Ennio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Quinto Ennio (Quintus Ennius) nado en Rudiae en -239 e morto en -169, foi un dramaturgo e poeta romano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Rudiae no ano -239. Falaba tres linguas: latín, osco e grego. En Roma ensinou grego e estivo baixo a protección de personaxes tan importantes como Escipión o Africano ou Marco Fulvio Nobilior e o seu fillo, Quinto Nobilior, o que o fixo cidadán romano. Morreu no ano -169 e as súas cinzas foron levadas á súa patria.

Obra[editar | editar a fonte]

Ennio cultivou a maioría dos xéneros da época e foi o primeiro autor en Roma que utilizou o hexámetro grego en vez do saturnio romano. As súas obras máis importantes son:

  • En comedia: Cupiuncula, Pancratiastes.
  • En poesía épica: Annales: Un poema épico dividido en 18 libros onde se narra a historia de Roma cronoloxicamente comezando pola fundación e a monarquía. O final é descoñecido xa que os últimos libros perdéronse e a 1ª Guerra Púnica está omitida, xa que foi narrada por Nevio.
  • En poesía didáctica: Escribiu un tratado gastronómico do que só conservamos un fragmento chamado Hedyphagetica
  • En traxedia: cultivou os dous estilos de traxedia: a Cothurnata, de estilo grego e dentro da cal escribiu 20 obras (Achilles, Andromeda, Iphigenia, Thyestes...); e a Praetexta, de temática romana (Ambracia, Sabinae).

Estilo[editar | editar a fonte]

Está influenciado pola literatura homérica e utiliza epítetos homéricos e neoloxismos baseados nesta. Tamén están presentes as formas arcaicas e a utilización de epítetos expresionistas para enriquecer as súas composicións. Mostra un gran gusto polos xogos de fonéticos por medio da aliteración e o apócope.

Posteridade[editar | editar a fonte]

Foi o poeta máis importante de Roma ata a aparición dos chamados Poetae Noui e pódese observar unha gran influencia do poeta en Lucrecio e, sobre todo, en Virxilio cunha semellanza na métrica, na linguaxe, nos motivos e no feito de enxalzar a Roma (tendo as obras de ambos un marcado carácter nacional).