Melide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Melide
Escudo de Melide
Casa do Concello
Situación
Xentilicio[1]melidense, melidao
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca da Terra de Melide
Poboación7.553 hab. (2023)[2][3]
Área101,3 km²[3]
Densidade74,56 hab./km²
Entidades de poboación26 parroquias[4]
Política (2023 [5])
AlcaldeJosé Manuel Pérez Penas (Adiante Melide[6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 1
Outros: Adiante Melide 5
Eleccións municipais en Melide
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes72,12%
Na rede
www.concellodemelide.gal
editar datos en Wikidata ]

Melide é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Melide. Segundo o IGE no ano 2023 tiña 7.563 habitantes, dos cales 3.705 eran homes e 3.858 mulleres. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é melidense, melidao e melidá.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 7.563 (2023)
Menores de 19 anos 1.202 (15,89 %)
Entre 20 e 64 anos 4.353 (57,56 %)
Maiores de 65 anos 2.008 (26,55 %)
Gráfica de evolución demográfica de Melide entre 1842 e 2023

Xeografía[editar | editar a fonte]

Melide atópase a 454 m de altitude sobre o nivel do mar, na caída dos montes da Serra do Bocelo, que acada a súa máxima altura no Coto do Pilar (803 m, o punto máis alto da provincia da Coruña), asentándose sobre unha chaira, o núcleo urbano, e terras baixas, pertencentes á conca do Ulla, articulándose sobre o río Furelos, cun réxime térmico moderado. [8]

Historia[editar | editar a fonte]

Nun documento lucense de 747, o chamado testamento de Odoario, noméase por primeira vez o territorio de Abeancos, o que hoxe é terra de Melide, e con el unha serie de lugares onde non figura Melide. Aparecen aldeas actuais como Zaramil (Villa Salamini), Paradela (Paratella) ou Boente (Boenti), mais non Melide. As primeiras mencións históricas a Melide son de mediados do século X e principios do XI, logo de que no primeiro terzo do século IX se referencie nos documentos da época o suposto descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. Por Melide vai pasar o Camiño Francés e confluír o Camiño Primitivo ou de Oviedo. Este feito histórico marcará o nacemento de novas poboacións e o seu desenvolvemento na antiga terra de Abeancos, entre elas a vila de Melide.

A partir do século IX o crecemento incesante das peregrinacións a Santiago de Compostela condicionará o desenvolvemento urbano no contorno do castelo ou fortaleza, para dar orixe á formación do burgo novo de Melide.

Ao longo das dúas vías principais de acceso ao castelo, agora Camiño de Santiago e Camiño de Oviedo, acaban por establecerse con carácter permanente grupos de comerciantes e artesáns atraídos polas boas expectativas de negocio que ofrecía este lugar de paso de peregrinos, tan concorrido e tan seguro. Extramuros, a carón da porta de entrada ao castelo e ao longo do camiño, o que hoxe é rúa Principal, fixan a súa residencia e o seu lugar de traballo os comerciantes, artesáns e pousadeiros medievais, formando un suburbio (suburbium), denominado nos textos da época burgo novo (novus burgos) por oposición ao burgo feudal ou vello (vetus burgus) ao que estaba unido. Aínda a finais do século XVI unha grande parte da veciñanza melidá estaba formada por pousadeiros.

En 1320 a vila é favorecida cun portádego e co amurallamento do seu burgo. Estes logros son conseguidos polo arcebispo de Santiago de Compostela, Berenguel de Lendoira, moi agradecido pola axuda que recibira do entón señor da vila, Fernán Fernández de Abeancos. A cerca rodeará o enclave comercial para a mellor defensa de posíbeis asaltos e saqueos.

Das murallas, probabelmente derrubadas durante a revolta irmandiña, non se conserva hoxe nada, xa que na sesión do 12 de xaneiro de 1841 o Concello acordou sacar a poxa os últimos restos.

A comunidade de comerciantes e artesáns non tardará en desbordar os estreitos límites desta muralla e ocupará primeiramente as marxes dos camiños de peregrinacións (Camiño Francés e Camiño de Oviedo) para despois asentarse pouco a pouco nos terreos próximos.

Así nas aforas do recinto fortificado, ao carón do Camiño de Santiago, a comunidade de comerciantes promoverá a construción da igrexa de San Pedro. Preto dela, na outra beira do Camiño de Santiago, aparecerán posteriormente o primeiro hospital medieval de peregrinos (sobre o que se ergueu o actual edificio do Museo da Terra de Melide) e un enclave franciscano, o primeiro mosteiro de Sancti Spiritus, fundado no século XIV.

Entre 1467 e 1469 a Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, vai ter cinco grandes reunión. A gran primeira xuntanza, e nacemento da dita Xunta, vai ser en Melide. Elíxese a vila pola súa privilexiada localización: “Porque era en la meitad del Reino”.

No século XV xorden ou adquiren un significado social e político que antes non tiñan en Galicia novas liñaxes, entre elas os Ulloa.

O feito máis salientábel, arquitectonicamente falando, dos Ulloa en Melide, foi a reconstrución da igrexa do convento de Sancti Spiritus por volta de 1498, promovida por Sancho Sánchez de Ulloa.

Do século XVII é a fundación e edificación da Obra Pía de San Antón, pazo barroco con capela dedicado inicialmente ao ensino.

Durante o século XVIII amplíase a igrexa do convento de Sancti Spiritus e constrúese a súa actual fachada barroca.

En 1835 levouse a cabo a desamortización do convento, o cal, logo de ser abandonado, se converte en 1840 en igrexa parroquial.

Melide tamén terá o seu protagonismo na Guerra da Independencia. No mes de xuño de 1809 as tropas napoleónicas estaban acampadas en Melide. Eran batallóns que o francés Marconet, que ocupaba a cidade de Santiago, tiña acampados na vila de Melide. A presenza dos soldados franceses en Melide provoca que os melidaos e melidás se mobilicen rapidamente contra eles. Os vecinos e veciñas comezan a fustigar os franceses e a causarlles baixas. Isto fai que o xeneral Marconet reforce a garnición de Melide con tropas de refresco. O comandante do batallón de Monforte de Lemos, Antonio Ponce, tivo noticias da chegada destes reforzos e determinou, en compañía do franciscano padre Conde, saír ao encontro dos franceses.

O 17 de xuño de 1809, a avanzada (a partida de soldados que se adianta ao corpo principal para observar de preto o inimigo ou investigar –inquirir- a súa situación) bateu cunha partida de franceses que saíran da vila para procurar provisións polas súas aldeas e mataron a sete soldados franceses e poñen en fuxida os demais.

Cando entran en Melide, segundo consta no parte que o comandante do citado batallón de Monforte de Lemos enviou ao Marqués de la Romana, o tenente da avanzada, José Quiroga, calculou a presenza de non menos de 3000 soldados franceses con bastante cabalaría.[9]

Patrimonio histórico e artístico[editar | editar a fonte]

Capela de San Roque, situada no centro da vila.

Igrexas[editar | editar a fonte]

Fin e principio de etapa na vía francesa do Camiño de Santiago, entre o seu patrimonio destacan os elementos románicos conservados en varias das súas igrexas:

  • A desaparecida antiga igrexa de San Pedro, da que se conserva a súa portada na actual Capela de San Roque.
  • A Igrexa de Santa María de Melide, obra de finais do século XII.
  • A Igrexa de San Pedro de Melide, igrexa parroquial. Foi antigo mosteiro de franciscanos terciarios.
  • A Igrexa de San Vicente de Vitiriz, construída a finais do século XIII.
  • A Igrexa de San Xoán de Furelos, de finais do século XII, e situada á beira do Camiño Francés.
  • A Capela do Carme. Esta capela foi construída no ano 1741 pola predica do carmelita padre Colmenero, e a da devoción dos curas Blas Núñez de Segade, e de seu curmán Manuel Núñez. Nese ano constitúese a Confraría do Carme. Blas Núñez está enterrado debaixo do arco triunfal. A capela ten un retrablo de estípites, colocado arredor do ano 1755, figurando no camarín unha Virxe, como outras que se expanden polo país, do estilo de Gambino. O retablo só estaba pintado no camarín central, e os laterais estaban en madeira, como é propio deste estilo; no ano 1966 eliminouse o ático e quedou mutilado; e pintáronse os laterais.[10]

Cruceiros[editar | editar a fonte]

En Melide hai máis dunha ducia de cruceiros:

  • Cruceiro do adro de San Roque de Melide. Situado ao carón da Capela de San Roque a súa cruz é de estilo gótico, do século XIV e, segundo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o máis antigo de Galicia.
  • Cruceiro de Santalla de Agrón.
  • Cruceiro do Meire.
  • Cruceiro de Vitiriz.
  • Cruceiro de Xubial.
  • Cruceiro de Zas de Rei.
  • Cruceiro de Furelos, sobre este cruceiro parroquial, situado nun extremo do adro da igrexa de San Xoán de Furelos, existe unha referencia documental no Libro de Fábrica na que se fala como se establece no ano 1808... construir de nuebo toda la pared del atrio de dha Yglesia con helebación de seis quartas incluso el cabalete, con sus dos correspondientes puertas a fin de que no entren en el los ganados y obrar varias yrreberencias, poniendo en el citado atrio y sitio más cómodo un crucero que se ara de decente. Este dato é moi relevante xa que nos fala da delimitación do adro mediante muro elevado e da orixe deste cruceiro.
  • Cruceiro de Orois.

Pontes[editar | editar a fonte]

  • A Ponte medieval de Furelos, citada no Códice Calixtino.
  • Pasos de río en Catasol de Arriba.
  • Ponte do Barreiro.
  • Ponte do Leboreiro, ponte de orixe medieval situada sobre o Río Seco (afluente do Ulla). Trátase dunha ponte dun so arco de medio punto, con doelas de cantería.
  • Ponte do muíño de Traspedra.
  • Ponte dos Freires ou de Moldes. Ponte edificada durante o reinado da raíña Isabel II, no ano 1867, ó trazarse a estrada que ía de Betanzos a Lalín, sobre o curso baixo do río Catasol, afluente do Furelos
  • Pontellas dos Muíños de Trasmundi.
  • Ponte da Martagona.
  • Pasais de Raído.
  • Pasais de Petos.
  • Ponte nova de Furelos, construída no ano 1861 sobre o río Furelos, durante o reinado da raíña Isabel II.

Casas históricas[editar | editar a fonte]

  • A Casa e as escaleiras de Calvo, situada no lugar da Moa. Casa da monxa do Páramo construída transformando un balcón da casa en entrada da mesma. A escaleira ten 10 chanzos de pedra, de cantería co bordo abocelado, no ano 1862, cando se constrúe a estrada Lugo-Santiago de Compostela, fóronlle engadidos 3 máis. Icónico momumento, empregado na actualidade por grupos de melidenses como escenario de fotografías grupais, é un exemplo da arquitectura urbana melidá do s. XIX, a beira da que houbo os pilos de curtir da Confraría de Santa Catalina, de zapateiros e curtidores.
  • Casas da Ronda da Coruña, casas dos anos 20 de baixo e alto, con canterías en portas e ventás, seguindo o modelo antigo, con linteis curvos e chafrán nas esquinas, paramentos branqueados, con balcóns de ferreiro, como a casa de Pampín, a de Romero e Monterroso.
  • Casa de Ricardo Fernández, no cruce de estradas, construída no ano 1880, con marqueados de cantería no baixo e no alto; varandas de ferreiro nos balcóns.[11]
  • Obra Pía de San Antón, hoxe Casa Consistorial de Melide. Edificación de carácter palaciano mandado construír polo arcebispo don Mateo Segade Bugueiro como Obra Pía ou institución benéfica (escola para o ensino de nenos pobres). As obras inícianse no ano 1671 e o deseño das mesmas atribúese ó arquitecto Domingo de Andrade, ó igual que a autoría do retablo.

Arquitectura industrial[editar | editar a fonte]

  • Poza do barro da Madanela, ruínas dos complexos industriais de elaboración de tella e ladrillo, e a gándara antropizada polas antigas extraccións de barro convertidas na actualidade en pozas e lagoas artificiais.
  • Fábrica de curtidos de Furelos, edificación preindustrial dedicada ó tratamento e curtiduría de peles, situada na marxe sur do Río Furelos. Foi fundada polo escribán Don Andrés Varela das Seixas no ano 1817, e mantense en funcionamento ata a década de 1960. O último propietario foi o crego Don Ricardo Sánchez Varela, tataraneto do citado escribán.[12]

Elementos arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

  • Castro de Donide/A Roda. Na parroquia de Maceda contabilízanse un total de tres asentamentos castrexos, localizados nas inmediacións das aldeas de Donide, Paraños e Marrás, sendo recoñecidos co nome deses lugares. Así pois estamos a falar da parroquia con maior densidade de castros existente no termo municipal de Melide.
  • Localización da antiga igrexa de San Ramón de Grobas.
  • Sartego antropomorfo na igrexa de Santa María de Melide. No ano 1990 Xosé Manuel Broz Rei, xa da conta da existencia de parte de dous sartegos antropomorfos situados a carón do muro de peche do adro da igrexa de Santa María de Melide, na beira do Camiño de Santiago. Posteriormente no ano 1999 a Xunta de Galicia desenvolve un proxecto de restauración na igrexa románica de Santa María, e tamén se leva a cabo unha obra no seu exterior para refacer e endereitar o muro de cachotaría de peche do adro da igrexa, pola súa banda sur.Con tal motivo quedaron á vista ademais dos dous que xa refería Broz Rei, un terceiro (infantil), todos eles labrados na rocha natural, a unha cota máis baixa que a do chan do adro da igrexa.
  • Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: muro de peche de propiedade, estrutura lineal, de peche de propiedades e tamén de contención de terras, de moi probable periodización decimonónica. [13]
  • Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: Canle de evacuacións de augas. Desaugadoiro das fontes públicas instaladas na vila no ano 1889 no mandato do alcalde Antonio Ron Varela. Trátase pois dunha longa canalización pétrea que dende a Fonte dos Catro Canos, ou do Pilón, atravesa soterradamente o Campo de San Roque (actuais xardín e parque), e continuaría todo ó longo da rúa Monterroso.
  • Castelo de Grobas. Localización do desaparecido Castelo de Grobas ou do Iso (como tamén lle denomina Don Eduardo Álvarez Carballido).
  • Mámoa de Losoiro.

Elemento singular[editar | editar a fonte]

  • Parte de Escudo franciscano. Parte do antigo escudo da portada do Convento Franciscano de Sancti Spíritus da vila de Melide, desaparecido a partir da Desamortización de Mendizábal, no ano 1835, e da conseguinte exclaustración dos frades da Orde terceira Franciscana.
  • Antepeito de ventá en Zas de Rei. Ventá de pedra que conta cun antepeito ou fronte que se corresponde manifestamente cunha peza reaproveitada dunha arquitectura anterior señorial. Semella tratarse dunha ménsula dunha balconada ou doutro tipo de elemento análogo, concibido para amosarse de perfil e cunha intencionalidade decorativa. * Relación: Antepeito de San Xiao de Zas de Rei en openstreetmap.org (en castelán).
  • Sartego medieval no Vilar.

Xacementos[editar | editar a fonte]

  • Xacemento arqueolóxico do Castelo,dista tan só 2 km. dende o cruce de San Roque, en dirección noroeste, unha vez rebasada a aldea de Cabanelas. O xacemento conta cun promontorio moi elevado de rocha (gneis), de forma irregular e carente de superficies aplanadas. Este promontorio ocupa a parte central do xacemento, e a partir del sucédese un complexo sistema defensivo, correspondéndose cunha doble liña de parapetos nos que se intercalan sendos foxos.[14]

Etnografía[editar | editar a fonte]

Melide na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Home de Melide, muller de Sobrado e vaca de Furelos, que os leven os demos.[15]
  • Unha vella de Maceda / díxolle a outra de Furelos: / peta ela máis cos pés / ca o ferreiro cos martelos.[15]
  • Adeus, vila de Melide / que triste te vas quedando / a flor dos bos mozos / Melilla chos vai levando.[16]
  • Adeus, rúas de Melide / adeus, Campo de San Roque / adeus, muíños de Petos / adeus, taberna do Forte.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

  • Gastronomía
  • Romarías
    • O San Caralampio, en Melide celébrano o segundo domingo de setembro, nunha Festa do Viño denominada popularmente Festa dos borrachos, que se vén festexando desde mediados do século XX. A relación do santo co viño deriva dunha versión chusca do martirio, segundo a cal, San Caralampio pediu morrer afogado nun bocoi de viño.
  • Musical
    • Foliada de Melide. A Foliada é un encontro cultural de música tradicional galega e festexos populares, como os Cantos de Taberna, que se celebra en Melide anualmente na última fin de semana de abril. [17]
  • Patróns
    • Festas do San Roque, que normalmente ten lugar entre os días 15 e 21 de agosto. A poboación da vila chega a triplicarse. As actuacións das orquestras e de grupos musicais forman parte dos meirandes atractivos desta celebración. Para este tipo de actos, péchase a zona do Cantón de San Roque, en plena estrada nacional.[18]. Esta advocación a San Roque substituíu na súa capela a San Sebastián como avogoso contra a peste no ano 1722. Desde entón a Confraría do santo vendía viño, canera e pan na praza da Moa, e só alí se podia mercar, pechando as tendas e tabernas do ramo nos tres días da festa. Despois da misa, facían a Procesión da Historia, e a xente vestía á moda do Evanxeo, de Cristo, de santos e profetas. Desde o ano 1915 houbo polo San Roque a festa da flor, co costume de celebrar un baile de gala no salón do Concello. [19]
    • Festas do Carme, día 16 de xullo. A organización desta festa corre a cargo da Confraría do Carme, desde a Capela do Carme, localizada no punto máis alto da vila de Melide (na zona coñecida como O Castelo) organízase unha peregrinación de persoas descalzas na honra da Virxe do Carme. Precedida dunha novena na Capela, co piar dos vencellos, que aniñan no seu tellado.
    • Día de San Pedro, o día 29 de xuño celébrase o Día do Patrón de Melide: San Pedro. Esta xornada, que soe ser festivo local, inclúe non só unha procesión coa imaxe do santo polas rúas de Melide (que soe ser portada por membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil) senón tamén a xa tradicional entrega da Medalla de Ouro de Melide. Dita entrega celébrase no Salón de Plenos do Concello melidán e conta coa presenza de toda a Corporación municipal. A Medalla de Ouro de Melide é concedida cada ano a persoas ou institucións que salientan pola súa achega á cultura ou a identidade do pobo. Entre os galardoados co recoñecemento máis grande do Concello atópanse, entre outros, a propia Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ou o Grupo de Gaitas Froito Novo. No ano 2016 a Asociación cultural Charamela recibíu a máxima condecoración municipal en recoñecemento ao labor cultural que desenvolven por organizar, entre outras actividades, iniciativas relacionadas co teatro. En anos anteriores había o costume de armar unha lancha na praza, engalanada con ramallos de cereixas, e ao paso da procesión, o San Pedro pousábase na proa, ao tempo que o Cura daba a bendición.
  • A feira
    • Desde tempos medievais celébrase feira na vila, con evidencias visíbeis na praza do Azougue [20], e nos últimos tempos no terreo baldío do Campo de San Roque, para gando maior, e detrás da igrexa de San Pedro, e pola Moa a de porcos e gando menor. As froitas vendíanse na praza do Azougue, hoxe chamada das Coles, e tamén na praza do Convento e na do Pozo Pequeno. Cando o Concello merca a praza da Obra Pía, no curralón fíxose unha alfóndiga, que tiña un cuberto formado por columnas, onde se mercaba o centeo, trigo, millo, landras e castañas. O último domingo do mes foi sempre o día da feira, e no ano 1910 creouse a feira pequena do día 15 de cada mes.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Melide.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Melide

Abeancos (San Salvador) | Os Ánxeles (Santa María) | Baltar (Santiago) | O Barreiro (San Mamede) | Campos (Santa María) | Castro (San Tomé) | Folladela (San Pedro) | Furelos (San Xoán) | Golán (San Xoán) | Gondollín (San Martiño) | Grobas (Santa María) | O Leboreiro (Santa María) | Maceda (San Pedro) | O Meire (San Pedro) | Melide (San Pedro) | Moldes (San Martiño) | Orois (Santa Cristina) | Pedrouzos (Santa Mariña) | San Cibrao (San Xoán) | San Cosme de Abeancos (San Cosme) | Santa María de Melide (Santa María) | Santalla de Agrón (Santalla) | As Varelas (San Martiño) | Vitiriz (San Vicente) | Xubial (Santiago) | Zas de Rei (San Xiao)

Lugares de Melide[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Melide vexa: Lugares de Melide.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Melide".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. "Geografía". 1999. Consultado o 26 de decembro de 2023. 
  9. Broz Rei, Xosé Manuel (2016). "Historia". "A Vila de Melide" (Museo da Terra de Melide) (1): 3. 
  10. Broz Rei, Xosé Manuel (2023). Melidaos. Autoeditado, deposito legal C-113-2023. 
  11. Broz Rei, Xosé Manuel (2023). "Novas aportacións ó patrimonio da terra de melide". Boletín do Centro de Estudios Melidenses (Museo da Terra de Melide) (36): 6. 
  12. Broz Rei, Xosé Manuel (2023). ""Novas aportacións ó patrimonio de Melide: A fábrica de curtidos de Furelos"". Boletín do Centro de Estudios Melidenses (Museo da Terra de Melide) (18): 11. 
  13. Broz Rei, Xosé Manuel (2018). "“Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”". Boletín do Centro de Estudios Melidenses (Museo da Terra de Melide) (31): 10. 
  14. "O Castelo/ Os Penedos". 11 de novembro 2023. Consultado o 26 de decembro de 2023. 
  15. 15,0 15,1 "Lugar de referencia: Melide". Portal de ditados tópicos galegos. 
  16. Val, Xesús (1933). Terra de Melide, Cantigas. Editorial Nós. 
  17. "Foliada de Melide". 2017. Consultado o 27 de decembro de 2023. 
  18. "San Roque". 2017. Consultado o 27 de decembro de 2023. 
  19. Broz Rei, Xosé Manuel (2023). Melidaos - consultas ao libro de Fábrica fol. 8v. da Igrexa de San Pedro de Melide. Autoeditado, deposito legal C-113-2023. 
  20. {cita libro|nome=Xosé Manuel|apelido=Broz Rei|título=Melidaos|páxinas=515}}

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.