Ontoloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ontoloxía (do grego to ón "o que ten ser" e logos "pensamento"), é a ciencia ou estudio do ser. Habitualmente considérase que a ontoloxía é unha parte da metafísica, que se subdivide en ontoloxía (estudo do ser como propiedade común a todos os entes) e teoloxía (estudo específico do ser do ente supremo, Deus).

Características[editar | editar a fonte]

O estudo do ser propio da ontoloxía consiste nunha reflexión sobre certos conceptos e principios que están á base de todo discurso humano sobre a realidade. Trátase de conceptos como substancia, espazo, tempo ou relación, e principios como o de identidade e non contradicción.

Respecto da natureza destes conceptos existen basicamente dúas posturas:

  • Ontoloxías realistas: os conceptos fundamentais describen o que verdadeiramente existe con independencia da conciencia humana. Á súa vez, estas ontoloxías subdivídense en materialistas (só existen realidades corpóreas, de xeito que estas son as únicas sustancias ás que se poden aplicar eses conceptos) e espiritualistas (existe a materia, pero é unha sustancia derivada doutra sustancia incorpórea previa, por exemplo o Deus dos cristiáns ou as mónadas de Leibniz).
  • Ontoloxías idealistas: os conceptos fundamentais só son formas subxectivas de estruturar os nosos pensamentos, con independencia da existencia de algo exterior a eles. As ontoloxías idealistas son espiritualistas. E poden ser subxectivistas (afirmar que só existe a realidade mental ou psicolóxica negando expresamente a existencia da materia. Por exemplo, George Berkeley), ou obxectivistas (consideran que ademais dos estados psicolóxicos existen realidades ideais cunha natureza distinta da meramente psicolóxica. Por exemplo, Edmund Husserl e, con matices, Immanuel Kant).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]