Máis Galiza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Máis Galiza (+Galiza)
Partido político de Galiza
Logo de +Galiza
Dirixentes e organización
LíderXoán Bascuas
MocidadesMocidade Nacionalista Galega
Filiación internacional
Historia
Fundación2011
Posicións políticas
Ideoloxíanacionalismo galego
socialdemocracia
progresismo
Outros datos
Na rede
"maisgaliza.org". Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2013. Consultado o 06 de xaneiro de 2019. 

Máis Galiza, antes chamada Máis BNG ou +BNG, foi unha forza política que naceu como unha corrente interna do Bloque Nacionalista Galego en 2009 e que nunha asemblea celebrada o 11 de marzo de 2012 decidiu saír do BNG e constituírse en partido político [1]e máis tarde integrouse en Compromiso por Galicia.

Orixe[editar | editar a fonte]

A corrente xorde na primavera de 2009[Cómpre referencia], e nela agrúpanse militantes do BNG, que logo do fin do Goberno bipartito do PSdeG e o BNG tras as eleccións ao Parlamento do 1 de marzo de 2009, pretenden acometer unha renovación profunda do discurso e da praxe política do BNG, así coma ampliar a base social do BNG[2]. Na Asemblea Xeral Extraordinaria do BNG realizada o 10 de maio en Santiago de Compostela, Máis Galiza presentou como candidato á portavocía nacional a Carlos Aymerich, deputado polo BNG no Parlamento de Galicia e ex-deputado no Congreso.

Posición no BNG[editar | editar a fonte]

No mes de xullo de 2009, Máis Galiza fai a súa presentación pública[3] e acorda profundar na renovación do BNG cun discurso, na súa opinión, actualizado á realidade da sociedade galega do século XXI a partir da experiencia adquirida polos nacionalistas no Goberno galego (2005-2009) e nos concellos. O 21 de novembro do 2009 constituíuse definitivamente coma corrente dentro do BNG[4].

Cun apoio de arredor dun 45% na Asemblea Nacional do BNG e con presenza significativa tanto no Consello Nacional[5] como na Executiva Nacional do BNG, así como nos consellos de moitas comarcas e localidades[Cómpre referencia], Máis Galiza pretende desenvolver un traballo político orientado a incrementar a presenza do Bloque Nacionalista Galego na sociedade galega e a definir unha mensaxe política ao seu entender máis atractiva que actualmente amosa o BNG, sustentada na concepción de Galiza coma unha nación e no carácter transformador do nacionalismo galego. Nunha asemblea extraordinaria celebrada o 11 de marzo de 2012 decidiu con 316 a favor, 133 en contra e 8 abstencións constituírse en partido político fóra do BNG e o nomeamento de Xoán Bascuas como secretario xeral o que supuxo a saída da organización ata entón principal dirixente Carlos Aymerich e do sector contrario á marcha do BNG.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Este colectivo defende que estas dúas ideas deberán traducirse na formulación de políticas destinadas a incrementaren o benestar e a calidade de vida das maiorías sociais de Galiza, a nivel social é entendido como un partido socialdemócrata de centro esquerda e acadaren a plena normalización da lingua e da cultura galega e a xeraren desenvolvemento autocentrado baseado no crecemento económico con políticas de redistribución, na conservación do medio ambiente e no progreso social.

Durante a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova, a rama xuvenil de Máis Galiza, Entre todos, Galiza Nova presentou coma referentes para Galicia "as democracias escandinavas". En palabras do seu candidato á portavocía, Ínhigo Ansotegui, "Somos antiimperialistas como bos nacionalistas, pero os nosos modelos son as democracias avanzadas". Fronte a esta proposta, a Asemblea escolleu finalmente[6] a presentada pola Unión da Mocidade Galega, que sinalaba os réximes políticos vixentes en Cuba, Venezuela, Bolivia e Ecuador coma modelos políticos a aplicar en Galiza.

Membros destacados[editar | editar a fonte]

Os representantes públicos máis coñecidos de Máis Galiza durante a etapa no BNG foron Anxo Quintana, Carlos Aymerich, Sandra González, Ana Luísa Bouza, María Méndez, Manuel Antelo, Santi Domínguez, Xoán Bascuas, e Gonzalo Constenla.

Mocidades[editar | editar a fonte]

Trala súa Asemblea Constituínte, a Mocidade Socialista Galega foi recoñecida, temporalmente, como o seu referente xuvenil ata a formación da súa propia organización, a Mocidade Nacionalista Galega que celebrou a súa asemblea fundacional o 13 de novembro de 2010 elixindo a Paulo Carlos López secretario xeral[7] .

O 10 de marzo de 2012 a Mocidade Nacionalista Galega decide abandonar Galiza Nova [8] para formar parte de Compromiso por Galicia .

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Máis Galiza constitúese en partido político fóra do BNG, Praza Pública, 11 de marzo de 2012". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2012. Consultado o 11 de marzo de 2012. 
  2. "Máis BNG: por un bloque “máis aberto, amplo e plural a través do papel fundamental da militancia”". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2010. Consultado o 04 de febreiro de 2010. 
  3. ""Máis BNG", formalizará como corrente fronte á UPG". Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2018. Consultado o 04 de febreiro de 2010. 
  4. ""Máis BNG" constituirase como corrente do Bloque o 21 de novembro". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2010. Consultado o 04 de febreiro de 2010. 
  5. "Máis BNG e o Encontro Irmandiño gañan á UPG nunha votación". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2009. Consultado o 04 de febreiro de 2010. 
  6. Las juventudes del Bloque ven a Venezuela y Cuba como "modelos de justicia social"
  7. +Galicia completa unha organización de seu, Galicia confidencial, 14-11-2010
  8. "A MNG abandona Galiza Nova e o BNG". Mocidade Nacionalista Galega. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2012.