Saltar ao contido

Erguer - Estudantes da Galiza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erguer. Estudantes da Galiza
Logo
TipoOrganización estudantil
IdeoloxíaNacionalismo galego Esquerda
Campo de traballoEstudantil
Data de fundación5 de maio de 2016
PaísGaliza
Na rede
http://erguer.gal/gl/
Facebook: erguergaliza Instagram: erguergaliza Youtube: UCcr33NXAArfvqIwW4C_AdXg Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Erguer. Estudantes da Galiza é unha organización estudantil galega destinada á defensa dos intereses do estudantado, cuxo obxectivo estratéxico é acadar un ensino galego, público, de calidade, democrático e non heteropatriarcal. É unha organización de carácter plural, situada no campo da esquerda nacionalista e independentista, nun movemento político que procura a constitución da República Galega independente, democrática e plenamente soberana.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundada o 5 de marzo de 2016 nunha Asemblea Nacional Constituínte[1] que tivo lugar no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela, baixo o lema "Libera e transforma Galiza desde as aulas". Erguer constitúese como resposta á necesidade dunha fronte estudantil forte que fixese fronte aos ataques que o ensino público estaba a sufrir baixo o goberno do Partido Popular.

No marco da Asemblea Nacional Constituínte Iria Figueroa foi elixida primeira Responsábel Nacional de Organización.

A recomposición da unidade estudantil nacionalista puxo fin a unha etapa (2011-2015) en que conviviran AGIR, a Liga Estudantil Galega e Comités. Foron precisamente estas tres organizacións as que, tras un período de acción unitaria, decidiron unir forzas nun único proxecto.

Período da Asemblea Nacional Constituínte[editar | editar a fonte]

Erguergreve2016faixa
Cabeceira da manifestación en Compostela

Tras a súa constitución, a primeira acción pública de Erguer foi a de convocar unha folga estudantil en toda Galiza para o 13 de abril dese mesmo ano.[2] A mobilización puxo no foco a LOMCE, o Decreto do 3+2 e os recortes no ensino. Convocáronse manifestacións en varias cidades do país, especialmente A Coruña, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.[3] Segundo a organización esta primeira folga obtivo un seguimento de 90% no ensino, mobilizando arredor de 8500 estudantes.

A organización obtivo 13 representantes nas eleccións ao Claustro da USC logo das eleccións que decorreron en maio de 2016, conseguindo así representación por primeira vez nos órganos dunha universidade galega. [4]

Erguer sostivo neste período unha actividade intensa contra a LOMCE. En outubro de 2016 levou a cabo un referendo en 30 centros de ensino medio do país. Nel consultábase a posición dos estudantes a respecto da aplicación da lei, obtendo unha participación de 5000 votos e 99% de votos contrarios á LOMCE.[5]

Pouco máis tarde, en novembro de 2016, convocou xunto con ANEGA e Acción Universitaria unha folga no ensino medio para o día 24 dese mesmo mes. A folga pretendía denunciar a aplicación da LOMCE e das reválidas. Alén da folga, a convocatoria viña acompañada de mobilizacións nas principais cidades do país.[6] A valoración da propia organización foi "moi positiva", obtendo un seguimento de 90% no ensino medio e mobilizando 4.000 estudantes.[7] Alén das diferentes mobilizacións e folgas convocadas, Erguer desenvolveu neste período numerosas actividades de tipo formativo en diferentes eidos, destacando a cuestión feminista, lingua e ciencia política.

Cabeceira da manifestación en Vigo

O ano 2017 principiou coa convocatoria de dúas folgas estudantís o 16 de febreiro e o 9 de marzo. Estas convocatorias posuían un programa triplo. Por unha banda, perseguían un pacto educativo adaptado ás necesidades do ensino galego, con participación activa dos estudantes. Por outra, esixían a non aplicación do Decreto do 3+2 e denunciaban os recortes no ensino público. Ambas as dúas foron valoradas de xeito moi positivo pola organización. Só a primeira, con todo, respondía a unha convocatoria propia, unha vez que a folga do 9 de marzo fora convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e nela participaron diversas organizacións.[8]

Este primeiro período caracterizouse por unha actividade mobilizadora intensa, con catro folgas no ensino en apenas un ano e as súas correspondentes mobilizacións nas rúas.

Período da I Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

I Asemblea Nacional de Erguer

Erguer celebrou a súa I Asemblea Nacional o 8 de abril de 2017 poñendo así fin ao período da Asemblea Nacional Constituínte. A I Asemblea Nacional reafirmou o compromiso da organización na loita contra a LOMCE e colocaba como obxectivo a elaboración dunha Lei Educativa Galega. A organización tamén renovou o seu Consello Nacional.

A primeira grande acción do novo período foi a convocatoria dunha folga o 16 de novembro de 2017 so o lema "Nin LOMCE nin pacto entre elites. Por unha Lei Galega de Educación". A axitación previa veu acompañada da celebración dun novo referendo en 70 centros do país coa pregunta "Consideras que precisamos unha alternativa á LOMCE, ao Plan Boloña e ao 3+2 en forma de Lei Galega de Educación?". Cunha participación de 8000 estudantes o referendo obtivo 94% de votos afirmativos.[9]

Período da II Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

Cartaz da folga do 19 de abril de 2018

Erguer celebrou en Pontevedra a súa II Asemblea Nacional o 14 de abril de 2018 so o lema "Organizadas para vencer". A asemblea decorre nun contexto de tensións internas entre as diferentes organizacións que integraban Erguer. Após Iria Figueroa (responsábel nacional de organización) abandonar a UMG, a organización perde a dirección de Erguer. A nova correlación interna de forzas no seo da organización confírmase coa vitoria do sector de Xeira na constitución do Consello Nacional entrante.[10]

A organización iniciou o novo período coa participación na folga estudantil do 19 de abril. Esta folga foi convocada pola iniciativa da Asemblea Aberta de Mulleres da USC[11], que artellou a plataforma Movemento Estudantil Galego[12] e onde Anega (vencellada a Xeira) contaba cun forte peso. A xornada de folga viu un descenso na participación a respecto de convocatorias anteriores[13]

As tensións internas maniféstanse novamente no final do ano académico 2017/2018, coa baixa de varios membros do Consello Nacional[14].

Período da III Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

O 13 de abril de 2019 Erguer realiza a súa III Asemblea Nacional en Santiago de Compostela so o lema "Organicémonos: é o momento".[15] Neste novo período certifícase unha mudanza de ciclo e o esgotamento do paradigma mobilizador contra a LOMCE.

Á ausencia de grandes mobilizacións neste período súmase unha crise interna no seo da organización. Como consecuencia parte da militancia (incluíndo Briga, que dá por superado o proxecto) abandona Erguer en abril de 2020[16]. A estes dous factores súmase a pandemia de Covid-19, que supón un freo evidente a calquera tentativa mobilizadora. A organización fica baixo mínimos durante o resto do período interasemblear.

A mala situación, con todo, non impide que Erguer concorra ás eleccións ao Claustro da USC e da UV, obtendo en ambos os órganos unha representación notábel. Durante o ano 2020-2021 Erguer tivo como prioridade a recuperación da presenza da organización ao longo do país, reactivando zonas que ficaran desactivadas (Pontevedra e Vigo) e organizando grupos de traballo noutras.

Período da IV Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

O 5 de novembro de 2022 Erguer celebra a súa IV Asemblea Nacional en Pontevedra so o lema "O ensino é a base da sociedade do futuro". A organización chega á IV Asemblea co obxectivo de relanzar a organización, reactivando o estudantado nacionalista e buscando unha maior incidencia política na súa actividade após o decrecemento cuantitativo e cualitativo do período anterior.[17] Artai Gavilanes é elixido responsábel nacional de organización para o período entrante.

Reactivación da mobilización: folga do 25 de abril de 2023[editar | editar a fonte]

Cabeceira da manifestación convocada para o 25A, en Compostela

Na súa IV Asemble a organización marca como prioridade a recuperación da mobilización estudantil. Páutase como obxectivo a convocatoria dunha folga estudantil que decorre finalmente o 25 de abril de 2023. A folga do 25 de abril supuña a primeira convocatoria propia en máis de cinco anos, desde novembro de 2018. [18]

Segundo a organización a convocatoria obtivo un 95% de seguimento entre os estudantes, mobilizando centos de estudantes para as manifestacións e concentracións que tiveron lugar nas principais cidades do país.[19]

A xornada de folga tiña como obxectivo denunciar a progresiva deterioración do ensino e a aprobación da LOSU, que segundo a organización supón un paso adiante na privatización do ensino. [20]

A folga do 25 de abril supuxo un paso adiante na reactivación da organización, sumando militantes e recuperando a súa presenza social entre o estudantado galego.

Campaña polos prezos das cafetarías na USC[editar | editar a fonte]

Estraza de Erguer na facultade de Filoloxía

No inicio do curso 2023/2024 os prezos das cafetarías universitarias da USC aumentaron, producíndose esta suba de maneira irregular en varias cafetarías da Universidade. Como resposta, Erguer organizou unha activa campaña de axitación que visaba denunciar o aumento dos prezos e reclamar un modelo de prezos populares e xestión pública do servizo.

A organización convocou un paro de consumo de dous días na cafetaría da Facultade de Filoloxía, unha das primeiras afectadas pola suba, que contou cun seguimento case total.[21] O día 23 de novembro a organización convocou unha concentración diante da Xerencia da USC, cunha participación dun centenar de estudantes.[22]

Finalmente, a organización consegue negociar coa USC unha redución nos prezos, conseguindo o estabelecemento dunha tarifa tripla de prezos (para estudantes, membros da USC e alleos) que reduciu o prezo do menú de 7,5€ a 6,5€. [23]

Período da V Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

Após esgotar o período interasemblear de dous anos, a organización celebrará a súa V Asemblea Nacional no final de 2024.

Composición[editar | editar a fonte]

O estudantado incorporado ao proceso a través das asembleas abertas celebradas en 2016 pasou a constituír Erguer xunto a membros das organizacións estudantís nacionalistas AGIR, Comités e a Liga Estudantil Galega, que se disolveron e integraron na nova organización.[24]

Actualmente non restan militantes destas organizacións, unha vez que todos eles esgotaron a súa etapa estudantil. Hoxe, parte da militancia de Erguer fai tamén parte de Galiza Nova, pero o número de integrantes independentes segue a ser maioritario.

Principios ideolóxicos[editar | editar a fonte]

No cadro da IV Asemblea Nacional decorrida en 2022 a organización aproba unha serie de principios reitores que guían a súa actividade política.[25]

Defensa dun ensino galego[editar | editar a fonte]

Erguer recoñeceu a situación colonial da Galiza e reivindicou a soberanía plena do país para así poder construír un sistema educativo público, popular e galego. Entende que o ensino na Galiza serve hoxe aos intereses homoxeneizadores do Estado Español e reclama un novo modelo de ensino non colonal. No concreto, reivindicou o protagonismo do galego no sistema educativo, o estudo da historia galega e a adecuación do modelo educativo ao rural.

Defensa dun ensino popular[editar | editar a fonte]

Erguer entende que a desigualdade propia do sistema capitalista tamén se manifesta no sistema educativo. Defende un ensino que non se rexa polos intereses do mercado e ao servizo das clases populares. No concreto, pulaba polo fortalecemento do sistema de bolsas, a gratuidade dos materiais de estudo, a eliminación das taxas universitarias, o control dos prezos da vivenda nas cidades universitarias e a abolición dos centros privados e concertados en todos os niveis educativos, entre outras medidas.

Defensa dun ensino feminista[editar | editar a fonte]

Erguer reivindicaba o papel dos centros educativos na loita contra o patriarcado e entende que, na situación actual, serven para perpetuar o mantemento da opresión de xénero. Defende un ensino que eduque en valores feministas, poñendo en valor referentes femininos, incluíndo a educación sexual e afectiva nos programas e deconstruíndo os discursos misóxinos que reciban os estudantes.

Defensa dun ensino inclusivo[editar | editar a fonte]

Erguer entende que a educación ten que servir como ferramenta transformadora e inclusiva e defende varias medidas concretas neste eido. Así, Erguer pula pola inclusión activa e real de todo estudante independentemente dos seus contextos culturais, familiares ou económicos; defende un maior investimento económico, material e de recursos para a integración dentro dos centros educativos e aposta pola redución das proporcións de alumnos-profesor.

Defensa dun ensino científico[editar | editar a fonte]

Erguer defende a importancia da pedagoxía para rachar coa ideoloxía dominante. Pon en valor a doutrina científica para coñecer e interpretar a realidade.

A organización defende a dignificación da carreira investigadora, o incremento da pescuda co apoio da Universidade Pública e que o esforzo de pescuda estea ao servizo do progreso social e a construción dunha sociedade máis xusta.

Defensa dun ensino democrático[editar | editar a fonte]

Erguer defende un sistema educativo cuxo principio organizador sexa a democracia. Defende, por tanto, a democratización dos órganos de goberno en todos os niveis do ensino. Canto á universidade, defende unha maior representatividade dos estudantes nas xuntas de facultade e nos claustros universitarios. No ensino medio, defende recuperar as funcións que os claustros perderon coa LOMCE.

A organización tamén defende unha práctica lexislativa que inclúa as organizacións estudantís, sindicatos de clase e asociacións de nais e pais. Defende tamén un marco lexislativo galego e traballa por unha Lei Galega de Educación.

Defensa dun ensino mobilizado[editar | editar a fonte]

Erguer aposta por un ensino que cree conciencia crítica nos estudantes. Para iso, considera que se debe reverter o individualismo espallado entre o estudantado, fomentar a educación crítica dentro e fóra do sistema educativo e aumentar a acción na rúa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodil, Olalla (4 de marzo de 2016). "O movemento estudantil nacionalista únese". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2016. 
  2. ""A derogación da LOMCE non debe ser negociable"". elcorreogallego.es (en castelán). 17-3-2016. Arquivado dende o orixinal o 16-10-2019. Consultado o 16-10-2019. 
  3. "Voandeira Dereito ante a Folga" (PDF). Dropbox. Consultado o 27/06/2024. 
  4. "Comunicado sobre o resultado das eleccións a claustro da USC". erguer.gal. 
  5. "O 99% do estudantado di non á LOMCE". erguer.gal. Consultado o 27/06/2024. 
  6. "Convocatoria da folga do 24N". erguer.gal. Consultado o 27/06/2024. 
  7. "Valoración da folga do 24N". erguer.gal. 
  8. "A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de marzo". plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com. Consultado o 27/06/2024. 
  9. "94% de votos a favor dunha lei galega de educación". erguer.gal. 
  10. "As disputas entre o BNG e En Marea polo dominio do espazo político tensionan o movemento estudantil". galiciaconfidencial.com. 
  11. "Tweet da Asemblea de Mulleres". x.com. 
  12. "Tweet da Asemblea de Mulleres". x.com. 
  13. "Breve análise da greve do 19 de abril". galizalivre.com. 
  14. "Sobre as baixas producidas no Consello Nacional". erguer.gal. 
  15. "Erguer celebrou a súa III Asemblea Nacional". erguer.gal. 
  16. "Máis de 70 estudantes abandonan publicamente Erguer". galizalivre.com. 
  17. Erguer, ed. (2022). Tese Organizativa da IV Asemblea Nacional de Erguer. 
  18. Erguer (ed.). Tese Política da IV Asemblea Nacional de Erguer. 
  19. "Así decorreu a xornada de folga estudantil convocada por Erguer". nosdiario.gal. Consultado o 01-07-2024. 
  20. "Así decorreu a xornada de folga estudantil convocada por Erguer". nosdiario.gal. 
  21. "Erguer convoca unha folga ante a "abusiva" suba de prezos nas cafeterías e comedores públicos da USC". elcorreogallego.es. 
  22. "¿Qué está pasando con los precios en las cafeterías de la Universidad de Santiago de Compostela?". elespanol.com. 
  23. "Un acordo entre USC e Erguer reduce os prezos dos menús universitarios". nosdiario.gal. 
  24. Obelleiro M., Ares, D. (6 de marzo de 2016). "Nace Erguer, a organización que une o estudantado nacionalista". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2016. 
  25. "Documentación actualizada". erguer.gal. Consultado o 27/06/2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]