Estudantes Revolucionarios Galegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) foi unha organización estudantil nacionalista de esquerdas, activa entre 1972 e 1988.

Fundouse a iniciativa da UPG, nun clima de tensión tras folgas na Universidade de Santiago e a morte dun estudante pola policía, en decembro de 1972, encargouselle a Manuel Mera, que acababa de chegar da Arxentina e alí tivera experiencia na organización universitaria do grupo maoísta Vanguardia Comunista, artellar unha organización que agrupase aos universitarios e estudantes de secundaria. En Santiago de Compostela, coa axuda de simpatizantes da UPG, logra captar a un feixe de universitarios procedentes de todo o país e consigue a incorporación dalgúns militantes do Movemento Comunista da Coruña, entre eles Elvira Souto. Aos poucos meses chega aos 40 militantes, entre eles Anselmo López Carreira, Alfredo Suárez Canal e Chus Pato. En 1976 celebrou a súa primeira asemblea e en 1977 a segunda. En xaneiro de 1978 organizouse o I Congreso ao que asistiron 1.000 delegados e elíxese unha dirección da que formaban parte Xulio Ríos ou Xosé Miranda. Cando se formou o BNG en 1982, ERGA integrouse nel.

ERGA tiña como órgano de expresión o boletín Lume que editou o seu primeiro número en febreiro de 1973.[1] ERGA constituíu a primeira organización de masas do nacionalismo tras a guerra civil, conseguiu unha ampla presenza na Universidade e nos institutos galegos e forneceu á UPG dirixentes e cadros.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Francisco Fernández Rei. A contribución ao proceso de normalización lingüística de partidos políticos, sindicatos, institucións e asociacións que desenvolven o seu labor na cidade da Coruña. I A reivindicación da lingua galega nas décadas de 1960 e 1970 en Lingua e cidade: I Xornadas sobre lingua e usos (PDF). Universidade da Coruña, 2005. páx. 149
  2. Manuel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Santiago, 2003, páx. 51

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • VVAA; ERGA, un lume que prendeu, Fundación Bautista Álvarez, 2011.