Claude Debussy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Claude Debussy
Nome completoClaude Achille Debussy
Nacemento22 de agosto de 1862
 Saint-Germain-en-Laye
Falecemento25 de marzo de 1918
 16º distrito de París
CausaCancro colorrectal
Soterradocemiterio de Passy, Cemiterio do Père-Lachaise e Grave of Claude Debussy
NacionalidadeSegundo Imperio Francés, Terceira República Francesa e Francia
Educado enConservatorio de París
PaiManuel Debussy
Parella/sEmma Bardac e Marie-Rosalie Texier
FillosClaude-Emma Debussy
IrmánsAlfred Debussy
PremiosCabaleiro da Lexión de Honra e Prix de Rome
Na rede
IMDB: nm0006033 Allocine: 37173 IBDB: 87554
Spotify: 1Uff91EOsvd99rtAupatMP iTunes: 219163 Last fm: Claude+Debussy Musicbrainz: be50643c-0377-4968-b48c-47e06b2e2a3b Songkick: 343426 Discogs: 96123 IMSLP: Category:Debussy,_Claude Allmusic: mn0000768781 WikiTree: Debussy-3 Find a Grave: 5478 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Claude-Achille Debussy, nado o 22 de agosto de 1862 en Saint-Germain-en-Laye e morto en París o 25 de marzo de 1918, foi un compositor francés. Debussy está considerado como un dos compositores máis importantes do século XX. Recibiu en vida o alcume «Claude de Francia», en referencia ao seu papel de defensor dunha corrente musical dun certo ton nacionalista, e en alusion ao feito de que nacera no mesmo lugar ca Lois XIV de Francia. Sen deixar de admirar a Wagner, rompeu co romanticismo do século anterior e considérase un dos membros do movemento impresionista musical, aínda que sempre rexeitou as clasificacións e afirmou a súa liberdade total á hora de compor música.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacemento e contexto familiar[editar | editar a fonte]

Naceu en Saint-Germain-en-Laye, no oeste de París, o 22 de agosto de 1862. Era o máis vello dos cinco fillos de Manuel e Victorine Debussy. En 1865, despois da quebra da tenda familiar de porcelanas, a familia establécese en París. O pai quería que se dedicase á mariña, pero a inclinación pola música de Claude comezou pronto. Seguiu un curso de iniciación antes de comezar a recibir clases da señora Mauté de Fleurville, alumna de Chopin e sogra de Verlaine. As clases pagoullas unha tía súa, a señora Rostand, que vivía en Cannes, onde os irmáns Debussy pasaban longas tempadas.

Os anos da aprendizaxe[editar | editar a fonte]

Ós dez anos, Debussy foi admitido no conservatorio nacional de París en 1872, onde estudou durante os once anos seguintes e onde tivo por condiscípulos a Paul Dukas e Maurice Emmanuel. Era un alumno pouco disciplinado e soñador que bateu moitas veces coa incomprensión dos profesores. Debussy nunca tivo boas lembranzas dos seus anos de aprendizaxe. Desta época data unha anécdota segundo a que Giraud, un dos seus mestres, lle tería dito: "Non digo que o que vostede fai non sexa fermoso, o que digo é que é teoricamente absurdo", ó que Debussy lle tería respondido: "Non existen teorías. Non ten máis que escoitar. A única lei é o pracer". Massenet, que foi tamén o seu profesor no conservatorio, preguntado polo Debussy alumno respondeu: "Ah! Ese! Ese é un enigma...". Durante a adolescencia, foi pianista acompañante de Marguerite Pelouze-Wilson, amante do presidente da República, o que lle deu acceso á boa sociedade francesa. Foi presentado á baronesa rusa Nadezhda Von Meck, a famosa e rica viúva que foi a mecenas de Tchaikovski. Esta accolleu Debussy na súas residencias de Alemaña e de Rusia. O compositor converteuse no seu pianista titular, o que lle permitiu viaxar por Europa e Rusia nos veráns durante tres anos. De volta a París en 1880, Debussy retomou os estudos de composición e coñeceu ó compositor Erik Satie, probablemente no cabaret do "Chat noir", onde o futuro autor das Gymnopedias causaba sensación. Debussy fíxose amigo intimo da familia Vasnier, en particular da señora Vasnier, Blanche-Adélaïde, coa que se di que tivo unha relación amorosa e á que dedicou as súas obras de xuventude.

Estadía en Roma[editar | editar a fonte]

En 1884, conseguiu un primeiro premio no conservatorio coa cantata "O fillo pródigo" (L'enfant prodigue) e recibiu a recompensa establecida dunha bolsa de tres anos na Vila Médici de Roma, para a que marcha en xaneiro de 1885. Debussy descubriu na Cidade Eterna a música de Palestrina e os encantos de Italia, mais permaneceu indiferente á ópera italiana. Coñeceu moitos músicos importantes coma Verdi e Liszt. A estancia italiana non o inspirou particularmente e non compuxo máis que catro pezas. A oda sinfónica "Zuleima" (baseada nun poema de Heinrich Heine, a peza orquestal "Primavera" (Printemps) e a cantata "A damisela escollida" (La Damoiselle élue) (1887-1888) foron xulgadas, en particular "Zuleima", como "estrañas, incomprensibles e imposibles de interpretar" polos membros do conservatorio de París. A cuarta obra, unha "Fantasía para piano e orquestra" influída por César Franck, foi axiña rexeitada polo propio compositor.

Volta a Francia[editar | editar a fonte]

Despois de dous anos en Roma, Debussy fixo oficial a súa renuncia á bolsa do conservatorio e volveu a Francia, instalándose no barrio de Saint-Lazare. Empezou unha relación con Gabrielle Dupont, á que chamaba "Gabriela dos ollos verdes" que ía durar 10 anos. Contra 1887, Debussy comezou a frecuentar os famosos "martes literarios" de Mallarmé. En 1888, viaxou a Bayreuth para asistir á representación de varias óperas de Richard Wagner, pero foi sobre todo a Exposición universal de París en 1889 grazas á que descubriu ritmos e sonoridades exóticas, especificamente as do gamelán usado na música de Xava o que marcaría profundamente as súas composicións futuras: gama, "colores" sonoros e rupturas rítmicas.

A difícil aceptación[editar | editar a fonte]

Coa "Suite Bergamasque" para piano obtivo o seu primeiro grande éxito. Seguiuna o poema sinfónico "Preludio á sesta dun fauno" (Le Prélude à l'après-midi d'un faune) baseada nun famoso poema de Mallarmé. A estrea en decembro de 1894 foi mal interpretada pola orquestra e mal recibida pola maior parte dos críticos. Tivo, porén, moito éxito en toda Europa. A continuación comezou o traballo na única opera que completou "Pelléas e Mélisande", con libreto do poeta simbolista belga Maeterlinck). A súa reputación medrara dabondo como para facilitar unha grande estrea na Opera cómica de París en 1902. O éxito da ópera permitiulle non ter que preocuparse por problemas económicos durante un tempo. A posta en escena non estivo libre de problemas. Maeterlinck cedera o libreto coa condición de que o papel principal da obra fora interpretado pola súa amante Georgette Leblanc, pero finalmente foi a soprano americano-escocesa Mary Garden quen representou o papel de Melisandre. Maeterlinck reaccionou violentamente e dise que provocou a Debussy para que se batera con el en duelo. Nunha entrevista antes da estrea, Maeterlinck desentendeuse da obra e desexoulle o fracaso. A isto seguiron intentos de sabotaxe, a distribución de panfletos contra a obra e mesmo a aparición dun libreto titulado "Péderaste e Médisante" (Pederasta e Maldecidor). O éxito da obra estableceu a fama de Debussy a nivel internacional, e a opera foi estreada, entre outras cidades, en Londres e Nova York.

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1899 o compositor separouse de Gabrielle Dupont e casou con Rosalie Texier, unha costureira. Catro anos despois iniciou unha relación sentimental con Emma Bardac, muller dun banqueiro, e antiga amante de Gabriel Fauré. A ruptura con Rosalie provocou o intento de suicidio desta. O suceso causou moito escándalo e provocou duras críticas ao compositor, mesmo as dos amigos máis íntimos. Debussy, porén, obtivo o divorcio e casou con Emma en 1908. Tiveron unha filla, Claude-Emma Debussy, a quen dedicou a suite para piano Children's corner ("O recanto dos nenos"), composta entre 1906 e 1908. (A filla naceu o 30 de outubro de 1905 e morreu de difteria o 14 de xullo de 1919)

Para asegurarse a solvencia económica Debussy diversificou desde comezos do século XX as súas actividades. Publicou numerosos traballos de crítica musical co pseudónimo de Monsieur Croche, e colaborou co coreógrafo ruso Vaslav Nizhinski na creación dos ballets Prélude à l'après-midi d'un faune e Jeux ("Xogos"), que non tiveron moito éxito. Neses anos coñeceu ao daquela xove compositor ruso Igor Stravinskii.

En 1910, diagnosticáronlle un cancro. Coa saúde moi deteriorada e dores difíciles de soportar comeza a saír moi pouco da súa residencia e acaba os seus derradeiros traballos. Morreu o 25 de marzo de 1918 sen ver a fin da primeira guerra mundial. Foi enterrado no cemiterio parisiense de Père-Lachaise, e posteriormente os seus restos trasladados o cemiterio de Passy.

Características da obra[editar | editar a fonte]

Debussy marcou unha ruptura coa forma clásica máis radical aínda que a dos compositores románticos. As súas obras máis persoais, caracterízanse por unha composición melódica inspirada libremente nas músicas orientais (uso da gama pentatónica). Os temas son difusos, os descubrimentos harmónicos ousados, os matices delicados e os ritmos sutís. As súas composicións son sobre todo sensoriais, procuran facer sentir ao que escoita sensacións particulares traducindo en música imaxes e impresións precisas. Os títulos evocadores de moitas pezas son un bo exemplo: "Pasos na neve", (Des pas sur la neige), "A rapaza cos cabelos de liño" (La fille aux cheveux de lin), "Reflexo na auga" (Reflet dans l'eau) etc. Por iso, aínda que é difícil de asociar a unha corrente determinada, clasifícase en xeral como "impresionista", etiqueta que el nunca reivindicou e mesmo rexeitou. Moitos musicólogos consideran decisiva a súa influencia no desenvolvemento da música cinematográfica, fenómeno que segue a manifestarse en anos recentes.

Ver tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]