Movemento pola Base
Movemento pola Base (MpB) | |
---|---|
Partido político de Galiza | |
Historia | |
Fundación | 2006 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Comunismo Independentismo galego Antiimperialismo |
Representación | |
Representación | - |
Outros datos | |
Sede | Santiago de Compostela |
Na rede | |
"polabase.net". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2012. Consultado o 02 de xaneiro de 2009. | |
O Movemento pola Base é unha organización política independentista de esquerdas. Naceu no verán de 2006 a partir dun colectivo de militantes do BNG críticos coa evolución política da fronte nacionalista neses anos.
Historia
A participación do BNG nun goberno bipartito co PSOE na Xunta de Galicia xerou diversas críticas dento da fronte nacionalista, e algúns dos seus militantes consideraron que a praxe política se apartaba dos principios históricos da organización. Paralelamente, xurdiran nese tempo outras diverxencias no sindicato nacionalista CIG e na organización xuvenil Galiza Nova (estas deran lugar á creación de Isca).
Neste contexto un grupo de militantes da UPG (partido integrante do BNG) e da CIG de Ferrol, Santiago e Vigo abandonaron a UPG e comezaron unha nova organización. Entre eles estaban Antolín Alcántara, Fermín Paz, Manuel Mera, Ramiro Oubiña e Fidel Diéguez, que formaban parte da Executiva da CIG. Despois incorporáronse tamén membros de Isca e outros militantes do BNG.
A primeira acción pública do MpB (Movemento pola Base) foi a presentación dunha candidatura ao Consello Nacional na XII Asemblea Nacional do BNG encabezada por Fermín Paz e Paula Castro que acadou 245 votos (9,32%) e 5 representantes. Nesta Asemblea Nacional do BNG o MpB criticou o que consideraba a deriva ideolóxica do BNG e a perda do mecanismo asambleario na toma de decisións da fronte. O día 28 de outubro de 2007 constituíuse formalmente como organización política, e definiuse como unha "organización da clase traballadora" que avoga pola independencia de Galiza e "pola superación do capitalismo coa construción do poder popular no camiño da sociedade socialista".
División interna
Entre os meses de decembro de 2008 e xaneiro de 2009 esta corrente fragmentouse entre aqueles partidarios de crearen unha nova formación política á marxe do BNG e os que avogaban por seguir dentro desa fronte. Tamén foi un elemento importante na división o papel do MpB na CIG e as súas relacións coa UPG dentro desta central sindical[1]. As dúas faccións reivindicaron a súa lexitimidade e o uso da denominación Movemento pola Base.
A facción que emprega como canle de comunicación o web polabase.net celebrou unha asemblea nacional o 7 de febreiro do 2009 onde se decidiu abandonar o BNG como plataforma electoral da organización e manifestouse a necesidade dunha nova organización soberanista con presenza nas institucións[2]. Esta facción abandonou definitivamente o BNG o 14 de marzo de 2009[3].
Despois de que os membros de Movemento pola Base que empregaban o dominio polabase.net marcharan do BNG, o resto dos membros do Movemento pola Base que permaneceron no BNG (polabase.org) crearon unha nova organización denominada Movemento Galego ao Socialismo[4].
Notas
- ↑ Cruce de acusacións polo control das siglas do Movemento pola Base, Vieiros, 9/1/2009
- ↑ Movemento pola Base desmarcase electoralmente do Bloque e aspira a fraguar unha alternativa soberanista, La Voz de Galicia, 8/2/2009
- ↑ Os militantes do MpB abandonamos o BNG Arquivado 17 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., 14/03/2009
- ↑ Os integrantes de MpB que non abandonaron o BNG chaman a ser "xenerosos" para fortalecerse Arquivado 22 de marzo de 2009 en Wayback Machine., GZnación.