Libro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Libros na Biblioteca do Merton College, Oxford.

Un libro é unha obra manuscrita, impresa ou virtual, que consta dunha serie de follas que conteñen texto ou imaxes composto por, polo menos, 48 páxinas (sen contar as capas - segundo a Unesco). Un libro pode ser, por exemplo, unha novela, un ensaio ou un libro fotográfico.

A palabra libro procede do latín liber, que significa cortiza.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros libros[editar | editar a fonte]

Manuscrito en pergameo.

As orixes do libro hai que buscalas nas civilizacións mesopotámicas (táboas de arxila) e na civilización exipcia (rolo de papiro). En Roma empregáronse con frecuencia as taboíñas enceradas que, unidas unhas a outras, formaban un libro, aínda que desde o século III a.C. e ata o século V d.C. foi moi frecuente a forma de rolo tamén en Roma. Tamén desde o século I a.C. comezou a empregarse en Roma unha nova forma: o codex, no que as follas de papiro se superpoñen e cosen polo bordo, de xeito parecido ás ligazóns nas taboíñas enceradas, pero con maior cantidade de follas, podendo pasalas con facilidade. A fraxilidade do papiro, que facía que os bordes se rompesen, solucionouse coa introdución do pergameo, máis axeitado que o papiro para recibir a escritura polas dúas caras.

Pódese dicir que as variacións na forma do libro foron considerables, como o foron os materiais de escrita, ata chegar á forma códice, na que hoxe o coñecemos. O primeiro libro impreso foi creado polos chineses no ano 868 d.C.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Na Alta Idade Media os códices son un produto da economía autosuficiente dos mosteiros. Estes exemplares eran copiados a man polos escribáns dos mosteiros no chamado scriptorium. Nesta época, só nas universidades, nos mosteiros, igrexas e casas dalgúns nobres podían atoparse libros.

A medida que avanza a Idade Media, xunto ó libro cuxo valor se centra no texto, medra os que son apreciados pola súa presentación (calidade da materia escritoria, caligrafía coidada e ilustracións). O luxo característico dos códices de finais da Idade Media céntrase principalmente nos Libros de Horas feitos para os reis e os membros da alta nobreza, e dos que pode servir de exemplo o Libro de Horas de Fernando I (1055) conservado na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.[2]


Coa aparición das universidades créase un novo mercado para os libros e convértese así nun instrumento de difusión das novas ideas.

A partir do século X comeza a usarse o papel na elaboración dos libros, aínda que xa fora inventado polos chineses antes da era cristiá. En España foi introducido polos árabes, e aínda que as primeiras novas da existencia de fábricas son do século XIII (Xátiva), é probable que no século X se fabricase en Córdoba e Toledo. Atópanse manuscritos en papel a partir do século XIII, e o uso xeneralizouse no século XV.

O papel facíase con trapos de algodón machucado reducido a pasta e secado nun bastidor. En España substituíuse o algodón por liño e trapos de lenzo, porque non abondaba o algodón, resultando este último de maior resistencia..

A aparición da imprenta[editar | editar a fonte]

Os antecedentes da imprenta hai que buscalos nos gravados xilográficos, que comezaron a usarse en Europa para gravar naipes, estampas, etc. cara 1400, aínda que xa eran coñecidos en China 300 anos a.C. A impresión en madeira máis antiga que se coñece en China e que se asemella a un libro é do ano 868 d.C., pero sábese que o método foi empregado antes. En Europa, cara 1430, prodúcense os primeiros libros xilográficos empregando a mesma técnica antes usada nos naipes, estampas, etc

Johannes Gutenberg deu resposta á demanda de libros grazas á imprenta de tipos móbiles. Aínda que ningún texto leva o seu nome, atribúeselle a impresión da famosa Biblia de 42 liñas (1456).

O invento, unha vez máis, fora probado polos chinos xa no século XI, usando tipos soltos de barro cocido e máis tarde de metal.

Os primeiros libros impresos ata o 1 de xaneiro de 1501 denomínanse incunables.

Desde 1483 constátase a existencia de impresores en Santiago, onde farían encargos de textos litúrxicos para o Cabido. Tamén neste século houbo imprenta en Monterrei.

De especial importancia para o desenvolvemento da imprenta foi a Reforma luterana, que supuxo unha expansión do libro como nunca ata ese momento se coñecera.

O libro nos séculos XIX e XX[editar | editar a fonte]

No século XIX o maquinismo derivado da revolución industrial aumentou a produción de libros e abaratou os seus costos. O primeiro invento foi a máquina de papel (1798), que permitía fabricar papel de forma continua. Desde mediados do XIX, ante a suba dos prezos dos trapos, iniciouse a busca dunha nova materia de fabricación, probándose a palla, o esparto, etc. A pasta de madeira para a fabricación de papel fíxose pulverizando os troncos (pasta mecánica) ou disolvendo químicamente astelas (pasta química). Nas décadas de 1860 e 1870 xeneralizouse en Europa a pasta mecánica, e na de 1880 a pasta química.

O maquinismo afectou tamén á imprenta e polo tanto ó libro. A primeira prensa mecánica que deu resultado foi a ideada polos alemáns Koening e Brauer que funcionaba a vapor e reemprazou a primitiva prensa de Gutenberg.

No século XX continua a mecanización do libro e prodúcese un paulatino desprazamento da mecánica pola electrónica. Aumenta o número de títulos e de exemplares en cada tirada, como consecuencia do aumento de lectores. Xorden tamén novas formas de comercialización (libros de peto, clubs do libro, etc.). Ó desenvolvemento das redes de telecomunicacións desde os anos 90, fai aparecer un novo sistema de venda: a venda virtual.

O libro electrónico[editar | editar a fonte]

Internet supuxo unha revolución e constituíu un importante medio de difusión para os libros, os chamados libros electrónicos.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Dependendo do tipo de libro, da editorial e do autor, a súa estrutura varía, pero normalmente segue un esquema parecido:

Produción[editar | editar a fonte]

Normalmente, un libro é impreso en grandes follas de papel, onde se aloxan 8 páxinas a cada lado. Cada unha destas grandes follas é dobrada ata ser convertida en 16 páxinas. Estas páxinas son ordenadas e cosidas polo lombo. A este lombo pégaselle unha malla de tea para asegurar as partes. Finalmente as páxinas son cortadas por tres lados cunha guillotina e o lombo pegado a unha tapa de cartón. Toda esta tarefa realízase en serie.

As imprentas máis modernas poden imprimir 16, 32 e ata 64 páxinas por cara de grandes follas. Moitas veces o texto da obra non alcanza a cubrir as últimas páxinas, o que provoca que algúns libros teñan páxinas baleiras ao final do mesmo, aínda que moitas veces son cubertas con propaganda da editorial sobre textos do mesmo autor ou outros do seu persoal. Segundo un estudo realizado en 2010, nese ano publicáronse 130.000.000 libros.[3]

Datos[editar | editar a fonte]

O libro máis vendido do mundo é a Biblia, e o segundo é o Libro Guinness dos Récords.

Celebracións[editar | editar a fonte]

Feira do libro de Ourense (2009)

O 23 de abril, en conmemoración do pasamento de Miguel de Cervantes Saavedra, celébrase o Día do Libro (tamén coñecido como Día Internacional do Libro ou Día Mundial do libro).

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Book". Dictionary.com. http://dictionary.reference.com/browse/book. Consultado o 6 de novembro de 2011. 
  2. Bernhard Bischoff. Latin Palaeography, pp. 42–43.
  3. "Books of the world, stand up and be counted! All 129,864,880 of you.". Inside Google Books. August 5, 2010. http://booksearch.blogspot.com/2010/08/books-of-world-stand-up-and-be-counted.html. "After we exclude serials, we can finally count all the books in the world. There are 129,864,880 of them. At least until Sunday." 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Libro

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dahl, Svend. Historia del libro. Madrid: Alianza, 1982. (Alianza Universidad; 336) ISBN 84-206-2336-9
  • Dictionarium bibliothecarii practicum: ad usum internationalem in XXII linguis = The librarian's practical dictionary: in 22 languages = Wörterbuch des Bibliothekars: in 22 Sprachen. Herausg. von Dr. Zoltán Pipics. 7. Auflage. München: Dokumentation, 1977. ISBN 3-7940-4110-0
  • Martínez de Sousa, José. Diccionario de edición, tipografía y artes gráficas.Gijón: Trea, 2001. (Biblioteconomía y administración cultural; 46) ISBN 84-95178-96-6
  • Bohigas, Pere. Resum d'història del llibre. Barcelona: Barcino, 1933. (Col·lecció popular Barcino; 90)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]