O número 9 na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cultura popular galega, como tamén pode observarse noutros países[1], dálle unha especial significación ás realidades que se cumpren 9 veces. O nove resulta ser un número privilexiado porque suma ás propiedades que ten de seu as derivadas do feito de ser múltiplo de tres, tamén número máxico. Por iso, en Galicia crían que a eficacia de numerosos remedios terapéuticos tradicionais se multiplicaban cando se repetían en series de nove veces. A seguir relaciónanse diversos exemplos:

Remedios para enfermidades comúns[editar | editar a fonte]

A terra de nove toupeiras úsase para cura-lo fogo ardente (ergotismo).
  • A gangrena que produce a intoxicación por cornizó (ergotismo, lume ardente, lume de san Antón), cúrase colocando sobre a lesión terra procedente de nove toupeiras xunto cun pouco de unto, á vez que se rezan certos ensalmos:
Conocí á un niño que padecia ese fuego, en la parte anterior de un muslo, llegando ya á echar aguadilla ó serosidad. Acuérdome que sus padres le mandaron á una vieja ensalmadora, quien pedia al paciente llevase tierra fresca de nove toupeiras, y me parece, un poco de unto. El muchacho mismo me dijo que le untaba por lo ménos con la tierra y que hacia cruces ó bendiciones sobre la llaga, pronunciando palabras que no entendia, y otros pormenores que no me acuerdo, pero renovaré si tuviere ocasion de preguntarlo. Lo que sé es que la escoriacion desapareció sin que se reprodujese, que yo sepa. Yo atribuyo esta cura cierta á la virtud de la tierra, prescindiendo de todo lo demás que no era más que un modus vivendi (Francisco Javier Rodríguez, 1863)

.

  • Na Agolada (Pontevedra) o remedio consiste en recoller terra de nove toupeiras onde non vaian as galiñas [2] e xuntala nun trapo. Logo, na casa, meten na terra un pouco de unto de porco branco e coa mistura fan cruces na cara do enfermo á vez que recitan o ensalmo (Lis Quibén:277).
  • Na Arnoia (Ourense), curan a decipla (erisipela [3]) pasando pola cara do enfermo nove follas de loureiro, de unha en unha, á vez que recitan un ensalmo (Lis Quibén:123). En Mourente (Pontevedra) rezan un ensalmo tres veces ó día durante nove días seguidos, durante os que o enfermo non pode lava-la cara. Se a bendición se bota un domingo antes da primeira misa vale polos nove días (Lis Quibén:119).
  • En Tui, para curar a sarna, o enfermo íspese totalmente ás doce da noite de San Xoán e pon toda a roupa nun carballo, contra o que logo se refrega totalmente nu. Despois, mergúllase nove veces nas augas do Miño e vístese con roupa nova, deixando a vella abandonada no carballo (Lis Quibén:307).
  • No Barco de Valdeorras, a ictericia cúrase se o enfermo sae ó amencer, sen que ninguén o vexa, e mexa sobre unha mata de marrubio, mentres reza unha oración. Para que lle sexa eficaz ten que facelo durante nove mañás seguidas (Lis Quibén:210; Rodríguez López:126).
Para cura-la ictericia hai que mexar nesta planta durante 9 días seguidos
  • No Concello de Cotobade (Pontevedra), tamén para curar a ictericia, danlle de beber ó enfermo en xexún e durante nove días un vaso de viño con nove piollos que deixaron a macerar (Lis Quibén:211); en Verín danlle os nove piollos en leite ou chocolate (Lis Quibén:211; Terra de Melide:456-457). En Mourente (Pontevedra), co mesmo obxectivo, botan nun pucheiro novo follas de laranxo collidas xusto despois do solpor, con raíces de cana india, unha poliña de ruda e unha presa de estrugas, dando a beber ó enfermo unha cunca desta infusión, en xexún, durante nove días seguidos, descansan outros nove e repiten o tratamento outros nove días, ata obte-la curación. Pola súa banda, o enfermo ten que mexar cada mañá sobre unha planta de mexacán, sempre a mesma, á vez que reza tres painosos e tres avemarías: a medida que vai secando a herba, vai curando o enfermo (Lis Quibén:211). En Cruces (Padrón), o enfermo ten que ir nove mañáns seguidas mexar sobre un cardo, cedendo a enfermidade segundo vai secando o tal cardo (Lis Quibén:211). Isto é o que se chama curación por simpatía, ó que tamén se recorre noutras prácticas terapéuticas: ó ir secando a planta sobre a que se mexa, tomando cor amarela, quere dicir que esta vai collendo e absorbendo a cor amarela do enfermo de ictericia. En Mos (Pontevedra) botan nove cocos do xamón (sens ou seses) en auga que obrigan a beber ó enfermo, unha vez ó día e durante 9 días seguidos (Lis Quibén:211).
  • Para cura-las belidas (caratatas) utilizan nove grans de trigo en Agolada, Vilaboa, Forcarei, Redondela e Cangas; en Marín son 27 grans [4]. En Lalín e noutros tratamentos de Agolada e Forcarei, así como en Santiago, utilizan dez grans, pero ó empezaren o tratamento tiran un ó chan, que é o que leva a belida. Os días que repiten o tratamento adoitan ser sempre nove (Lis Quibén:187 e ss).
  • En Padrenda (Ourense), para cura-lo herpes empregan tres grupos de nove follas de loureiro, nove anacos de unto de porco negro e nove areas de sal (Lis Quibén:203).
  • Tamén en Mourente, para cura-la úlcera collen nove xuncos e atan tres cun fío branco, tres cun fío amarelo e tres cun fío verde; póñenos en cruz sobre a ferida e recitan o ensalmo, repetindo a oración durante 18 días seguidos (Lis Quibén:159). En Fonsagrada (Lugo), para cura-la úlcera, as vexigas e as lombrigas dos meniños botan nun prato de madeira de freixo nove cabezas de estrugas e nove areas de sal, fan sobre o corpo de cativo varias cruces e círculos e recitan unha oración nove veces seguidas, á vez que se botan ó lume o sal e as estrugas (Rodríguez López:125, Lis Quibén:266). En San Xurxo de Sacos (Cotobade, Pontevedra), botan nunha cunca de freixo nove gotas de aceite, nove de viño, nove de auga e nove areas de sal, logo bendicen a parte enferma cun hisopo feito de nove agromos (tres de silva, tres de estruga e tres de fiúncho) rezando un ensalmo; fan isto tres veces ó día durante nove días seguidos (Lis Quibén:157).
  • Para cura-lo bocio, dáselle a beber ó enfermo auga de nove fontes recollida durante a noite de san Xoán, despois das doce da noite (Rodríguez López:143, Lis Quibén:296).
  • En Forcarei (Pontevedra) curan o enganido (raquitismo [5]) facendo na cociña unha fogueira con follas de loureiro -tamén ventureiro- sobre a que pasan ó meniño enfermo (Lis Quibén:82). Outro remedio é coller auga de nove fontes e botar nela follas de xara ou xarro, que se deben traer a casa envoltas nun pano branco, lavando despois o neno nesta auga, todo o corpo, de pés a cabeza, e sen deixar nada e en dirección contraria ó pelo; sécase logo cunha toalla de lavanisco ou evanisco [6] que se pon a secar ó sol e, unha vez seca, aparecen os pelos do animal causante do mal (Antón Fraguas:31). Fraguas tamén dá a forma de diagnostica-lo enganido nun meniño: ponse un vaso de auga na súa cabeza e botan nel nove pingas de cera do cirio do Xoves Santo; se as nove pingas se xuntan é que o meniño ten o mal (Antón Fraguas:31).
  • Para cura-las tercianas (paludismo), o enfermo ten que recolle-la esmola que lle dean nove Marías (Lis Quibén:289).
  • No Concello de Cotobade, para os meniños que tardan en arrancar a falar, a madriña lévao, cos pés metidos nun fol, a pedir esmola dicindo: "Unha limosna ó bode,/ vén cos pés metidos nun fol,/ quere falar e non pode". Tras recibir nove esmolas -que daquela se daban en especie-, e co millo que xunte ten que facer nove bolos e darllos a comer ó afillado. Por Terra de Montes, san Bernabeu é o santo avogoso a quen levan os meniños para que sexan diestros en falar (Antón Fraguas:29).
Recibir nove ondas seguidas na praia da Lanzada, na noite de San Xoán, garante a concepción
  • Favorece a concepción bañarse núas na praia da Lanzada (Sanxenxo), onda a ermida do mesmo nome, durante a noite de San Xoán, xusto ó dar as doce da noite -segundo uns- ou xusto antes de saí-lo sol -segundo outros. Noutras ocasións repítese este baño o último domingo de agosto. O ritual, con algunhas variacións segundo as fontes, consiste en recibir nove ondas do mar, seguidas (Lis Quibén:292; Rodríguez López:144.
  • Para que aproveiten ben os baños en augas mineromedicinais, han ser precisamente nove (Rodríguez González).

Diagnóstico, tratamento e prevención do mal de aire e outros aires[editar | editar a fonte]

Hai un conxunto de formas máxicas capaces de enferma-la xente ou o gando, que poden englobarse baixo o concepto de mal de ollo, mal de aire ou aires específicos. A medicina tradicional foi descubrindo e utilizando diferentes procedementos para loitar contra eles e mesmo para identificar exactamente o animal -ponzoñoso ou non- causante do mal, e así permitir remedios máis específicos.

  • En Baiona, para cura-lo mal de aire, ou en Redondela para cura-lo aire de lúa ou de sol, rezan un ensalmo nove veces ó día durante nove días, lavando a parte afectada cun cocemento de viño de romeu, loureiro e cinco flores de toxo virxe (Lis Quibén:68). En Outes (A Coruña) dan nove voltas ó redor dun pexegueiro ("Arredor deste pexegueiro/ nove voltas vou dar,/ mal de ollo que me vén,/ envexa que me entraches,/ dunha patada vas marchar" (Mariño Ferro:26).
  • Para cura-lo mal da cobra hai diversos procedementos que se repiten durante nove días seguidos unha vez ó día (en Forcarei), tres veces (Ponte Sampaio) ou nove veces (Vigo) (Lis Quibén:47).
A píntega común, uns dos animais considerados máis ponzoñosos
  • En Beariz (Ourense), para cura-los aires de animais ponzoñosos (lagarta, píntega, lagarto, araña, cobra etc.) mollan a parte enferma cun hisopo feito con fiúncho e herba de anís mollado en viño, bendicindo a zona enferma e recitando un ensalmo, unha vez ó día durante nove días seguidos, antes da hora da misa (Lis Quibén:51). En Crespos (Ourense), fan cruces sobre a cabeza do enfermo cun coitelo de aceiro ó tempo que recitan outro ensalmo, nove veces ó día durante tres días seguidos (Lis Quibén:85).
  • En Laza (Ourense), para cura-lo aire de gata, colocan un caldeiro de cobre enriba do lume e dúas mulleres chamadas María pasan ó meniño entre a asa e o caldeiro mentres unha terceira María conta as veces que se fai esta operacion; isto hai que repetilo durante nove días seguidos (Lis Quibén:49).
  • En Ponteareas (Pontevedra), para cura-lo aire de envidia ou o de excomungado parten un dente de allo en dous, envolven unha parte con sal e fan cruces na fronte do enfermo, recitando o ensalmo, unha vez ó día e durante nove días seguidos (Lis Quibén:64). En Salcedo (Pontevedra), para cura-lo aire de condenado queiman nove agromos de loureiro que non fora plantado (Lis Quibén:65).
  • Para identifica-la persoa ou animal que botou o aire (aire de gata, de galiña, de muller etc), en Verín (Ourense) botan no forno nove bicas [7], unha a unha, dicindo con cada unha un Pai noso e unha Avemaría. Despois se pon ó meniño diante dun cacharro de pez, onde se reflectirá a figura do animal causante do mal (Lis Quibén:40). En Boiro (A Coruña) poñen a cocer borras de mel en nove litros de auga e durante nove días lavan diariamente ó meniño nesta auga, de pés á cabeza: a auga que se emprega vaise recollendo e ó final dos nove días bótase na encrucillada dun camiño sacramental, e no chan aparecerán os pelos ou plumas do animal causante do mal (Lis Quibén:38).
  • Tamén as gatas paridas e os seus gatiños, ou o gato ou gata que andan de xaneira poden bota-lo aire de gato. En Ponte Caldelas (Pontevedra), para recoñece-lo causante do mal, lavan o rapaz nunha ola de barro nova, a estrenar, con tanta auga como caiba na ola. Unha vez lavado o meniño e vestido con roupa limpa, amárrano a unha pa do forno e un home forte e hábil méteo durante nove veces seguidas no forno quente, como se estivese a coce-lo pan. A seguir, escachan o pucheiro coa auga sucia contra un lado do forno e no seu fondo e paredes ha quedar reflectido o animal que causou o aire (Lis Quibén:39). En Cotobade cocen en auga nove follas anchas dunha herba chamada do enganido, que medra a carón das fontes e regueiros, e lavan ó rapaz nove veces con esta auga, sendo preciso que sexa un home quen o faga; na auga aparecerán os pelos do animal causante da enfermidade (Lis Quibén:39).

O número 9 na literatura popular[editar | editar a fonte]

Refraneiro
  • A lúa de octubre a sete cubre, e se chove, nove.
  • Ás nove déitate e durme; que ás dez xa durmirás.
  • Ás nove déitate, home; ás dez, muller, ¿ti vés?
  • Ás nove non é cristiano o que non dorme.
  • Se polo san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [8].
  • Val máis pouco pan duro, que fame de nove días [9]
Cantigueiro
  • San Simón, san Simonciño,/ bendíceme este cordón/ que dá nove voltas/ ó redor do corazón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Só a modo de exemplo, recollemos de Mariño Ferro varios casos. En Asturias, para cura-la ictericia, hai que mirar durante nove días a auga que discorre por un río ou regato. O mesmo fan en Valencia, onde, ademais, para curar a un meniño que chora e está triste, lévao o pai ou a nai ó río durante nove días seguidos, collendo nove pedriñas de cada vez; dá as pedras ó rapaz de unha en unha e este vai botándoas ó río, e cada vez que o fai, o pai ou a nai din: "Auga do río, auga corriente, cura ó meu fillo da añoranza". En Cataluña, para que os cativos que se atrasan no crecemento se recuperen, cóllense nove pedriñas redondas, levan ó meniño a un regato e a nai faino pasar dun lado ó outro nove veces, botando cada vez unha pedra na auga (Mariño Ferro (1985):55). Máis lonxe, en Lancashire (Inglaterra), curan a febre ensartando nove ou once caracois nun fío dicindo, de cada un, que "Aquí deixo a miña febre"; para rematar, unha vez tódolos caracois no fío, bótanse ó lume (Mariño Ferro (1985):35).
  2. Con esta expresión quérese indicar un lugar deshabitado; máis adiante veremos outra referencia ó loureiro que non fuches plantado, que ten o mesmo significado. Na terapéutica máxica recórrese moitas veces a expulsa-la causa do mal fóra do corpo do enfermo e, deste xeito, o mal irá alí onde non vive ninguén que poida resultar prexudicado.
  3. Inflamación da pel, que adopta un aspecto irritado, rubicundo, brillante e edematoso.
  4. 27 grans ou, máis adiante, 18 días, son todos múltiplos de 9. O recurso á maxia deste número permanece e multiplícase.
  5. Aínda que normalmente pode identificarse o enganido, tanganido, asombramento ou tangaraño co raquitismo, enfermidade producida por carencia de vitamina D e desmineralización ósea, consta que tamén se aplica o termo de enganido e outras denominacións populares a outros estados patolóxicos moito máis difusos, mesmo á simple desnutrición que debilita e consume os meniños, en casos ata a morte. Adoita atribuírse a un mal de ollo ou a unha sombra maligna que acaba con eles, e de aí o nome de asombramento. O mesmo efecto pode producir unha meiga chuchona.
  6. Tea apreciada que imita o damasco.
  7. Bolos de millo sen fermentar.
  8. San Xurxo celébrase o 14 de abril.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. pan.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]