Unión da Mocidade Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión da Mocidade Galega
Organización xuvenil de Galiza
LOGO UMG.png
Dirixentes e organización
Líder Adrián Bravo
Historia
Fundación 1977
Posicións políticas
Ideoloxía Nacionalismo galego
Comunismo
Independentismo galego
Feminismo
Ecoloxismo
Outros datos
Sede Santiago de Compostela
Publicación Guieiro
Páxina web [1]

A Unión da Mocidade Galega (UMG) é a organización xuvenil da Unión do Povo Galego. Foi creada en 1977. Supoñe a principal corrente interna de Galiza Nova, mocidades do BNG.

Historia[editar | editar a fonte]

O documento As mocedades do partido, de febreiro de 1977, recolle a decisión de crear a UMG ante o aumento no número de simpatizantes, afiliados e militantes da UPG no ensino medio e entre a mocidade traballadora. Isto levou ao partido concibir a creación dunha organización da mocidade que, ademais de servir para levar ao sector “unha liña política comunista e patriótica”, puidese abordar a problemática especificamente xuvenil. A creación da UMG foi ratificada no 1º Congreso da UPG en agosto de 1977, días despois de se constituír formalmente.

Na primavera de 1977 levouse a cabo un traballo de captación de militantes, organización de células e discusión teórica e programática. O Congreso constituínte celebrouse os días 14 e 15 de agosto de 1977, baixo o lema “Por unha Galicia ceibe e socialista”. Nel aprobáronse os Estatutos da organización e un programa no que se analiza a situación específica da mocidade galega, o papel da UMG nese contexto e as alternativas que defende, incluíndo unha táboa de “reivindicacións mínimas”. A definición ideolóxica e os obxectivos políticos establécense simultaneamente no capítulo 1º dos Estatutos e no apartado do Programa titulado “Qué é a UMG?”, e veñen determinados pola vinculación coa UPG: “A UMG (Unión da Mocidade Galega) é a organización comunista e patriótica da mocedade galega e é, xa que logo, a organización xuvenil da UPG” (art.1). Así, do mesmo xeito que o fai a UPG, a UMG declárase ao mesmo tempo comunista e nacionalista, xa que entende que a instauración do socialismo na Galiza pasa necesariamente pola previa liberación nacional do país.

Dende o ano 1988 coa creación de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG), renuncia á actividade pública ao igual que fixo a UPG dentro do BNG dedicándose os seus cadros á actividade dentro de dita organización.

Organización[editar | editar a fonte]

Os primeiros estatutos da UMG, que marcan como principio organizativo o centralismo democrático, conforman unha organización piramidal, dividida en zonas e localidades e que define como núcleo fundamental de base a célula (denominada Asemblea de Zona desde 1990). Como órganos de dirección intermedios establécense os Comités Locais e os Comités de Zona, mentres que a dirección nacional a conforman o Comité Nacional (órgano supremo da UMG entre dous Congresos e elixido polo Congreso Nacional) e o Secretariado, máis reducido e elixido polo Comité Nacional. O órgano máximo de dirección é o Congreso Nacional e fíxase aínda outro organismo, a Conferencia, constituída polos membros das direccións central, de zona e local. Á fronte da UMG sitúase o Secretario ou Secretaria Xeral, con funcións executivas, e o Presidente/a, que será a mesma do Partido.