Compromiso por Galicia
Compromiso por Galicia (CxG) | |
---|---|
Partido político de Galicia | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Juan Carlos Piñeiro Xoán Bascuas Rafael Cuíña Teresa Táboas Xosé Manuel Pérez Bouza |
Mocidades | Mocidade Nacionalista Galega |
Historia | |
Fundación | 2012 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Europeísmo Progresismo Nacionalismo galego Galeguismo |
Representación | |
Parlamento de Galicia | 0 / 75 |
Congreso dos Deputados | 0 / 350 |
Concelleiros | 21 / 3.766 |
Alcaldes | 2 / 313 |
Outros datos | |
Páxina web | compromiso.gal |
Compromiso por Galicia é unha formación política galega de orientación nacionalista, constituída en maio de 2012[1] por Máis Galiza, o Espazo Ecosocialista e Acción Galega (Rafael Cuíña, Teresa Táboas, Xosé Manuel Pérez Bouza), así como por outras pequenas formacións como Terra Galega[2], PNG-PG, PG, PGD e CG.
Máis Galiza, algúns integrantes de Acción Galega, e o PNG-PG, proveñen do BNG. Unha das formacións fundadoras, o Espazo Ecosocialista, decidiu posteriormente a súa saída da organización.[3]
No momento da súa fundación definíase como galeguista, progresista e socialdemócrata[4]. En 2019 desbotou a socialdemocracia da súa ideoloxía e engadiu o europeísmo.
Formacións creadoras
- Máis Galiza, antiga corrente interna do BNG creada no 2009 sobre elementos socialdemócratas ou de corte socialista democrático, constituída en partido político no 2012. Ese mesmo ano abandonou o BNG trala súa XIII Asemblea Nacional, debido a diferenzas ideolóxicas e organizativas coa candidatura promovida pola Unión do Povo Galego (UPG), gañadora da citada Asemblea. O seu líder era Carlos Aymerich e, trala decisión da organización de escindirse do BNG, este decidiu ficar nel, con Xoán Bascuas como secretario xeral.
- Acción Galega, organización política de centro progresista transversal[5] liderada polo empresario Rafael Cuíña, anterior membro do Partido Popular de Galicia. Outros membros destacados da dita organización son a ex-conselleira do Bipartito galego Teresa Táboas ou e exsenador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza.[6]
- Espazo Ecosocialista Galego, tamén coñecidos como Ecogaleguistas, está liderada por Xoán Hermida e ten un perfil máis ecosocialista.[7] Porén, en setembro de 2012 abandonou CxG para integrarse en Alternativa Galega de Esquerda.
Outras formacións que tamén se poden considerar integradas no proxecto son o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), Esquerda Nacionalista, Espazo Socialista Galego, Unidade da Esquerda Galega e o Partido Galeguista Demócrata (PGD).[8][9]
Historia
Formouse a raíz das desavinzas entre as formacións creadoras e a folla de ruta que Xosé Manuel Beiras quería marcar no novo proxecto común, que lideraba o Encontro Irmandiño[10]. O 21 de xuño de 2012, anunciouse a incorporación do colectivo Unidade da Esquerda Galega, grupo escindido do PSdeG[11]. Porén, apenas un mes máis tarde, o seu responsable, Óscar Lomba, abandonaría CxG para integrarse en Anova - Irmandade Nacionalista, a formación de Beiras[12].
Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012 participou en solitario, despois de fracasaren as negociacións para concorrer con Anova - Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida en coalición.[13]
O 21 de xaneiro de 2017, tralo segundo Congreso Nacional do partido, Juan Carlos Piñeiro substituíu a Xoán Bascuas como Secretario Xeral.[14]
O 21 de setembro de 2019, durante o terceiro Congreso Nacional, o partido mudou a súa orientación política, deixando atrás a socialdemocracia, para pasar a definirse nos seus estatutos como "unha forza demócrata, progresista, ecoloxista, galeguista, europeísta e transversal"[15]
Compromiso por Galicia mantén unha estreita relación co Partido Nacionalista Vasco[16], co que concorreu ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 e de 2019. No Congreso Nacional de 2019 anunciouse que solicitarán a súa inclusión no Partido Demócrata Europeo, do que forman parte, amais do PNV, Coalición Canaria (socio tamén das candidaturas para os comicios europeos) e o portugués Partido Democrático Republicano.[17]
Notas
- ↑ Nace 'Compromiso por Galicia', una nueva fuerza nacionalista con "vocación de gobierno" y que pide listas abiertas, 'Europa Press, 23 de maio de 2012.
- ↑ Terra Galega confluye con el grupo escindido del BNG La Voz de Galicia, 7-8-2012
- ↑ Os ecogaleguistas abandonan Compromiso e acordan integrarse en Alternativa Galega, Praza Pública, 13-9-2012
- ↑ "CxG". www.compromiso.gal. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2019. Consultado o 2019-10-09.
- ↑ [1] El País, 5 de xullo de 2012.
- ↑ El otro nacionalismo, abocado a unirse, El País, 1 de xuño de 2012.
- ↑ Ecogaleguistas se convertirán el sábado en un partido con fecha de caducidad, La Opinión de A Coruña, 22 de maio de 2012.
- ↑ El Partido Galeguista entra en Compromiso por Galicia a través del partido de Rafa Cuiña, Faro de Vigo, 3 de agosto de 2012.
- ↑ El Partido Galeguista se une a Compromiso por Galicia, La Voz de Galicia, 18 de xullo de 2012.
- ↑ Beiras apuesta por "confluir" con CxG pero no lo considera imprescindible, Faro de Vigo, 21 de xuño de 2012.
- ↑ El colectivo que integran exmilitantes del PSdeG entra en Compromiso, Europa Press, 24 de xuño de 2012.
- ↑ O responsábel de Unidade da Esquerda Galega renuncia ao seu posto no Consello Nacional de Compromiso por Galicia Arquivado 26 de agosto de 2012 en Wayback Machine. Sermos Galiza, 20-7-2012
- ↑ "Páxina web de Compromiso". Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2012.
- ↑ "Juan Carlos Piñeiro encabezará un Compromiso por Galicia "renovado"". Galicia Press. Consultado o 10-06-2017.
- ↑ "Compromiso por Galicia, tamén a favor dunha coalición entre as forzas galegas". Galicia Confidencial. Consultado o 2019-10-09.
- ↑ "CxG celebrou no Alderdi Eguna a vitoria do PNV nas eleccións vascas". www.compromiso.gal. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2019. Consultado o 2019-10-09.
- ↑ Galiza, Sermos. "Compromiso tamén pide unha candidatura unitaria". Sermos Galiza (en inglés). Consultado o 2019-10-09.
Véxase tamén
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Compromiso por Galicia |