7 ensayos sobre Rosalía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

7 ensayos sobre Rosalía é unha obra de carácter ensaístico da vida, obra e temática de Rosalía de Castro. Está escrita en galego, castelán e portugués.

Foi publicada pola Editorial Galaxia no ano 1952, dous anos despois da creación da editora. A publicación desta obra supón unha tentativa de Galaxia de ofrecer un xuízo crítico[1] e destacar a figura de Rosalía -voz lírica de Galicia por excelencia– por parte dos homes que formaron parte e colaboraron nesta editorial, grandes escritores e ensaístas, e de axentes portugueses, como o caso de Teixeira de Pascoaes.

Autores[editar | editar a fonte]

Foron Luís Pimentel, Teixeira de Pascoaes, Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Jacinto de Prado Coelho, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro, Xoán Rof Carballo e Salvador Lorenzana

Contido[editar | editar a fonte]

A publicación conta cunha presentación panorámica da obra en cuestión, a seguir de dous poemas adicados á figura de Rosalía. Despois, atópanse os sete ensaios. Hai tamén ilustracións de Carlos Maside e Xohán Ledo como peche desta colección.

Seccións[editar | editar a fonte]

Presentación[editar | editar a fonte]

Fai unha introdución sobre a cultura galega moderna e que supón a figura de Rosalia de Castro, como base e cumio do rexurdimento literario de Galicia. No referido ao contido, sinala as opinións críticas dos autores a presentar e os lugares e datas de escritura, con puntos de vista actuais (no ano de creación) sobre Rosalía (temática, vida e obra). Non está asinada.

Luis Pimentel e Teixeira de Pascoaes[editar | editar a fonte]

Poetas galego e portugués respectivamente, que adican dous poemas á principal figura do Rexurdimento da literatura galega. Luis Pimentel en “a Rosalía” resalta a imaxe de chorona, que moitos tiñan sobre ela: “ela chorou pra todos e pra sempre”[2], como aquela que sofre por todos os galegos as situacións que estaban a acontecer naqueles tempos.

Namentres, “a Rosalía de Castro” de Teixeira de Pascoaes é unha exaltación da figura de Rosalía, saudade e figura divina da lírica galega do século XIX “senhora da saudade e da melancolía”[2]

Ricardo Carballo Calero[editar | editar a fonte]

Escribe “arredor de Rosalía”. Este ensaio está dividio en 18 subtemas que van desde a figura de Rosalía como mito (“as cousas santas han seren tratadas santamente”[2]), a relación entre a vida do autor e a creación literaria deste (“a personalidade humá do poeta desborda de tal xeito sobor da súa obra que a biografia ten que ir inseparablemente engadida á bibliografía”[2]), e unha orde cronolóxica da súa obra (primeiro poética, logo narrativa).

Non aporta unha reflexión sobre o argumento das composicións da autora, senón que aporta un punto de vista crítico sobre a súa creación, os procedementos de composición a respecto das obras poéticas e narrativas, e como se levou a cabo esa evolución da narrativa despois de teres un comezo mediocre comparado coa poética rosaliana, poñendo como exemplo Cantares gallegos e Follas novas.

Domingo García Sabell[editar | editar a fonte]

"Rosalía y su sombra" comeza cunha cita de Martin Heidegger — García-Sabell foi o que traduciu a este filósofo alemán ao galego — fala da posición do ser no mundo e en que escaño se atopa.

Der Ruf kommt aus "mir" und doch "über" mich[3].

Neste ensaio contrapoñense os conceptos luces e sombras no mundo do poeta: "el poeta es dueño de un mundo que jamás llega a tomar posesión del mundo"[2]. Hai un amplo círculo de poeta que quedan presos da sombra, son aqueles que non seguen o camiño na busca do propio ser.

A luz refírese ao deslumbramento literario, mais a sombra non é algo negativo, senón a simple falta de luz. En Rosalía, esa falta de luz pode reflexarse na ausencia paterna ou na súa predestinación humana, mais desde esta sombra é capaz de fuxir e encontrar a luz do mundo que ela quere.

En "Negra Sombra"[4] atópase a esta Rosalía cunha forma diferente de mirar ao mundo en relación á xente da súa época. "Libre para hacerse a sí misma, más intimamente libre que nadie eligió la vida auténtica y desechó la inauténtica"[2]

Jacinto de Prado Coelho[editar | editar a fonte]

"O classico e o prazenteiro en Rosalía" aporta unha visión crítica aos temas e ao simbolismo na obra rosaliana.

A parte da angustia, a nostalxia, da morriña, da melancolía e de adicar a Galicia a súa obra, o autor considera que non só se mostra a negatividade, senón que tamén é alegre e pódese asociar con Portugal xa que tomou referencia dos cancioneiros portugueses.

Ataca á crítica, que non soubo ver a parte alegre dos cantares, xa que so se centrou na morriña dunha moza que sufría por unha patria. A súa alegría e contento móstranse na natureza, deixándoa bailar e aportando rasgos que axudan a crear unha natureza idealizada.

Afonda nos temas negativos falando do simbolismo, máis concretamente dos ríos, do mar que, segundo Bouza Brey na súa tese en Cuadernos de Estudios Gallegos, estes elementos levan ao abismo, ao suicidio, mais para Prado Coelho non amosan negatividade xa que "o valor simbólico da auga reside na pureza"[2].

Celestino Fernández de la Vega[editar | editar a fonte]

No seu ensaio "Campanas de Bastabales", móstrase a incomprensión do autor polo silencio ao que estivo sometido a obra de rosaliana e o seu desconcerto ante esta situación de indiferenza que provocaba Rosalía en autores interesados pola literatura española e en recompilar aos escritores desta o que xustifica, máis adiante, co tempo no que viviu a escritora.

Autores como Azorín ou sister Mary Pierre Tyrrell, reivindicaron a importancia de Rosalía como unha das poetas máis siginificativas das culturas galega e española.

Considera tamén á poeta, como unha poeta de angustia.

Ramón Piñeiro[editar | editar a fonte]

Con "Saudade en Rosalía" explícasenos a pegada que Rosalía de Castro deixou en Galicia, a súa loita por facer do galego unha lingua digna e o seu sentir cos pobos galegos.

O autor fai especial mención ao sentimento de dor de Rosalía e a súa capacidade para expresalo:

A súa voz puido espresar a door de todos, que sentía en sí mesma, e isto valeulle a espontánea devoción popular que para sempre estará acesa alí onde esteña a bater un corazón galego. Rosalía ten sido, ninguén poderá negarllo, unha das outas e puras voces que expresaran o sentimento da door, tanto da door absoluta, filosófica, entendida como interpretación da vida, como da door do pobo galego: dos segadores, dos emigrantes, das viudas de vivos e mortos, da soidade da terra etc.[...][2]

Ademais, fala da soidade como un sentimento inherente a Rosalía e, a raíz disto, explica as dúas dimensións polas que se guía o home: "a soedade intima i-a da trascendencia comunicativa"[2]. É dicir, o mesmo tempo que sabe vivir en soidade é capaz de se abrir ao mundo e deixar esa soidade de lado.

Xoán Rof Carballo[editar | editar a fonte]

En "Rosalía, anima galaica", Rof Carballo mostra a Rosalía como unha autora comprometida con todos os aspectos que envolven a Galicia. Compara a poesía rosaliana cunha vagabundaxe no que a escritora non atopa nos seus escritos o que realmente busca. Ademais, declara que tanto nas almas galegas como no subconsciente do pobo galego hai non só certa queixa permanente senón unha complacencia no sufrimento para explicar a personalidade de Rosalía, a que xustifica coa ausencia da figura paterna no contorno familiar da autora.

Sentimento de tenrura, morriña, nostalxia segundo o autor son os temas a destacar na poesía rosaliana.

Salvador Lorenzana[editar | editar a fonte]

"Xuicios críticos sobre Rosalía" incide, no caso de Salvador Lorenzana e de moitos autores galegos, no seu pesar pola falta de información que temos sobre Rosalía e, sobre todo, pola falta de análise e estudos que outros autores realizores sobre ela, considerando esa falta de interese desequilibrada e desproporcionada coa importancia que tivo a autora non só na cultura galega. A raíz disto, o autor cita exemplos de outros escritores interesados na obra de Rosalía non só a nivel galego e español, senón tamén, a visión da poeta nos Estados Unidos de América, en escritores ibereoamericanos e outros países como Portugal ou Italia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "As cartas de Luis Seoane sobre 7 ensayos sobre Rosalía". Consello da Cultura Galega. Consultado o 28/03/2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 VV.AA (1952). 7 ensayos sobre Rosalía. Galaxia. 
  3. Heidegger, Martin (1927). Ser y tiempo VOL.II. ISBN 84-395-2199-5. 
  4. Castro, Rosalía de (1880). Follas Novas, "Negra Sombra". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]