Grupo Rompente

O Grupo de Comunicación Poética Rompente foi creado en 1975 por Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón, e a el estiveron vencellados de maneira máis fugaz Camilo Valdehorras e Xosé Leira López.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Rompente comezou en 1975 cando no verán deste ano Pexegueiro coñece a Antón Reixa e fálalle de crear un Grupo de Poesía en Galicia. Antes, Pexegueiro, fixera a proposta de crear un Grupo de Poesía a Darío Xohan Cabana, que nese momento por razóns personais non podía. Darío presentolle entón a Méndez Ferrín e este a Antón Reixa, quen despois de pensalo durante uns días, aceptou. O primeiro recital dérono Pexegueiro e Reixa en outubro de 1975 no Instituto Valle Inclán de Pontevedra. Este primeiro núcleo formado xa por Pexegueiro, Reixa, Romón e Avendaño, preparou manifestos, recitais e interviña poeticamente en festas e manifestacións. Dese momento son as Follas de resistencia poética (1976-77). A primeiros de 1978, Pexegueiro vaise do Grupo.
En 1977 vertébrase como grupo cohesionado esteticamente que quere controlar a comunicación literaria dunha maneira total, polo que se constituíron como editores alternativos publicando Seraogna de Pexegueiro e Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Pasan a chamarse Colectivo de Comunicación Poética Rompente comportándose como unha factoría poética e asumindo como propia a vangarda como actitude. O seu concepto integral da creación lévaos a montar diversos espectáculos poéticos que se presentan en institutos e festivais de música: Moisés e a Mona, A tristeza de Ezza e A Dama que fala. Desta época data a publicación de varios libros de poesía asinados polo colectivo e outros por cada un dos poetas.
Cultivaron moitas das modalidades da poesía experimental, especialmente as empregadas polo dadaísmo: poesía fonética, disolución dos xéneros literarios, espontaneidade...
O grupo desfaise en 1983.
Volveron xuntarse en 2021 para publicar Que hostia din os rumorosos?, Ilustrado e deseñado por Menchu Lamas, Rubén Romero e Antón Patiño, o limiar da obra está asinado polo músico Julián Hernández, de Siniestro Total.[1]
Publicacións[editar | editar a fonte]
Libros colectivos[editar | editar a fonte]
- Silabario da turbina (1977).
- ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio! (1979).
- A dama que fala, Xerais (1983).[2]
- Que hostia din os rumorosos? (2021). Editorial Elvira.
Libros individuais[editar | editar a fonte]
- Alberto Avendaño, Facer pulgarcitos tres (1979).
- Antón Reixa, As ladillas do travestí (1979).
- Manuel M. Romón, galletas kokoschka non (1979).
Antoloxías[editar | editar a fonte]
En 1998 Xerais publicou Upalás, unha antoloxía do Grupo poético, realizada por Iris Cochón e Helena González.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "O espertar do grupo Rompente: «Que hostia din os rumorosos»". VigoÉ. 2021-06-11. Consultado o 2021-06-12.
- ↑ Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Diccionario da literatura galega. IV Termos e institucións literarias. Vigo: Galaxia, 2003.