Liga Estudantil Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Liga Estudantil Galega
Logo Liga.png
Fundación 2011 - 2016
Ideoloxía Nacionalismo galego
Feminismo
Socialismo
Independentismo galego
http://ligaestudantilgalega.info

A Liga Estudantil Galega (2011-2016) foi unha organización estudantil que defendeu un ensino público, galego, democrático, de calidade e antipatriarcal. Definiuse coma unha organización aberta, que se rexía pola democracia interna e o asemblearismo, con independencia de calquera outra organización estudantil ou política. Na Liga participaban estudantes galegas de ensino medio, formación profesional ou Universidade.

Nacemento[editar | editar a fonte]

A Liga naceu o sábado 26 de marzo de 2011 na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela[1], onde tivo lugar a Asemblea Nacional Constituínte[2] baixo o lema “Estudando, loitando, construíndo”, culminando un proceso de máis dun mes de intenso debate, diálogo e construción no que se definiu a liña político-organizativa na que se enmarcarán as súas actuacións.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

A Liga Estudantil Galega asume un posicionamento ideolóxico e renega das organizacións que se declaran apolíticas ou sen ideoloxía. A súa acción vai encamiñada á transformación do modelo actual de ensino, pero tamén ao conxunto da sociedade. Encádranse na esquerda transformadora, xa que entenden que son as maiorías sociais como suxeito político activo quen deben levar a cabo o proceso de emancipación social asumindo o socialismo como alternativa política estratéxica. Asumen tamén o nacionalismo soberanista, xa que entenden que, en boa medida, as eivas estruturais no ensino e no conxunto da sociedade veñen derivadas da falta de soberanía que corresponde como Pobo reivindicando e defendendo o dereito de autodeterminación do pobo galego no horizonte da construción dunha República Galega.

As súas reivindicacións[3], entre outras, son:

  • Defensa activa do galego: cumprimento dos Plans de Normalización Lingüística. O Ensino galego debe empregar a lingua galega en tódolos ámbitos.
  • Universidade Única: É necesario un cambio estrutural no sistema universitario galego, por iso ven necesaria a creación dunha universidade galega única pensada en clave de País, ao servizo das clases traballadoras de Galiza.
  • Democratización do modelo de ensino: Amósanse en contra do actual modelo estamental que rexe as institucións do ensino, onde o estudantado é un mero espectador sen capacidade de decisión real sobre os temas que lle afectan. Polo tanto, é necesario camiñar cara unha paridade real na toma de decisións. É o estudantado quen decide sobre o seu ensino.
  • Modelo de avaliación: apostan firmemente por un modelo de ensino non memorístico e que se basee exclusivamente na avaliación a través de exames. Se se aspira a un verdadeiro ensino científico e de calidade, é necesario que se apliquen novos xeitos de avaliación encamiñados á reflexión e ao debate, e non a simples clases maxistrais cun estudantado como suxeito pasivo.
  • Igualdade real de xénero: Nas aulas perpetúanse os roles do patriarcado, na segregación sexual das carreiras (técnicas/humanidades), no esquecemento intencionado nos planos de estudo das achegas das mulleres nas distintas disciplinas académicas etc. Fronte a igualdade formal, defenden unha igualdade real.
  • Incremento do Financiamento: É preocupante como se reducen partidas orzamentarias para o ensino á vez que se manteñen axudas aos colexios privados. A situación da Universidade é dramática, cun 20% menos de financiamento dende que o PP volveu á Xunta.
  • Incremento do aloxamento universitario: En Galiza amósase un grave problema neste eido. É necesario incrementar a cantidade de prazas públicas nas residencias e regular a situación dos pisos de alugueiro para garantir a súa calidade e controlar os prezos, que en moitas ocasións son prohibitivos para o estudantado.

Actividades e campañas[editar | editar a fonte]

A Liga realiza actividades[4] moi diversas, dende charlas[5] de formación e información, a actos culturais, pasando por actividades lúdicas[6]. O seu traballo vai encamiñado a modificar o actual sistema de ensino, un sistema que só ten o estudantado como suxeito pasivo, unha fábrica de títulos sen a xeración de ningún outro valor. Por isto, tanto o traballo institucional como na rúa ten como fin a consecución dun modelo de ensino válido para Galiza, que solucione os problemas reais do estudantado (postos de traballo no futuro, bolsas, aloxamento, transporte…), á vez que supoña un piar esencial para o desenvolvemento do País.

Disolución[editar | editar a fonte]

En setembro do 2015, a Liga Estudantil Galega, xunto coas organizacións estudantís con máis forza en Galiza, Agir e os Comités Abertos, inicia un proceso para acadar a unidade orgánica do estudantado nacionalista e independentista. Este proceso, baixo o nome "Asembleas de Base. Organizando o estudantado galego", pretendía amosar a vontade das 3 organizacións en construír unha organización unitaria, e desenvolvéronse asembleas abertas ao longo do país co fin de sumar xente a este proxecto. En febreiro de 2016, finalizado o proceso das Asembleas de Base, lánzase unha proceso constituínte que, o 5 de marzo, se materializa baixo o nome "Erguer. Estudantes da Galiza". O 10 de marzo a Liga anuncia a súa disolución mostrando o seu incondicional apoio á nova organización estudantil, poñendo fin a 5 anos de loita nas rúas e nas aulas.

Disolución e Integración en Erguer[editar | editar a fonte]

O 10 de marzo de 2016, a Liga comunicaba a través da súa páxina de Facebook a decisión de disolución da organización e a integración na nova organización constituída polos tres sindicatos maioritarios en Galiza, mediante este comunicado:

5 Anos de Liga Estudantil Galega

A Liga Estudantil Galega anunciamos a nosa disolución após un proceso de unidade orgánica queque culminou coa constitución da nova organizacion do estudantado galego: Erguer. Estudantes da Galiza.

Baixo o lema "Estudando. Loitando. Construíndo.", o 26 de marzo do 2011 un grupo de rapazas botaban a andar un novo proxecto co que se dispuñan a loitar por un ensino público, galego, antipatriarcal e de calidade. Continuadora do traballo iniciado por ERGA e os CAF, a Liga Estudantil Galega desenvolveu un traballo pola recuperación do movemento estudantil galego, chegando a todas as cidades do país, vilas en mantendo presenza tanto nas facultades coma nos centros de ensino medio. Durante 5 anos, moitas persoas se sumaron ao proxecto que tiña como obxectivo aglutinar a todo o estudantado nacionalista e combatente.

Tempo despois da constitución da organización, foise camiñando xunto cos Comités Abertos e Agir cara unha unidade de acción e, en setembro de 2015, avanzouse neste obxectivo lanzando proceso co que se pretendía acadar a unidade orgánica: Asembleas de Base. Organizando o estudantado galego. En febreiro de 2016 anúnciase o inicio do proceso constituínte queque culminou coa Asemblea Nacional Constituínte de Erguer, Estudantes da Galiza

É por isto polo que anunciamos a nosa disolución e facemos un chamamento a todo o estudantado galego participar na nova organización. Pretendemos continuar a fortalecer o movemento estudantil galego nacionalista e a loitar por un ensino galego, público, antipatriarcal e de calidade. 5 anos despois, podemos afirmar que o traballo iniciado pola Liga seguirá latente nas integrantes que formaremos parte de Erguer, estudantes da Galiza.

Coa Liga, na rúa, a loita continúa!

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]