Máis alá!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

"Máis alá!"[1] é un manifesto vangardista publicado en Galicia por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro o 28 de xuño[2] de 1922.

Características e obxectivos[editar | editar a fonte]

Debaixo do título a xeito de lema explicativo figuran as seguintes palabras: Sin pretensión de suficenza doutoral, nin de ningún outro xeito somellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa terra[3].

“Máis alá!” é un manifesto que comparte trazos cos manifestos vangardistas característicos do seu tempo[4]. O seu obxectivo era renovar a literatura da época, que desde o seu punto de vista quedara ancorada no pasado. Tamén pretendía a creación dun novo movemento, tanto político coma literario e artístico. Trátase de textos de aparencia urxente estruturados a partir dun discurso agresivo, rebelde e rompedor. O manifesto asume ademais o principio que mellor define a estética vangardista: a ruptura coa tradición.

“Máis alá!” critica os escritores en activo que seguen aínda o patrón marcado por Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, poetas, daquela, do século pasado. Segundo “Máis alá!” ese seguimento epigonal (por parte de autores, aínda que non chega a citar nomes, coma Carré[5] ou Lugrís Freire) xa non achega nada novo á literatura.

“Máis alá!” reivindica a liberdade do acto creativo e a non submisión ás regras lingüísticas ou literarias; un procedemento de modernidade que, como meses antes Antonio Villar Ponte expuxera ao autor principal nunha carta[6], xa non consistiría só en fuxir da vella versificación impecable e rimada, mais tampouco en afastarse do clasicismo para seguir as correntes en voga; a verdadeira modernidade, alén dos debates entre o novo e antigo, habería centrarse única e exclusivamente na “forma de expresión”.

Así e todo este manifesto presenta algunha diferenza cos textos arquetípicos das vangardas europeas[4]: por exemplo, non propón ningún “ismo” ou escola nin se adhire a unha xa existente, é dicir, non tenta crear unha corrente literaria coma no caso dos manifestos dadaístas ou futuristas, por exemplo. Ademais conta coa particularidade de centrarse en Galicia tratando temas como a defensa da lingua ou o proxecto republicano galego.

Temas principais[editar | editar a fonte]

Os temas principais do manifesto[1], que non se ordenan con exactitude en función do título dos apartados nos que se subdivide, son:

  • a ruptura coa tradición, a denuncia dos que “escreven hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos” (“Os vellos”) e das estéticas conservadoras, desfasadas e acríticas (“O ruralismo”, “Os devanceiros”)
  • o perigo de anquilosamento dun movemento político que non actualice as formas artísticas (“A nosa razón”)
  • a crítica, tanto desde un punto de vista patriótico como desde o individualismo artístico, contra o seguimento epigonal de certa literatura española (Valle-Inclán) ou das vangardas doutras culturas estranxeiras, (“`Pollitos bien´”, “Nós”, “Desbotando”, “Individoalismo”)
  • a defensa da lingua galega como ferramenta ideal dos escritores galegos (“Tamén hai outros”, “A fala”), necesariamente monolingües
  • o chamamento explícito, especialmente dirixido á xente nova, para a liberdade absoluta, a modernidade e a República galega (“Desbotando”, “Mocedade!”)

Recepción e significación[editar | editar a fonte]

Nun contexto de ruptura política e cultural no seo do incipiente nacionalismo, "Máis alá!" provocou unha agre polémica[7]. Foi criticado por persoeiros do galeguismo máis conservador (os xa citados Carré e Lugrís, pero tamén Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez) e tampouco o recibiu con parabéns o cenáculo ourensán (Vicente Risco, Eugenio Montes), cuxos líderes coñecían ben as vangardas aínda que se mostraban críticos con elas. A tónica xeral, pois, abalou entre a indiferenza e a hostilidade, o que non contribuíu precisamente á integración da figura autorial de Manoel Antonio nin da súa proposta no sistema literario galego da época.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Axeitos, Xosé Luís (2012). Clásicos da Academia I, Manuel Antonio – Obra completa: Vol. I. Prosa. RAG - Fundación Barrié. pp. 135–143. ISBN 978-84-9752-063-8. 
  2. Axeitos, Xosé Luís (1992). Manuel Antonio. Poesía galega completa. Sotelo Blanco. p. XXIV. ISBN 84-7824-142-6. 
  3. Departamento de Filoloxía Galega (1979). Homenaxe a Manuel Antonio. Universidade de Santiago. p. 18. ISBN 84-7191-111-6. 
  4. 4,0 4,1 González Fernández, Xosefa; Manso Seijas, C.; Salinas Portugal, F. (1992). Manuel António, Curso de Orientación Universitaria, Tema 3. Bahía. ISBN 84-87674-25-9. 
  5. Angueira, Anxo (2018). "Rexeneración, Renacemento, Renacenza, Rexurdimento". A Trabe de Ouro (107): 21. ISSN 1130-2674. 
  6. Axeitos, Xosé Luís (2015). Clásicos da Academia 3, Manuel Antonio. Obra completa: Vol. III. Epistolario. RAG - Fundación Barrié. p. 393. ISBN 978-84-9752-117-8. 
  7. Axeitos, Xosé Luís (2017). Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Xerais. pp. 223–231. ISBN 978-84-9121-188-4.