Arturo Taracido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arturo Taracido Veira, nado na Coruña en 1887 e finado na mesma cidade en 1982, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou na Escola de Profesorado Mercantil, da que despois foi profesor auxiliar. Dedicouse ao comercio, foi xerente da compañía Laboratorios Orzán. Colaborou en A Nosa Terra cuns artigos en galego baixo o título "Cartas a meu afillado" e outras colaboracións de temas de actualidade. Amigo de Casares Quiroga, asistiu ao Pacto de Lestrobe. Foi concelleiro e primeiro tenente de alcalde da Coruña ao comezo do réxime republicano. Deputado provincial, foi vicepresidente da Deputación da Coruña. Tamén foi directivo e presidente do Casino Republicano e presidente da Asociación Regional de Padres de Familia para la defensa del Laicismo en la Enseñanza. Integrouse en 1934 en Izquierda Republicana. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi denunciado e detido. Pasou a guerra encarcerado. Despois foi condenado a doce anos polo Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo, así como a inhabilitación absoluta perpetua para calquera cargo público. A finais de 1941 ingresou na prisión madrileña de Conde Peñalver, pasando alí dous anos e tres meses. O consello de ministros conmutoulle a pena pola de seis anos e un día de confinamento. Estivo en Fuerteventura e despois en León e Lugo, finalizando a súa condena en outubro de 1946. Protexeu, dentro das súas limitacións, a varios republicanos, entre eles a Esther, a filla de Casares Quiroga, que estivo retida 19 anos na Coruña.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casado con Matilde Fraga, a súa filla Aurora Taracido Fraga casou con Gonzalo Adrio Barreiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]