Voltaire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Voltaire

François-Marie Arouet, nado en París o 21 de novembro de 1694 e finado na mesma cidade o 30 de maio de 1778, foi un poeta, ensaísta, dramaturgo, filósofo e historiador ilustrado francés, máis coñecido co pseudónimo de Voltaire.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Educado nun colexio de xesuítas, proclamouse libre pensador desde novo. Poeta e satírico brillante, Voltaire distinguíase nos salóns parisienses, mais a súa actividade panfletaria, que incluía versos contra o Rexente de Francia, Filipe duque de Orleáns, levouno a ser detido na Bastilla (1717). En once meses de prisión concluíu a súa primeira traxedia, Oedipe (levada á escena no ano seguinte) e iniciou un poema épico sobre Henrique IV. Este sería publicado anonimamente en Xenebra co título de Poème de la ligue (1723).

A seguir dun duelo cun membro da nobreza, o fidalgo Rohan, Voltaire foi novamente preso na Bastilla. Liberado despois de dúas semanas, co compromiso de saír de Francia. Puxo rumo entón a Inglaterra en 1726, onde permaneceu até ata 1728 ou 1729. Fixo amizade cos escritores Pope e Swift e familiarizouse coa lingua inglesa e co pensamento de Isaac Newton. Publicou ensaios sobre Poesía e Historia e tornouse admirador do sistema político británico.

De volta na Francia proseguiu a actividade literaria e publicou Henriade (1728-30), Histoire de Charles XII (1731), Zaire (1732), Temple du Goût e Lettres philosophiques 1734), de exaltación do sistema liberal inglés e condena do despotismo. Esta última obra, a máis importante deste período, obrigou novamente Voltaire a deixar París e a refuxiarse intermitentemente en Cirey, no ducado da Lorena, onde gozou da hospitalidade de madame du Châtelet ata á morte desta en 1751. Este foi un período de intensa produción literaria. Con Mondain (1733) fíxose necesaria unha nova fuga, desta vez aos Países Baixos, onde publicou Eléments de la Philosophie de Newton (1738) e onde pasou a corresponderse con Frederico da Prusia. Tratado de metafísica foi composto cara á metade de 1734, sendo retocado varias veces entre 1734 e 1738. Ocupa un lugar capital no pensamento de Voltaire. Aquí fala dos grandes problemas da metafísica. O éxito obtido con Mahomet (1741) e Mérope (1743), aliado á boa influencia de Madame de Pompadour, motivou que pasase a servir Luís XV en misións na Prusia, fose electo Historiador do Reino e membro da Academia Francesa en 1746.

Mudouse para Potsdam en 1751, onde desempeñou o cargo de axudante de cámara e guía literario de Frederico o Grande. Mais incompatibilizouse co rei da Prusia en 1753 e levou logo unha vida errante até 1755, ano en que se estabeleceu nunha propiedade que baptizara Délices, próxima de Xenebra. En 1756 publicou La loi naturelle, Le désastre de Lisbonne e Essae sur les moeurs. En 1759 o conto filosófico Candide, seguíndose Traité sur tolérance (1760), Dictionaire philosophique (1764).

Regresou a París en 1778 e foi iniciado masón no día 7 de abril de 1778, na Loxia Masónica "Les Neuf Soeurs", da cidade de París. Morreu ese mesmo ano.

Pensamento[editar | editar a fonte]

A razón da súa celebridade son as súas obras literarias e filosóficas. Os seus textos caracterízanse pola leveza de linguaxe, fuxindo de calquera tipo de grandilocuencia. Mestre da ironía, utilizouna como arma superior do individuo civilizado para atinxir os seus inimigos, frecuentemente por el parodiados, demostrando en todos os momentos un finísimo sentido de humor.

Son coñecidas as súas diverxencias con Montesquieu sobre o dereito dos pobos á guerra. Voltaire non ve oposición entre unha sociedade alienante e un individuo oprimido, idea defendida por Rousseau, mais antes cre nun sentimento universal e innato da xustiza, que ten que observarse nas leis de todas as sociedades. A vida en común exixe unha convención, un contrato social para preservar o interese de cada un. O instinto e a razón do individuo lévano a respectar e promover tal pacto. O propósito da Moral é ensinarnos os principios desta convivencia frutífera. O traballo do home é tomar o seu destino nas súas mans, mellorar a súa condición mediante a ciencia e a técnica e dar beleza á vida a través da Arte.

A súa filosofía práctica prescinde de Deus, aínda que Voltaire non sexa ateo; porén, como o reloxo presupón o reloxeiro, o universo implica a existencia dun "eterno xeómetra" (Voltaire é teísta). Porén, non cre na intervención divina nos asuntos humanos e denuncia o providencialismo en Cándida.

Viviu como un fervoroso opositor da Igrexa Católica que, segundo el, era un símbolo da intolerancia e da inxustiza. Por ese motivo pode ter sido incapaz de facer xustiza ao Cristianismo. Mais revelou en 2 de marzo de 1778, en contrapartida á súa postura ideolóxica acerca da Igrexa, a súa profesión de fe á relixión Católica, nun texto asinado por el mesmo, publicado no tomo XII da revista francesa Correspondance Littéraire, Philosophique et Critique (1753-1793), nas páxinas 87-88. Neste texto, o pensador francés pide perdón a Deus polas faltas cometidas e por ter escandalizado a Igrexa por anos. Empeñouse, tamén, na loita contra os erros xudiciais e na axuda as súas vítimas. A burguesía liberal e anticlerical fixo del o seu ídolo. Se por algún motivo Voltaire ficou na Historia, foi por ternos proporcionado o concepto de tolerancia relixiosa. Foi un incansábel loitador contra a intolerancia e a superstición e sempre defendeu a convivencia pacífica entre persoas de diferentes crenzas e relixións.

Obra[editar | editar a fonte]

Tratado sobre a tolerancia[editar | editar a fonte]

En Tratado sobre a tolerancia (1769) Voltaire fala de modo directo e xogando coas comparacións, do mundo das sociedades clásicas anteriores ás cronolóxicas da era cristiá, impulsado polo seu espírito de denuncia sobre o modo de facer xustiza no século XVIII. Así, na Grecia antiga a xustiza era levada a cabo con moito máis rigor e nun conxunto máis democrático e de consideración cara ao reo, polo que considera que se deu un retroceso na historia coa imposición da moral e poder absolutista das relixións monoteístas, en contraposición co antigo paganismo e o culto a varios deuses.

Parece que,cando se trata dun parricidio e de condenar a un pai de familia ao mais espantoso suplicio,o xuízo debería ser unánime,porque as probas dun crime tan inaudito deberían ser unha evidencia perceptible para todo o mundo: a menor dúbida nun caso semellante debe bastar para facer tremer a man de un xuíz que se dispón a asinar unha sentenza de morte.A debilidade de nosa razón e a insuficiencia das nosas leis se deixan notar todos os días, pero, en que ocasión descóbrese mellor a súa defectuosidade que cando a preponderancia dun só voto fai morrer no suplicio da roda a un cidadán? En Atenas necesitábase unha maioría de cincuenta votos para ousar ditar unha sentenza de morte. Que se deduce disto? Que sabemos,moi inutilmente, que os gregos eran mais sensatos e mais humanos que nós

.

Noutra parte do libro Voltaire volve fornecer o xogo da dialéctica literaria nun marco comparativo, neste caso nun crebo de identificacións entre dous filósofos da historia, comparando de forma simétrica as diferentes formas de entender a ensinanza do vivir, o espírito que dimana da conciencia firme e a procura no coñecemento compartido.

Se ousamos comparar o sagrado co profano e a un Deus cun home, a súa morte, humanamente falando, ten moita relación coa de Sócrates. O filósofo grego morreu a causa do odio dos sofistas, os sacerdotes e os principais do pobo; o lexislador dos cristiáns sucumbiu ao odio de escribas, dos fariseos e dos sacerdotes. Sócrates puido evitar a morte e non quixo: Xesús Cristo ofreceuse voluntariamente. O filósofo grego non só perdoa aos seus calumniadores e aos seus xuíces inicuos, senón que lles pediu que tratasen un día aos seus propios fillos como a el mesmo, se estes eran o bastante afortunados para merecer o seu odio,como a el. O lexislador dos cristiáns, infinitamente superior, pediu ao seu Pai que perdoase aos seus inimigos. Se Xesús Cristo parecía temer a morte, se a angustia que sentiu foi tan extremada que lle produciu unha suor mesturada con sangue, o que constitúe o síntoma mais violento e mais raro, é porque se dignou rebaixarse a todas as debilidades do corpo humano que foran revestidas. O seu corpo tremía e a súa alma era inquebrantable; ensinábanos que a verdadeira forza,a verdadeira grandeza, consisten en soportar uns males baixo os que sucumbe a nosa natureza. Hai un valor extremado en correr cara á morte teméndoa. Sócrates tratara aos sofistas de ignorantes e os deixara como convictos de mala fe; Xesús, usando dos seus dereitos divinos, trata a escribas e aos fariseos de hipócritas, de insensatos, de cegos, de malvados, de serpes, de raza de víboras

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Voltaire
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Voltaire

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Obras traducidas[editar | editar a fonte]


Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]