O Partido Comunista da República Galega (PCRG) é unha organización política galega, de ideoloxía comunista marxista-leninista e independentista. Os seus obxectivos políticos son a construción do socialismo en Galicia, o comunismo a nivel internacional, a independencia de Galicia, a liberación da muller e o antiimperialismo.[1] De acordo co modelo organizativo do centralismo democrático, o seu órgano de dirección é un Comité Central.[2]
A organización foi fundada nun congreso constituínte durante o 18 e 19 de decembro de 2021, onde segundo a organización participaron máis de 100 persoas, pois aprobáronse a totalidade dos relatorios e a dirección proposta con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra.[3] O PCRG nace dunha escisión da FPG, sendo considerado unha continuación da súa organización de mocidade Xeira[4], aínda que incorpora militancia de diversas orixes como MpB, MGS, GC, APU, pequenos grupos locais e varios militantes de primeira hora do PCLN.[3][5][6][7]
No seu congreso constituínte (2021) propuñan unir todos os comunistas de Galiza nunha soa formación; traballar a prol dun sindicato único en Galicia; "reconstruír un movemento estudantil popular, democrático, republicano e asembleario" así como impulsar as relacións internacionais cos "estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo", como coas organizacións "obreiras, revolucionarias e insurxentes" de todo o mundo", rechazando as posturas tanto de Israel como da Ucraína.[8][3]
No plano comunicativo, o Partido leva publicando dende xullo de 2022 a segunda xeira da revista política Embate con periodicidade semestral e dende maio deste 2024, o xornal informativo Faísca con periodicidade mensual.
No plano formativo, comezaron a edición, tamén baixo o selo Embate, das “Publicacións de Educación Política” das que levan dous cadernos.[9]