Saltar ao contido

Saudosismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teixeira de Pascoaes cuns amigos (1898).

O Saudosismo é unha corrente cultural, literaria, política e filosófica de carácter nacionalista que se desenvolveu en Portugal a principios do século XX. As súas orixes hai que buscalas no Neorromanticismo. As figuras principais deste movemento son os poetas Teixeira de Pascoaes e João Lucio e participaron del outros como Jaime Cortesão, Álvaro Pinto e Leonardo Coimbra.

Características

[editar | editar a fonte]
Cego Rabequista (1855), de José Rodrigues.

O Saudosismo tivo como órgano de expresión a revista A Águia[1], nun ambiente revolto pola recente proclamación da República Portuguesa, as posteriores tentativas de restauración monárquica e a proximidade da primeira guerra mundial.

Os seguidores do Saudosismo agrupábanse na sociedade Renascença Portuguesa, que pretendía "revelar a 'alma lusitana', integrá-la nas suas qualidades essenciais e originárias". O poeta Teixeira de Pascoaes falaba desde as páxinas d'A Águia da "alma excepcional, instintivamente naturalista e mística, que criou a saudade, promessa de uma nova civilização lusitana". Dende 1911 A Águia sería o órgano de expresión da Renascença.

O Saudosismo tivo unha derivación progresista arredor da revista Seara Nova, promovida por Raul Brandão, Aquilino Ribeiro e Teixeira Gomes; e outra reaccionaria, antiliberal e antidemocrática, o Integralismo Portugués, que se fundirá máis adiante co Salazarismo, e que estaba dirixida por Antonio Sardinha. O Saudosismo deploraba a sociedade industrial, defendía o regreso ó paraíso perdido do campo, ensalzaba o intuitivo fronte ó empírico e mesturaba o cristianismo cun misticismo panteísta de raizame pagá. Esta postura valeulle a ruptura co Modernismo literario, de recente aparición, que se agrupou arredor da nova revista Orpheu[2].

O Saudosismo foi definido por Pascoaes como celebración da saudade, na cal vía "o próprio sangue espiritual da Raça; o seu estigma divino, o seu perfil eterno". Se a saudade é un fenómeno eminentemente portugués, expresaría a alma lusitana. Nunha vaga definición, Pascoaes afirma: "Eu chamei Saudosismo ao culto da alma pátria representada pela Saudade erigida en Pessoa divina e orientadora da nossa actividade literária, artística, religiosa, filosófica e mesmo social"[3].

Galicia e o Saudosismo

[editar | editar a fonte]

Na definición da alma portuguesa a partir das súas características particulares, os autores adscritos ó Saudosismo fixeron numerosas referencias a Galicia e acabaron por lograr o acercamento dalgúns literatos galegos. En 1913 Cláudio Basto publica n'A Águia un ensaio titulado A saudade Portuguesa e Galega. En Nós, á súa vez, rexístrase a intervención de Teixeira de Pascoaes, Leonardo Coimbra e outros membros do grupo Renascença, que entenden ás veces esta descuberta de Galicia como un descubrir algo que pertence a Portugal: Teófilo Braga e José Ballesteros afirman que Galicia é un anaco esgallado de Portugal, Pascoaes fala de que Galicia é "un bocado de Portugal sob as patas do leão de Castela"[4].

Esta postura tivo a súa correspondencia no Pangaleguismo de Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco e outros dende as páxinas d'A Nosa Terra, ou no Atlantismo de Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e outros a través de Nós.

  1. Fundada en 1910 segundo M. Moises, ou en 1912 segundo C.A, Molina.
  2. MOLINA, C.A. (2005). En honor de Hermes. Huerga y Fierro Editores. ISBN 84-8374-497-X.  (en castelán)
  3. MOISÉS, M., Saudosismo, a Saudade como Ideologia; en HUMMELL, M.; WOLL, D.; OSSENKOP, Ch. (eds.) (1998). Lusitanica et Romanica. Buske Verlag. ISBN 3-87548-172-0. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2015. Consultado o 27 de decembro de 2010.  (en portugués)
  4. BARREIRO, J.L., Aquén e alén Miño: identidades e fronteiras; en AGRA ROMERO, M.J.; RODRÍGUEZ RÍAL, N. (2003). Actas do IV Simposio Internacional Luso-Galaico de Filosofía, Santiago, 28-29 novembro, 2003. Univ Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-268-X.