John Locke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este artigo trata sobre o filósofo, para o personaxe de ficción da serie Lost véxase John Locke (Lost).
Retrato de John Locke por Gotfrey Kneller (1697).

John Locke, nado preto de Bristol o 29 de agosto de 1632 e finado o 28 de outubro de 1704, foi un pensador inglés, considerado o pai da tradición filosófica empirista dominante en Inglaterra desde o século XVII e, tamén, precursor do liberalismo político.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Entre os catorce e os vinte anos estudiou linguas clásicas na Escola de Westminster. Posteriormente graduaríase en filosofía en Oxford, aínda que as ensinanzas recibidas, de corte tradicional, non lle satisfixeron en absoluto. Por este motivo púxose a estudar medicina e trabou amizade con Sydenham, famoso médico, e con Robert Boyle, célebre químico tamén. Do contacto con estas disciplinas xurdiu e seu interese polo método empírico, moi usado na medicina, e polo procedemento da análise química, empregado para descubrir os elementos compoñentes da materia. Pero Locke non se dedicou á actividade científica. A lectura das obras de Descartes, Gassendi e Hobbes decidiron o seu destino cara a filosofía. En 1666 coñece ó Conde de Shaftesbury, cargo político durante parte de reinado de Carlos II, converténdose no seu secretario e médico persoal. O posterior declive político de Shaftesbury empuxou a Locke a viaxar por Francia. Finalmente, tras un breve retorno a Inglaterra, e ante os acontecementos adversos no seu país para o partido político dos Whigs, acabou refuxiándose nos Países Baixos. Cando Guillerme de Orange accede ó reinado de Inglaterra Locke volve outra vez e convértese nun personaxe célebre e polémico escribindo sobre os máis diversos temas de interese público, principalmente de tipo relixioso. Cara o ano 1700 comeza a ter problemas de saúde. Un ano antes de morrer escribe nunha carta ó seu amigo A. Collins: amar a verdade por si mesma é a parte máis importante da perfección humana neste mundo, e a base de todas as demais virtudes.

As principais obras de Locke son Carta sobre a tolerancia (1689), Dous tratados sobre o goberno (1690), Ensaio sobre o entendemento humano (1690) e A racionalidade do cristianismo exposta conforme á Escritura (1695).

Pensamento[editar | editar a fonte]

No ámbito da filosofía teórica Locke anticipa toda a crítica posterior da metafísica especulativa deslindando claramente os terreos da filosofía e da ciencia. A primeira, basicamente, é unha teoría sobre o coñecemento humano sen achegar ningunha información acerca da natureza. A descrición desta última correspóndelle ás ciencias (química, física, etc.). Son estas as únicas que poden determinar a estrutura fundamental da realidade, é dicir, a “esencia real” da natureza. Esta, para Locke, viría reflectida a través da teoría atómica da materia. O ser humano vulgar, en cambio, só coñece a “esencia nominal” das cousas, isto é, os aspectos meramente visibles das mesmas e que convencionalmente etiqueta cun nome determinado. En consecuencia, substitúese a metafísica pola ciencia no cometido de ofrecer unha explicación do mundo.

Teoría do coñecemento[editar | editar a fonte]

Locke emprega a introspección psicolóxica, seguindo parcialmente a Descartes, como método para analizar o coñecemento humano. Os principios básicos que descubre con este procedemento, hai que dicir que non sempre consecuentes coa percepción da ciencia que ten o propio Locke, son os seguintes: a) o material que configura o coñecemento humano, e co que opera a mente humana, son as ideas, b) as ideas proceden unicamente da experiencia (externa ou interna), c) o papel da mente consiste simplemente en combinar as ideas entre si formando outras máis complexas. Armado con estes principios constrúe unha filosofía oposta ó Racionalismo, tanto de tipo cartesiano como o de tipo platónico dominante por aquel entón en Cambridge. Se para este último a mente humana é capaz de producir ideas á marxe da experiencia, para Locke, en cambio, esta é a única fonte de coñecemento.

A partir de ideas simples, recibidas pasivamente, a nosa mente componas de diferentes modos dando lugar a tres tipos de ideas derivadas: ideas complexas, ideas de relacións e ideas abstractas. Exemplos destes tres tipos de ideas son, respectivamente, a idea de “substancia”, a idea de “causalidade” e a idea de “animal”. Locke explica a orixe de todas as ideas recorrendo só a mecanismos psicolóxicos.

Teoría política[editar | editar a fonte]

En filosofía política Locke desenvolve unha crítica das monarquías absolutistas. O poder político, sexa monárquico ou constituído mediante unha asemblea de notables, debe estar dobremente limitado polos dereitos naturais comúns a todos os humanos e polo fin do ben colectivo. En caso de non respectarse estes requisitos será lexítimo intentar o derrocamento do poder establecido. En política, John Locke é considerado o pai do liberalismo moderno. Propón que a soberanía emana do pobo; que a propiedade, a vida, a liberdade e o dereito á felicidade son dereitos naturais dos homes, anteriores á constitución da sociedade.

O Estado ten como misión principal protexer eses dereitos, así como as liberdades individuais dos cidadáns. Tamén sostén que o goberno debe estar constituído por un rei e un parlamento. O parlamento é onde se expresa a soberanía popular e onde se fan as leis que deben cumprir tanto o rei como o pobo. Anticipándose a Montesquieu, a quen Locke influíu, describe a separación do poder lexislativo e o executivo. A autoridade do Estado sostense nos principios de soberanía popular e legalidade. O poder non é absoluto senón que ha de respectar os dereitos humanos.

Ao Estado confírelle funcións de decisión en controversias entre os individuos, no contexto da pluralidade e a tolerancia, posto que se dan diversidade de opinións e intereses entre os homes, froito das distintas vías individuais de procura da felicidade, polo que o desacordo e os conflitos son inevitables.

Postula que os homes viven no estado de natureza nunha situación de paz e sometidos a leis naturais que xorden da razón. Os homes saen a través do pacto social do estado de natureza porque non existe alí xustiza imparcial que asegure os dereitos naturais. O ingreso á sociedade civil é a través do contrato. Se é violado pola autoridade pública que resultou da vontade dos cidadáns, vólvese ao estado de natureza. A autoridade sostense en tanto asegure os dereitos naturais que o individuo buscou protexer ao entrar na sociedade.

Filosofía da relixión[editar | editar a fonte]

Locke pasa por ser o fundador do racionalismo relixioso. Fronte á teoloxía da igrexa, que subordina o pensamento á fe, el somete a revelación relixiosa á criba da razón. Pero isto non ten no seu caso o significado dunha actitude atea ou irrelixiosa, senón que se trata máis ben dunha depuración que deixa como resultado a esencial racionalidade do cristianismo. Locke establece así unha identificación entre relixión natural e ética. Pero aínda así, hai que observar que na orde da fundamentación Locke pensa que a ética depende da relixión natural. Tanto unha relixión dogmática como a ausencia de relixión serían ambas fonte de inmoralidade. En cambio, é a relixión contida dentro da súa simplicidade e pureza o que nos humaniza. A esta condición algúns poden acceder por unha vía exclusivamente racional, pero hai outros moitos que carecen de capacidade racional suficiente para discernir os principios relixiosos naturais, por iso a revelación é necesaria para ilustrar a estes de forma sinxela os principios que deben guiar ó ser humano. Vemos como Locke mantén un certo elitismo moral das clases cultas fronte ó carácter iletrado das masas populares, que só poden acceder á moralidade a través da relixión revelada.

Enfrontamento cos teólogos[editar | editar a fonte]

O punto de vista relixioso de Locke, a pesar da súa moderación, foi obxecto de duros ataques por parte dos teólogos. Rapidamente asociouse a súa doutrina coa exposta en 1696 por John Toland no libro Cristianismo non misterioso, queimado publicamente en Dublín. Este clima de intransixencia afectou tamén á obra teórica de Locke, pois tamén se prohibiu ler o seu Ensaio na Escola de Oxford. De todas formas, as opinións de Locke neste punto exerceron unha considerable influencia nos Ilustrados franceses do século XVIII.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: John Locke

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ashcraft, Richard, 1986. Revolutionary Politics & Locke's Two Treatises of Government. Princeton: Princeton University Press. Discusses the relationship between Locke's philosophy and his political activities.
  • Ayers, Michael, 1991. Locke. Epistemology & Ontology Routledge (the standard work on Locke's Essay Concerning Human Understanding.)
  • Bailyn, Bernard, 1992 (1967). The Ideological Origins of the American Revolution. Harvard Uni. Press. Discusses the influence of Locke and other thinkers upon the American Revolution and on subsequent American political thought.
  • Cohen, Gerald, 1995. 'Marx and Locke on Land and Labour', in his Self-Ownership, Freedom and Equality, Oxford University Press.
  • Cox, Richard, Locke on War and Peace, Oxford: Oxford University Press, 1960. A discussion of Locke's theory of international relations.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]