Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas
Sindicato Labrego Galego (SLG) | |
---|---|
Sindicato de Galiza | |
![]() | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Isabel Vilalba Seivane |
Filiación internacional | Vía Campesina |
Historia | |
Fundación | 1971 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Nacionalismo galego Esquerda Agrarismo Ecoloxismo |
Outros datos | |
Publicación | Fouce |
Páxina web | http://www.sindicatolabrego.com |
O Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas (SLG - CC.LL) é un sindicato nacionalista galego de agricultores/as e gandeiros/as. A súa sede central está en Santiago de Compostela e, tras a dimisión de Carme Freire na Dirección Nacional do 14 de xuño de 2012, a súa secretaria xeral é Isabel Vilalba Seivane.
Ideoloxía[editar | editar a fonte]
O SLG é un sindicato de ideoloxía nacionalista galega de esquerda. Entre os seus principios están o cooperativismo, axuda mutua, a soberanía alimentaria, feminismo, altermundismo, ecoloxismo e a autoxestión.
Historia[editar | editar a fonte]
Era clandestina (1971-1977)[editar | editar a fonte]
A súa orixe está nos Comités de Axuda á Loita Labrega creados en 1971 por iniciativa da Unión do Povo Galego[1] (UPG) que deron orixe ás Comisións Labregas[a], que a partir de 1973 cobrará protagonismo na loita contra os encoros. Esta organización formaba parte da estrutura frontista da UPG, na mesma liña ca o Sindicato Obreiro Galego (SOG) ou ADEGA. No inverno de 1973 aparece o xornal da organización, Fouce. Durante estes anos CCLL participa nas loitas pola recuperación dos montes en mancomún, contra as cotas abusivas da seguridade social e contra a construción de encoros nos ríos galegos. En 1975 un sector do sindicato, próximo ao Partido Socialista Galego (PSG), escíndese e crea o Sindicato Agrario Galego[2].
En 1976 CCLL crea a Asociación Agraria Galega como brazo legal, grazas a unha nova lei de asociacións máis permisiva. A pesar disto, a primeira Asemblea Xeral foi prohibida polas autoridades. O mesmo ano un grupo disidente, oposto ás políticas da UPG, abandona CCLL e forma Comisiós Labregas-Terra. Ese mesmo ano, CCLL cambia o seu nome a Comisiós Labregas-Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL).
Legalización e crecemento (1977–1986)[editar | editar a fonte]
En primavera de 1977 por fin foi legalizado o sindicato. Este mesmo ano a organización participou nalgunhas mobilizacións sociais claves da transición en Galiza, en concreto o conflito das As Encrobas, entre os veciños de dita parroquia e FENOSA, que quería expropiar as terras dos veciños para extraer lignito[3]. O problema pasou de ser un conflito local a unha "cause celébre" en toda Galiza debido ás mobilizacións do SLG e do nacionalismo galego en xeral[4]. Os labregos locais estaban dirixidos por Moncho Valcarce, o cura da parroquia e militante da UPG[5]. Esta loita rematou coa derrota dos labregos e a vitoria de FENOSA, que poido comezar a extracción do lignito en 1978. Outro evento de grande importancia en 1977 foi a loita contra o proxecto de facer unha central nuclear en Xove. Tanto o SLG coma a organización ecoloxista ADEGA tiveron un papel clave nas mobilizacións sociais contra a central. O 10 de abril de 1977, 8.000 persoas marcharon entre Viveiro e Xove contra dito proxecto[6]. Esta loita continuou até 1979, cando os plans para a construción da central foron finalmente cancelados. A mobilización social foi clave, destacando unha manifestación de 20.000 persoas en 1978.

Ese mesmo ano foron as primeiras eleccións ás cámaras agrarias nas que o SLG puido participar de maneira legal, obtendo 545 representantes. Tamén en 1978 o sindicato lanzou unha campaña contra a "cota empresarial", unha cantidade de diñeiro que os agricultores galegos tiñan que pagar á seguridade social, considerada abusiva polo sindicato[7]. Os principais métodos de protesta contra dita cota foron o boicot e a desobediencia civil, que continuaron até que o foi abolida en 1994.
Desde 1986: Loita contra a PAC e aumento da independencia da organización (1986-2020)[editar | editar a fonte]
O SLG posicionouse, como a maioría do nacionalismo galego, contra a entrada de Galiza no Mercado Común en 1986. Esta entrada supuxo a aplicación da Política agrícola común da UE e o desmantelamento de boa parte dos sectores produtivos agrícolas galegos. A loita contra as cotas lácteas e os novos impostos foron o novo foco de atención do SLG.
En 1989 o sindicato volveu cambiar o seu nome, desta vez a Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Ese mesmo ano a histórica activista Lidia Senra foi escollida secretaria xeral, cargo que ocupou até 2007. Durante esa época a organización foi gañando autonomía, desvinculándose da UPG e do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Durante os 90 o SLG uniuse a Via Campesina e acercouse ao movemento altermundista, adoptando novas políticas coma a defensa da soberanía alimentaria. No actual século o SLG participou en mobilizacións contra os proxectos macro-mineiros, coma o de Corcoesto[8][9].
En 2009 sufriu unha escisión coa creación da Federación Rural Galega, liderada por Xurxo Álvarez[10], entidade máis vinculada a UPG[11].
Secretarias xerais[editar | editar a fonte]
O primeiro secretario xeral foi Bernardo Fernández Requeixo. A este seguírono Emilio López Pérez, Lidia Senra Rodríguez (1989-2007), Carme Freire Cruces (2007-2012) e Isabel Vilalba Seivane, actual secretaria desde o 14 de xuño de 2012.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ O nome máis utilizado era Comisiós Labregas, en galego central.
- Referencias
- ↑ "Lidia Senra, o rural galego e os novos camiños", artigo de Xoán Carlos Carreira. Vieiros, 27 de novembro de 2007.
- ↑ Geada, A. D., & Casteleiro, A. T. (2014). Sindicalismo nacionalista en el rural gallego del tardofranquismo y la transición (1973-1978): discurso y práctica para la democracia desde el campo. Historia, trabajo y sociedad, (5), 101-117.
- ↑ "Vieiros: Galiza Hoxe - Bocixa: "O conflito das Encrobas ou foi mitificado ou esquecido"". www.vieiros.com. Consultado o 2020-05-01.
- ↑ "Video íntegro | As Encrobas - A ceo aberto | AVG | AudioVisual Galego". culturagalega.gal. Consultado o 2020-05-01.
- ↑ Herrero Pérez, Nieves (2008). El conflicto de As Encrobas (1976-1979). La prensa gallega y la representación de la identidad campesina. Universidad de Sevilla. OCLC 1134837497.
- ↑ "Avantar - CIG: Confederación Intersindical Galega". www.cig.gal. Consultado o 2020-05-01.
- ↑ Geada, A. D., & Casteleiro, A. T. (2014). Sindicalismo nacionalista en el rural gallego del tardofranquismo y la transición (1973-1978): discurso y práctica para la democracia desde el campo. Historia, trabajo y sociedad, (5), 101-117.
- ↑ "Una manifestación multitudinaria dice no a la mina de Corcoesto". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-04-14. Consultado o 2020-05-01.
- ↑ Fouce 298 - Setembro/outubro 2013
- ↑ "Vieiros: Galiza Hoxe - Constitúese a Federación Rural Galega baixo a presidencia de Xurxo Álvarez". www.vieiros.com. Consultado o 2020-05-01.
- ↑ Gallego, Grupo El Correo. "Nace a Federación Rural Galega como alternativa ó SLG". www.galiciahoxe.com. Consultado o 2020-05-01.