Cidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Toronto á noite.

A cidade[1] é actualmente considerada como unha entidade urbana con alta densidade de poboación na que predominan fundamentalmente a industria e os servizos. Diferénciase doutras entidades urbanas por diversos criterios, entre os que se inclúen poboación, densidade de poboación ou estatuto legal, aínda que a súa distinción varía entre países.

Historicamente os habitantes das cidades foron unha proporción pequena da humanidade en xeral, mais hoxe, despois de varios séculos de urbanización sen precedentes e acelerada, a metade da poboación mundial vive nas cidades. As cidades actuais normalmente forman o núcleo de grandes áreas metropolitanas e áreas urbanas, creando numerosos [Migración pendular|desprazamentos diarios]] cara ó centro das cidades para traballar, divertirse, ou estudar.

A cidade máis poboada é Shanghai[2] mentres que as áreas metropolitanas máis grandes tamén inclúen a Área do Gran Tokio e Iabotabek (Jakarta).[3] As cidades de Faiyum,[4] Damasco,[5] e Varanasi[6] son das cidades habitadas máis continuamente no mundo.

Historia[editar | editar a fonte]

Un arco da antiga cidade Sumeria de Ur, que floreceu no III milenio a. C., pode verse actualmente en Tell el-Mukayyar en Iraq.
Mohenjo-daro, unha cidade da Civilización do Val do Indo, que foi reconstruída seis ou máis veces, usando ladrillos de tamaño estándar, seguindo a mesma estrutura de reixa que no III milenio a. C.
Esta vista aérea do que antigamente foi o centro de Teotihuacán, amosa a pirámide do Sol, a pirámide da Lúa, e a avenida procesional que servía de espiña dorsal do sistema de rúas da cidade.

As cidades, caracterizadas pola densidade de poboación, a súa función simbólica, e ordenación urbana, teñen existido dende hai miles de anos. Na visión convencional, civilización e cidade derivan as dúas do desenvolvemento da agricultura, que permitiu a produción dun superávit de comida, e así a unha división do traballo social (coa estratificación social asociada) e ao comercio.[7][8] As primeiras cidades a miúdo presentan graneiros, ás veces dentro dun templo.[9] Un punto de vista minoritario considera que as cidades poderían ter xurdido sen a agricultura, grazas a medios de subsistencia alternativos (pesca),[10] para usar como refuxios estacionais comunais,[11] ó seu valor como bases para a organización militar defensiva e ofensiva,[12][13] ou á súa función económica inherente.[14][15][16] As cidades xogaban unha función crucial no establecemento do poder político sobre unha área, e os antigos dirixentes como Alexandre o Grande fundáronas e creáronas con entusiasmo.[17]

Antigüidade[editar | editar a fonte]

Xericó e Çatalhöyük, datadas no VIII milenio a. C., están entre as cidades máis temperás coñecidas polos arqueólogos.[11][18]

No cuarto e III milenio a. C., civilizacións complexas prosperaban nos vales dos río de Mesopotamia, India, China, e Exipto. As escavacións nestas áreas atoparon as ruínas de cidades orientadas diversamente cara o comercio, a política, ou a relixión. Algunhas tiveron poboacións densas, mais outras levaron a cabo actividades urbanas nos ámbitos da política ou relixión sen ter poboacións asociadas grandes. Entre as primeiras cidades do mundo antigo, Mohenjo-daro da civilización do Val do Indo, no actual Paquistán, existindo desde ó redor do 2600 a. C., era unha das máis grandes, cunha poboación de 50.000 ou máis e un sistema de saneamento moi sofisticado.[19] As cidades chinesas planeadas foron construídas segundo principios sacros para actuar como microcosmos celestiais.[20] As cidades exipcias Antigas coñecidas fisicamente polos arqueólogos non son exhaustivas.[21] Inclúen (coñecidas polos seus nomes árabes) a El Lahun, unha cidade de traballadores asociada coa pirámide de Sesostris II, e a cidade relixiosa Amarna construída por Akhenatón e abandonada. Estes sitios aparecen planeados cun alto regulamento e cun tipo de estratificación, cun enreixado minimalístico de habitacións para os traballadores e incrementalmente máis casas elaboradas dispoñibles para as clases máis altas.[22]

En Mesopotamia, a civilización Sumeria, seguida de Asiria e Babilonia, crearon un gran número de cidades, gobernadas por reis e promovendo múltiples linguas escritas en escrita cuneiforme.[23] O imperio comecial fenicio, prosperando ao redor da do primeiro milenio a.C., abarcou numerosas cidades estendéndose dende Tiro, Cido, e Biblos a Cartago e Cádiz.

Nos séculos seguintes, cidades-estado independentes de Grecia desenvolveron a polis, unha asociación de terratenentes cidadáns que colectivamente constituíron a cidade.[24] A ágora, que significa "sitio de reunión" ou "asemblea", era o centro atlético, artístico, de vida espiritual e política da polis.[25] O aumento de poder de Roma levou á súa poboación ata un millón de habitantes. Baixo a autoridade do seu imperio, Roma transformouse e fundou moitas cidades (coloniae), e con eles levaron os seus principios de arquitectura urbana, deseño, e sociedade.[26]

Idade media[editar | editar a fonte]

Durante a caída do imperio romano as cidades da antigüidade gañaron independencia, mais axiña perderon poboación e importancia. O centro do poder occidental moveuse a Constantinopla e á civilización islámica coas súas grandes cidades Bagdad, O Cairo e Córdoba.[27] Entre os séculos IX e XII, Constantinopla, capital do imperio bizantino, foi a maior cidade de Europa, cunha poboación próxima ao millón de habitantes.[28][29] O imperio otomán foi conseguindo controlar moitas cidades na área mediterránea, incluíndo Constantinopla en 1453.

Nos séculos XIII e XIV algunhas cidades convertéronse en estados poderosos, tomando baixo o seu control as áreas que as rodeaban e establecendo imperios marítimos. Na Italia medieval algúns concellos convertéronse en cidades-estado, como a república de Venecia e a república de Xénova. No norte de Europa, cidades como Lübeck e Bruxas formaron a Liga Hanseática para o comercio e a defensa colectiva. O seu poder foi posteriormente desafiado e eclipsado polas cidades comerciais neerlandesas de Gante, Ypres e Amsterdam.[30] Un fenómeno semellante ocorreu noutros lugares, como no caso de Sakai, que gozou dunha considerable autonomía no Xapón medieval.

Idade moderna[editar | editar a fonte]

En occidente, os estados-nación convertéronse na unidade principal da organización política trala paz de Westfalia no século XVII.[31][32] As grandes capitais da Europa occidental (Londres e París) beneficiáronse do crecemento do comercio coa necesidade do comercio transatlántico. Non obstante, a maioría das vilas seguiron a ser pequenas.

Durante a colonización española de América empregouse o vello concepto da cidade romana. As cidades fundábanse no medio do territorios acabados de conquistar e rexíanse con leis sobre a administración, as finanzas e o urbanismo.

Era industrial[editar | editar a fonte]

Londres no século XIX, superpoboada e cun espeso smog

O desenvolvemento da industria moderna a partir de finais do século XVIII levou a unha urbanización masiva e ao aumento de novas grandes cidades, primeiro en Europa e despois noutras rexións, como lugares de novas oportunidades que traían un gran número de emigrantes dende as comunidades rurais. Inglaterra liderou o proceso convertendo Londres na capital dun imperio mundial e facendo crecer cidades por todo o país como lugares estratéxicos para a produción.[33] Nos Estados Unidos entre 1860 e 1910, a introdución do ferrocarril reduciu os custos do transporte e emerxeron grandes centros de produción, provocando tamén o éxodo rural.

As cidades industrializadas eran lugares terribles para vivir, debido aos problemas de saúde que provocaban a superpoboación, o aire e a auga contaminados, a falta de medios hixiénicos e as enfermidades contaxiosas como a febre tifoide ou o cólera. As fábricas e os barrios pobres eran habituais na paisaxe urbana.[34]

Era postindustrial[editar | editar a fonte]

Na segunda metade do século XX, a desindustrialización no mundo occidental levou á pobreza e á decadencia urbana a cidades anteriormente prósperas. O "cinto de aceiro" dos Estados Unidos converteuse no "cinto de óxido" e cidades como Detroit ou Gary, Indiana afundíronse ao contrario que a tendencia á expansión urbana global.[35]

Durante o gran salto adiante e os seguintes plans quinquenais da China produciuse un rápido proceso de urbanización e industrialización, que converteu o país no principal fabricante mundial.[36][37]

En medio destes cambios económicos, a alta tecnoloxía e a telecomunicación instantánea permitiu que algunhas cidades se convertesen en centros da economía do coñecemento.[38][39][40] Xurdiu entón o novo paradigma da smart city.[41]

Concepto[editar | editar a fonte]

A cidade na antiga Roma[editar | editar a fonte]

Na Roma antiga era cidade (civitas) a zona habitada por cidadáns (civites), os cales eran aqueles que posuían dereitos cidadáns, independentemente da súa actividade, fóra a industria, a agricultura ou os servizos.

A cidade medieval e renacentista na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

Na España medieval e do renacemento, unha cidade era a poboación que non tiña Señor e era rexida directamente polo rei. Tiña o privilexio de enviar procuradores ás cortes para negociar as taxas que lle puidesen ser impostas, a cambio de Foros. Esta cualificación de cidade era independente do tamaño, así, Madrid, capital de España desde 1561, non era cidade senón vila.

Luces de cidades, vista de satélite.

O concepto de cidade na Conferencia Europea de Estatística de Praga[editar | editar a fonte]

A Conferencia Europea de Estatística de Praga considera como cidade unha aglomeración de máis de 2.000 habitantes sempre que a poboación dedicada á agricultura non exceda do 25% sobre o total. A partir de 10.000 habitantes, todas as aglomeracións considéranse cidades, sempre que estes se atopen concentrados, xeralmente en edificacións colectivas e en altura, e sempre que se dediquen fundamentalmente a actividades dos sectores secundario e terciario (industria, comercio e servizos).

O concepto político de cidade aplícase a conglomerados urbanos con entidade de capitalidade e maior importancia na rexión e que asume os poderes do Estado ou Nación. Será a cidade capitalina, pero por extensión aplícase a denominación a calquera entidade administrativa con algunha autonomía.

É pois unha definición administrativa do estado político, rexión xeográfica ou comunidade autónoma, que teñen unha cidade central e vilas ou cidades menores. A xeografía urbana e a socioloxía urbana estudan ambos aspectos desde o punto de vista da xeografía humana e a ecoloxía humana.

Non se debe confundir cidade con municipalidade, a maior municipalidade do mundo, Chongqing, posúe aproximadamente o mesmo tamaño có estado americano de Indiana, e contén moita máis área rural do que área urbana. Por outro lado, o contrario tamén acontece. A cidade de Londres posúe apenas 8 mil habitantes. No entanto, a súa rexión metropolitana, isto é, a área urbanizada, posúe máis de 7,5 millóns de habitantes.

Partes dunha cidade[editar | editar a fonte]

Vista de satélite da gran metrópole de São Paulo, con Santos na costa.

As cidades antigas non se planificaban (agás as romanas), polo que non todas constan dos mesmos elementos (as primeiras cidades datan do 3500 a.C.). En xeral, con todo, unha cidade consta do núcleo histórico (orixe da cidade), ensanches posteriores de diferentes épocas, zonas residenciais, zonas industriais (usualmente nos arredores) e centros sociais, aínda que algunhas destas áreas poden superpoñer as súas funcións. As diferentes partes, que forman a estrutura urbana, están conectadas por un sistema de transporte público.

Tipo de cidade[editar | editar a fonte]

Non hai unha lista completa dos tipos de cidades, que varían moito en función da zona, pero os principais son:

  • Cidade administrativa: sé das institucións políticas, usualmente é unha capital "nova" que substitúe a poboación tradicional, como Brasilia
  • Cidade industrial: o sector secundario ocupa un lugar preeminente, como o cinto de Barcelona ou as cidades alemás da conca do Ruhr
  • Cidade turística
  • Cidade comercial
  • Cidade universitaria: ten gran rotación de poboación, unha universidade e vida social e cultural intensa
  • Cidade residencial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cidade.
  2. The Travel & Tourism Competitiveness Report 2007, Jennifer Blanke, World Economic Forum
  3. Demographia World Urban Areas 13th Annual Edition, abril 2017.
  4. Nick Compton, "What is the oldest city in the world?", The Guardian, 16 de febreiro de 2015.
  5. Ring, Trudy (2014). Middle East and Africa: International Dictionary of Historic Places. p. 204. 
  6. Jhimli Mukherjee Pandeyl, "Varanasi is as old as Indus valley civilization, finds IIT-KGP study", Times of India, 25 de febreiro de 2016.
  7. (Bairoch, 1988, pp. 3-4)
  8. (Pacione, 2001, p. 16)
  9. Kaplan et al. (2004), p. 26. "As primeiras cidades tamén reflectían estas precondicións nas que servían como lugares onde os excedentes agrícolas eran almacenados e distribuídos. As cidades funcionaban economicamente cando centros de extracción e redistribución desde campo a graneiros para a poboación urbana. Unha das funcións principais desta autoridade central era extraer, almacenar, e redistribuír o gran. Non é por casualidade que os graneiros-areas de almacenamento para o gran- se atoparan a miúdo dentro dos templos desas primeiras cidades."
  10. Jennifer R. Pournelle, "KLM to CORONA: A Bird's Eye View of Cultural Ecology and Early Mesopotamian Urbanization"; in Settlement and Society: Essays Dedicated to Robert McCormick Adams ed. Elizabeth C. Stone; Cotsen Institute of Archaeology, UCLA, and Oriental Institute of the University of Chicago, 2007.
  11. 11,0 11,1 Fredy Perlman, Against His-Story, Against Leviathan, Detroit: Black & Red, 1983; p. 16.
  12. Mumford (1961), pp. 39–46. "Ó tempo que os medios físicos aumentaban, esta mitoloxía de poder dun lado, estéril, de feito hostil á vida, levou as súas ideas a cada esquina da escena urbana e atopou, na nova institución de guerra organizada, a súa expresión máis completa. […] Por isto tanto a forma física como a vida institucional da cidade, dende os máis antigos inicios á implosión urbana, foron moldeados sen pequenas medidas polos propósitos irracionais e máxicos da guerra. Dende esta fonte apareceu o elaborado sistema de fortificacións, con paredes, murallas, torres, canais, gabias, que continuaron a caracterizar as cidades históricas, á parte de certos casos especiais -como durante a Pax Romana- ata o século XVIII. […] A guerra levou á concentración do liderado social e do poder político nas mans dunha minoría que levaba as armas, instigado por un sacerdocio exercitando poderes sacros e posuíndo secretos pero valiosos coñecementos científicos e máxicos."
  13. Ashworth (1991), pp. 12–13.
  14. (Jacobs, 1969, p. 23)
  15. P. J. Taylor, "Extraordinary Cities I: Early 'City-ness' and the Invention of Agriculture"; International Journal of Urban and Regional Research 36(3), 2012; doi:10.1111/j.1468-2427.2011.01101.x; ver tamén GaWC Research Bulletins 359 e 360.
  16. Michael E. Smith, Jason Ur, & Gary M. Feinman, "Jane Jacobs' 'Cities First' Model and Archaeological Reality", International Journal of Urban and Regional Research 38, 2014; doi:10.1111/1468-2427.12138.
  17. McQuillan (1937/1987), §1.03. "Os antigos fomentaron a expansión da cultura urbana; os seus esforzos foron constantes para levar á súa xente dentro da influencia completa da vida municipal. O desexo de crear cidades foi a característica máis notable da xente da antigüidade, e os antigos gobernantes rivalizaron uns con outros en satisfacer este desexo."
  18. Southall (1998), p. 23.
  19. Kenoyer, Jonathan Mark (1998) Ancient Cities of the Indus Valley Civilization. Oxford University Press, Karachi e Nova York.
  20. Southall (1998), pp. 38-43.
  21. Smith, "Earliest Cities", en Gmelch & Zenner (2002).
  22. Moholy-Nagy (1968), pp. 158-161.
  23. Robert McCormick Adams Jr., Heartland of Cities: Surveys of Ancient Settlement and Land Use on the Central Floodplain of the Euphrates; University of Chicago Press, 1981; ISBN 0-226-00544-5; p. 2. "O sur de Mesopotamia era unha terra de cidades. Converteuse con precocidade, antes da fin do cuarto milenio a.C. As tradicións urbanas mantivéronse fortes e virtualmente continuas a través das vicisitudes de conquista, axitacións internas acompañadas por crise económica xeneralizada, e substitución lingüística masiva e de poboación. O contido simbólico e material da civilización evidentemente cambiou, mais o seu ambiente cultural quedou ligado ás cidades."
  24. Pocock, J. G. A. (1998). The Citizenship Debates. Chapter 2 -- The Ideal of Citizenship since Classical Times (originally published in Queen's Quarterly 99, no. 1). Minneapolis, MN: The University of Minnesota. p. 31. ISBN 0-8166-2880-7. 
  25. Ring, Salkin, Boda, Trudy, Robert, Sharon (January 1, 1996). International Dictionary of Historic Places: Southern Europe. Routledge. p. 66. ISBN 978-1-884964-02-2. 
  26. Kaplan et al. (2004), pp. 41–42. "Rome created an elaborate urban system. Roman colonies were organized as a means of securing Roman territory. The first thing that Romans did when they conquered new territories was to establish cities."
  27. Kaplan et al. (2004), p. 43.
  28. Cameron, Averil (2009). The Byzantines. John Wiley and Sons. p. 47. ISBN 978-1-4051-9833-2. Consultado o 24 January 2015. 
  29. Laiou, Angeliki E. (2002). "Writing the Economic History of Byzantium". En Angeliki E. Laiou. The Economic History of Byzantium (Volume 1). Washington, DC: Dumbarton Oaks. pp. 130–131. 
  30. Kaplan et al. (2004), pp. 47–50.
  31. Curtis (2016), pp. 5–6.
  32. Nicholas Blomley, "What Sort of a Legal Space is a City?" en Brighenti (2013), pp. 1–20.
  33. Kaplan et al. (2004), pp. 53–54.
  34. Kaplan et al. (2004), pp. 54–55.
  35. Steven High, Industrial Sunset: The Making of North America's Rust Belt, 1969-1984; University of Toronto Press, 2003; ISBN 0-8020-8528-8
  36. James Xiaohe Zhang, "Rapid urbanization in China and its impact on the world economy"; 16th Annual Conference on Global Economic Analysis, "New Challenges for Global Trade in a Rapidly Changing World", Shanhai Institute of Foreign Trade, June 12–14, 2013.
  37. Ian Johnson, "China's Great Uprooting: Moving 250 Million Into Cities"; New York Times, 15 de xuño de 2013.
  38. Castells, M. (ed) (2004). The network society: a cross-cultural perspective. London: Edward Elgar. (ebook)
  39. Flew, T. (2008). New media: an introduction, 3rd edn, South Melbourne: Oxford University Press
  40. Harford, T. (2008) The Logic of Life. London: Little, Brown.
  41. Taylor Shelton, Matthew Zook, & Alan Wiig, "The 'actually existing smart city'", Cambridge Journal of Regions, Economy, and Society 8, 2015; doi:10.1093/cjres/rsu026.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Bibliografía adicional

  • Berger, Alan S., The City: Urban Communities and Their Problems, Dubuque, Iowa : William C. Brown, 1978.
  • Chandler, T. Four Thousand Years of Urban Growth: An Historical Census. Lewiston, NY: Edwin Mellen Press, 1987.
  • Geddes, Patrick, City Development (1904)
  • Glaeser, Edward (2011). Triumph of the City: How Our Best Invention Makes Us Richer, Smarter, Greener, Healthier, and Happier. Nova York: Penguin Press. ISBN 978-1-59420-277-3. 
  • Kemp, Roger L. Managing America's Cities: A Handbook for Local Government Productivity, McFarland and Company, Inc., Jefferson, Carolina do norte, Estados Unidos de América, e Londres, Reino Unido, 2007. (ISBN 978-0-7864-3151-9).
  • Kemp, Roger L. How American Governments Work: A Handbook of City, County, Regional, State, and Federal Operations, McFarland and Company, Inc., Carolina do norte, Estados Unidos de América, e Londres, Reino Unido. (ISBN 978-0-7864-3152-6).
  • Kemp, Roger L. "City and Gown Relations: A Handbook of Best Practices," McFarland and Company, Inc., Jefferson, Carolina do norte, Estados Unidos de América, e Londres, Reino Unido, (2013). (ISBN 978-0-7864-6399-2).
  • Monti, Daniel J., Jr., The American City: A Social and Cultural History. Oxford, England and Malden, Massachusetts: Blackwell Publishers, 1999. 391 pp. ISBN 978-1-55786-918-0.
  • Reader, John (2005) Cities. Vintage, Nova York.
  • Robson, W.A., and Regan, D.E., ed., Great Cities of the World, (3d ed., 2 vol., 1972)
  • Smethurst, Paul (2015). The Bicycle – Towards a Global History. Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-137-49951-6.
  • Thernstrom, S., and Sennett, R., ed., Nineteenth-Century Cities (1969)
  • Toynbee, Arnold J. (ed), Cities of Destiny, Nova York: McGraw-Hill, 1967. Ensaios Pan históricos/xeográficos, varias imaxes. Comeza con "Athens", remata con "The Coming World City-Ecumenopolis".
  • Weber, Max, The City, 1921. (tr. 1958)