Ateísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ateo")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Richard Dawkins, importante impulsor do ateísmo.

O termo ateísmo, na súa noción etimolóxica refírese á falta de crenza na existencia de calquera deus, que é a definición máis aceptada no ámbito filosófico. Con todo, existen outras definicións máis ou menos amplas do termo, na súa maioría xurdidas da cultura popular.

O termo provén do adxectivo grego ἄθεος (ázeos), que significaba ‘sen deus’ (en calquera dos deus sentidos, de non crer nun ou máis deuses ou de non veneralos debidamente); sendo ἀ- a a partícula negativa ‘non’ ou ‘sen’; e θεός theós: ‘deus’.

Dentro desta definición son ateístas tanto as persoas que negan a existencia de deuses, como as que sen creren en deus ningún, non negan a súa existencia. Porén, unha noción frecuente da palabra exclúe a estes últimos, diferenciándoos como agnósticos, e considerando ateísta só a quen negan explicitamente a existencia de todo deus. Moitos autodenominados agnósticos néganse a recoñecérense como ateístas.

No seu sentido filosófico máis estrito, o ateísmo inclúe aquelas persoas que declaran non creren en ningún deus determinado (como Brahma o Alá) pero cren no sobrenatural, como o Ki xaponés ou a astroloxía.

É importante distinguir o ateísmo da falta de relixión, xa que existen relixións que negan ou non mencionan a existencia de deus algún, e que por conseguinte, son ateas. No entanto, no uso popular da palabra estas persoas están excluídas, xa que a cultura popular considera ás veces o ateísmo como sinónimo de escepticismo científico.

A pesar do xurdimento de elementos relixiosos na conduta dos ateístas, e das comunidades ateístas, é importante resaltar que o ateísmo non é unha relixión por si mesma, senón unha postura filosófica, ideolóxica ou persoal respecto á existencia de deuses.