Haiku

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Haiku gravado en pedra

O haiku (俳句) é unha das formas de poesía tradicional xaponesa máis estendidas.

Antes do haiku, o hokku foi o primeiro verso do haikai non renga. A finais do século XIX, Masaoka Shiki (1867-1902) separou o hokku e creou o haiku por primeira vez. O primeiro escritor de haiku é Shiki, reformador do hokku.

O haiku consiste de tres versos de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima. Non obstante, algúns autores son críticos coa distribución de sílabas, como Vicente Haya[1] ou Jaime Lorente [2]. Acostuma conter unha palabra clave denominada kigo (季語) que indica a estación do ano á que se refire. Algúns consideran que o haiku debe combinar dúas imaxes distintas que se relacionan no terceiro verso e debe estar escrito en presente e ter unha pausa (kireji) ao final dun dos dous primeiros versos. Todas estas regras son algo arbitrarias e moitos poetas non as seguen, especialmente cando adaptan o haiku a outros idiomas.

Tradicionalmente o haiku, así como outras composicións poéticas, buscaba describir os fenómenos naturais, o cambio das estacións, ou a vida cotiá da xente.

Matsuo Bashō

Na actualidade, acostúmase ensinar a escribir estes poemas curtos en escolas occidentais, aínda que dunha forma moito menos estrita, respectándose unicamente o formato silábico.

Orixe da palabra[editar | editar a fonte]

A palabra haiku provén de haika, un poema ligado no cal o comezo do dito encadeamento era chamado hokku. O comezo do poema era o máis importante da cadea até 1890, ano no que o haiku comezou como unha arte independente.

Haiga[editar | editar a fonte]

Pintura sen demasiada perfección realizada na antigüidade polo autor do haiku para acompañar ao deu poema. Matsuo Basho foi o primeiro poeta en adoptar esta forma do haiku que hoxe domina nas grandes esferas do haiku.

Haijin[editar | editar a fonte]

É o nome como se denomina ao autor dun haiku. Os Haijin máis importantes da historia do Xapón son Matsuo Basho, Yosa Buson, Kobayashi Issa, Usuda Arô, Masaoka Shiki, Uejima Onitsura, Ritsurin Issekiro, Arakida Morikate e Yamasaki Sokan, entre outros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Haya Segovia, Vicente, Aware, Barcelona, Kairós, 2013. ISBN 978-84-9988-245-1
  2. Lorente, Jaime. Shasei.Introducción al haiku, Toledo, Lastura y Juglar, Colección "Punto de Mira", 2018. ISBN 978-84-948512-9-2