Vedismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase vedismo relixión do período védico que é a predecesora histórica das relixións dármicas.[1] Por tanto, é historicamente anterior ao hinduísmo e outras relixións hinduístas.

Non se logrou dilucidar que cultura arqueolóxica foi a que produciu esta civilización. Pode estar relacionada coa cultura da cerámica negra pulimentada norteña.

Textos[editar | editar a fonte]

Exemplar do texto sánscrito Rig veda, escrito en escritura devanagari.

O vedismo baséase nos catro antigos textos sánscritos chamados Vedas. Son recompilacións de himnos, coleccións de oracións, fórmulas de consagración e expiación dirixidos aos deuses:

Os textos deste período védico, compostos nun tipo antigo de sánscrito chamado sánscrito védico, son principalmente os catro Samhitas védicos, pero tamén se consideran védicos os Bráhmanas, Araniakas e algúns dos Upanishad máis antigos, como Brihad-araniaka, o Chandoguia, e o Iaiminíia-upanishad-bráhmana.

Os Vedas rexistran a liturxia relacionada con rituais e sacrificios que deben realizar 16 ou 17 sacerdotes shrauta e os purohita.

De acordo coa tradición, os himnos védicos foron revelados aos rishi (sabios), que máis que autores considéranse «oíentes» (xustamente shruti significa 'o que se escoita').

Sen embargo, os himnos do Rig veda claramente indican que foron escritos por autores individuais que competían uns con outros e buscaban unha recompensa monetaria polos xefes locais.

Tradición védica[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición hindú, as ensinanzas védicas transmitíanse oralmente —en sánscrito— e máis tarde puxéronse por escrito.

Adoración e rituais[editar | editar a fonte]

A súa liturxia está explicada na sección mantra de cada un dos catro Vedas, que están escritos en idioma sánscrito. As prácticas relixiosas dirixíanas un clero que administraba ritos que xeralmente implicaban sacrificios de animais. Adorábase a unha trindade de deuses, a trindade védica (Agni, Indra e Surya) máis antiga e esquecida que a que a substituíu co correr do tempo, a trindade puránica de Brahmā, Vishnú e Śiva.

Esta forma de adoración cambiou un pouco no hinduísmo actual, e só unha pequena fracción de conservadores śrautas continúan a tradición da recitación oral de himnos aprendidos unicamente mediante a transmisión oral.

Adorábanse elementos (como o lume e os ríos), a deuses heroicos como Indra (unha idea bastante similar á da relixión grega), cantábanse himnos e realizábanse sacrificios.

Os sacerdotes bráhmana realizaban rituais moi solemnes para os guerreiros chatría e os ricos vaishia (comerciantes e donos de terras). A xente oraba pola abundancia de fillos, chuvia, gando (riqueza), unha vida longa e unha vida eterna no mundo celestial dos devanceiros.

Este tipo de adoración preservouse incluso até hoxe polo hinduísmo, onde o purohita (sacerdote) recita textos dos Vedas, para a prosperidade, a riqueza e o benestar xeral. Porén, os deuses védicos foron substituídos polos deuses da literatura puránica.

Algúns elementos da primixenia relixión védica poden rastrexarse até tempos protoindoiranios.

Crese que o período védico puidea terminar contra o século VI a.C., cando absorbeu influencias do budismo e comezou a metamorfosearse nas relixións da India.

Apareceron os primeiros Upanishads (o Chandoguia-upanishad e o Brihad-araniaka-upanishad), que son diálogos entre un discípulo e o seu mestre acerca do eu e culminan cunha tese sobre o eu universal unido coa totalidade do cosmos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Enciclopedia británica (2005) utiliza indistintamente os termos vedismo, brahmanismo védico e brahmanismo, pero reserva o termo vedismo para a primeira etapa (previa ao período Bráhmana), e define o brahmanismo como a relixión da antiga India que evolucionou a partir do vedismo, e que toma o seu nome da posición predominante da súa clase sacerdotal (os bráhmanas) e da especulación acerca do Brahman, o poder supremo.