá seguinte frescas e fragrantes, como acabadas de cortar [3].

Hai sitios, como Verín, onde ó remata-la cea de noiteboa, os rapaces saen a apedra-las árbores froiteiras para que o ano entrante desen ben de froita. Adoitábase facer sobre todo coas árbores aneiras, que só dan froito cada dous anos. Era costume representar previamente unha falsa disputa entre o dono da árbore, que teimaba en cortala, e outra persoa que a defendía, porfiando en que despois de apedrala daría froito en abundancia [5].

O Belén[editar | editar a fonte]

Relevo na igrexa de Santa María de Bemil (Caldas de Reis).
Belén na igrexa de San Francisco (Cambados).

Aínda que a primeira representación dun nacemento dentro da celebración no Nadal foi idea de San Francisco de Asís na noiteboa de 1223, a introdución do costume en Galicia debeu de ser tardía, segundo Taboada Chivite. Da escena do nacemento e da Epifanía poden atoparse xa exemplos nos tímpanos, retablos e baldaquinos de moitas igrexas medievais, como se mencionará máis adiante. Un dos máis antigos en terras galegas pode se-lo relevo que se expón no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, procedente do desaparecido mosteiro de San Xoán de Camba (Castro Caldelas), de mediados do século X [6].

É costume que nas igrexas parroquiais se monte un Belén, representación figurada do nacemento de Xesús, rodeado de figuras de pastores e labregos. Máis modernos son os que cada quen fai na súa casa ou algúns concellos nalgunha praza céntrica. Entre os beléns galegos cómpre destaca-lo belén de Baltar, obra que creou o escultor ourensán Arturo Baltar en 1967 e que foi ampliando ano tras ano para convertelo nun vivo retrato de Ourense no primeiro cuarto de século XX, con persoeiros populares recoñecibles [4] e edificios característicos da zona. Desde 1980 exponse permanentemente na igrexa de San Cosme e San Damián, de Ourense.

Sonado tamén é o belén electrónico de Begonte, creado en 1972 polo entón párroco da vila José Domínguez. Neste belén, animado por máis de 50 mecanismos, as figuras realizan os labores propios desta comarca luguesa [5].

Na Coruña exponse outro gran belén, inaugurado en 1923 e restaurado en 2001, que representa o mapa de Xerusalén, ocupando unha superficie de 120 metros cadrados. Tralo belén, pende un gran pano pintado por Camilo Díaz Baliño.

A tradición apócrifa sitúa o nacemento de Xesús nunha humilde corte de pastores, quentado por un boi e un burro ou unha mula. Disque o boi quentaba ó Neno co seu bafo, mentres que a mula aproveitaba para lle come-la palla do presebe. Por esta actitude ingrata da mula, Deus condenouna á esterilidade.

Na Limia foi un carrizo quen quixo rouba-la palla e o castigo foi ser condenado a se-lo paxaro máis pequeno de todos cantos hai.

A presenza do boi e da mula ó redor do Neno só se acredita a partir do século IV, tempo no que se datan as catacumbas de san Sebastián en Roma. Nunha das súas paredes, un fresco reflicte o boi e o burro axeonllados ante o Neno Xesús envolto nos seus capizos. Os evanxeos canónicos (Mateo, Marcos, Lucas e Xoán) non describen as condicións do nacemento de Xesús. San Lucas é o único que dá algún detalle, cando di que, tralo parto, María envolveuno nuns capizos e deitouno na manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles (Lc 2,7), sen falar do gando que puidese estar presente. É o apócrifo Protoevanxeo de Santiago (mediados do século II) o que describe o nacemento nunha cova, pero non fala do gando, e o Evanxeo do pseudoMateo (século VI) conta que ós tres días do nacemente se trasladan a unha corte na que, por fin, aparecen o boi e o burro canda o Neno [6].

Unha noite mui fría de inverno
nunha corte do gando en Belén
veu ó mundo do modo máis probe
o que foi o máis rico en saber.
En un portaliño escuro,
cheo de teas de arañas,
entre a mula e mais o boi,
nace o Redentor das ialmas.

O tizón de Nadal[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tizón de Nadal.

Na Noiteboa limpábase coidadosamente o lar e acendíase un gran leño, denominado Tizón ou Cepo de Nadal. O acto de varre-lo lar antes de prende-lo lume simbolizaba destruí-lo vello para dar paso ó novo. O tizón debía permanecer aceso na lareira ata Aninovo; en troques, por terras de Becerreá debía durar todo o ano, dándolle lume tódolos días aínda que fose por pouco tempo. Logo deixábase apagar pero conservábase durante o resto do ano para acendelo de novo durante as treboadas ou cando se ventaba unha desgraza na casa, como elemento protector do fogar.

Xoán Xosé Pérez Labaca escribiu sobre un costume dos celtas que consistía en acender unha candea o día do solsticio de inverno, que tiña que arder durante medio día seguido para traer boa sorte na casa. E engade:

"Hai quen pensa que desa costume xurdiu unha das tradicións que máis arraigou en Galicia que é o chamado 'lume novo', que era acender na lareira un tronco e, podendo, o mellor sería unha cañota de carballo. Este lume novo era chamado noutros lugares o 'tizón', o 'cepo' ou o 'cachopo'. Este lume debía estar encendido ó longo de todo o ano para dar luz e calor e vén representar a quentura do fogar en contraposición co frío do exterior da casa".

Vicente Risco defíneo así:

É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman 'tió', no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos
Vicente Risco: "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.

Amais de ser protector e de certo carácter sagrado, as cinsas do tizón de Nadal parecían ser boas para cura-las febres.

O culto ó lume está ben presente na cultura popular galega, coma na doutras latitudes. Poida ser que este tizón de Nadal sexa unha reliquia dese culto pagán que terminou sendo prohibido, sen éxito, polas Sinodais de Mondoñedo no século XVI por consideralo rito gentílico (Eladio Rodríguez, citando a Murguía).

As tempas[editar | editar a fonte]

Na Comarca do Condado adóitase saír á eira cun cirio aceso para saber de onde vén o vento, ás 12 da noite en punto. O lugar desde o que sopre o vento indicará como vai vir o tempo e as colleitas no ano próximo. Así, o vento do Sur indica ano húmido, o nordés avisa que vai ser ano seco, o vento do leste indica un ano de fame e o vento do oeste indica unha anada abondosa.

O Apalpador[editar | editar a fonte]

Carlos Callón, co Apalpador, ante o edificio da Xunta en San Caetano nunha concentración de Queremos Galego no 2012.

Personaxe mitolóxico que, baixo diferentes denominacións -Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro-, é coñecido en diversas comarcas do País. Indica a tradición que se trata dun carboeiro que vive nos montes e nas devesas durante todo o ano e que baixa durante a noite do apalpadoiro, o día 24 ou o día 31 de decembro segundo a zona, para apalpar as barrigas dos meniños e comprobar que comeran ben durante o ano. Se as atopa cheas, murmura "así estexas todo o ano". Se non as atopa cheas non di nada, pero deixa en ambos casos unha presada de castañas.

Taboada Chivite recolle o ritual propiciatorio de apalpar a barriga dos mais pequenos.

Esta tradición comezou a ser recuperada e celebrada por toda a Galiza tras a publicación dun artigo de José André Lôpez Gonçález referente a ela no Portal Galego da Língua e o traballo de recuperación, documentación e promoción levado a termo por diversos colectivos, entidades, centros sociais, escolas e colexios e persoas de todo o País e nomeadamente pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel.

Hai diversas cantigas populares arredor do personaxe:

Vaite logo meu ninín / miña neniña,
marcha agora pra a camiña,
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Mañá é día de cachela
que haberá gran nevadara
e vai vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.[7]

Misa do galo[editar | editar a fonte]

Celébrase á medianoite e debe o nome ó costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo.

O Papa Sisto III introduciu no século IV a celebración en Nadal dunha vixilia nocturna, tras canta-lo galo, é dicir, a partir da medianoite, nun pequeno oratorio chamado ad praesepium, ante o presebe, situado tralo altar maior da Basílica de Santa María a Maior de Roma. Desa expresión temporal xorde o nome de Misa do galo á que se celebraba nese momento.

Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.

Nadal[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Nadal.

Durante o día 25 de decembro, día do Nadal, os rapaces van de casa en casa reunidos en xuntas, bandos, aguinaldeiros ou ranchos, cantando panxoliñas [8] que acompañaban con gaitas, pandeiros, ferriños ou cunchas. Basicamente, comezan pedindo permiso ó dono da casa e logo seguen os saúdos e cantos con motivos do Nadal:

Déano-lo aguinaldo
anque sexa pouco
Un touciño enteiro
e a metade doutro.

Finalmente, piden un aguinaldo ó homenaxeado, que adoita consistir en chourizos, ovos, castañas, pan, viño etc., que a xunta agradece con coplas de louvanza e que vai amoreando para comer ó día seguinte dentro dunha festa de tódolos compoñentes:

Nesta casa caleada,
caleada de pemento,
que por moitos anos vivan
os señores que están dentro.

Hai ocasións nas que o dono da casa rexeita as panxoliñas ou nega o aguinaldo, o que supón cantos de aldraxe:

Esta casa é de palla
esta casa non val nada
Cantámosche os reises
do quiquiriquí
se non nos dás nada
caghámosche aquí.

A palabra panxoliña tamén designa os mecos ou accións cariñosas con intención de adular, e de aí a expresión Déixate de panxoliñas coa que se rexeita a quen quere gañárno-la vontade con afagos e aloumiños.

Santos Inocentes[editar | editar a fonte]

A masacre dos Inocentes (Giotto).

O 28 de decembro celébrase a matanza dos nenos de Belén que decretara Herodes para acabar con Xesús. Nesta data fanse bromas uns ós outros, denominadas especificamente inocentadas. Crese que non se debe traballar neste día porque, senón, os Inocentes vingaranse de quen o faga, levando ó fracaso todo o que intenten facer. Crese tamén que as manchas na pel dalgunhas persoas débense a que a nai traballara neste día estando embarazada.

En Lugo celebrábase, polo menos ata o século XVII, a Festa do Bispiño ou dos Bispiños, común tamén con outros puntos de España. Consistía en nomear bispo por un día a un rapaz, que imitaba os actos e modos do bispo real. Aínda que o costume non tiña intención irreverente senón que ensalzaba a inocencia do rapaz, dos nenos en xeral, terminou sendo prohibido nas Constituciones do bispado de Lugo de 1669, quizais pola inversión dos valores morais que significaba:

De algunas partes de este Obispado y Lugares tiene noticias, que en días señalados del año, suelen hacerse en fiestas principales Obispillos y otros juguetes semejantes e invenciones ridículas, y con ocasión y color de tales juegos, representaciones, personajes y figuras impertinentes, causando risa, así por el día, como por la noche en otras mogigangas, vsando para ello de vestiduras sagradas y otras que están dedicadas a la exornación del Sacerdote y al Culto Divino... que ninguna persona... pueda vsar, en tal fiesta del Obispillo de vestidura ninguna sagrada, como Mitras, roquetes, alvas, manteles, ni se vista de semejantes apariencias ni vse de bendiciones

.

Taboada Chivite escribía en 1963 que o único resto que permanecía destas festas dos bispiños era deixar que un meniño dirixise o coro da catedral de Ourense.

Noitevella[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Noitevella.

Celébrase o 31 de decembro, último día do ano ó que debe o nome de noitevella ou ano vello [9]. Tampouco se debía traballar nesta data na que tamén, de modo semellante ó que se fai na noite de San Xoán, acostumábanse facer bromas como arrancar cancelas ou levarse os apeiros de labranza.

Crese tamén que nesta noite cae unha estrela do ceo e desfaise sobre a terra, á vez que nace unha nova estrela para substituíla. Alí onde caían os pedazos sería terra de fecundidade e alegría.

Tradicionalmente, no paso do Ano vello para o Ano novo, celebrábase "a queima do facho" ou prender o "lume novo". Esta práctica consistía en preparar entre os veciños un ou varios fachos de palla que se prendían despois da cea. O lume novo tiña especial importancia pois pensábase que durante esa noite, como na de defuntos, as ánimas dos devanceiros devalaban polas aldeas e se aquecían ao seu carón. O lume do facho ou das fogueiras xunto ás que se reunia a viciñanza era levado despois para as casas e mantido até o mencer, deixándose tamén comida para que os finados da casa participasen da cea dos vivos.

O moderno costume de comer doce uvas ó son das doce badaladas que marcan a medianoite tamén é común en Galicia. Pero en Vilagarcía fano ás 12 da mañá do día 31, costume xurdido hai 10 anos, cando un corte de luz impediu facelo na noitevella [7].

Este último día do ano celébrase o San Silvestre, día no que se repiten as burlas do día dos Inocentes. Conta Taboada Chivite que en tal data os vellos do lugar aconsellaban ós novos gandeiros que lles cortasen o rabo ás vacas se querían que non moscasen durante o ano. Noutros lugares, esta broma pesada facíase o día de Santo Estevo, 26 de decembro. Outra das bromas típicas deste día era manda-los xastres ós seus aprendices a busca-la pedra das agullas, facéndoos cargar con calquera petouto dun sitio a outro.

A noite de San Silvestre era unha das que escollían as bruxas para celebra-los aquelarres, de aí a expresión popular de San Silvestre, meigas fóra! a modo de ensalmo para afasta-los malos augurios.

Dentro tamén desta mesma noite, en Vilardevós préndese o lume novo: fogueiras sobre as que saltan os veciños, do mesmo modo que se fai nas de San Xoán. Tamén se facían en Ourense, no adro das igrexas.

Aninovo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Aninovo.

O primeiro día de ano, e moitas veces continuando o ritual do día anterior, é tamén día de cantar panxoliñas, nesta data chamadas aninovos, anibóns ou xaneiras [10], tamén a cambio do aguinaldo que se lles ha entregar ós cantores. Ó estar este día dedicado ós Manueis, cantan ás persoas con este nome unhas coplas especiais, chamadas precisamente manueis, ás que o protagonista responde invitando a todos a unha ronda de viño. Outros etnógrafos matizan este costume no sentido de que eran os casados no ano anterior os que ían percorrendo durante a noite as casas dos que se chamaban Manuel, cantándolles coplas e celebrando con eles o novo ano con viño ou augardente. Os manueis remataban uníndose ó grupo e continuando a ronda de casa en casa ata a madrugada do aninovo.

En aninovo ou, noutros sitios, o día anterior, celebrábase o rito das Cédulas, que en Verín recibía o nome de estrechos ou estrechas. Consiste en xuntarse mozos e mozas nun fiadeiro ou no adro da igrexa, ó redor do lume novo, para realizar un sorteo para emparella-los mozos e mozas do lugar: colocaban nun bote papeis cos nomes deles e noutro cos nomes delas e sacaban alternativamente un papel de cada bote para forma-las parellas. Eladio Rodríguez sitúa este costume nalgunhas comarcas de Ourense e concreta que o tal sorteo se fai xusto ó da-las 12 da noite. Logo celebraban unha festa xa no día de aninovo na que cada mozo ía acompañado coa moza que lle tocase en sorte, bailando só con ela [11].

Neste día co que comeza o ano, os mozos vestían roupa nova, como augurio da nova vida que terían o ano entrante.

Reis[editar | editar a fonte]

Tímpano dun altar da igrexa de San Bieito do Campo (Santiago de Compostela)

O 6 de xaneiro dáse por certo que chegaron os Reis Magos ó portal de Belén a honrarlle con ouro, incenso e mirra. De aí o costume de facer regalos ós meniños.

A presentación do Neno ós Reis desígnase como Epifanía, e aparece figurada en numerosas mostras da escultura relixiosa, como no Pórtico das Praterías ou en San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela) ou na Colexiata de Santa María do Campo (A Coruña).

Trátase doutro día especialmente sinalado para cantar polas rúas da vila coplas semellantes ás panxoliñas pero que, nesta data, se chamaban reises. Hai sitios onde ó grupo de rapaces que cantan se engaden elementos particulares, como o Vello e a Vella de Tomonde (Cerdedo-Cotobade), dous enmascarados vestidos de farrapos que simulan roubar xamóns ou chourizos das casas dos veciños. En Viana do Bolo son dous rapaces, danzante e madama, que bailan ó son das castañolas. En Navia de Suarna é unha mascarada acompaña por unha gaita. En calquera caso, tras pedir licencia e cantar as panxoliñas, van recibindo distintos regalos, sempre comida, que comerán logo nunha festa que celebran os participantes, ou ben fan un convite para tódolos veciños denominado morada ou broma; en Tomonde, gaiteirada de Reis.

Na Mezquita a festa estendíase durante os días 5, 6 e 7 de xaneiro, organizada polo rei e o vicerrei. Taboada Chivite descríbeo así:

Las más curiosas orgías colectivas que conozco se celebran durante los días 5, 6 y 7 de enero en la comarca de La Mezquita (Orense). Durante esta triada jubilosa comen y beben juntos, se divierten, cantan villancicos y proscriben el trabajo como nefando. La organización corre a cargo del rey y del virrey, que son tradicionalmente nombrados de modo jerárquico por los del año anterior. Ellos disponen la fiesta, asignan los encargados del servicio, eligen las comidas y presiden los actos. Recogen en petitorio por el pueblo las vituallas, especialmente las langüizas (chorizos) y pagan a riguroso escote el resto de los gastos que originan los pantagruélicos festines con los que se regalan. El vino lo traen de Vinhaes (Portugal), la terra quente más próxima, y el carro en que lo conducen entra triunfalmente en el pueblo con el rey y el virrey de corona y manto de percalina. La fiesta sirve para deshacer resquemores entre vecinos, ayuntar enemistados e imponer la convivencia vecinal, sentándose a la mesa juntos quienes en el año hubiesen tenido contradicciones. Comen salvajemente y aunque ya ahitos, cuando suena la voz de A xerro por cabeza, hay que bebérselo entero.
Taboada Chivite, 132-133.

Tamén García Ramos recollía un costume semellante en Ponte Caldelas: o primeiro de xaneiro reuníase en asemblea a xunta dos homes para dar posesión ó novo mordomo. O acto celebrábase cunha comida, a sisa, a base de bacallau con patacas, pan e viño, á que convidaba o mordomo entrante, mentres que o saínte convidaba a outra semellante o día de Reis.

Foi trala visita dos Reis ó Neno cando Herodes mandou mata-los meniños de Belén (aínda que tal feito se celebre uns días antes). Xosé e María foron advertidos por un anxo e fuxiron cara Exipto. Contan que cando os soldados ían preguntando onde estaba Xesús, as ovellas responderon indicando "Beleeén... Beleeeén", mentres que as cabras, para despistalos, dicían "Mentes, mentes, ovella furricosa, que vai en Pentes". A Virxe castigou a ovella e deixouna sen fala, e por iso dise que as ovellas non berran aínda que as maten a paus.

Noutras lendas os protagonistas son o chasco e o ferreiriño. O primeiro respondía ós soldados que Chas, chas, por ai ben vas, mentres que o segundo os enganaba dicindo Tin tin, por eiquí nono vin. E noutras son o paspallás e mailo pimpín, coas mesmas fórmulas.

En Galicia crese que San Xosé e maila Virxe pasaron por aquí camiño de Belén ou na fuxida cara Exipto. No século XVIII corría por Camariñas unha canción de berce que se aseguraba escoitaran dos labios da propia Virxe.

O Nadal na literatura oral galega[editar | editar a fonte]

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Aceitona, unha por San Xoán, e un cento por Nadal.
  • Cando o Nadal nada, siñal de boa anada.
  • Dende a Pascoa a Nadal, andai bois pra o meu curral.
  • Nadal, mollado; e xaneiro, ben xiado.
  • Navidá en venres, sementa onde poideres; Navidá en domingo, vende os bois e bótao en trigo.
  • Non gabes nin desgabes hastra que pasen sete navidades.
  • O día de santo Estevo córtalle o rabo ó teu becerro.[12]
  • Polo Nadal, frío cordial.
  • Polo santo Estevo rapa o becerro.
  • Polo santo Tomé ceiba os bois e vén.[13]
  • Por Nadal, cada ovella ó seu curral.
  • San Silvestre, meigas fóra!
  • Se a noite de Nadal está crara, ara, boi, ara; se está escura, ara, boi, no duro.
  • Se a noite de Navidade fai luar, labra ben pra sementar; se a noite de Navidade fai escuro, sementa no terreo duro.
  • Se o Nadal nada, siñal de boa anada.
  • Se a noite de Navidá for de luar, labra ben pra sementar; si a noite de Navidá for de escuro, sementa no terrón duro.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Son voltas, son voltas,/ son voltas que o mundo dá,/ son voltas, son voltas/ da noite de Navidá.

Panxoliñas, Aninovos[editar | editar a fonte]

  • Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas.
  • Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Baldomero Iglesias Mero afirma que "Chega así o ciclo de Nadal, unha superposición relixiosa por riba de ritos ancestrais e pagáns do solsticio de inverno que se perden na noite dos tempos, que mudaron a celebracións do fin de ano solar en celebración do Nacemento dun Deus-Neno" [1].
  2. Na relixión católica celebrábanse as vixilias a véspera das grandes festividades, que consistían en que os cregos se reunían para rezar e cantar, mentres que os fieis observaban. Durante ese día debía gardarse abstinencia [2].
  3. Esta crenza recóllea en Oímbra, pero as anteriores non as localiza.
  4. Dúas figuras incluídas neste belén representan dúas afamadas prostitutas do Ourense, "A Zorrita" e "A Noalla", que Eduardo Blanco Amor incluíu na súa novela A esmorga. "El escultor, padre de un belén que es un minucioso retrato etnográfico de una Galicia extinguida, fue el primer mortal en llevar a Eduardo Blanco Amor a un prostíbulo. A don Eduardo, homosexual confeso, 'cuando le llevé a casa de A Noalla', ésta regentaba cerca de la calle Villar (capital del antiguo barrio chino ourensano) una casa de 'chicas' que había heredado de su amiga 'Zorrita', recuerda el artista" [3].
  5. Pode visitarse durante o tempo do Nadal no Centro Cultural José Domínguez Guizán.
  6. Pseudo Mateo 14: El tercer día después del nacimiento del Señor, María salió de la gruta, y entró en un establo, y deposité al niño en el pesebre, y el buey y el asno lo adoraron. Entonces se cumplió lo que había anunciado el profeta Isaías: El buey ha conocido a su dueño y el asno el pesebre de su señor [4].
  7. Dun cartel editado polo concello de Santiago co programa de actividades para o Nadal de 2010, baixo o lema "Apalpando as ilusións".
  8. Coplas que tamén reciben os nomes de Nadais, Nadaliñas ou Navidás. Por veces, eses mesmos grupos de rapaces tomaban o propio nome de panxoliñas.
  9. Tamén por contraposición co día seguinte: Aninovo.
  10. Segundo Eladio Rodríguez, este é o nome que reciben na Arnoia.
  11. E engade que se deu o caso de que muchas de esas parejas, circunstancialmente unidas por la casualidad, se convirtiesen en matrimonios.
  12. Santo Estevo, 26 de decembro
  13. Santo Tomé, 21 de decembro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BENAVENTE JAREÑO, P. e FERRO RUIBAL, X.: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago 2010.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • CARRÉ ALDAO, Uxío: "Coleición de refrans de almanaque", en Nós 35, 1926; 36, 1926.
  • GARCÍA RAMOS, Alfredo: Arqueología Jurídico-Consuetudinaria-Económica de la Región Gallega. Madrid 1912. Facsímile do Consello da Cultura Galega, 1989.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Etnografía: cultura material", en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), vol. II. Ed. Nós, Buenos Aires 1962 (reed. Akal, Madrid. 1979).
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo 2000.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Nadal na Gran Enciclopedia Galega, tomo 32. Lugo 2003.
  • PEDRO DE MERILLE (Salvador Golpe): Refraneiro agrícola- meteorológico. Asociación Cultural Eira Vella, Betanzos 1994.
  • PÉREZ LABACA, Xoán Xosé: Anacos de cousas celtas. Ed. Alén Miño S.L., Ponteareas, 2008.
  • RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espritual", Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979), vol. I, 255-777.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: A Limia: Val da Antela e Val do Medo. Diputación Provincial de Ourense, 1985.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • TABOADA CHIVITE, Xesús: "La Navidad gallega y su ritualidad", en Ritos y creencias gallegas. Sálvora, A Coruña, 1980, 117-143.
  • TABOADA CHIVITE, Xesús: "Refraneiro galego", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 2, 2000.
  • TENORIO, Nicolás: La aldea gallega. Cádiz 1914. Reedición de Xerais, Vigo 1982.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares gallegos. Galaxia, Vigo 1972.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]