Martin Heidegger

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Martin Heidegger
Alemaña - Época contemporánea
Nacemento26 de setembro de 1889
Messkirch (Baden-Württemberg)
Morte26 de maio de 1976
Friburgo
FilosofíaFenomenoloxía
Intereses principaisOntoloxía, Metafísica, Arte
InfluenciasHeráclito, Platón, Aristóteles, Agostiño, Tomé de Aquino, Martiño Lutero, Pascal, Hölderlin, Kierkegaard, Nietzsche, Husserl
Influente enArendt, Levinas, Jonas, Marcuse, Gadamer, Sartre, Beaufret, Derrida, Ricœur, Strauss , Biemel, Löwith, Merleau-Ponty, Kojève, Althusser, Foucault, Bataille, René Char

Martin Heidegger, nado en Messkirch (Baden-Württemberg) o 26 de setembro de 1889 e finado en Friburgo o 26 de maio de 1976, foi un filósofo alemán. Esta considerado o pensador e o filósofo alemán máis importante do século XX.[1][2][3][4][5][6] Aínda que o seu traballo influíu sobre todo na Fenomenoloxía e na filosofía europea contemporánea, tivo igualmente influencia máis aló desta, en campos como a Arquitectura, a Crítica literaria, a Teoloxía e as ciencias cognitivas.[7]

Nos seus comezos foi discípulo de Edmund Husserl, estivo inmerso no proxecto fenomenolóxico do seu mestre e o seu interese centrouse rapidamente na pregunta polo sentido do ser. Esta pregunta guiará gran parte do seu pensamento e é con ocasión do seu intento de darlle unha "resposta" coa obra Ser e tempo, publicada en 1927, cando vai adquirir unha gran notoriedade internacional, incluso máis alá dos campos especificamente filosóficos.

Na década de 1930 ten lugar aquilo que se denominou o Xiro (en alemán, Die Kehre) da súa filosofía, coas súas obras Carta sobre o humanismo e Introdución á metafísica. Tratou así de preparar un novo camiño para o seu pensamento que se mantivera afastado da metafísica. Segundo Hans-Georg Gadamer, este termo acabou agrupando todas as proposicións contra as que Heidegger desenvolveu a súa filosofía.[8]

A influencia de Heidegger na filosofía francesa foi particularmente notable. Isto déixase notar sobre todo en filósofos coma Jean-Paul Sartre, Jean Beaufret, Emmanuel Levinas, Jacques Derrida, Maurice Merleau-Ponty ou Michel Foucault.[9][a]

Así mesmo, Heidegger é un dos filósofos cuxa personalidade e obra xeraron máis controversia pola súa actitude durante os anos 1933 e 1934, mentres foi reitor da Universidade de Friburgo trala chegada de Adolf Hitler ao poder en 1933. Ademais de ser un dos principais intelectuais do movemento revolucionario conservador,[11][12][13][14][15] foi membro e seguidor do Partido Nazi,[16] aínda que existe controversia entre a concordancia da súa filosofía co nazismo.[17][18]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa onde naceu
Lápida de Heidegger en Messkirch

Estudou teoloxía e filosofía en Friburgo, acadando finalmente en 1915 a habilitación nesta última disciplina baixo a tutela de Heinrich Rickert. Tras un período docente de cinco anos na Universidade de Marburgo, substitúe en 1928 ó seu mentor Edmund Husserl na cátedra que este ostentaba na Universidade de Friburgo. Posteriormente, trala subida ó poder de Hitler, foi nomeado en 1933 reitor desta Universidade.

Un ano despois renuncia ó cargo de reitor debido a certas discrepancias co Partido Nazi en torno á destitución dalgúns profesores críticos co réxime nazi. De todas as maneiras, estes acontecementos mancharán inevitablemente para sempre o seu labor intelectual. Coa fin da segunda guerra mundial e a ocupación de Alemaña, as autoridades aliadas destitúen a Heiddeger como profesor en Friburgo ata que é rehabilitado de novo en 1951. Comeza así unha época na que imparte diversos seminarios e conferencias nos que se vai acentuando unha linguaxe cada vez máis poética e enigmática allea ó sistematicismo dominante na historia da filosofía.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Habitualmente, a pesar de tratarse dun tema moi debatido, o pensamento heideggeriano divídese en dúas etapas:

Etapa existencialista. Nesta etapa Heidegger leva a cabo un estudo da existencia humana no que conflúen tres tradicións filosóficas: Historicismo (Dilthey), Irracionalismo (Kierkegaard) e Fenomenoloxía (Husserl). Esta filosofía existencial concíbea como un medio para a elaboración dunha ontoloxía fundamental, isto é, determinará cales son as condicións que fan posible que o ser humano poida acceder ó sentido do Ser.

Etapa ontolóxica. Diferentes investigacións nos campos da historia da filosofía e da poesía a través das que Heidegger pretende comprender o destino de Occidente con ocasión do desvelamento dunha "nova ontoloxía" que, en realidade, xa estaba presente na primeira etapa, só que entón permaneceu oculta entre as diversas e penetrantes análises "antropolóxicas" que levou a cabo.

En consecuencia, a pesar desta división, en ambos os dous períodos hai un mesmo obxectivo unificador: a elaboración dun novo "concepto" de ser. O propio Heidegger recalcou esta unidade, motivo polo cal os seus máis fieis adeptos negan a existencia de etapas no seu pensamento e falan dun único proxecto "ontolóxico" que abarcaría, xa desde o principio, tanto a filosofía existencial como as revisións históricas da filosofía.

Etapa existencialista[editar | editar a fonte]

En 1927 Heidegger publica a obra máis emblemática de todo o seu pensamento, Sein und Zeit (Ser e tempo ), na que pon ó servizo da ontoloxía unha novedosa investigación da existencia humana. Posto que o ser humano (Dasein) é o único ente que suscita a cuestión sobre o sentido do ser en xeral (obxecto de estudo da ontoloxía) é necesario analizar, como paso previo á elaboración da ontoloxía, a súa estrutura ontolóxico-existencial, que é anterior a calquera tese sobre a súa esencia (animal racional, ser espiritual etc.). Establécese así unha distinción orixinaria entre o plano ontolóxico (existencia) e o plano óntico (esencia) do ser humano, de enorme influencia nos filósofos existencialistas (Sartre etc.). A raíz destes presupostos, e con axuda do método fenomenolóxico, Heidegger desenvolve en Sein und Zeit unha analítica existencial tratando de desentrañar un ámbito transcendental (preconceptual, preóntico, prerrealista, preidealista etc.) que actúa como a priori de toda existencia humana concreta.

Trátase dun ámbito que non pode ser explicado do mesmo xeito que fan as ciencias cos seus obxectos de estudo, nin as filosofías esencialistas cos seus argumentos lóxicos, senón que ten que ser comprendido a través de procesos similares, aínda que non idénticos, ós empregados na interpretación de textos (Hermenéutica).

O primeiro a priori da existencia humana consiste no que Heidegger chama un "ser-no-mundo", isto é, un existir (ser) que trae consigo un mundo (aí). Por iso a expresión Dasein (ser-aí) é usada para referirse ó ente humano. A través dunha serie de complicadas análises Heidegger vai caracterizando a existencia humana como actividade (praxe) que se desenvolve sempre participando dun determinado estado de ánimo (ou medo, ou goce, ou exaltación etc.) en medio doutros seres humanos (interacción). Esta existencia pode ser só inauténtica ou tamén auténtica (xenuína). Neste último caso o Dasein é radicalmente libre, mentres que no primeiro caso vive nun estado de "caída", renunciando á súa liberdade e atopando tranquilidade ó deixarse guiar polas decisións doutros. Á experiencia de liberdade, en cambio, acompáñalle un estado de angustia capaz de revelar o auténtico ser da existencia humana. Este consiste nun estado de alerta ("coidado", Sorge) que anticipa todas as posibilidades futuras que de acordo co noso pasado e presente son xa constitutivas da nosa existencia. Entre estas posibilidades está a derradeira de todas elas: a morte. O Dasein, xa que logo, é un ser-relativamente-á-morte (Sein-zum-Tode). Esta representa un futuro orixinario, isto é, un tempo futuro que xa non se pode estender máis e, polo mesmo, o fin da existencia. En consecuencia, a condición existencial fundamental do Dasein é a temporalidade (Zeitlichkeit), entendida como un tempo finito que reúne unitariamente o despregue temporal das súas posibilidades, en función das determinacións do tempo (pasado, presente e futuro). É así que o ser humano é ontoloxicamente historicidade (Geschichtlichkeit), o que remitirá á historia do pensamento de cara ó proxecto de elaboración da ontoloxía.

Etapa ontolóxica[editar | editar a fonte]

Despois de 1930, en que pronuncia a conferencia Da esencia da verdade (publicada en 1943), o pensamento heideggeriano empeza a apuntar cara novos camiños. Algúns críticos consideran que Heidegger puido advertir na súa filosofía existencial restos de subxectivismo: o "suxeito", aínda que desde o plano existencial e non esencial, estaría a xogar subrepticiamente un papel decisivo no seu pensamento. O caso é que Heidegger comeza a pensar que non é posible construír unha nova ontoloxía, e moito menos a través da "antropoloxía existencial". Máis ben ten que suceder que sexa o Ser mesmo, previo a todo ente e fundamento del, quen proporcione, por si só, o sentido de toda a realidade. Agora a Heidegger xa só lle interesa o Ser, mais non como algo positivamente cognoscible, senón como un misterio que todo o envolve (ontoloxía negativa). Neste etapa, Heidegger incide máis claramente na importancia da diferenza ontolóxica, isto é, a diferenza entre o ser e os entes, o ontolóxico e o óntico.

Pero este novo enfoque do ámbito transcendental presenta serios problemas ó pensamento filosófico tradicional. Este sempre expresouse por medio da linguaxe e é esta linguaxe a que interesa ó novo Heidegger, pero non no contido semántico do que di, senón apuntando a un sentido non dito que está como fundamento do dito. Este "sentido oculto" ten que aparecer a un auténtico escoitar (xa en Ser e tempo aparecía esta idea), pois sempre que dicimos algo estamos xa ocultando esa outra dimensión da linguaxe máis orixinaria e na que habita o Ser. A linguaxe heideggeriana nesta etapa adopta, conforme á esixencia do propio proxecto filosófico, un carácter poético e místico e, para algúns, simplemente teolóxico. Non se debe esquecer que é na teoloxía, precisamente, onde hai que buscar os inicios do pensamento heideggeriano. Outro tema importante nesta segunda etapa, relacionado coa cuestión do Ser, son as meditacións de Heidegger sobre a esencia da técnica, de enorme influencia no pensamento contemporáneo (por exemplo, a Escola de Fráncfort, Hans Jonas etc.). A historia da metafísica occidental tería como destino, a dicir de Heidegger, a implantación dominante do modo de pensar técnico: ve o mundo unicamente como un inventario de mercadorías a disposición do ser humano e acaba por instaurar puras relacións técnicas en todo. Da técnica brota unha "imposición" ou "entramado" (Gestell) que dirixe e organiza toda a vida do ser humano. Aínda así, Heidegger tamén pensa que na técnica se oculta unha posibilidade de superación e transformación do propio mundo tecnolóxico.

O ideario político de Heidegger[editar | editar a fonte]

Martin Heidegger.

Heidegger, do mesmo xeito que moitos pensadores do seu tempo, cría que a cultura occidental estaba atravesando por unha época de decadencia. Ó mesmo tempo, tamén pensa que o pobo alemán ten unha misión histórica similar á do pobo grego nos albores da nosa civilización: foi o encargado no seu día de imprimir o rumbo espiritual a Europa e, por extensión, a todo occidente. No momento presente, en cambio, teríase chegado a unha etapa de absoluta desorientación e depresión cultural. Ante esta situación, Europa necesitaría reorientar o seu camiño espiritual. Do mesmo xeito que na Grecia clásica a filosofía tentou exercer de guía moral e política, tamén agora a institución depositaria do saber, a Universidade alemá, tería que asumir as rendas do destino de occidente. Deste xeito, Heidegger quere reflexionar sobre o inicio de occidente para descubrir aí unha posibilidade de superación da decadencia e revivir unha nova era na que Alemaña sexa o Führer, o novo guía da cultura occidental.

Con este sentir mental e ideolóxico asume en 1933 o reitorado da Universidade de Friburgo e pronuncia o célebre discurso ''Die Selbstbehauptung der deutschen Universität'', en galego A autoafirmación da Universidade alemá. Ó inicio desta conferencia afirma que “os propios dirixentes son sempre dirixidos pola inflexible misión espiritual que obriga ó destino do pobo alemán a tomar a impronta da súa historia”. Esta e outras afirmacións relativas ás “forzas da raza e da terra” como garantía de grandeza espiritual para o pobo alemán, confírenlle a esta conferencia certos vernices ideolóxicos nazis. Mais Heidegger, como apunta Ramón Rodríguez, non se ve a si mesmo como un servidor do Führer (Hitler), senón máis ben como a encarnación dun auténtico e renovado espírito alemán e, en consecuencia, como modelo, conselleiro e guía do Führer, algo así como Platón cos tiranos de Siracusa. En certo sentido, Heidegger pensaba que a súa autoridade intelectual conferíalle lexitimidade para exercer de guía moral e político, non só de Alemaña, senón de todo occidente. O nacionalsocialismo sería visto por Heidegger como un movemento social renovador do que el se podería servir na realización dos seus propósitos.

Poucos meses despois de aceptar o reitorado, Heidegger presentou a súa dimisión ante as autoridades nazis por “diverxencias insuperables entre a concepción nacionalsocialista da Universidade e da ciencia, e a miña”. Desde entón foise distanciando discretamente do nacionalsocialismo aínda que, como da a entender nunha entrevista publicada despois de morto, nunca abandonou o significado esencial do discurso reitoral de 1933 que, segundo el, consistía en renovar a Universidade e a ciencia alemás co obxectivo de mostrarlle á sociedade alemá a súa misión espiritual. De todas formas, á altura de 1966, Heidegger xa non ve con optimismo a posibilidade dun proxecto semellante pois, como tamén afirma na mesma entrevista, agora “só un deus pode aínda salvarnos”.

Desgraciadamente, o breve tempo en que Heidegger sucumbiu ó nacionalsocialismo trouxo consigo a sospeita de que esa adhesión ideolóxica puidera ser inherente ó seu pensamento filosófico. Tal inquedanza aínda aumentou máis ó constatar nos anos sucesivos que Heidegger nunca accedeu a retractarse publicamente respecto a ese breve período, a pesar de serlle requirido insistentemente por algúns dos seus coñecidos. De todas formas, o seu amigo, o historiador Heinrich W. Petzet, recalca ó respecto que en certa ocasión, nunha conversación privada, Heidegger teríase referido ó sucedido nese período dicindo que fora a estupidez máis grande da súa vida.

Repercusións[editar | editar a fonte]

O pensamento heideggeriano tivo enormes consecuencias no panorama filosófico contemporáneo. Ademais das xa mencionadas, cabe sinalar tamén a teoloxía existencial de Rudolf Bultman, a hermenéutica filosófica de Hans-Georg Gadamer, certas inclinacións antifundacionalistas e antihumanistas posmodernas, o "deconstrutivismo" de Derrrida e o intento de fusión, por parte de Rorty, entre a tradición pragmatista americana e a actitude antifilosófica e poética de Heidegger.

A filosofía heideggeriana tamén foi obxecto de duras críticas. Destaca o violento ataque de Carnap, quen tacha o seu pensamento de metafísica sen sentido, ademais de atentar contra as regras gramaticais máis elementais da linguaxe. Entre os seus discípulos tamén son de subliñar as discrepancias filosóficas de Karl Löwith. Este abandona o concepto heideggeriano de "mundo" entendido no sentido de proximidade existencial, é dicir, trátase sempre dun mundo-para-nosoutros. Para Löwith o mundo, é dicir, a natureza física e orgánica, é anterior ó estar-humano-no-mundo e, polo tanto, pensable sen este. Tamén o fenómeno da morte é un evento natural que acontece no fenómeno natural da vida. Heidegger, en consecuencia, teríase esquecido da natureza humana produto, á súa vez, da propia natureza.

Esquema de Ser e tempo

Importancia para a lingua galega[editar | editar a fonte]

A publicación de Da esencia da verdade é de interese para a historia social do galego porque a súa tradución en 1952 por parte de Ramón Piñeiro foi prohibida pola censura franquista. Non se impediu especialmente por parte do censor de oficio García Yebra, se non pola acción específica de Juan Aparicio, quen no tivo problemas en admitir a publicación doutras obras en galego mesmo fóra da legalidade debido á súa temática menos elevada. A publicación realizaríase definitivamente en 1956 debido á chamada Batalla de Montevideo, a acción de protesta da emigración galega no congreso da UNESCO en 1954 onde se admitiría a España na organización[19].

Obras[editar | editar a fonte]

A editorial xermana Vittorio Klostermann seguía a publicar en 2018 a obra completa (Gesamtausgabe) de Heidegger progresivamente, incluíndo material non publicado: cursos universitarios, seminarios, conferencias etc.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que nunca citou a Heidegger, o mesmo Foucault declarou pouco antes da súa morte que a súa lectura tivera nel unha influencia decisiva.[10]
Referencias
  1. Leyte, A. (2005). Heidegger. Madrid: Alianza Editorial, pp. 52-53.
  2. "With his transforming of Husserl’s transcendental phenomenology of consciousness into an interpretative inquiry into the ontological foundations of Western metaphysics, Heidegger launched an entire movement in philosophical thought that has made him the most influential philosopher of the 20th century." en: Kruger-Ross, M. (2015). Raising the Question of Being in Education by Way of Heidegger's Phenomenological Ontology, Indo-Pacific Journal of Phenomenology, 15(2), p. 7.
  3. "Martin Heidegger is now widely recognized as the most influential philosopher of the Twentieth Century." en: Thomson, I. (1999). The end of onto-theology: understanding Heidegger's turn, method, and politics.
  4. "Heidegger is certainly the most influential philosopher of our time." Rockmore, T. (1997). On Heidegger's Nazism and philosophy. University of California Press, p. 1.
  5. Feenberg, A. (2000). "From essentialism to constructivism: Philosophy of technology at the crossroads" en Technology and the Good Life? (Chicago: University of Chicago Press), pp. 294-315.
  6. ¿Por qué Heidegger es el filósofo más importante del Siglo XX? (En Youtube) Consultado el 7 de septiembre de 2019.
  7. Wheeler, Michael. "Martin Heidegger". Stanford Encyclopedia of Philsophy (en inglés). Consultado o 29 de xuño do 2021. 
  8. Gadamer, p. 1983.
  9. Rockmore 1995.
  10. "Heidegger, philosophie et politique" (en francés). Consultado o 22 de xullo de 2021. 
  11. "The “Conservative Revolution” is a highly cultural current of thought that developed in Germany after 1918 in opposition to the Weimar Republic and that is characterized by a refusal of democracy and parliamentarianism. Although it dominated the cultural climate of Germany between 1918 and 1933, it was sharply divided into a multitude of factions. Armin Mohler counted more than 430 groups in a list that was by no means exhaustive. This current of thought brought together such diverse personalities as the writers Thomas Mann (in his earlier days), Stefan George, Gottfried Benn, Ernst von Salomon, and Ernst Jünger; the philosophers Oswald Spengler and Martin Heidegger" en: François, S., & Godwin, A. (2008). The Euro-Pagan Scene: Between Paganism and Radical Right. Journal for the Study of Radicalism, 1(2), p. 52.
  12. "D’ailleurs, Pierre-André Taguieff affirme que le recours à la philosophie de Martin Heidegger, qui se situait dans la mouvance révolutionnaire conservatrice, permit à Alain de Benoist à la fin des années soixante-dix, «une reformulation du néo-paganisme»." en François, S. (2005). Les paganismes de la Nouvelle Droite (1980-2004). Université du Droit et de la Santé - Lille II, p. 99.
  13. "[T]he most studied aspect of the impact of the war on philosophy: the development of a German "conservative revolution" and "reactionary modernism" during the 1920s and 1930s in the writings of Martin Heidegger and Carl Schmitt." en: De Warren, N. (2014). The first world war, philosophy, and Europe. Tijdschrift voor Filosofie, 76, p. 720.
  14. "In many ways, Heidegger was an exponent of the German "Conservative Revolution" against the theory and practice of liberal democracy during the Weimar Republic. Like most of the revolutionary conservatives, he rapidly became disillusioned with the Nazi regime, which had resulted from that revolution." en Romoser, G. K. (1967). Heidegger and Political Philosophy-Alexander Schwan: Politische Philosophic im Denken Heideggers. Vol. II of Ordo Politicus: Neue Freiburger Beiträge zur Politikwissenschaft.(Cologne and Opladen: Westdeutscher Verlag, 1965. Pp. 206. DM 28.). The Review of Politics, 29(2), p. 263.
  15. "(...) but Carl Schmitt, Martin Heidegger, and Ernst Jünger, the founding fathers of the German 'Conservative Revolution', and one-time fellow travellers of Nazism" en: Griffin, R. (2007). "Postscript: A Different Beginning?" en Modernism and Fascism (London: Palgrave Macmillan), pp. 365-369.
  16. Farin, Ingo; Malpas, Jeff, eds. (2016). Reading Heidegger's Black Notebooks 1931--1941 (en inglés). Cambridge, Massachusetts & Londres, Inglaterra: The MIT Press. ISBN 978-0262034012. 
  17. Sharpe, Matthew (2 de outubro de 2018). "On Reading Heidegger—After the "Heidegger Case"?". Critical Horizons (en inglés) 19 (4): 334–360. ISSN 1440-9917. doi:10.1080/14409917.2018.1520514. 
  18. Fried, Gregory, ed. (2020). Confronting Heidegger: a Critical Dialogue on Politics and Philosophy (en inglés). Rowman and Littlefield. ISBN 9781786611918. 
  19. Dasilva Fernández, X. M. (2013). "La traducción al gallego y la censura franquista" (PDF). Quaderns. Revista de Traducció (20): 19–27. Consultado o 27 marzo 2018. 
  20. Da esencia da verdade en Google Books.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]