Partido da Terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido da Terra (PT)
Partido político de Galiza
Historia
Fundación 2011
Posicións políticas
Ideoloxía democracia directa
ecoloxía
reintegracionismo
Representación
Concelleiros en Lousame
1 / 11
Outros datos
Páxina web www.partidodaterra.net

Partido da Terra (PT), é un partido político con sede na Galiza que se postula como partidario da democracia directa, da desprofesionalización da política, do decrecemento e da soberanía e a sustentabilidade en todos os ámbitos.[1]

O Partido da Terra constituíuse en Santiago de Compostela a 25 de xullo de 2011 e foi rexistrado oficialmente no Ministerio do Interior nesa mesma semana. Internamente, organízase en forma de mancomunidade, integrando organizacións de ámbito parroquial ou comarcal autoxestionadas e completamente independentes nas súas decisións.[2]

Eleccións[editar | editar a fonte]

Papeleta de voto do Partido da Terra para as eleccións europeas de 2014. Versión usada en Cataluña

O primeiro encontro electoral ao cal concorre o PT é ás eleccións á Xunta Xeral do Principado de Asturias, en marzo de 2012. Presentouse só no distrito electoral occidental, onde se sitúa a rexión de galegófona do Eo-Navia.[3] Con apenas 18 votos, situouse como vixésima forza electoral a nivel do Principado, superando unicamente ao Partido Familia y Vida.[4] A nivel da circunscrición occidental foi a décimo cuarta.[5]

En outubro de 2012 presentouse ás eleccións ao parlamento da Galiza, nas cales obtivo 3.307 votos (0,22%), situándose como undécima forza dun total de 26 grupos que concorrían ás eleccións.

En maio de 2014 preséntase ás Eleccións ao Parlamento Europeo.[6] Para a elección da candidatura foron realizadas unhas primarias abertas a toda a poboación, onde calquera cidadán podía resultar elixido para formar parte da lista.[7] É a única forza de ámbito galego que presenta candidatura en solitario. Obtivo finalmente 9.940 votos no ámbito da circunscrición única estatal.[8]

Nas Eleccións Municipais de maio de 2015 só presentou candidatura propia no concello de Lousame, acadando a súa primeira acta de concelleira co 12,38% dos votos e situándose como terceira forza por detrás de PP e PSOE.[9]

Lingua[editar | editar a fonte]

O PT asume como propia a lingua galega, a cal entenden como indistinta da lingua portuguesa, usando a ortografía do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa para escribila.[10] O Partido da Terra adoptou como denominacións adicionais o nome do partido traducido a todas as linguas faladas no territorio do Estado.[11] Desta maneira, son tamén denominacións aceptadas Partido de la Tierra (en castelán), Partit de la Terra (en catalán), Lurraren Alderdia (en éuscaro), Partíu de la Tierra (en asturleonés), Partito de la Tierra (en aragonés), Partit de la Tèrra (en occitano), Hizb al-Ardh (en árabe) e Akabar n Wakal (en bérber).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Soberania e sustentabilidade" na páxina web do Partido da Terra.
  2. "Somos mancomunidade, une-te!" na páxina web do Partido da Terra.
  3. Blogue electoral do Partido da Terra do Eu-Návia
  4. Resultados das eleccións á Xunta Xeral do Principado de Asturias de 2012 no conxunto do Principado na páxina web asturias.es.
  5. Resultados das eleccións á Xunta Xeral do Principado de Asturias de 2012 na circunscrición occidental na páxina web asturias.es.
  6. Acuerdo de 28 de abril de 2014, de la Junta Electoral Central, de proclamación de candidaturas a las elecciones de Diputados al Parlamento Europeo, convocadas por Real Decreto 213/2014, de 31 de marzo, a celebrar el 25 de mayo de 2014..
  7. "O Partido da Terra abre as súas portas para elixir candidato ás europeas" no xornal dixital Galicia Confidencial.
  8. «Acuerdo de 11 de junio de 2014, de la Junta Electoral Central, por el que se procede a la publicación de los resultados de las elecciones de Diputados al Parlamento Europeo convocadas por Real Decreto 213/2014, de 31 de marzo, y celebradas el 25 de mayo de 2014, con indicación del número de escaños y de votos obtenidos por las candidaturas proclamadas» (PDF). 
  9. «Resultados Eleccións Municipais de Lousame». 
  10. "Partido da Terra, nova formação política galega de praxe reintegracionista segundo o Acordo Ortográfico" no Portal Galego da Língua.
  11. "PT adota denominações em todas as línguas dos territórios sob administração" na páxina web do Partido da Terra

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]