Saltar ao contido

Federación de Mocedades Galeguistas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.

Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.

Cabeceira de Adiante, semanario dirixido por Emilio Ferreiro Míguez.

As mocedades galeguistas locais estaban vencellas ás agrupacións locais do Partido Galeguista pero apenas mantiñan contactos entre si. En xaneiro de 1933 a Mocedade Galeguista de Celanova editou o periódico Adiante (do que só saiu un número). Foi Xaime Illa Couto, o secretario xeral da Mocedade Galeguista de Vigo, o primeiro que fixo un chamamento para constituír unha Unión de Mocedades Galeguistas nun escrito aparecido en setembro de 1933 e do que se fixo eco A Nosa Terra, ao pouco tempo recibiu o apoio do resto das mocedades galeguistas espalladas polo país, a constitución formal foi coincidindo coa III Asemblea do Partido Galeguista en Ourense, o 13 de xaneiro de 1934.

A primeira Asemblea celebrouse en maio en Ourense, nela resultou elixido Francisco Fernández del Riego o seu secretario xeral. Xaime Illa Couto, Xosé Luís Fontenla Méndez e Xoán Lois Ramos Colemán completaban a Secretaría Executiva. A II Asemblea tamén se celebrou en Ourense en abril de 1935, Xosé Velo pasou a ser o secretario xeral. Celso Emilio Ferreiro, Vicente Bóveda e Xosé Nogueiras completaban o directorio da organización, durante a súa dirección celebrouse o que foi a concentración máis numerosa das organizada pola FMG, celebrada en Celanova o 13 de outubro de 1935 e á que segundo o órgano da FMG, Guieiro, asistiron 4000 persoas. Na III Asemblea celebrada en maio de 1936 apróbanse uns novos Estatutos pero a Guerra civil española impediu que se elixira a nova dirección.

Estrutura orgánica

[editar | editar a fonte]

O máximo órgano da FMG era a Asemblea Xeral (denominada Asemblea Nacional nos Estatutos de 1936) que se celebraba cada ano, era a encargada de elaborar o programa da organización e elixir os membros do Consello Nacional, que era o órgano directivo e o responsable de executar os acordos da Asemblea, tamén tiña a competencia para designar o representante da FMG no Consello do Partido Galeguista. A Secretaría Executiva era o órgano de goberno da FMG, compúñase de catro secretarios: Secretario Xeral, Secretario de Organización, Secretario Técnico e Secretario de Propaganda. Nos Estatutos de 1936 o Consello Nacional a Secretaría Executiva vanse unir nun só órgano, o Consello Executivo Nacional conformado polos sete secretarios xerais de cada unha das zonas nas que a FMG dividira Galicia.

Ramón Otero Pedrayo e os membros das Mocidades Galeguistas de Buenos Aires en 1959.

As Mocedades Galeguistas de Buenos Aires

[editar | editar a fonte]

O 22 de agosto de 1953 constituíronse en Buenos Aires as Mocedades Galeguistas como "filial xuvenil da Irmandade Galega de Bos Aires" co obxectivo de retomar o ideario que guiara á Federación de Mocedades Galeguistas en Galicia. Entre os fundadores figuraban Xosé Neira Vilas, Vidal Pérez Graña, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Pilar Jeremías Cela, Denís Conles Tizado, Antón Moreda, Roberto Veloso Gómez e Manuel Cordeiro Monteagudo. En 1954 editaron o periódico Adiante.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]