Saltar ao contido

Alfredo Somoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAlfredo Somoza
Biografía
Nacemento8 de abril de 1892 Editar o valor en Wikidata
A Coruña Editar o valor en Wikidata
Morte29 de setembro de 1951 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Montevideo Editar o valor en Wikidata
Deputado nas Cortes republicanas

3 de marzo de 1936 – 2 de febreiro de 1939

Circunscrición electoral: A Coruña
Presidente da Deputación da Coruña
6 de maio de 1931 – 15 de xullo de 1932
← Ángel Aperribay – Manuel Ínsua Sánchez → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, comerciante Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Participou no conflitoguerra civil española Editar o valor en Wikidata

BUSC: 981013403961507712 Nomes e Voces: 5609 Arquivo Histórico de Deputados: 110870

Alfredo Somoza Gutiérrez, nado na Coruña o 8 de abril de 1892 e finado en Montevideo o 29 de setembro de 1951, foi un político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu na rúa de Atocha, súa nai era Manuela Gutiérrez, natural da Coruña, e seu pai Manuel Somoza, nado en Rianxo e curmán de Castelao, capataz dunha fábrica de zapatos, ideoloxicamente mantiña posturas liberais e republicanas, destacou como un dos fundadores do Casino Republicano da Coruña.

Irmandades da Fala

[editar | editar a fonte]

Alfredo estudou contabilidade[1], traballou de viaxante na fábrica de calzados onde traballaba seu pai, chegando a ser o seu xerente ata 1934. Ligado á masonería, pertencía á loxa Suevia, tamén foi un destacado membro das Irmandades da Fala da Coruña, liderándoa xunto con Ánxel Casal[2] durante os anos de rivalidade coas teses de Vicente Risco, mantendo na rúa o voceiro A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. Somoza, amigo persoal de Santiago Casares Quiroga foi un dos membros fundadores da ORGA e da Federación Republicana Gallega, salientando dentro do sector máis galeguista.

República

[editar | editar a fonte]

Saíu elixido concelleiro da Coruña nas eleccións municipais de abril de 1931, logo da proclamación da república en España o grupo galeguista da sección coruñesa da ORGA, entre os que estaba o propio Somoza, fixo un chamado público para a convocatoria dunha asemblea de concellos que que redactase un estatuto de autonomía para Galicia dentro da República Federal Española[3]. O 6 de maio de 1931[4] a deputación da Coruña elixiu a Somoza como o seu novo presidente, a súa xestión foi fundamentalmente administrativa[5], centrándose na mellora das comunicacións no rural, a recuperación e rehabilitación das propiedades da deputación e dotar con máis medios ao Hospital Provincial.

Logo de realizar unha declaración pública de autonomismo, Somoza desgustado polas súas discrepancias no tema con Casares Quiroga deixou o seu posto de presidente da Deputación o 15 de xullo de 1932, mantendo a acta de deputado provincial, e con esa condición acudiu á xuntanza de concellos no que se aprobou un proxecto de estatuto de autonomía.

Nas eleccións de 1936 saíu elixido deputado nas Cortes nas listas da Fronte Popular representando a Izquierda Republicana, forza na que se integrara a ORGA. Somoza formou parte da comisión de deputados que levou o Estatuto a Madrid tras a súa aprobación en referendo o 28 de xuño, volveu a Galicia uns días antes do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra a República.

Anos de agocho e exilio

[editar | editar a fonte]

Tras a deposición dos xenerais leais na Coruña ao goberno constitucional o día 20 de xullo, Somoza tivo que permanecer agochado nas casas de amigos durante anos. O 24 de outubro de 1947 fuxiu nun barco británico que ía a Brest[6]. Estableceuse en París e logo das xestións de Castelao marchou cara a Montevideo, onde chegou o 13 de maio de 1948,[7] pouco despois chegaban a súa muller e filla desde Galicia. Somoza integrouse no Consello de Galiza e a el débese[8] a iniciativa de realizar un programa de radio en galego, Sempre en Galicia, que comezou a emitir o 3 de setembro de 1950 por Radio Carve de Montevideo[9].

  1. ↑ Marc Baldó (ed.) L'exili cultural de 1939: seixanta anys després : actas del I Congreso Internacional. Universitat de València, 2001, páxina 305)
  2. ↑ Justo G. Beramendi O nacionalismo galego. Edicións A Nosa Terra, 2ª ed., 1996, páxina 347
  3. ↑ Carlos Sixirei. Alfredo Somoza. Encadramento histórico dunha figura esquecida do galeguismo. Ediciós do Castro, 1988, páxina 42
  4. ↑ Carlos Sixireri. Ob. cit., páxina 44
  5. ↑ Carlos Sixirei Ob. cit., páxina 51
  6. ↑ Carlos Sixirei Ob. cit., páxina 73
  7. ↑ Opinión Gallega, 22-5-1948, p. 1.
  8. ↑ Beatriz Graña Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista. Universidade de Santiago de Compostela, 2003, páxina 145
  9. ↑ Blanco Campana, Xosé Luís (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 332–336. ISBN 84-89947-73-2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Ángel Aperribay
 
Presidente da deputación da Coruña
 
1931 - 1932
Sucesor:
Manuel Ínsua Sánchez